martes, 18 de agosto de 2009

FESTAS EN SEAVIA - BERGANTIÑOS




O día 17, enpezaron as festas de Seavia. Primeiramente, o patrón, San Mamede (San Amedio, noutros lugares). Mártir que ten adicadas moitas parroquias en Galicia. É tamén o campo de fútbol do Atletic de Bilbao, que chaman "A Catedral", san Mamés. O día 18, en Seavia, celebran a festa do Carme. Tivo moitos romeiros antano. Hai unha fonte que ten un retablo pétreo, gótico-historicista coroado por unha imaxe de Nosa Señora do Carme¡, que é copia da talla que conserva o interior do templo. Tamaño medio ésta, pero coa particularidade de que no manto da Virxe vense flores vermellas que lle dan un particular cromatismo.

Excusamos dicir que Fonte do Carmen, Rectoral e o corpo da Igrexa son obra dos primeiros anos do século XX. Todo por iniciativa e coas aportacións do gran párroco que foi Don Santiago Abuelo.

O día 19, é o Santísimo Sacramento. Poderá verse na procesión a custodia do século XVII que foi doazón de San Paio (mosteiro compostelán) a Seavia, parroquia da que era patrono.

Trátase dun exemplar, tipo relicario, que polo seu valor artístico e histórico estivo na Exposición que houbo en Santiago con motivo do ano Santo de 1999. Onde tamén estiveron expostas outras alfaias de Seavia.

Cómpre preguntar ¿por que esta orde de celebración nas festas desta parroquia? Porque a norma é: festa do Patrón, segue a do Santísimo, e remate coa do Carme.

Pois a explicación é a seguinte: en Seavia, como noutras parroquias de Bergantiños, o día do Patrón tamén era o día do Sacramento. Aquel tiña unha Misa pola mañá, e a do Sacramento, moi solemne era ó mediodía.

A Don Ramiro Rodríguez Carballo, párroco, pareceulle, con bo criterio, que había que separar ambas celebracións e darlle a cada unha o seu día.

Así o fixo. Pero non podía trasladar a festa do Santísimo para o día 18, porque en tal día estaba a festa do Carme, de moita sona na bisbarra. Polo tanto o que fixo aquel párroco, señor Rodríguez Carballo, foi pasar o día do Sacramento para o día 19.

Que descansen en paz estes párrocos e teñan boas festas os seavienses.

No hay comentarios: