martes, 17 de mayo de 2011

Día das Letras Galegas

    

Este día 17 de maio é o Día das Letras Galegas. Festivo en Galicia, anque, como temos oído a importantes amantes da nosa lingua galega, máis ben debería ser un día lectivo, no que profesores e alumnos estudasen as nosas letras e autores galegos.

     Rosalía de Castro puxo no seu libro Cantares Gallegos a data do 17 Maio 1863. Puxo esa data porque o seu esposo, Manuel Martínez Murguía, nacera un 17 de maio. Como moi ben sabedes, naceu acó, preto de nós, na aldea do Froxel, na parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo. Súa nai, a señora Murguía, fora ao santuario da Pastoriza e cumpridos os seus propósitos de ofrecer o froito da súas entrañas a Nosa Señora, aquela boa muller deu a luz nunha casa na que fora acollida ante a urxencia do caso.

     Ao fundador da Real Academia Galega, escritor, xurista, historiador, que foi Manuel Martínez Murguía, débese a publicaciónde Cantares Gallegos, a obra que iniciou a restauración da lingua galega no noso tempo. Por iso, Rosalía, agradecida ao seu esposo, tivo a delicadeza de poñer a data do seu nacimento en tan decisivo libro.

     Temos o perigo que o Día das Letras Galegas sexa un día de evasión, de fuxida, pero non de inmersión na nosa lingua. Por iso vemos moi ben o labor dos nosos concellos, como o de Carballo, que teñen actividades para que as novas xeracións non esquezan, senon falen o bo galego de Bergantiños.