miércoles, 25 de enero de 2012

Semana da Unidade dos cristiáns

Este mes, co seu frío e humidades, cos seus días curtos, faise un mes duro, sacrificado. As economías familiares andan máis escasas de fondos e así temos a chamada costa de Xaneiro.

Tamén o calendario do noso santoral nos leva por ese camiño de sacrificio. Así temos este mes a San Paio, primeiro ermitán; a San Antón Abade, o primeiro anacoreta; a San Amaro, discípulo de San Bieito, o fundador do  monacato. Estes santos teñen veneración e imaxes nas igrexas de Bergantiños, e tamén nas ermidas onde os fieis cumpren promesas, fan ofrezas e mercan rosquillas para levaren ós seus nenos.

Desde o día 18 e ata o 25 temos a Semana de Oración pola Unidade dos cristiáns. Misión difícil, humanamente nada fácil, porque hai prexuizos históricos que mantemos uns e outros.

Tamén os nosos pecados axudaron a facer esta división, esta rachadura da unidade da fe, unidade que Xesús pedía para ós seus discípulos cando se despedía dos Apóstolos na Última Cea.

O camiño do retorno, o do reencontro, supón comprendernos, perdoarnos e xuntarnos en Cristo Xesús, deixando cousas que non son o esencial.

Todo isto é obra da graza de Deus e da nosa liberdade. Que o Espírito Santo nos ilumine para ir dando pasos e centrarnos en Cristo e no seu Mandamento do Amor.

No hay comentarios: