sábado, 9 de enero de 2010

CHEGOU O ANO SANTO

 

     Como dixo un político: Agora xa estamos no futuro. Estamos no Ano Santo.

     Foron moitos os galegos que asistiron a ceremonia da apertura da Porta Santa. E foron moitísimos máis os que viron a ceremonia por tv.

     Todo estivo moi ben organizado. Fieis, sacerdotes e bispos deron solemnidade a un acontecemento que poucas veces é doado presenciar.

     O cabido e o concello de Santiago puxeron nas mans dos asistentes un album explicativo, de moito gusto e bo deseño, que valeu tanto para seguir os actos con devoción, como para ter un recordo do comezo do Ano Santo.

     O Sr. Arcebispo que ten senlleiras facultades para desenvolver a súa misión, como políglota que é, falou en cinco idiomas á moitedume congregada. E vai ter que votar man deste don para comunicarse cos peregrinos que van vir a Santiago neste ano da Gran Perdoanza. Parece que volven aqueles tempos nos que, como di o Códice Calixtino, resoaban na Catedral todas as falas que había nos diversos países da Europa que empezaba a sentirse continente cristián.

     Algo esperabamos que aínda non chegou. Coidabamos que antes do empezo do Ano Santo iámos a ver o nome do bispo auxiliar de Santiago. Porque, certamente, o Sr. Arcebispo, o Dr. Barrio Barrio, precisa axuda.

     Quizáis non sexa fácil atopar quen poida acompañar a don Xulián nos deberes que o Ano Santo impón ao Prelado da arquidiocese de Compostela.

     Esperemos a ver se os Reis Magos resolven este asunto.

     Esperemos.

No hay comentarios: