miércoles, 25 de enero de 2012

Días escolares para a nosa infancia

Rematando Xaneiro, temos dúas celebracións que fan referencia ao mundo da infancia, ao mundo escolar.

Unha foi o domingo 22, no que celebramos o Día da Infancia Misioneira. Preténdese con este día abrir horizontes ós nosos nenos para que saiban que a fe cristiá que eles viven de forma case espontánea, necesita ser comunicada, anunciada a moitos nenos e nenas que aínda non coñecen a Xesús noso Señor, nin ós seus mandamentos de amor, perdón e xustiza.

Os misioneiros de hoxe, adultos, que están en terras de misión, lonxe de nós, empezaron a sentir a súa vocación con celebracións coma esta. Despois veu un tempo de maduración, de progreso e clarificación, e así chegamos a ter tantos valentes misioneiros que fan moito ben, tanto no relixioso como no cultural e humano.

O día 30, Día da Non violencia. Idea suxerida polo gran humanista Gandhi. El coa proclamación da Non violencia e insistindo na liberdade e independencia para o seu país, conseguiu unha forma de pensar e vivir que serve para todos nós. Ogallá os nenos neste tempo de tanta violencia, sexan todos predicadores, de palabra e obra, da convivencia pacífica, tanto nos colexios, como na rúa e na casa.

Semana da Unidade dos cristiáns

Este mes, co seu frío e humidades, cos seus días curtos, faise un mes duro, sacrificado. As economías familiares andan máis escasas de fondos e así temos a chamada costa de Xaneiro.

Tamén o calendario do noso santoral nos leva por ese camiño de sacrificio. Así temos este mes a San Paio, primeiro ermitán; a San Antón Abade, o primeiro anacoreta; a San Amaro, discípulo de San Bieito, o fundador do  monacato. Estes santos teñen veneración e imaxes nas igrexas de Bergantiños, e tamén nas ermidas onde os fieis cumpren promesas, fan ofrezas e mercan rosquillas para levaren ós seus nenos.

Desde o día 18 e ata o 25 temos a Semana de Oración pola Unidade dos cristiáns. Misión difícil, humanamente nada fácil, porque hai prexuizos históricos que mantemos uns e outros.

Tamén os nosos pecados axudaron a facer esta división, esta rachadura da unidade da fe, unidade que Xesús pedía para ós seus discípulos cando se despedía dos Apóstolos na Última Cea.

O camiño do retorno, o do reencontro, supón comprendernos, perdoarnos e xuntarnos en Cristo Xesús, deixando cousas que non son o esencial.

Todo isto é obra da graza de Deus e da nosa liberdade. Que o Espírito Santo nos ilumine para ir dando pasos e centrarnos en Cristo e no seu Mandamento do Amor.