
martes, 18 de agosto de 2009
FESTAS EN SEAVIA - BERGANTIÑOS

ANTE A SOLEMNIDADE DA ASUNCIÓN DE NOSA SEÑORA

Ante a solemnidade da Asunción de Nosa Señora (Santa María en “todo o mundo”) non podemos enumerar as parroquias, ermidas, santuarios, catedrais, mosteiros, que celebran a festa patronal.
Nin podemos sinalar as múltiples formas nas que o haxionímico Santa María está presente nos nomes bautismais de mulleres e homes. Felicidades a todos.
Pero daremos un breve repaso ás parroquias bergantiñás que van estar de festa por Santa María, son: Ardaña, Bértoa, Cereo, Rus e Traba. Carballo aparece felizmente enclaustrada entre parroquias marianas, como son Bértoa e Ardaña. Norte e Sur da vila carballesa.
Copiamos dun soneto de Gerardo Diego, que el dedicou a Asunción de Nosa Señora, copiamos, digo, os seus tercetos.
“¿Adónde va, cuando se va escondiendo
y el aire, el cielo queda ardiendo, oliendo
a olor, ardor, amor de rosa hurtada?
¿Y adónde va el que queda, el que aquí abajo,
ciego del resplandor se asoma al tajo
de la sombra transida, enamorada?”
Velaí a visión dun gran poeta crente.
Un pouco máis ao sur , en terras de Dubra, Xallas, Santa Comba, temos o santuario- parroquia de Vilamaior. Pasarán os devotos cara alí, que darán exemplo de amor mariano polas estradas por onde corren. Mesmo haberá xantares “de merenda” como dician antano , nas proximidades da fonte.
Antes do día de Nosa Señora están correndo as festas de San Lorenzo en Agolada, Verdillo e na ermida de Nariño, en Dubra.
Todas son festas de brillantez, resplandor, calor…como corresponde á liturxia romana, neste mes de agosto.
martes, 4 de agosto de 2009
A TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR


sábado, 1 de agosto de 2009
VIVAMOS CON PIEDADE POPULAR AS TRADICIONAIS FESTAS DO MES DE AGOSTO
Romería en San Fins do CastroDías pois festeiros, familiares, coa presenza dos nosos emigrantes. Benvidos todos. Fagamos unhas sabias e prudentes reflexións:
- Ben quixeramos que as nosas festas silenciosas, patronais en moitos casos, fosen devotas, manifestantes de piedade popular e tradicional.
- Non sabemos como virá o tempo. Ogallá sexa soleado para mellor disfrutar. Pero se chove, como en xullo, saibamos todos que así nos defendemos mellor contra o lume. Hai moita madeira nos montes, especialmente alí por onde pasou o ciclón Klaus. Ateigados, pois, de material combustible. Un perigo mesmo para as vivendas.
Desde o San Fins do Castro, ata o San Ramón, pasarán as festas patronais en Bergantiños. O cumio estará no medio e medio do mes coas festas de Nosa Señora e San Roque.
Que deixen en nós un bo recordo.
jueves, 23 de julio de 2009
O CAMIÑO DE SANTIAGO POLAS PONTES DO TAMBRE

Este mes é o “de Santiago”, como dirían antaño. Este ano é vixiliar do xa próximo Ano Santo Compostelán.
Bergantiños ten parroquias adicadas a Santiago Apóstolo, Sísamo, Mens, Vilaño, e mesmo tamén o seu particular Camiño de Santiago.
A meirande parte de Bergantiños pasaba o Tambre pola ponte de Portomouro. Alí, unha vella ponte que xa apareceu nos mapas e documentos antigos. A ponte actual, foi inaugurada no ano 1.891 e nela intervíu un Mestre de obras afincado a Galicia, que foi Garagarza, sogro de persoeiro tan coñecido en Bergantiños, como é Xacinto Amigo Lera, un dubrés, de Portomouro, que no Campo Santo da súa parroquia natal, descansa.
Río Tambre na zona de PortomouroOutra ponte sobre o Tambre que permitía a chegada a Compostela, era Ponte Albar, que, a bon seguro, recibía tal nome porque, de nova, aparecía branca coas súas canterías. Será unha obra do século XVII, continuadora do servizo que ós camiñantes a Compostela prestaría outra ponte máis veterana.
Este segundo camiño que compartían dubreses, montañeses das terras de Montaos , e bergantiñáns, daría lugar, coidamos, a que no século XVIII o arcebispo Bocanegra mandase erguer a suntuosa igrexa de Nosa Señora Peregrina, hoxe parroquial por creación do arcebispo Martín de Herrera. Polo tanto, como en Pontevedra, León, ou noutros lugares, o paso dos peregrinos deu lugar á creación de santuarios adicados á Nosa Señora Peregrina.
Río Tambre na zona de Ponte AlbarDispoñámonos a ir devotamente a Compostela. Na Capela das Reliquias, que agora chaman Panteón Real, está o noso Conde de Traba, amigo de Xelmírez, que participou con el nos soños de grandeza para a Galicia do século XII e de sempre.
viernes, 17 de julio de 2009
BERGANTIÑOS, TERRA DE MAR, VAL E MONTAÑA, VENERA Á NOSA SEÑORA DO CARME

Na pasada Semana da Familia, viñeron a Carballo imaxes de Nosa Señora. Viñeron as máis populares, as que son máis veneradas. Pois ben, a meirande parte eran imaxes de Nosa Señora do Carme.
Bergantiños é unha admirable síntese de mar, val e montaña. Nas freguesías da ribeira, e nas do interior, temos festas do Carme en todas elas.
Os peregrinos que hai pouco foron a Terra Santa, subiron ao Monte Carmelo, e alí poderon ver a inmensidade do mar azul, o cenobio de orantes que aínda hoxe hai no cumio do monte tan sonado na Biblia.
Santa María, pois, patroa dos que vogamos no mar e na terra. Defensora dos que loitamos contra tantas ondas, feras , asoballantes, que nos fan clamar pola axuda de Nosa Señora.
O mar ten perigos; é “val de bágoas”, tantas veces.
Pero rematemos coa visión de tantas motoras que van levar a imaxe do Carmen, ateigadas de devotos mariñeiros , polas nosas rías e portos.
Felicitamos a tantas “Carmes” que aínda hai entre nós. Anque nos doe que nome tan poético vaia escaseando nas nenas que agora son bautizadas.
martes, 7 de julio de 2009
PARABÉNS ÓS NOVOS PRESBÍTEROS

O outro diácono que recibirá a ordenación presbiteral é Don Daniel Pérez Espasandín, natural de Santacomba, que durante este curso pasado estivo exercendo o seu ano de pastoral aquí en Carballo e parroquias da Unidade Pastoral que encabeza esta vila.
Polo tanto os nosos oíntes coñecen a entrega de Don Daniel (Dani para os amigos) en todos os labores que demanda a pastoral en tan variados servizos, como son: a catequese, a preparación para confirmandos, a mocidade en xeral, as súas clases de guitarra.
Don Daniel estivo nesta emisión relixiosa varias veces, por iso os nosos radioíntes coñecen a súa simpatía e as grandes dotes que o adornan.
Entrevemos, esperamos, pedimos, que “Dani” siga connosco, porque o necesitamos; porque ten que seguir o traballo comezado; porque as freguesías demandan a súa presenza entre nós.
Que Deus bendiga a estes novos sacerdotes que vai ter a diócese Compostelá.
O terceiro diácono que pasará a sacerdote é Don Ventura Martínez Riboiras, natural de San Ciprián de Vilanova de Arousa, que foi un solista en orquestra, e agora emprega as súas facultades musicais na liturxia da Igrexa. Deus segue chamando.
Parabéns a todos
Santa Comba, terra de curas e persoeiros famosos

Santacomba é o centro dinamizador dunha bisbarra agrícola e gandeira, especialidades nas que é sobranceira en toda Galicia. As súas feiras foron xuntanza de labregos en moitas leguas á redonda.
A súa Igrexa parroquial, amplísima, feita haberá 40 anos, ben restaurada, conserva un campanón da anterior igrexa, que era notoriamente insuficiente. Foi promotor da obra Don Xoaquín Torres Valiñas, que antes fora párroco de Rus ata 1.959. Finou haberá dous anos.
En Santacomba foi párroco Fonseca lll, que, de aí, pasou á parroquia de Santa María da cidade de Pontevedra. Despois, foi un gran arcebispo de Santiago.
En Santacomba foi párroco Manuel Cabeza Docampo, natural de Sofán, tío de Don José Álvarez Cabeza e dos irmáns Eirís Cabeza, todos eles son gloria da freguesía de Sofán.
Outros persoeiros de Santacomba son, entre máis:
María Pilar Torres Lema, andaluza afincada nesa vila xalleira; xeógrafa, experta en parroquias e arciprestados de Galicia, e no Camiño de Santiago.
Temos que mentar tamén a David Durán Arufe, músico e compositor, director do Conservatorio Profesional de Música, de Santiago, Poeta.
Pois ben, a Primeira Misa en Santacomba do novo sacerdote Don Daniel Pérez Espasandín, vai ser o domingo, día 19. Así como a súa Primeira Misa en Carballo será o venres día 10.
Felicitamos, unha vez máis ao novo sacerdote, como tamén temos que felicitarnos todos, en Carballo e Santacomba, en Bergantiños e Céltigos.
Que Deus nolo conserve por moitos anos. Amén
A GRANDEZA DO SAN XOÁN

San Xoán lévanos ao río Xordán, ao noso bautizo, ao empezo da nosa vida.
San Xoán anuncia a Cristo, vai o santo case espido, come pobremente, chámanos á reflexión sobre a nosa vida. Isto é un exemplo que nos dá o noso patrón, que temos que acoller como cristiáns.
Hai todo un referente cultural, mesmo prehistórico, que serve de marco á grandeza deste santo. Reviven lendas, refráns, casas enramadas, cachelas para saltar, sardiñadas que concentran ás veciñanzas.
O noso Alfredo Brañas ten unha descrición de San Xoán, longa, e polo miúdo que recomendamos aos nosos oíntes.
Tamén Álvaro Cunqueiro, nun programa das festas de hai xa moitos anos, facía un relato moi suxerente da Misa Grande do día de San Xoán na Igrexa Parroquial de Carballo.
Desde a Lagoa de Alcaián ata o Monte Neme, Bergantiños é un mosaico de lendas, pero todo vai esmorecendo. Outra vez nos vén a idea da globalización que achanza todo, quita identidade, mestura as culturas. Que sigamos co noso San Xoán, tal como foi, ou como debera ser, por moitos ano, “Mil veráns máis”.
Engadiremos que mañá inaugúrase a reconstruida capela de San Xoán en Bembibre. Había como medio século que a capela derrubárase e deixou de haber alí romaría. Agora pola iniciativa do Sr. Cura Don Xosé Ortoño Fuentes, e coa colaboración do Concello, recupera Dubra un valioso patrimonio.
Parabéns a Dubra.
viernes, 12 de junio de 2009
ESTAMOS DE FESTA
Neste vindeiro fin de semana temos celebracións a salientar. É día de San Antonio da Agoalda. Romaría moi concurrida en Bergantiños. Tamén hai festa a San Antonio no pazo de Vilar de Francos. E virán despois as festaas a santo tan poopular, así como a San Adrián nas nosas freguesías.
Pero, o que é importante sinalar é a Solemnidade de Corpus Christi no domingo, día 14. Agora dicimos que é o Día Nacional da Caridade. A Presenza Real de Cristo na Eucaristía obríganos a pensar nesa outra súa presenza nos irmáns necesitados. Polo tanto, temos que examinarnos a ver cómo nos comportamos. Se cumprimos, ou non, o Mandamento do Amor Fraterno, pero con obras de caridade, coa nosa axuda, por exemplo, por medio das Cáritas Parroquiais.
Nestes días da Declaración da Renta, temos unha boa posibilidade, pois, marcando cunha cruz nas casillas que veñen no impreso, podemos axudar, tanto á Igrexa Católica, como a Cáritas, Cruz Roxa, Mans Unidas... sen que nada nos desconten. Tampouco, por marcáremos estas dúas casillas, nada perxudican nin merma, ni á Igrexa nin a Fins Sociais.
Velai, pois, unha boa ocasión para exercer a nosa caridade. Outras ocasións temos polo ano adiante, para cumprir co noso deber de caridade.
Así, por exemplo, doando sangue, tamén o domingo é o día dos Doantes de Sangue. Na Coruña hai unha rúa adicada a estes doantes.
Precísase sangue, pois non hai elemento algún que poida suplir ao sangue humano. De vez en cando os autobuses da Xunta preséntanse en lugares centrais dos nosos concellos para acoller ós doantes. Alí examinan o sangue de cada un, danlle información, animan, confortan e agradecen a doazón.
Hai tempadas, coma polo verán, nas que o sangue é máis necesario, por culpa dos accidentes.
Boa e actual forma de ser amantes do próximo: compartir a vitalidade do sangue propio, de forma totalmente desinteresada e anónima. Coma no caso dos doantes de órganos, mester no que Galicia é sobranceira.
jueves, 4 de junio de 2009
AMAR E RESPECTAR O MUNDO CREADO

Cada cinco de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Falta nos fai unha xornada así para que meditemos sobre o noso planeta, a nosa casa, na que tamén vivirán as próximas xeracións.
Cambio climático; subida do nivel do mar que asolagará poboacións que están á beira do mar; perda de especies, tanto de animais como de plantas... son consideracións que os ecoloxistas e os expertos en Natureza, a cotío nolas poñen diante de nós.
Pero nós mesmos podemos ver que maltratramos árbores e xardíns, a pesares de que a primavera quere reverdecer, encher todo de vitalidade.
Vense poucas anduriñas, xa botamos de menos o canto do cuco, que deberían sentirse entre marzo e abril como di o refrán. As gaivotas andan por terra adentro. Comercio de animais en perigo de extinción; mascotas fóra do seu habitat. O xabarín é o terror dos nosos labregos.
Botamos papeis e bolsas de plástico na rúa; enchemos de porcallada ríos, fontes e mares; o "botellón" deixa abraiados os traballadores da limpeza; o lume no monte é unha praga que arruína a nosa terra galega. Motocicletas e coches hai que, co seu estrondo, deixan xordos, tanto ós veciños coma ós propios conductores.
Os crentes temos unha obriga especial, unha razón engadida para amar e respectar este mundo creado, conducido na súa evolución pola man de Deus Creador. Mansión esta que foi morada do Señor Xesús, e de cantos nos precederon, que nos deixaron un patrimonio a conservar e agradecer a Deus.
A BOA NOVA EN RADIO VOZ BERGANTIÑOS
Aquel xoves que "relucía máis cao sol" (o día da Ascensión) pasa ao seguinte domingo. Esixencias do mundo laboral ao que non lle prestan os días festivos no medio da semana. Pero o misterio seguimolo celebrando. A Ascensión do Señor vén sendo o complemento, ou segunda parte da Resurrecciónde Cristo. En tal día, a Igrexa celebra o Día das Comunicacións Sociais, por aquilo do mandato do Señor: "Ide ao mundo enteiro e pregoado a Boa Nova", mandato que se le no Evanxeo da Ascensión do Señor.
Así, a Igrexa, os cristiáns, temos que ser pregoeiros da Mensaxe de Xesús. Como fixeron os Apóstolos. Hoxe, por medio de follas parroquiais, radio e T.V., a Igrexa está presente na sociedade.
A emisión relixiosa de Radio Voz en Bergantiños, ten que agradecer a acollida que cada semana nos ofrece RADIO VOZ; a amabilidade da dirección e locutores que veñen prestando a súa competencia e servizo para que a emisión poida chegar aos oíntes. Sen esquencer aos técnicos que atenden a parte máis oculta, pero totalmente imprescindible, para que os mecanismos estean a punto e a nosa voz poida ser escoitada comfortablemente.
Non falta moito para que se cumpran as Vodas de Prata da emisión. Por iso, queremos multiplicar o noso agradecemento, por tantos anos de colaboración.
martes, 19 de mayo de 2009
BERGANTIÑÁNS EN TERRA SANTA
Os Avitos, que eran de Braga, na Galicia romana, visitaron Roma e Xerusalem. Nesta cidade, estiveron con Paulo Orosio, paisano seu, que no ano 415 asistiu ao Concilio que houbo en Xerusalem, e conversou con San Xerónime, alí residente.
Idacio, bispo de Chaves, tamén na provincia romana de Galaecia, viaxou por Oriente.
A galega Exeria, fálanos do culto cristián en Xerusalem.
Santiago Apóstolo é un xudeo palestino que nos trouxo a Mensaxe do Evanxeo e temos en Compostela os seus restos mortais.
Polo tanto, as peregrinacións que desde Carballo e desde a diocese de Santiago, están programadas a Terra Santa, non fan máis ca proseguir unha vella tradición. Mesmo parece que cómpre visitar Betsaida, a patria pequena de Santiago o Maior, a onde, hai algúns anos, o Cabido de Santiago levou unha imaxe do Apóstolo peregrino.
E non hai moito, o deán de Santiago, estivo na igrexa de Xerusalem onde a tradición que di que alí foi decapitado o noso Apóstolo.
Isto, e todo o demais que se refire a Xesús, Noso Señor, é a razón primordial da peregrinación a Terra Santa. Acompañemos os peregrinos bergantiñáns que aló van , coa nosa oración. Eles tamén rezarán por nós naqueles santos lugares onde Noso Señor naceu, viviu e morreu, rematando todo na súa Resurrección.
viernes, 15 de mayo de 2009
VODAS DE OURO SACERDOTAIS

Neste breve comentario semanal temos que lembrar o acontecemento que tivo lugar na nosa catedral de Santiago o pasado venres. Celebraban as súas Vodas de Ouro no sacerdocio vinteséis presbíteros da nosa diocese, ordenados, pois, no ano 1959, polo cardeal Quiroga.
Tamén cinco sacerdotes celebraban as Vodas de Diamante. Foron ordenados na igrexa de San Xurxo de A Coruña, polo bispo Vicario Capitular, Don Xosé Souto Vizoso. Isto foi o ano 1949. Estaba a diocese vacante por falecemento do arcebispo de Muñiz de Pablos.
Houbo, pois, en Santiago, unha Misa solemne, concelebrada polos sacerdotes que estaban de xubileo. Eramos uns douscentos. Contando tamén tres sacerdotes do Opus Dei, que se agregaron para celebrar as súas Vodas de Prata.
Temos que memorar a dous compañeiros, en Vodas de Ouro, que prestan o seu servizo pastoral en terras de Bergantiños.
Son: Don Eusebio Calvelo Sánchez, párroco de Ardaña, natural de Carballo. Nalgún tempo foi tamén director da Coral de Bergantiños, pois son ben coñecidas as súas aptitudes musicais así como ser gran organista e guitarrista.
Outro sacerdote en Vodas de Ouro é Don Andrés Rumbo Lonqueira, párroco de San Román de Cabovilaño, natural de A Coruña. Foi coadxutor no O Grove e párroco de Santa Mariña de Ribasar, freguesía entre A Escravitude e Bastavales. Colaborador na revista Lumieira e gran pastoralista.
Recibiron en agasallo da diocese que lle entregou persoalmente un delegado do Señor Arcebispo, entre o aplauso de todos os reunidos, que compartían o xantar ao que nos convidara o Señor Arcebispo.
sábado, 9 de mayo de 2009
SEMANA DA FAMILIA
Este ano ofrece dúas particularidades: 1) a Presenza da tan venerada imaxe de Nosa Señora dos Milagros de Caión, en Carballo. 2) A chamada especial que se fixo á mocidade para participar neste encontro, pois, ao santuario de Caión van, a pé, moitedumes de devotos, aló por septembro, pero tamén moita mocidade bergantiñá.
Neste ano, e nos pasados, hai, un obxetivo permanente, como é presentar a familia crisitá tal como aparece no Evanxeo. Polo tanto, a súa identidade en momentos de tanta confusión.
O ben que a familia unida fai á sociedade; aos fillos educados no amor conxunto de pais e nais; e no gozo fraternal dos irmáns; no agarimo dos avós; no apoio dos padriños... Todo isto, vivindo a fe cristiá, é un patrimonio que dá consistencia á familia e dá sentido aos gozos e pesares que na vida hai. Somos moitos, a meirande parte dos nosos lectores que recoñecen e viven o seu agradecemento á familia na que naceron.
Foi un don de Deus que trouxo moitos bens a cada un de nós. Para algúns, tamén foi o berce da vocación sacerdotal e relixiosa. A familia, tan combatida hoxe, é un ben que a Igrexa, todos, temos que defender.
miércoles, 29 de abril de 2009
PAZ E PAN PARA TODOS

O primeiro de maio é o Día Internacional dos traballadores. Os cristiáns poñemos ante nós o exemplo do carpinteiro de Nazaret, que foi San Xosé.
O mundo do traballo, nos nosos días, é o que máis padece a crise que estamos a sentir. Crise mundial que os expertos economistas teñen que atallar.
Acó sentimos moito que os nosos labregos, que traballan sen horarios e sen vacacións, vexan que a maquinaria e os abonos suben, e, o leite, baixa de precio. Mesmo estan ameazados de non serlles recollido o leite. Despois de tantas inversións en poñer as granxas a producir, agora este esnafrarse coa realidade.
Na construcción, na automoción, sectores que dan, daban tantos postos de traballo, directos e indirectos, vemos moito paro, que avanza mes a mes. Os inmigrantes que chegaron a nós, pensando nun traballo fixo, andan agora acudindo a Caritas e institucións semellantes, para poderen sobrevivir. Teñen dereito todos os traballadores a pedir xustiza social; a que se examinen as fortunas ou os "pelotazos" que de vez en cando temos noticia. Os nomes dos que, sen conciencia algunha se fixeron ricos á conta dos demais, con manifestas estafas, andan nos medios de comunicación. Unimonos a esas denuncias para pedir xustiza social, e reclamar unha ordenación internacional para un xusto reparto dos bens e do traballo. Paz e pan para todos!!!
miércoles, 22 de abril de 2009
NO DÍA DO LIBRO LE A SAN PAULO

San Paulo
San Xurxo
O día vintetrés de Abril, xoves, (quinta feira, que dicían antano) é día de san Xurxo, Patrón de Artes, de Camariñas e moitas parroquias máis.
En Cataluña, coñéceno como san Jordi, que da nome a moitos cataláns e importantes monumentos. Festa da flor, alí, que poderemos mercar nas Ramblas. E tamén un libro para facer un agasallo. Pois é en toda España a Festa do Libro. Instituida porque en tal día de 1616 finou o noso Don Miguel de Cervantes. Nos medios de comunicación volverá a porse de relevo a coincidencia, en día e ano, coa morte do gran dramaturgo William Shakespeare.
En Galicia teremos tamén o noso Día das Letras Galegas. Podo recomendarlle que lean o Quijote; ou que lean Sempre en Galiza, de Castelao.
Pero como estamos nun artigo de tema relixioso na terra de Bergantiños, prefiro recomendarlle a lectura das Cartas de San Paulo. Estamos no Ano Paulino, que rematará a finais do mes de san Xoán, coa festa do Apóstolo das Xentes, que así é recoñecido San Paulo.
Se queren ler teoloxía profunda e segura; se queren ver a praxe pastoral do Apóstolo; se queren ver como funda igrexas, pon discípulos ao fronte das mesmas, como responsables; se queren percibir cómo se vai espallando o cristianismo coa colaboración dos crentes, nunha igrexa xerminal, testimonial con raigaña en Cristo resucitado..., se queren sentir todo isto, fáganme caso, lean a San Paulo.
viernes, 17 de abril de 2009
CELEBRAMOS O TRIUNFO DO AMOR
cheíña como está da luz da vida.
Que sexa Cristo quen a emvolva
e a libere das tebras que a cubrían.
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos"
COS CRUCEIROS VENERAMOS A CRUZ
jueves, 2 de abril de 2009
ANTE A SEMANA SANTA...
O pórtico da Semana Santa é a celebración de Nosa Señora das Dolores. Ela é a mellor pregoeira da Semana Maior da Pasión do Señor.
Xa están postas as imaxes da Virxe das Dolores en moitas das nosas parroquias. Estase a celebrar o seu septenario, e despois virá a procesión do Venres Santo. En Carballo hai numerosa cofradía que solemniza estes días. Son almas devotas que levan a imaxe ao altar propio das conmemoracións particulares e poñen alí os mellores ornamentos.
Hai misas polos cofrades falecidos cando a morte vai visitando cada familia. Lembremos que a cofradía das Dolores de Carballo fixo o agasallo de artística custodia para o culto da parroquia. E outras axudas máis. Por exemplo, preciosos labores de encaixe que ornamentan a imaxe, foron feitos e ofrendados por mans expertas e devotas de cofrades distinguidas, que colaboran en moitas actividades parroquiais.
Acudindo á liturxia do noso Diurnal Galego, temos versos que expresan o contido desta celebración mariana. Ela é tan humana, que nos sentimos acompañados por María, na hora das nosas crucifixións. Asimesmo, queremos acompañar como ela a tantos que comparten con Cristo as horas amargas das probas que a vida ofrece.
Velaquí uns versos referidos a Nosa Señora das Dolores:
“De pé, vendo que morría
o teu Fillo sentenciado.
De pé estiveches, María,
ó pé da Cruz, no Calvario.
Cada golpe e cada espiña
que no Fillo se cravaba,
cada burla e cada insulto
todiña te angustiaban.
Ó pé da Cruz sen manciñas
para aloumiñar a quen amas,
faste na dor receptiva
da Palabra que nos salva”
miércoles, 25 de marzo de 2009
DÍA NACIONAL DO TEATRO
Alfonso Daniel Rodríguez CASTELAONo século de ouro, foron grandes autores Lope de Vega, Calderon, Tirso de Molina. Os tres, sacerdotes.
Mais, achegándonos á nosa terra, queremos aproveitar para recomendar a lectura dunha obra tan representativa da historia de Galicia, como é "Romance de Lobos". Anque Valle Inclán escribe en castelán, o seu estilo é galego, tanto nos personaxes que presenta como na fala. Disto hai moito escrito.
Teatro en galego é aquela obra de Castelao tantas veces representada: "Os vellos non deben de namorarse". Cunha temática ben indicada no título da obra. Castelao, tan polifacético el (médico, político, ensaísta, dibuxante, historiador) regalounos unha obra para fornecer o noso máis ben escaso teatro.
Centrándonos agora en Bergantiños, temos O Fidalgo, do chamado "zapateiro-poeta", que é Xesús San Luís Romero, nado en Carballo, e que chegou a ser académico da Galega.
O Fidalgo amosa a vida dos nosos labregos ante a presión económica e e social daquela clase que coñecemos como a Fidalguía.
Pero Xesús San Luís Romero emprega un vocabulario galego que era o vixente en Bergantiños, a comezos do s. XX, nos ambientes rurais
Agora vaise perdendo, ou perdida está xa, aquela fala chea de palabras patrimoniais, sonoras, clásicas, que xa non aparecen nos diccionarios. Tampouco a fraseoloxía está vixente. Estamos nun mundo globalizado que oprime ás linguas minoritarias
NO DÍA DE SAN XOSÉ REZAMOS POLAS VOCACIÓNS
Polo san Xosé, hai moitos que están de "santo". Felicidades a todos. Diolopague polo que nos poida corresponder.
Así como nos semilleiros cúidanse as plantas que nacen pequeniñas, tenras, para despois seren trasplantadas, de igual xeito, nos seminarios da Igrexa recíbense as vocacións ao sacerdocio que van xurdindo aquí e acolá. Tempo, pois, de formación e de proba. De alí, sairán os sacerdotes que van servir ás parroquias.
Aquí, entre nós, tivemos seminaristas diáconos, hoxe párrocos: Don Manuel García Souto que está en Curtis; Don Xosé Sánchez Piso en Lestedo e outras catro parroquias máis; Don Pablo Carou Barros, na Coruña.
Agora temos a Daniel Pérez, que é todo xuventude e ilusión. Ogallá quede en Carballo para sempre, pois precisamos e esperamos moito del.
Todos temos a obriga de cuidar, animar ás vocacións sacerdotais que poidan xurdir. O noso apoio ten que ser coa oración, o alento persoal, a vida cristiá na familia. De ordinario, é aquí onde nacen as vocacións. As desfeitas familiares, a perda do sentido cristián nas nosas vidas, fan que padezamos penuria vocacional, e carencias de servizo sacerdotal que lamentan as nosas parroquias.
jueves, 12 de marzo de 2009
TODOS TEMOS QUE APOIAR...
jueves, 5 de marzo de 2009
MIÑA NAI, MIÑA NAICIÑA...
jueves, 26 de febrero de 2009
Estamos no día-cumio do Entroido

O noso cocho, deriva do xabarín.Os feudais adicaban o tempo do inverno a cazar o xabarín.Cando remataba ese tempo, facían gran festa con carne do animal.Tanto que a heráldica galega presenta o xabarín como referencia da grandeza dunha familia que tiña castelo, servidores, montes e tempo para o divertimento da caza.Pactos entre feudais eran selados con festa de xabarín.
Se non temos orella de porco, faise na tixola un substituto, que ten formas graciosas e sabores distintos asegún a man da cociñeira.
A filloa da pedra require unha boa pedra que as dea ben,como din. Non pode estar fendida, é unha peza que transmite o calor uniformemente .Hai que deixala arrefriar cando sae do lume, e cando está sobre o lume hai que darlle con brasa continua, evitando a entrada de aire frío. Ten arte e tradición a filloa da pedra, producto típico de Bergantiños.
Esta filloa é un fósil culinario que nos leva a idade de pedra.Igual que as olas dos nosos oleiros. A filloa da pedra ten un sabor que a identifica, pode acompañar un prato do noso cocido.Ten un sabor austero, como podemos gustar , por exemplo cando bebemos cervexa, que un producto que disque , xa o tiñan os celtas.Non me quero meter na lareira, deixemos a cociñeira que vaia, con pacencia, facendo as filloas na pedra.
Por fora, andarán as comparsas de Entroido ou as celebracións do Testamento do Entroido. Todo isto , porque imos empezar a Coresma.
viernes, 20 de febrero de 2009
DEUS BENDIGA ÓS NOSOS POLÍTICOS
miércoles, 11 de febrero de 2009
PAZ, TRABALLO E PAN PARA TODOS

Por terras ourensáns hai a Festa da Mimosa. Nunha delas foi pregoeira María Victoria Fernández España.
Á comezos do outono florecen os "ramos de Santa Tareixa" uns penachos que ornamentan na Arxentina as estradas.
Para conter terreos rilleiros, costentos trouxeron esas plantas retantes que deron en chamar "unlla de gato"
Pero estas tres especies, exóticas, seica inzan de tal forma que son endémicas, malas de extinguir, disque empobrecen os campos. Asimesmo, hai peixes e animais foráneos que rompen enquilibrios ecolóxicos.
De fóra, tamén veu o castiñeiro, a camelia, o eucalipto, o millo graúdo ou maínzo, a pataca e algunhas especies máis que favoreceron á nosa terra galega. Nós, levamos trigo, cultura, ...trouxemos prata...
Por sangue, somos unha mestura de celtas, romanos, suevos, árabes, e, á última hora, tamén franceses.
Nos nosos días, coa inmigración, temos uns galegos que aportan raza e cultura doutros continentes.
Temos que saber acoller, como queremos que sexan acollidos os nosos galegos, hoxe en Europa, e antes en América.
Este cosmopolitismo danos ocasión para valorar outras culturas; tamén a nosa. E sobre todo, danos ocasión para vivir o Mandamento Novo, e séremos testemuñas da nosa condición de cristiáns que sabemos compartir alegrías e penas. O mundo é unha aldea grande.
Que haxa paz, traballo e pan para todos.






