jueves, 30 de octubre de 2008

DÉIXAME ENTERRAR OS MEUS MORTOS

No decorrer do ano, temos ante nós dous días que a ninguén van deixar indiferente.
Santos e defuntos. Dous días para vivir lembrando a aqueles que van todo o ano no noso corazón. Oración, agradecemento, sentimento e convencemento da brevidade da vida; reflexión. Percibimos algo daquilo que anunciaba Tertuliano: “a nosa alma é naturalmente cristiá”.
Qué sentido tería a vida se os amores, as esperanzas aquí creadas non tiveran o seu cumprimento. A pesares do misterio do mal, Deus ten un espazo o máis profundo do noso ser. E nos días de Santos e Defuntos, esa intimidade de Deus, manifestámola de moitas maneiras. Faise tanxible, visible, confortadora, en tantas visitas aos camposantos; en tantas flores e oracións; quizais en tantos diálogos con eles, os nosos alí sepultados; mesmo en silandeiras meditacións, ou bágoas no corazón ou nas meixelas.

Todo isto, anuncia a Resurrección, que en Cristo xa se produciu, e tamén en esperanza, para todos nós. Tanto os que aínda imos de camiño, como aqueles que xa cumpriron a súa peregrinaxe.Descansan na Paz de Deus,. E un día, para algúns xa moi preto, todos nos reencontraremos no seo de Deus Pai.