jueves, 4 de diciembre de 2008

SEDE SANTOS PORQUE EU SON SANTO


Quiroga Palacios, Cardeal-Arcebispo de Santiago.
Cuadro que se encontra no Instituto Teolóxico Compostelán


Nestes primeiros días do mes de Nadal, cúmprense 37 anos do pasamento do inesquencible cardeal Quiroga Palacios.

Para os que somos testemuñas do seu servizo á diocese, a súa memoria segue viva en nós.
Quiroga veu para Santiago con 49 anos de idade, en plena vitalidade. Era o arcebispo máis xoven de España- Foi tal a sú entrega sacerdotal, que todos viamos como aquela fortaleza física ía esmorecendo. Cando fixo a apertura da Porta Santa do ano 1971, apoiábase no báculo para non caer.

Quiroga Palacios sentía unha inmensa e intesna paixón polas cousas da Igrexa. Por iso, algunha vez, tiña uns instantes explosivos, que el recollía deseguida, porque había nel unha virtude feita de dominio de sí mesmo, baixo a gracia de Deus.

Quiroga era coma unha forza sacramental. Enchía el só a Catedral, paraba bendicindo e erguía os ánimos dos que estabamos derrumbados en calquera curruncho da Basílica.

Tiña paciencia, sufría, perdoaba, comprendía. Pensamos que pasaría noites enteiras sen durmir. Era galego listo, que entendía os recursos da nosa retranca. En Quiroga tiñamos a eficacia de Xelmírez, a prestancia de Payá, a magnificencia de Monroi, a grandeza do arcebispo Raxoi, a galeguidade de Lago González.

Os seus restos mortais están preto do Pórtico da Gloria, aproveitando o estradós do arco que fixo o Mestre Mateo para soster a súa admirada obra.

Quiroga debería de ser canonizado. Mentres esa hora non chega, pensamos que xa está no mesmo conxunto do Pórtico. Na gloria, cos Apóstolos e cos Profetas.

Aquela fe con que Quiroga vivía ás ordenacións sacerdotais, parece que traspasa a landa sepulcral que protexe os seus restos. Mágoa nos dá ver que inconscientes turistas trepen aquel santo lugar. Nestes días, alí haberá ramos de flores. Desde aquí, poñemos a nosa rosa encendida de amor ao gran cardeal Quiroga Palacios.

jueves, 27 de noviembre de 2008

A especial veneración da Milagrosa


O 27 vindeiro é a festividade da Virxe Milagrosa. De especial veneración en tres igrexas de Carballo e cunha celebración, no mes de setembro, que nos deixa admirados a todos.


Nesta hora queremos referirnos ao Colexio da Milagrosa, que leva 52 anos en Carballo, facendo moito ben en toda a bisbarra bergantiñá, e lonxe dela tamén.


No centro da Vila, preto de onde había un castro, alí está o Colexio, por onde pasaron moitas relixiosas, desde a Fundadora, sor María Carracedo Viña, que son recordadas polas familias bergantiñás agradecidas aos coidados e formación recibidas pola xuventude e nenos que alí viviron.


Hoxe, naquel Colexio, hai doce Fillas da Caridade, que seguindo o exemplo e normas de San Vicente de Paúl, exercen a caridade con cantos poidan precisar da súa xenerosa axuda.


Unha nova Directora, sor Celia, leva a xestións do Centro. Hai poucas semanas, a Directora anterior, sor Alicia, recibiu un novo destino, e agora está en Lugo atendendo a discapacitados. Misión que sor Alicia acolleu con total dispoñibilidade.


Non podemos deixar sen nomear a venerables Fillas da Caridade que todo Carballo coñece. Son: sor Matilde, que foi catequista mentres puido, e tamén xa cando non podía moito. Un exemplo de caridade ben manifesto. Sor María, que agora está en cadeira de rodas, e prestou grandes servizos á vida da Casa. Asiste devotamente á Misa.


Se as Fillas da Caridade ten que ser amor tanxible, efectivo, para todos, salientemos o agarimo, tenrura, con que son coidadas polas compañeiras estes dous exemplos de Caridade, como son sor Matilde e sor María. Que por moitos anos a Virxe Milagrosa siga protexendo a esta comunidade de Carballo.

jueves, 20 de noviembre de 2008

O RETORNO DO CANTO GREGORIANO...

Coral de Bergantiños


Estamos ás portas da festa de Santa Cecilia, ou Cecía, como se di no galego oral en moitas partes de Galicia.

Temos moitas corais polas terras de Bergantiños que, se todo o ano ensaian, agora están preparando os concertos cos que van homenaxear á Santa, e regalarnos a todos nós con obras polifónicas do acervo cultural galego (Pascual Veiga, Montes, ...) e tamén competicións relixiosas. Estas nosas corais escoitámolas moitas veces solemnizando o culto relixioso. Agradecémosllo e felicitámolas polo seu labor.

Merecen especial mencións os directores e directoras destas corais. Todos son moi competentes, pero que saben conxuntar voces que teñen que educar para entregalas no grupo. A formación musical foi unificante en tempos pasados. Outras consideracións son:

- A nosa mocidade escoita música en salas, coches, na rúa... pero canta pouco.
Unha expresión musical tan característica como eran as rega pode perderse se as novas xeracións non acollen esta arte.
- A xente maior debe sumarse ao canto litúrxico, como oración comunitaria, loubanza, manifestación da Fe.
- Os vellos nostálxicos pedímoslle a Santa Cecía que haxa un retorno do canto gregoriano tan sequera en particulares intres nos que todos, galegos, españois, estranxeiros, poidamos unirnos. Hai uns mínimos aos que todos podemos chegar: María, Credo, Te Deum, Salve Regina, Veni Creator, Pange Lingua... que temos na memoria non deberían esquecer xamais, como Cantemos al Amor, Salve Madre, por exemplo, tratándose de melodías en castelán. Que Santa Cecía nos axude.

jueves, 13 de noviembre de 2008

POR SAN MARTIÑO...


Hoxe é o día grande do mes de San Martiño.
Nalgúns sitios hoxe avillan os pipotes para probar o viño novo. “Por San Martiño, proba o teu viño”. Castañas dos nosos castiñeiros para os magostos que tan tradicionais son.


O castiñeiro dá unha sombra “moi regalada de verán” canta aquela cantiga.
O castiñeiro é a nosa caoba, dá nome a moitos lugares, a moitos soutos, que, coas carballeiras, forman as típicas arboredas de Galicia.


Por iso mesmo, hai tantos apelidos “Castiñeiras”, “Castaño , Carballo...”
San Martiño, ademais, ten feira aló en Calo - Teo, onde se venden mulas galegas que levaban tratantes casteláns para laborar as súas terras.


San Martiño é o comezo da matanza en Galicia. Comezo tamén tradicional para o ano agrícola. Pensemos agora no santo. Militar, cabaleiro, catecúmeno, cristián, bispo... exemplo de servizo pastoral e de caridade cristiá.


Velaí as imaxes de Cances e Razo. En Cances, o santo comparte a súa capa co pobre que vai espido. En Razo, é un bispo que bendice a todos os fregueses que entran naquela igrexa.


Xa sei que estas imaxes non son exclusivas, pero cómpre salientalas, ao mesmo tempo que felicitamos a estas parroquias.

jueves, 6 de noviembre de 2008

INTERÉSANOS MOITO O QUE PASA NOS ESTADOS UNIDOS

Obama

No primeiro martes,seguinte ao primeiro luns, son, cada catro anos, as eleccións para a presidencia dos EE. UU. De América do Norte. oma noutros paises con democracia recoñecida e asentada. Son dous os grandes partidos que loitan pola presidencia. Loita que se concreta en dous candidatos, despois de moitas probas e seleccións.


Intererésanos moito a todos o que pase nos Estados Unidos. Se nese país loitaran de verdade contra o cambio climático; se repartiran cos países pobres algo do seu presuposto para armamento; se non se meteran na guerra de Irak... etc... etc... teríamos un mundo mellor. Se a gran riqueza que se produce neste país, estivera mellor repartida alí mesmo; se o afán capitalista polas ganancias estivera humanizado; se houbera control de armas en mans de particulares... sería un país máis xusto, sen deixar de ser un país grande, admirable. Porque é un país multicultural, que vai deixando atrás a segregación de razas de color; porque alí houbo un Lutero King que foi un home pacificador, como, noutro ambiente foi Gandhi na India.


Non somos alleos ao que pase nos Estados Unidos. A crise que padecemos poida que leve á nosa Europa a un protagonismo mundial que aporte fraternidade entre os pobos. É o que se debuxa no horizonte. Pois, como cantamos “que veña a paz á nosa terra”.

jueves, 30 de octubre de 2008

DÉIXAME ENTERRAR OS MEUS MORTOS

No decorrer do ano, temos ante nós dous días que a ninguén van deixar indiferente.
Santos e defuntos. Dous días para vivir lembrando a aqueles que van todo o ano no noso corazón. Oración, agradecemento, sentimento e convencemento da brevidade da vida; reflexión. Percibimos algo daquilo que anunciaba Tertuliano: “a nosa alma é naturalmente cristiá”.
Qué sentido tería a vida se os amores, as esperanzas aquí creadas non tiveran o seu cumprimento. A pesares do misterio do mal, Deus ten un espazo o máis profundo do noso ser. E nos días de Santos e Defuntos, esa intimidade de Deus, manifestámola de moitas maneiras. Faise tanxible, visible, confortadora, en tantas visitas aos camposantos; en tantas flores e oracións; quizais en tantos diálogos con eles, os nosos alí sepultados; mesmo en silandeiras meditacións, ou bágoas no corazón ou nas meixelas.

Todo isto, anuncia a Resurrección, que en Cristo xa se produciu, e tamén en esperanza, para todos nós. Tanto os que aínda imos de camiño, como aqueles que xa cumpriron a súa peregrinaxe.Descansan na Paz de Deus,. E un día, para algúns xa moi preto, todos nos reencontraremos no seo de Deus Pai.

viernes, 24 de octubre de 2008

ENCOMENDAMONOS A SALOMÉ, NAI DO APÓSTOLO SANTIAGO

Igrexa de Santa María Salomé (Santiago de Compostela)




Neste curso, de tantas lembranzas paulinas, non esquezamos ao noso Apóstolo Santiago, que en Galicia temos por ser o noso primeiro evanxelizador. Sendo asíl resulta que España tivo a dita de ter dous apóstolos como primeiros misioneiros da mensaxe de Xesucristo. Son: Paulo polo oriente e Santiago polo occidente da Península Ibérica.


