martes, 16 de noviembre de 2010

Peregrinos a Compostela

    A Catedral de Santiago e os camiños que a ela levan rebordan de peregrinos.

     As esixencias da peregrinaxe noutros tempos, facían que o peregrino se cubrise de chapeo de á ancha.

     Levase unha túnica ampla, coma a que fixeron popular os franciscanos, capa con esclavina e sandalias.

     Levaban o macuto, un bordón como defensa de animáis silvestres e apoio para camiñar. Naquel bordón unha cabaza para levaren auga fresca, por iso non podía aquela especie de cantimplora ir pegada ao corpo. Disque algunha vez, levaban viño para ter máis ánimos.

     Volvendo de Santiago, o peregrino levaba o sinal da súa estadía na cidade. Probara as vieiras, e levaba as cunchas pegadas no traxe.

     Así, a venera, onde nacera Venus, asegún a vella mitoloxía, pasou a ser vieira, de vía, é dicir, camiño.

     En Santiago aínda hai a rúa dos Concheiros, que é onde os peregrinos que viñan polo camiño francés, podían probar vieiras e mercar as conchas. E moitos apelidos hai derivados dese costume, son os Concheiros.

     O fenómeno da peregrinaxe tivo dúas consecuencias ben visibles. Unha, a construcción de pontes e hospitais. Outra, a construcción de igrexas.

     Tamén así naceu a orde militar chamada Cabaleiros de Santiago para defensa dos peregrinos.

     En Santiago estaba o Gran Hospital Real, que acollía a peregrinos enfermos. Algúns, a pesares da atención prestada, alí morrían e recibían sepultura no camposanto (hoxe xardín) que hai tras o edificio do Palacio de Raxoi.

     Despois de tanto camiñar, con suor e pó, os peregrinos queimaban a roupa vella, quizáis afectada por pestes e enfermidades, na chamada Cruz dos Farrapos, da catedral.

     E así torna ás súas casas cheos de ledicia os peregrinos xacobeos.

No hay comentarios: