martes, 8 de febrero de 2011

Día Mundial do Enfermo

     Esta semana vén moi variada. Temos a festa de Santa Apolonia, que é a patroa dos dentistas. Unha profesión agora moi estendida porque xa todos coidamos máis a nosa boca.

     E os nenos aprenden a limpar a dentadura despois das comidas.

     Vén, no xoves a festa de Santa Escolástica. Quizáis a mellor escultura que fixo o gran artista Xosé Ferreiro, é aquela imaxe da Santa que está en San Martiño Pinario de Santiago. Seica o gran escultor inspirouse na Transfixión de Santa Tareixa, de Bernini. Contan que o rostro da imaxe de Ferreiro representa o da súa esposa. Cando entredes na igrexa de San Martiño, non vos esqueza admirar o conxunta da santa e do anxo que está á man dereita, entrando.

     O venres, día 11, festas de Nosa Señora de Lourdes, concelebración propia en Xoane. É o Día Mundial do Enfermo. Milleiros e milleiros acuden, ou son levados a Lourdes buscando o amparo de Nosa Señora.

   

     Tamén ese día, este ano cadra o Día de Xaxún Voluntario que é anuncio e preparación para a Campaña contra a Fame. Colaboremos todos porque iso é loitar contra a inxusticia que o mundo noso ten fronte ós máis pobres.