Polo xeral, mediado este mes, empezan as celebracións das festas de Nosa Señora do Carme.
Velaí unha devoción tan coñecida en Galicia, que inzou acó porque esta nosa terra é de mariñeiros e labregos.
A do Carme é a Virxe Mariñeira. Así naceu no Monte Carmelo, á beira do Mediterráneo. Ademais a nosa ancestral cultura ten culto e devoción polos nosos difuntos, que fan ver a María como intercesora por todos eles.
A imaxe máis común das nosas parroquias é a do Carme. A súa festa non falta en ningunha. Cando hai xuntanza de imaxes de Santa María en Carballo con motivo da Semana da Familia, a imaxe máis repetida é a do Carme.
Este nome mariano foi o que levaron, e ainda levan, moitas mulleres bautizadas co nome de Carme.
Se percorremos a orla do mar galego veríamos procesións polas rías.
Se nos adentramos nos adros parroquiais, veremos a imaxe da Nosa Señora co Neno nos brazos e, os dous, Nai e Fillo, ofrecéndonos o Santo Escapulario.
É dicir, invitándonos a unha vida cristiá, exemplarizante, no falar e no vivir.