jueves, 27 de noviembre de 2008

A especial veneración da Milagrosa


O 27 vindeiro é a festividade da Virxe Milagrosa. De especial veneración en tres igrexas de Carballo e cunha celebración, no mes de setembro, que nos deixa admirados a todos.


Nesta hora queremos referirnos ao Colexio da Milagrosa, que leva 52 anos en Carballo, facendo moito ben en toda a bisbarra bergantiñá, e lonxe dela tamén.


No centro da Vila, preto de onde había un castro, alí está o Colexio, por onde pasaron moitas relixiosas, desde a Fundadora, sor María Carracedo Viña, que son recordadas polas familias bergantiñás agradecidas aos coidados e formación recibidas pola xuventude e nenos que alí viviron.


Hoxe, naquel Colexio, hai doce Fillas da Caridade, que seguindo o exemplo e normas de San Vicente de Paúl, exercen a caridade con cantos poidan precisar da súa xenerosa axuda.


Unha nova Directora, sor Celia, leva a xestións do Centro. Hai poucas semanas, a Directora anterior, sor Alicia, recibiu un novo destino, e agora está en Lugo atendendo a discapacitados. Misión que sor Alicia acolleu con total dispoñibilidade.


Non podemos deixar sen nomear a venerables Fillas da Caridade que todo Carballo coñece. Son: sor Matilde, que foi catequista mentres puido, e tamén xa cando non podía moito. Un exemplo de caridade ben manifesto. Sor María, que agora está en cadeira de rodas, e prestou grandes servizos á vida da Casa. Asiste devotamente á Misa.


Se as Fillas da Caridade ten que ser amor tanxible, efectivo, para todos, salientemos o agarimo, tenrura, con que son coidadas polas compañeiras estes dous exemplos de Caridade, como son sor Matilde e sor María. Que por moitos anos a Virxe Milagrosa siga protexendo a esta comunidade de Carballo.