Pois ben. O día 22 de outubro, na nosa diocese, tivemos a festividade de Santa María Salomé, nai de Santiago, o Maior, venerado en Compostela.


Foi Xelmírez, arcebispo de tantas iniciativas en favor de Galicia, que dispuxo a creación dunha igrexa adicada a Santa María Salomé. Igrexa que preside a Rúa Nova, via das máis prestixionsas de Santiago.


Conserva aquela igrexa, hoxe parroquia, o seu pórtico en fucións de tal pórtico, porque o Pórtico da Gloria, hoxe é un nártex, pois está introducido na catedral, ao estar anteposta a fachada do Obradoiro.


Ademais desa igrexa compostelá, ten Santa María Salomé unha imaxe sedente, na base dunha das columnas do arco triunfal da Catedral.


E na parroquia de Bastavales, nun retablo lateral adicado a Nosa Señora das Dores, hai unha imaxe de Santa María Salomé, de tamaño menor, que leva na man un cofre con ungüento para embalsamar o cadáver do Señor.


Van moitos recordos persoales en todo o devandito. Pois Salomé, Rúa Nova, Catedral; Compostela, nunha palabra, son fitos inesquecibles na vida dos que por alí andivemos nos anos novos do noso peregrinar polo mundo
.

viernes, 17 de octubre de 2008

COMO PABLO MISIONEIROS DE BERGANTIÑOS



O viendeiro domingo, día 19, é o Domingo Mundial da Propagcón da fe, coñecido popularmente como o DOMUND. Un día de reflexión sobre a nosa condición de profetas, apóstolos, desde o Bautismo.


Pero hai cristiáns que senten a chamada misioneira con tal viveza, que os leva a predicar o Evanxeo lonxe da súa patria.


E así temos misioneiros e comunidades cristiás noutras culturas. Hai igrexas, capelas, hospitais, ... e outras realidades ben visibles, pola entrega ao servizo do Evanxeo de tantas vocacións, polas que sentimos admiración.


Este ano temos como modelo de misioneiro ao propio San Paulo, un converso que, de perseguidor, como el di, fíxose apóstolo pola graza de Deus.


San Paulo moveuse naquel mundo de Imperio Romano fundando moitas igrexas, e tamén escribindo cartas que son hoxe, para nós, doutrina auténtica, a Mensaxe do Señor. Por iso temos tantas veces a San Paulo nas nosas misas.


Somos todos discípulos seus. Xerusalén, Chipre, a costa sur e oeste de Asia Menor (hoxe Turquía); a cosa este de Grecia; Malta, Roma… son referencia do traballo apostólico de San Paulo.


Tamén hai argumentos para defender que veu predicar a España. Tiña el propósito de vir acó como di no capítulo XV, versículo 24 da carta aos fieis de Roma. Hai en Tarragona unha capela na que se di que alí estivo San Paulo predicando a Cristo. O mar Mediterráneo, o mar Exeo viron pasar moitas veces a San Paulo nas naves do Imperio Romano nas que viaxaba para anunciar a Cristo.


Tamén padeciu naufraxios, persecucións, azoutas traicións de falsos irmáns (como el di) pero él sempre segiu adiante, ata ser encarcerado en Roma e alí decapitado. Veneramos o seu sarttego na Basílica de San Paulo. Sobrea súa Campa Lemos: “Para min a vida é Cristo” (frase do propio Apóstolo)

sábado, 11 de octubre de 2008

¿A PROTECCIÓN DA VIRXE, OU DA GARDA CIVIL?

Ofrenda de flores a la Virgen del Pilar. Zaragoza


Nos comezos do curso, en outubro, temos a festa de Nosa Señora do Pilar. Escoitaremos a xota aragonesa, cantada con torgo valentía, polos zaragozanos, que orgullosos amosan a súa identidade. Veremos moitedumes de mozos e mozas que levan ramos de flores para ir poñendo no altar da Virxe do Pilar, ergueito preto da basílica. Traxes típicos de Aragón, bailes con ritmo propio. Ogallá estea bo día.


A Virxe do Pilar é patroa de Hispanoamérica. A súa festa cae no mesmo día no que Colón chegou ao Novo Continente.


Dentro do Pilar de Zaragoza, volverán a oírse as estrofas do Himno ao Pilar, de difícil execución pero os fieis devotos cantarán con emoción aquilo de “Cantad, cantad a la Virgen del Pilar”


Tamén é a festa da Benemérita Garda Civil. Porque son firmes, cantantes, vixiantes, para ben dos cidadáns; como firme é o Pilar de Zaragoza, trono da imaxe de María.


Bo día para que recoñezamos os servizos que nos presta todo o ano a Garda Civil. Somos moi recorrentes, e moi esixentes para reclamar a súa axuda. Tempos heroicos estes para a Benemérita. O terrorismo, a delicuencia común, o mundo das drogas e outras dependencias, fan que a Garda Civil estea vixiante todas as horas do día.


Por terra, mar e aire; a pé, en coche ou furgón; en motocicleta ou da cabalo... aí temos sempre a Garda Civil.


Agradecemos o seu traballo. Pedimos a protección de Nosa Señora sobre estes homes e mulleres que nos defenden. Tantas veces, á costa das súas vidas. Honor, pois, para viúvas e fillos orfos. Recoñecemento para un Corpo que tanto axuda preta ao benestar da sociedade.

jueves, 2 de octubre de 2008

S. Xerome

DeLaTour "San Jeronimo Leyendo" 1593-1652

Aló vai septembro, cas vacacións de verán. Rematamos o mes coa festa de San Xerónimo, o patrón dos estudos bíblicos, tamén coñecido como S. Xerome.
Este santo nacera na Croacia actual, viviu entre os séculos IV e V. Como era tan sabido en lingus clásicas, o papa San Dámaso, español, encargoulle a traducción de Biblia, do grego, ao latín.



Xerónimo foi a Terra Santa, para mellor coñecer o ambiente no que vivira Xesús noso Señor. E fixo unha traducción que foi tida na Igrexa como traducción oficial. Foi chamada a Biblia Vulgata, porque moito se divulgou entre os cristiáns. E alá o Concilio Vaticano II foi a versión bíblica que manexamos nos Seminarios e Centros relixiosos.



Agora dispoñemos de traduccións renovadas, feitas sobre o mesmo texto hebreo e o grego. Son as que lemos la liturxia da Palabra.



Como imos empezar un Curso de Axentes de Pastoral que vai ter como principal obxetivo o estudo de San Paulo, vale a pena que nos encomendemos a San Xerónimo, e, seguindo o seu exemplo, teñamos ese entusiasmo pola Biblia, que el tivo.



E sendo San Paulo o Apóstolo que tanto escribui para dar a coñecer a Cristo ós pobos de fóra da Palestina; cómpre que os sintamos discúpulos de tan bo mestre como é o Apóstolo das Xentes, Paulo de Tarso, que, de perseguidor do cristianismo, veu ser, pola súa conversión, o gran predicador da fe.


jueves, 25 de septiembre de 2008

ESTIVEN NO CÁRCERE E VIÑESTES VERME

Centro Penitenciario de Teixeiro

Este mes tan mariano, setembro, tráenos a festa de Nosa Señora da Mercede. Advocación creada por San Pedro Nolasco, catalán, co obxetivo, de redimir cautivos.

Os mercedarios emiten, ademais de votos de pobreza, castidade e obediencia, o de estaren dispostos a quedar en cautividade para así liberar a cristiáns que volverían ás súas casas, substituídos por frades mercedarios.

Un cautivo redimido por mercedario foi Don Miguel de Cervantes Saavedra. Polo tanto, o noso gran escritor é un mérito da obra mercedaria. Hoxe, estes frades, están presentes nos cárceres, colaborando na restauración dos internos para que poidan volver á sociedade como cidadáns pacíficos.

Os sistemas penitenciarios están orientados a que, o propio detido, vaia progresando na recuperación da súa personalidade. Para iso veñen os tempos que se descontan da pena imposta, se hai un bo comportamento; os permisos carcelarios, as saídas en fin de semana… para que, pouco a pouco, o que foi delincuente se volva un cidadán de proveito para sí mesmo e para a sociedade.

Certo que hai fracasos neste intento de axudar ós propios presos; hai quen non corresponde á confianza que coidaban que merecía. Pero, en conxunto, preténdese algo que está en consonancia coa dignidade humana.

Así, pois, o día da Nosa Señora da Mercede, mañá, haberá unha celebración festiva, con Misa, na que participan exemplarmente os internos que o desexen. Departirán amablemente internos e funcionarios. Recibirán todos parabéns e visitas de familiares. De Bergantiños hai internos en Teixeiro, por algunha debilidade humana. Son visitados por almas boas que, de aquí, chegan deica aló. E animan e consolan a presos e familiares.

“Estiven no cárcere e viñestes verme”. Frase de Noso Señor, que dá razón do premio que merecemos se temos esta caridade cós que foron vítimas da fraxilidade humana. Porque todos podemos caer.

sábado, 20 de septiembre de 2008

SANTA EUFEMIA



O dia 16 de septembro trae a festa de Santa Eufemia a moitas das nosas parroquias.O culto nace en Ourense, onde hai, na mesma cidade dúas parroquias que teñen a esta santa como patroa.

Ourense é a capital onde se convertiron os suevos, que eran arrianos, ao cristianismo católico.

Tamén Ourense é chamada a Minerva galega, polos sabios galeguistas que alí moraron.Lembremos a Otero Pedrayo,Cuevillas, e Risco entre máis.
En Vilouchada, ábeira do Tambre, había un mosteiro que tiña culto e reliquia de santa Eufemia. E de alí derivou o culto a moitas das nosa freguesías, como son Rus, Bértoa, Leira.

Como sempre pasa cando estamo ante un santo, ou santa , moi antigos, pero moi populares, axiña xurden lendas, estereotipos, para encher un valeiro que o pobo non quere aceptar.

Vexamos a s imaxes da santa, coa palma na man, e duas coroas nela: a da virxinidade e a do martirio.

Santa Eufemia, como Santa Mariña, ou Santa Margarida, son modelos de virtude que debemos imitar,ademais de pediremos a súa intercesión.

sábado, 13 de septiembre de 2008

RECEMOS A SALVE NO DIA DE SAN PEDRO DE MEZONZO

Parroquia San Pedro de Mezonzo na Coruña

O 10 de septembro, temos en Galicia a festa de San Pedro de Mezonzo. Abade dos Mosteiros de Mezonzo e Sobrado,tamén foi bispo de Compostela, mesmo nos anos derradeiros do século X.
Almanzor chegou a Compostela e desfixo a cidade.S.Pedro de Mezonzo consegiu que se respectase o sepulcro do Apóstolo.O noso santo ergueu de novo a cidade e compuxo aquela oración Salve Raiña,Nai de misercordia, que aprendemos a rezar de nenos, e seguimos rezando a cotío.
Disque S.Pedro de Mezonzo era natural da parroquia de Santa Baia de Curtis. Alí está de párroco, desde hai dous anos, o amigo D.Manuel García Souto, nacido acó en Bergantiños, na parroquia de Corcoesto, e que exerceu un ano, como diácono en Carballo.
Visitando a parroquia de Curtis, tamén coñecida como Teixeiro, vimos que no adro teñen unha imaxe de S.Pedro de Mezonzo.Vimos tamén que toda a quela bisbarra é un val, moi chan,verde, con moitas árbores do país.Pensei que esta puido ser a terra do noso santo, que levou nbo seu corazón toda a vida. E cando dixo que este mundo é un val de bágoas, tivo que acordarse deste val de Curtis.
Frase coñecida a de S. Pedro de Mezonzo.Esta vida é un val de bágoas, pero contamos coa axuda de Nosa Señora, Santa María, Raiña, Nai de Misericordia, que nos leva a Xesús, o froito bendito de seu seo.

viernes, 5 de septiembre de 2008

EN SEPTEMBRO: INVOQUEMOS A MARÍA NAI MILAGROSA


Xa está quí septembro.O mes da reentrada.Vainos costar a todos axustarnos a horarios concretos, apremiantes.Exames, clases.Os areais irán quedando desertos.O Sol déixanos cada día mais pronto..Manda os seus raios inclinados, temos mais sombras.Poida que tamén resfriados.
Mais septembro ten un particular carácter mariano.Bergantiños móveses, no verán, entre dous santuarios marianos de ran sona e concurrencia. O día da Asunción os devotos bergantiñáns (coma dubreses e xalleiros) corren cara Vilamaior, parroquia de montaña.


Hai moitos devotos que ofrecen misas a Nosa Señora de Vilamaior.
Agora, o día 8, que é a Natividade de Nosa Señora, Bergantiños acude a Caión, xa pola véspera.Vai, sobre todo, a mocidade e peregrinan a pé.Quendas de xente nova, cos seus caxatos ou varas na man, alegran o camiño que leva a Caión.


Este é un santuario na vila mariñeira, co mar por diante. Unha panorámica fastuosa.


Os noso xóvenes ofrecen a Santa María o noco curso, cos seus anceios de empezar e rematar ben.Pois que Nosa Señora os protexa a todos.
E no centro de Bergantiños, aquí en carballo,a Festa de Nosa Señora, a Virxe Milagrosa, no seu santuario do Campo da Feira. A moitedume congregada, está moi atenta á Misa que se celebra no exterior. A xente achégase a sombra dos edificios próximos, e segue, en pé, a celebración da Eucaristía.


Procesión, despois, sobre un alfomrado vexetal, artístico, que cada ano admiramos, pero é un secreto, que ,á tal hora, estan deseñando as mentes máis esclarecidas daquel barrio.


¡Parabéns pola obra doutros anos, e pola que veremos este ano, de igual ou máis fermosura ca dos outros anos!


jueves, 28 de agosto de 2008

ROMARÍA DOS MILAGROS EN ERBECEDO



Rematando o mes de Nosa Señora, agosto, váisenos o mes das grandes romarías.


Mais no día 30, sábado, teñen en Erbecedo a Romaría Nova , é dicir,a de Nosa Señora dos Milagros que ten a capela na Erbedeira, alí mesmo onde estivo a igrexa e camposanto de Erbecedo ata fai uns 150 anos, que foi cando trasladaron a sede da parroquia para Silván, edificandoa de novo en terreos cedidos pola Fundación do Santo Anxel.Por iso, tantas veces, agora o nome popular da parroquia é o de Silván, sen mais.


O Fundador daquela Obra Pía, D.Paulo Anxel Aldao e Breixo, moito ben fixo a freguesía de de Erbecedo, desde o século XVIII en que aquela Obra naceu.


Erbecdo empeza no cume do monte Castelo, polo sur; e limita con Ardaña, polo norte.


O Parque Eólico de Castelo trouxo unha importante axuda económica para as obras comunitarias da parroquia.


O Himno de Erbecedo canta a transformación que tivo esta freguesía debido ao espiritu emprendedor, traballador,dos seus veciños:

Arriscados os de Silván;
Hoxecoa máquina,onte coa man;
Onte na tilleira, hoxe no pan;
Erbecedo, corazón bergantiñán¡
Coma unha rula que canta,
pola mañanciña cedo,
con voz doce e branca,
así canta cada día,Erbecedo

Subindo Pico Sagro, chegamos á Capela de Cereixa.A imaxe de Nosa Señora ten, a cadaunseu lado, un labrego e un mariñeiro.Así é Bergantiños.Ten ademias a imaxe xoias que foron agasallo dos seus devotos.Que Nosa Señora bendiga, unha vez mais a esta freguesía de Erbecedo

sábado, 23 de agosto de 2008

FESTA DO DIVINO SALVADOR EN SOFAN E ERBECEDO



Hoxe é o día da Virxe Branca, que din no País Vasco. Entre nós dicímoslle NOSA SEÑORA DAS NEVES, porque unha coñecida lenda romana fala da neve que caeu en Roma un día 5 de agosto, sinalando o solar que sería para a Basílica de Santa María a Maior.


Temos imaxes de Nosa Señora das Neves en Artes e Erbecedo.E hai unha feita en mármore branco, obra do famoso escultor Gambino,na Capela do Faramello,en Rois.


Mañá, empezan as festas do Divino Salvador en Sofán e Erbecedo.Estamos nos resplandores do verán e cae moi ben celebrar a festa da Transfiguración do Señor, tal como a describen os Evanxeos.Unhya admirable catequese para coñecer a identidade de Xesús,coa condición divina e humana.


En Erbecedo hai unha imaxe de Xesús co mundo n aman,pois é proclamado o Salvador do Mundo.


En Sofán,no retablo mayor,hai a escena da Transfiguración.Este retablo, e o chan da igrexa, e outras cousas máis, foron mellora promovida polo benquerido párroco de Sofán, agora xubilado,que foi D,Diego Ríos Noya, párroco emérito que descansa aló en Siguiero, preto do río Tambre.E non lonxe de San Xoan de Campo, no concelo de Trazo, que é a parroquia natal de D.Diego.


Fregeusía que tamén é a da madriña de Rosalía de Castro, a muller que levou á nosa poetisa a bautizar na Inclusa de Santiago.Da aldea do Raindo, en Campo, era esta boa madriña.Investiguen si queren, os nosos rosaliáns.


PARABENS A BERTOA NO DÍA DE SANTA MARIA

Neste mes que os antergos chamaban de Nosa Señora, o día central é o 15 de agosto, festa da Asunción de Santa María, a Nai do Señor.

Día de Santa María en todo o mundo que diría un paisano galego. Por iso non podemos traer aquí a quenda de parroquias que van ter a sú festa patronal.
Carballo ten, polo vendaval, Santa María de ARDAÑA, freguesía a que estivo unido nalgún tempo.


E polo norte, Carballo ten Santa María de BERTOA.Mesmo o territorio da marxe dereita do Allóns foi coñecido como Bértoa da Lagoa.


Bértoa é unha parroquia con importante engado:Igrexa ben restaurada, do s.XIX, con un adro amplio.Un conxunto en perfecta simetría.


Cruz parroquial do XVIII, documentada no Inventario do profesor Castillo.Custodia que leva no seu fuste un templete co Agnus Dei, coma a de Síasamo e a de Carballo.


Nas procesións de Bértoa van dous cetros que seguramente responden as Cofraderías que había na freguesía.


Un coro parroquial que dirixe Miguel Gordillo, mestre da guitarra, experto musical.


E quero salientar a imaxe das patronas de Ardaña e Bértoa.Aquela semilla unha paisana bergantiñá que leva o pano a cabeza, coma unha pañoleta.


A de Bértoa invita a erguir os corazóns, animando así a suspirar pola paz e felicidade que Santa María xa ten e para sempre.


A transformación da Igrexa de Bértoa, desde hai poucos anos,é manifesta.Retablo mayor pintado con gusto, imaxes recuperads, o Cristo gótico preside agora a bautisterio; a Casa Rectoral , salvada da ruina. Agora xa os bertoenses poden ver e trepar o lousado de cantería original, na súa igrexa.


Permítanme engadir que o servizo pastoral que vén prestando o párroco D. XESUS ANTELO QUINTANS ,foi o que puido lograr tantas melloras,para o que contou sempre coa colaboración dos fregueses de Bértoa.
¡Parabéns a todos polo ejemplo de unidade e amor á parroquia, que nos deron!


viernes, 22 de agosto de 2008

CANTEMOS O HIMNO DE SEAVIA


Hoxe, día 19, e o Sacramento de Seavia. Na procesión sairá a custodia do s.XVII que o mosteiro de San Paio deu a esta parroquia, onde houbo un priorato benedictino.Custodia que, xunto con outras xoias de Seavia,estiveron exportas en San Martiño Pinario no Ano Santo do 2004.

Queremos decir dúas palabras sobre uns versos do Himno de Seavia que coido, ao mellor non se entenden ben de todo.
Así, cando se dí Vinde acó galegos de Suecia, o voso acougo é Seavia, esta frase é unha alusión ao reino suevo que rexiu Galicia, case douscentos anos, nos sécalos VI e VII. Entenden algúns que aquel tempo significou que Galicia fora independente.Desde logo tivo persoeiros sobranceiros como San Martiño Dumiense e San Fructuoso.

Polo tanto, o centro , o recordo daquel período aureo de Galicia, hoxe é Seavia.Queda así evocado.

Outra frase que ten contido importante no Himno é: Seavia é ata Pereiras.. Isto é unha proclamación do gran territorio que tivo Seavia e que o cedeu a favor de San Paio de Coristanco e San Miguel de Couso,en dúas ocasións distintas.
Así , no ano 1864, a aldea do Carrizal, e por 1910, a aldea de Pereiras, deixaron de ser de Seavia por determinación dos Arzobispos.Sendo antes o Rego da Rabuxenta, a división, polo solpor,entre Seavia e as fregeusías antes mentadas.
Tamén hai documentación de que o territorio que hai entre Salgueiras e Castris, nos vellos tempos, era traballado, alternativamente, polos veciños de ambas aldeas.

Perdoen esta incursión no pasado.Sexa todo para felicitar a Seavia, gande e con grandeza, neste seu día do Santísimo.



jueves, 7 de agosto de 2008

SAN FINS DO CASTRO




Nos primeiros de Agosto temos unha romaría moi coñecida na redonda de Bergantiños. Esta vez é na parroquia de Cesullas, concello de Cabana de Bergantiños.


Nunca paraxe con carballos, vidueiros, fonte ecapela, alí honran a San Fiz (ou San Fins), martir, executado en Xirona, a comezos do S. IV. E nesta catedral os seus restos mortais.


En Catalunya este santo é
moi venerado, e aparece o seu nome Feliz,tanto na onomástica persoal,coma na toponimia. Esto amosa a popularidade de San Fins do castro.


Este santo foi cantado nos versos dun acreditado poeta, Prudencio, nado en Calahorra pero sempre citado como de Zaragoza.


Prudencio fixo moi famoso a San Fins, como tamén no seculo IV no que el viviu, fixo popular a Santa Baia de Mérida.


Mais importante para nós é saber que en San Fins de Solivio vivía aquel ermitan Pelaio que axudou a descubrir, á comezos do século IX, o Corpo de Santiago en Compostela.


Velaí a San Fins venerado, desde tempos moi antigos, na nosa diocese.


En dereito mesmo de Compostela, cara occidente, temos San Fins de Brión, que tamén empeza Agosto coa festa patronal. Desde as Torres de Altamira,en Briós, vense as de Compostela.


O Conde de Altamira chegou a dominar no século XV un amplo territorio na Costa Morte, no que tiña os castelos de Vimianzo, Ferreira,Mens, e mesmo parte da Vila de Malpica.E bastantes parroquias de por aquí foron patronato do devandito Conde.Mesmo a parroquia de San Estevo de Cesullas foi presentación do Conde de Altamira.


A pregunta é:¿Sería tal persoeiro o que promovería en Cesullas o culto a San Fins?.Velaí unha hipótesis que poden estuar os expertos.


Ben quixéramos que a romaría de San Fins do Castro fose un modelo, un prototipo de romería enxebre, clásica, tal como a quixo D.Saturnino Cuiñas Lois, o benemérito párroco folclorista, tan homenajeado e recordado en San Fins do Castro

jueves, 24 de julio de 2008

NA FESTA DO APOSTOL





Estamos ás portas da festa do noso Apóstolo, Santiago o Mayor.Anque algo lonxe de Compostela, a Costa da Morte e Bergantiños teñen bastantes igrexas adicadas a Santiago.


Así temos, en Sonería: Loroño, Carreira e Traba.
En Bergantiños: Sísamo.
En Laracha: Arteixo e Vilaño.
En Seaia: Mens.


Todo isto fainos pensar na influencia que o sepulcro en Compostela exerceu sobre estas terras.Dependencia despois ratificada polo gran Conde Traba, poderoso señor en tempos do arcebispo Xelmírez.Era aquel Conde, Don Pedro Froilaz, un home piadoso,amigo de Xelmírez, colaborador nos proxectos de grandeza religiosa e politica que aquel arcebispo tiña para Compostela.


Os plans políticos non foron acadados, pero a devoción xacobea daqueles dous persoeiros quedou acó para sempre.
Veneramos, pois, o Santiago Peregrino, camiñante, evanxelizador, que vai co seu bastón e o libro do Evanxeo, leva presa, mira cara adiante porque ten moito que percorrer.
Temos tamén o Santiago Cabaleiro, froito dos romances medievais, nos que o cabaleiro defendía ós pobres, loitaba contra o mal. "Deshacía entuertos", como Don Quijote, o derradeiro cabaleiros dos nosos libros de tal xénero, que remataron cando Cervantes compuxo o seu famoso libro sobre o Hidalgo de la Mancha.


Todos os curas temos unha forte querencia pola cidade de Compostela. A Catedral,o Sewminario, San Martiño Binario son capítulos decisisvos nas nosas vidas.


