martes, 19 de octubre de 2010

HOMENAXE EN CORES - Ponteceso

 

San Martiño de Cores

     Dous amantes da nosa terra como son os amigos Luís Giadás e Xosé Manuel Varela veñen de fundar a Asociación cultural Cándido Rodríguez Campaña que foi un dos beneméritos persoeiros que afortunadamente tivo Bergantiños.

     Queren que xurdan vocacións que defendan, recuperen, espallen todo o conxunto cultural da terra pondaliana. Tal como fixo don Cándido, párroco de Cores durante uns trinta anos e finado haberá 11 anos.

     O señor Rodríguez Campaña fixo das igrexas de Cores e Nemeño modelos de restauración e recuperación. A cantería galega, para os panteóns. Xa que os medios mecánicos da agricultura moderna descubren pezas megalíticas dos tempos máis vellos, don Cándido procurou recoller a rentes da igrexa, sartegos suevos, muiños de man, aras romanas. Todo está a salvo e exposto para quen queira estudar.

     Na restauración da igrexa de Cores puxo os esteos prerománicos na súa función de sustentar o artesonado, e o altar pétreo, que sufragou don Modesto Anido, natural de Cores, tamén leva forma dun esteo. Poden verse nesta igrexa e non temos idea de que haxa máis esteos por acó entre nós.

     Os fregueses de Cores puxeron un busto do finado párroco no adro da igrexa, obra do acreditado artista local Xosé Manuel Castro. Esto foi no Agosto do ano 2000 con motivo do cabodano do pasamento de don Cándido, soterrado en Cordeiro, a súa parroquia natal.

     Ogallá que o exemplo faga xurdir moitos seguidores para ben da nosa terra.

San Cristovo entre nós

 

     Hai festa de san Cristovo en Lema e contra o final do mes de Xullo e comezo do mes de Agosto, hai festas e procesións con coches e camións.

     Cristovo (Christophorus, en latín) quere dicir portador de Cristo. E así aparece nas imaxes. O Santo, corpulento, leva nun ombreiro a Xesús. Porque él era un ser caritativo que empregaba a súa fortaleza física para axudar a pasar o río. Non había ponte. Polo tanto, exercía a caridade, unha obra de misericordia feita en favor dos máis débiles. En favor do propio Cristo, como nos ensinan as Benaventuranzas. Por iso é tan acertada a representación que fan do santo os nosos imaxineiros. Que aparece na fachada de moitas igrexas, por exemplo, en Lema, Cerqueda, Xavestre, Erbiñou, Portomouro, onde o santo é patrón.

     Dicían os Santos Padres que todo cristián tamén debe chamarse Cristovo, portador de Cristo, na vida e no servizo ós demais.

     Aquí en Carballo hai, no seu santuario, unha valiosa imaxe que, asegún contan, o día que a trouxeron de Santiago, o camión perdeu os freos ao baixar a costa de Anxeríz, pero puideron chegar con ben á Ponte Taboada. Disque foi intercesión do Santo.

     Son moitos os coches que, durante o ano, acuden ao santuario para recibir a bendición, na oración pídese que o santo nos aparte do vértigo da velocidade; que o viaxar en coche nos axude a contemplar as marabillas da creación e que saibamos poñer o noso coche ao servizo dos demais. Tres boas ideas para todo condutor.

     Prudencia, sentidiño ao volante, son cada vez máis necesarios, sobre todo no verán, na condución de noite. Precaución que pedimos a san Cristovo para a nosa mocidade.

Pan para andar o Camiño

 

    Os que somos de Val do Dubra pertencemos a unha terra que recibe influenzas, sobre todo, de Santiago de Compostela, pero tamén de Bergantiños e Santa Comba.

     De Bergantiños admirabamos o molete que chegaba á feira de Bembibre, branco, arrecendente, coa codia que traía a calor do forno e o miolo esponxado, sabroso, farturento.

     Pero ademais dos días de feira había panadeiros que viñan polas portas a traernos a súa esperada mercancía. Como viñan tamén polas portas as cereixas de Entrecruces e as sardiñas do mar de Malpica, que eran recollidas en Bembibre para seren distribuídas por peixeiros da mesma Dubra.

     Pero o que máis nos facía pasmar ós rapaces era ver aquelas recuas de cabalos que pasaban levando o pan nos esteiróns que cargaban os panadeiros da Brea. Estes, ían dacabalo, falando uns cos outros. E, a onde irán? Porque ían con trote lento, acompasado, duns cabalos que, como diría Castro Viejo, endexamais cansaban.

     Pasaban pola estrada que daquela era de terra, rodeada a un lado e outro por plátanos indios que a deputación da Coruña mandou plantar a rentes das súas estradas, como elemento ornamental. Hoxe, desapareceron todas esas árbores, polo ancheamento das vías de comunicación.

     A onde chegaban aqueles valentes e sacrificados panadeiros? Preguntaba eu. E a resposta era: van deica a Escravitude.

     Hai panadeiros de Bergantiños que agora van vender o seu apreciado produto á feira de Padrón. Levan as furgonetas cheas, e veñen valdeiras. Así, todos os domingos en competencia cos panadeiros das Rías Baixas.

     Houbo as festas na Brea. Alí, o corazón panadeiro de Bergantiños.

     Xa sei que hoxe o panadeiro clásico está reconvertido en industrial que fai empanadas, biscoitos e o pan integral que tanto recomendan os nutricionistas.

     Honor, pois, ós panadeiros da Brea e a todos os veciños que fan o acreditado molete da terra bergantiñá.

SEGUINDO NO CAMIÑO DE SANTIAGO…

     Volvemos hoxe sobre o Camiño de Santiago. Se vemos o mapa de Fontán (de mediados do século XIX) a actual estrada de Carballo a Santiago foi feita sobre un camiño real que labregos e feirantes fixeron ó longo dos séculos. As terras polas que pasa este camiño, teñen influencias xacobeas ben manifestas.

    

     - Os mosteiros benedictinos de Santiago (San Martiño e Antealtares) atenderon pastoralmente estas parroquias, fundaron igrexas, enviaron clero servidor.

     - De Compostela veu a arte románica ás igrexas de Dubra, feitas por mestres que en Compostela aprenderon á beira do gran mestre Mateo e impulsados pola influenza do arcebispo Xelmírez.

     - De Bergantiños a Compostela viaxa o Conde de Traba, colaborador de Xelmírez nos seus proxectos relixiosos e nacionalistas. Pedro Fróilaz chegará a ser señor feudal mesmo ata as ribeiras da dereita do Tambre.

     - Este camiño de Santiago rexistra tamén a presenza dos Templarios, que asentarán en Cances, Arabexo e Bembibre.

     Indo, pois, a Compostela, por este Camiño, cruzaremos Val do Dubra, que ten no seu escudo a urna do apóstolo, como Ames e o mesmo Santiago de Compostela; cruzaremos Terra de Santiago, a partires de Portomouro e entraremos na cidade pola Porta de Val de Deus. Xa na Catedral, gañado o xubileo, poderemos visitar o sartego do primeiro peregrino bergantiñán de nome coñecido, que é, don Pedro Fróilaz, sepultado na Capela das Reliquias, á beira dos reises, favorecedores do culto ó Apóstolo.

     E rendida esta pleitesía, poderemos voltar a Bergantiños.