miércoles, 2 de diciembre de 2009

O CARDEAL QUIROGA

Cando batemos con estas datas do comezo do mes de Nadal, vén volve, a figura do Cardeal Quiroga á nosa mente e corazón. Lembrámolo os máis vellos. Eran os primeiros días do mes de san Xoán do ano 1949 e as campás do Obradoiro aunciaban unha noticia moi esperada: don Fernando Quiroga, bispo de Mondoñedo, preconizado arcebispo de Santiago.

Quiroga estivera nesta cidade tanto no enterro do arcebispo anterior, don Tomás Muniz como na peregrinación da Acción Católica no agosto daquel Ano Santo de 1948. Era un bispo mozo, espigado, rostro moreno, cheo de saúde.

No once de Nadal do 1949 Quiroga fai a súa entrada na capital na arquidiocese compostelá. Veu nun turismo, entra pola rúa de San Pedro, esperámolo fronte ao convento das MM. Mercedarias. Era un día gris, húmido, pero non chovía. O novo arcebispo sube as escaleiras que levan ao adro do convento, e a Schola Cantorum do seminario, dirixida polo seu fundador, o inesquecible Pérez Rajoán, entona o Ecce Sacerdo Magnus, que por ser en espazo aberto, non resoou gran cousa.

Revestido de pontifical, indo pola Praza do Toural, e rúa do Vilar, o novo arcebispo entra na Catedral polo Obradoiro. No púlpito do lado do evanxeo, co báculo na man, saúda e ofrécese ao pobo.

(Hai uns fogonazos de rigor para poder fotografiar en local pechado. Eran así os tempos)

Poucos días despois, os seminaristas, nunha mañá de frío, subimos saudar ao novo prelado. Dirannos aquilo de: Hoy, no necesitamos sacerdotes buenos, sino sacerdotes santos.

En xaneiro do 1950, o seminario rinde homenaxe a Quiroga. O rector Capón Fernández saúdao e engade estas tres peticións: restauración do vello edificio de San Martiño Pinario, un seminario menor e a recuperación da condición de Universidade Pontificia.

Quiroga responde recoñecéndose antigo alumno daquela Universidade e remata prometendo, si nos portamos bien, as tres cousas devanditas.

Cando fina o Cardeal, o día 7 de Nadal de 1971, o seminario de San Martiño fora restaurado; estaba construído o seminario menor, e creado o Instituto Teolóxico Compostelán.

Velaí unha vida chea de froitos para ben da Igrexa Compostelá.