viernes, 17 de abril de 2009

COS CRUCEIROS VENERAMOS A CRUZ


Cristo de Velázquez



A Semana Santa é a Semana da Paixón do Señor. Veneramos a cruz no día de Venres Santo, dentro da liturxia de tal celebración. Pero temos pola terra de Bergantiños cruceiros que son testemuño da fe dos nosos devanceiros. Cando pasamos por diante desas obras de arte popular, feitura dos nosos canteiros, non só admiramos ou lembramos, senón que veneramos a Cristo Crucificado e a súa nai, Nosa Señora.






Hai cruceiros que están preto das igrexas e teñen o seu altar ou pousadoiro para recibiren a custodia no día do Santísimo Sacramento. Así, por exemplo, os cruceiros de Bértoa, Vilela, Lema... Hai cruceiros con datas ben lexibles, así, por exemplo, o de Sofán, que é o máis veterano, onde se le que foi feito no ano 1660. Ou o de Ardaña, con restos da policromía que tivo nalgún tempo, que leva data de 1797. Ou mesmo o que hai no adro de Carballo: 1811.

Goiáns, con ser parroquia pequena, ten dous cruceiros. O de Sísamo está no centro do adro parroquial, que é amplio e ben coidado. O de Rus é obra Tomás Roibal, feito en pedra traída de Portomouro. Leva data de 1860 e foi restaurado no 1925. A cruz derrubada está conservada.

En Seavia había cinco cruceiros, quedan catro agora, e os catro tiveron que ser restaurados porque sufriron os golpes de camións ou tractores.


En Erbecedo había dous, e queda un no Campo do Santo Anxel. De cruceiros roubados, non imos falar, como foi o caso de San Paio de Coristanco.

Agora fanse moitos cruceiros para casas particulares.Queremos rematar coa oraciión do Venres Santo:

"Mirade a árbore da Cruz onde estivo cravada a salvación do mundo. Vinde, adorala"






No hay comentarios: