martes, 21 de diciembre de 2010

FELIZ NADAL

     Volve o Nadal e para nós, os crentes cristiáns, volve a frase de Felices Fiestas; volve o consumismo; volve a Navidade sen neno. Todo nos parece insuficiente, pois amosa perda do sentido cristián do Nadal.

     Temos, pois, un tempo que se parece cada vez máis ás festas que no Imperio Romano había por estas datas, porque ían medrar os días. Festas adicadas ao Sol. Festas propias da estación.

     Hai pouco, doíanos que celebracións tan devotas como Santos e Difuntos se vexan invadidas por unha cultura que seica é celta. Os vellos coma este servidor, coido que endexamais tiñamos oído tal cousa. Sempre hai que aprender.

     Haberá, como pensan algúns, un propósito ou campaña para borrar os símbolos e presenza cristiá das nosas familias, rúas, e sociedade?

     Se así fose, razón por demais para que os crentes respectando a todos, saibamos facernos presentes, e reclamemos para nós o respecto que tributamos ós que non comparten a nosa Fe. Tolerancia, pois, pero con fidelidade a Cristo Señor.

     Pois, sen razón para vivir a plenitude da vida presente, con amor, diálogo e tolerancia, tampouco teremos unha vida humana. Deus dignifica ao ser humano, constrúe a sociedade.

     Resoen panxoliñas e matines; vilancicos; Nacimentos; obriñas teatrais representando o Belén; postáis con motivos verdadeiramente cristiáns. Sintamos os saúdos de FELIZ NADAL, aninovo en paz e graza de Deus.

     Velaí o ambiente que non debemos deixar esmorecer. Deus connosco!

     Feliz Nadal, co Neno Xesús!

No hay comentarios: