martes, 7 de julio de 2009

A GRANDEZA DO SAN XOÁN


Estamos no San Xoán. Afortunada esta vila de Carballo por ter a súa festa patronal neste mes en que todo é plenitude.. Días longos, luz a cachón, cores mil na natureza (albres, mar, ceo, silveiras).

San Xoán lévanos ao río Xordán, ao noso bautizo, ao empezo da nosa vida.
San Xoán anuncia a Cristo, vai o santo case espido, come pobremente, chámanos á reflexión sobre a nosa vida. Isto é un exemplo que nos dá o noso patrón, que temos que acoller como cristiáns.

Hai todo un referente cultural, mesmo prehistórico, que serve de marco á grandeza deste santo. Reviven lendas, refráns, casas enramadas, cachelas para saltar, sardiñadas que concentran ás veciñanzas.

O noso Alfredo Brañas ten unha descrición de San Xoán, longa, e polo miúdo que recomendamos aos nosos oíntes.

Tamén Álvaro Cunqueiro, nun programa das festas de hai xa moitos anos, facía un relato moi suxerente da Misa Grande do día de San Xoán na Igrexa Parroquial de Carballo.

Desde a Lagoa de Alcaián ata o Monte Neme, Bergantiños é un mosaico de lendas, pero todo vai esmorecendo. Outra vez nos vén a idea da globalización que achanza todo, quita identidade, mestura as culturas. Que sigamos co noso San Xoán, tal como foi, ou como debera ser, por moitos ano, “Mil veráns máis”.

Engadiremos que mañá inaugúrase a reconstruida capela de San Xoán en Bembibre. Había como medio século que a capela derrubárase e deixou de haber alí romaría. Agora pola iniciativa do Sr. Cura Don Xosé Ortoño Fuentes, e coa colaboración do Concello, recupera Dubra un valioso patrimonio.


Da vella capela fora levada para a reconstrucción do Coro do Mestre Mateo (século Xll) no Museo da Catedral, unha peza románica, que seica procedía daquel coro, retirado cando se fixo no século XVl o coro lígneo que hoxe pode contemplarse na igrexa de San Martiño Pinario.

Parabéns a Dubra.

No hay comentarios: