martes, 11 de octubre de 2011

San Francisco de Asís

  

  San Francisco de Asís, o fundador dos Irmáns Menores, como él chamou ten a súa festa o 4 de outubro. Agora dicímoslle franciscanos. E ós Franciscos chamámoslles Pacos. Seique esta palabra vén de dúas latinas: pater communis, pai común, que era o sobrenome que os franciscanos das diversas ramas, daban a San Francisco, que era pai de todos.

     San Francisco hoxe é viva actualidade porque é o patrón dos ecoloxistas.

     En Santiago, diante do convento dos franciscanos, no ano 1930, o gran escultor galego que foi Francisco Asorey, levantou un monumento ao santo, que aparece coas mans abertas e bendicindo ao lobo, ao cordeiro, aos labregos… en fin, a natureza aínda non estragada pola man humana.

     San Francisco no Cántico das Criaturas, rezaba: louvado sexas, meu Señor, por toda criatura, en especial polo irmán Sol, que alumea, abre o día e é fermoso no seu esplendor.

E pola irmá Lúa, de branca luz menor, e polas estrelas claras que o teu poder creou; tan limpas, tan fermosas, tan vivas como son, e brillan nos ceos. Louvado sexas, meu señor!

     E segue o santo invocando á auga, ao lume, á terra, ás herbas e flores… todo lles serve para louvar a Deus.

    

     Bendito este san Francisco de Asís, que pedía: Señor, fai de min instrumento da túa paz e o Padre Feijoo, fundador do Orfeón Terra Nosa, púxolle música, con letra galega a estas floriñas de san Francisco.

         

No hay comentarios: