jueves, 23 de julio de 2009

O CAMIÑO DE SANTIAGO POLAS PONTES DO TAMBRE


FESTA EN SANTIAGO

Este mes é o “de Santiago”, como dirían antaño. Este ano é vixiliar do xa próximo Ano Santo Compostelán.

Bergantiños ten parroquias adicadas a Santiago Apóstolo, Sísamo, Mens, Vilaño, e mesmo tamén o seu particular Camiño de Santiago.

A meirande parte de Bergantiños pasaba o Tambre pola ponte de Portomouro. Alí, unha vella ponte que xa apareceu nos mapas e documentos antigos. A ponte actual, foi inaugurada no ano 1.891 e nela intervíu un Mestre de obras afincado a Galicia, que foi Garagarza, sogro de persoeiro tan coñecido en Bergantiños, como é Xacinto Amigo Lera, un dubrés, de Portomouro, que no Campo Santo da súa parroquia natal, descansa.


Río Tambre na zona de Portomouro

Outra ponte sobre o Tambre que permitía a chegada a Compostela, era Ponte Albar, que, a bon seguro, recibía tal nome porque, de nova, aparecía branca coas súas canterías. Será unha obra do século XVII, continuadora do servizo que ós camiñantes a Compostela prestaría outra ponte máis veterana.

Este segundo camiño que compartían dubreses, montañeses das terras de Montaos , e bergantiñáns, daría lugar, coidamos, a que no século XVIII o arcebispo Bocanegra mandase erguer a suntuosa igrexa de Nosa Señora Peregrina, hoxe parroquial por creación do arcebispo Martín de Herrera. Polo tanto, como en Pontevedra, León, ou noutros lugares, o paso dos peregrinos deu lugar á creación de santuarios adicados á Nosa Señora Peregrina.

O outro camiño, que chega de Portomouro, cando se xunta co que vén de Ponte Albar, están os dous en territorio da parroquia de San Xoán Apóstolo, irmán de Santiago, que tiña capela e parroquia na mesma xirola da Catedral.

Río Tambre na zona de Ponte Albar

Dispoñámonos a ir devotamente a Compostela. Na Capela das Reliquias, que agora chaman Panteón Real, está o noso Conde de Traba, amigo de Xelmírez, que participou con el nos soños de grandeza para a Galicia do século XII e de sempre.