martes, 16 de noviembre de 2010

A Porta Santa

 

     Entrando pola Porta Santa, podemos ver a figura de Santiago Peregrino, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Van vestidos como ordena a tradición.

     Pero teredes visto outro santo, tan popular como é san Roque, que vai talmentes como un Santiago Peregrino. Distínguense ben porque san Roque leva un canciño de par, amosa o santo a súa chaga na perna.

     San Roque era de Montpellier, por onde pasa o Camiño Francés. Ser peregrino era mostra de bo crente, o peregrino era moi ben visto polos reises, moi protexido polos bispos. Certo que tamén había falsos peregrinos, rapiantes, dos que había que arredarse. Isto pasou, e pasa, en toda romaría.

     Que o botafueiro fose para contrarrestar o cheiro de tanta xente que chegaba á Catedral, non pasa de ser unha interpretación popular. Abrindo as portas da basílica deseguida se renovaba o ar.

     O incenso do botafumeiro era adoración, dedicación de toda a moitedume ao Santo Apóstolo, rezaban con fervor. Mesmo o edificio todo da santa Catedral, era unha ofrenda a Deus, coa intercesión do Apóstolo.

     O botafumeiro, que tamén o había noutras catedrais (por exemplo, na de Ourense) evolucionou. Un exemplar que hoxe temos é do século XIX. Pesa uns 58 quilos. Outro exemplar é do século XX, resulta algo máis pesado. Seica ós tiraboleiros lle resulta menos doado ter que movelo.

     E se ides á Praza do Obradoiro, seguramente veredes un peregrino, moi querido en Santiago. É un natural da cidade que adoita estar por alí para recibir, saudar e fotografiarse, co seu traxe tradicional, con cantos llo pidan.

No hay comentarios: