martes, 17 de noviembre de 2009

A FESTA DA MÚSICA

Coral de Bergantiños na igrexa de San Xoán Bautista    

Anque este ano o día de santa Cecía, ou Icía, cae en domingo, non por iso as corais deixarán de celebrar e honrar o patrocinio da santa protectora dos amantes da música.

     Outra vez nos vén á memoria o xa próximo Ano Santo. No Pórtico da Gloria, o sacro concerto vai dar comezo, que dixo Rosalía. Os instrumentos dos anciáns que o Mestre Mateo puxo no arco central do Pórtico, son reproduccións exacta dos que había na cultura musical do século XII. Así, por suxerencia do Cardeal Quiroga ao experto musical señor López Calo, profesor emérito da Universidade de Santiago, foron feitos instrumentos coma aqueles, e houbo un concerto sacro. Todo patrocinado pola benemérita Fundación Barrié.

     Ao profeta David, imaxinámolo de cote coa arpa ou un violín que está tanxendo. Así aparece tamén na Catedral.

     Os salmos da Biblia son cantos. Expresamente nos chaman a cantar ao Señor, cantádelle un cántico novo…

     Do canto na liturxia, como oración, solemnidade e devoción, todos temos experiencia.

     Na Escola de Axentes de Pastoral, hai un tempo adicado ao canto de cada domingo. Competentes profesores exerceron este mester que beneficia ás parroquias concurrentes. Fai falta que aproveitemos as ensinanzas e cantemos realmente.

     Hai que lembrar a cantos colaboraron, ou colaboran, na formación musical. Lembremos a sor Mercedes Remuiñán, Filla da Caridade, axente pastoral desde hai tempo en Cances e Razo.

     Miguel Gordillo, gran guitarrista, que ten un coro na parroquia de Bértoa.

     Gloria Pardines, directora da Coral de Bergantiños, que domina a dirección coral, sendo ela mesma virtuosa guitarrista e excelente cantora.

     A todos nos bendiga santa Cecía e nos conserve a voz e o ánimo para cantar as marabillas do Señor, que di a Biblia.