miércoles, 30 de septiembre de 2009

FESTA DE SAN MIGUEL



Remata septembro. Un mes que despide o verán e métenos no outono. Mes decadente nos días, nas vacacións, e que aporta temores de exames a superar.
Pero na liturxia católica temos hoxe unha festa que acolle a tripleta de arcanxos:son espíritus, pero os humanos queremos representalos. Así S. Gabriel, que o vemos na famosa pintura de Frei Anxélico, quere imaxinar o misterio da Anunciación a María.
S. Rafael. Vai canda Tobías junior, levando este o peixe para curar a cegueira do seu pai. Non abunda esta imaxe nas nosas igrexas.
San Miguel. Este é o máis coñecido. Patrón das parroquias bergantiñás de Couso e Vilela.
Como se ve, os nomes dos tres arcanxos rematan en " 'el", pois queren dicir aquilo de: "Deus é forte", "Medicina de Deus" e "Quen coma Deus".
Gabriel é patrón dos que traballan nos medios de comunicación como é a radio. Miguel adoita levar no seu escudo as iniciais Q. C. e D, que corresponden a etimoloxía do seu nome, antes dita.
En Vilela tiveron a Festa. O santo vai vestido coma un soldado romano: cáligas, botas, coraza, casco. E na man dereita alza a súa espada para rematar o Mal, representado nunha figura grotesca.
Por arcanxo, leva alas e un rostro xuvenil, imberbe, que, moi sereno, vence o Mal que está aos seus pés. Igrexa aquela de Vilela, a que mira decote para a beleza do mar, desde Baldaio deica as Sisargas.
Igrexa restaurada con moito gusto e norma, polo que agora reloce con todo esplendor. Como espléndida foi a colaboración económica dos fregueses, amosando así o seu amor á parroquia.
Que San Miguel a siga protexendo.