Anque moi sabidos, vou rematar con aqueles versos de Gerardo Diego:
"También la piedra, si hay estrellas ,vuela
sobre la noche biselada y fría,
creced, mellizos lirios de osadía,
creced, pujad, torres de Compostela"

miércoles, 16 de julio de 2008

CON ROSALIA, CELEBRAMOS O CARMEN




A festa de Nosa Señora do Carme. Advocación que levaron, e ainda levan, moitas mulleres da nosa terra.


Neste día 15, pero do ano 1885, ás 12 do mediodía, falecía Rosalía de Castro, na Matanza, en Padrón Hai ,pois, 123 anos. Era Ano Santo e ela, gran creente, recibidos os Santos Sacramentos, ainda manifestaba que quería reòñerse e ir a Santiago en peregrinación. Naquela hora, as campanas de Bastavales, que ela cantara, anunciaban a romaría do Carme.
E así , hoxe, en moitas parroquias.


Nas da beiramar, empeza agora unha temporada na que se poderán ver devotas procesións pola ría, coa imaxe do Carme.
Mariñeiros e labregos, que son a esencia da Galicia tradicional, manteñen a devoción á Nosa Señora do Carme. Temos todos a certeza de que viaxamos, traballamos, en terra ou mar, e temos que loitar contra as ondas feras que se levantan nos mares da nosa vida.E clamamos a Nosa Señora.


Sabemos o escravo que é o traballo no mar, o perigoso que é;os naufraxios que de vez en cando se producen.¡Hai tantas orfandades, loitos na beira-mar!


Encomendamos ós nosos mariñeiros a Nosa Señora do Carme.Pero tamén erguemos a voz para reclamar mais medios para seguranza dos traballadores do mar; un descanso semanal efectivo;un precio para o pescado que sexa xusto e compense tanto esforzo, perigo, nocturnidade, xornadas intensivas, alonxamento da familia ariñeiros de baixura, altura ou mariscadores son un sector social que merece as nosas atencións


miércoles, 9 de julio de 2008

SAN CRISTOVO NOS PROTEXA




Agora , mediados de xullo, empezan as romerías adicadas a San Cristovo.


As parroquias de Lema e Xavestre, que o teñen por patrón, abren o camiño destas festas.No remate do mes, outras parroquias , como San Cristovo das Viñas (na Coruña),Erviñou e Portomouro (en Dubra) honran a este santo.


Carballo resérvase para ter a festa no Santuario de San Cristovo , o primeiro domingo de agosto.


Cáenos preto Lema.No retablo maior, de comezos do século XX, hai unha imaxe na que o santo, entre admirativa, interrogante, escrutadora, dirixe a súa mirada ao Neno Xesús que leva no seu ombreiro esquerdo.


Somos moitos os que invocamos a San Cristovo cando emepzamos as nosas viaxes. Que non nos falta a súa compaña para que teñamos prudencia, respetando así a propia vida e a dos demais.


Lema ten outras belezas que hai que salientar.Un presbiterio románico, unha sacristía na que se poden admirar as ménsulas románicas que ornamentaban o exterior da igrexa.A restauración da sancristía e melloras previstas para os retablos laterais, de gran valor, están recuperando a fermosura desta igrexa de Lema.


Terra de bo clima, pos está mesmo a nivel do mar.Aquela é a horta que enche de verduras e froitos do campo a praza de Carballo, nos días de feira ou mercado.


A Ría de Lema (así cahamaban á alfubeira) cos seus poucos centímetros de auga penetrados polos raios do Sol, cría moluscos que son o alimento de moitas aves que apousan e aniñan naquel humedal. Temos que amosar un gran coidado a este complexo de beleza e vitalidade que distingue á beiramar de Carballo.


jueves, 3 de julio de 2008

FELICES VACACIONS




Xa estamos no mes de Santiago. Ateigadas van estar as nosas praias.



O Sol, dourado,encherá de calor, cor e alegría a ribeira do mar bergantiñán.



Azul turquesa deica ao horizonte;azul celeste arde as augas son menos profundas.Todo ribeteado de cenefa branca, que é a escuma das ondas que chegan exhaustas, que morren, sobre a area abrancazada.Tanto loitan as ondas , que cando chegan cansas, parecen poñerse de xionllos ante o paífico espectador.
As gaeivotas despregan as súas ás, e fan un coro monocorde que nos sitúa no ambiente.



A invasión de ondas que, en armoniosas quendas, van vindo, chega de Arnadoos en Razo, deica a Pedra do Sal, en Baldaio.
En terra, asembleas de piñeirais son acunadas polo vento mareiro. Verde escuro no monte, verde esmeralda nos prados e labradíos.



No linde do horizonte, solitario e maxestáticos, un trasatlántico navega cara a Coruña.



Tanta beleza chámanos ós creentes, a reflexión e meditación.
Pero algo que engadir:



-A estrada que vai de Carballo a Razo é estreita e retorcida. Non queremos tyer tristes noticias do gran trafego que vai ter.
-O Sol é perigoso para a pel se estamos expostos a el en horas do mediodía, sen protección.Disque estan aumentando os cancros de pel e as espunllas desta natureza.



-Sentidiño, pois, pero coidado hai que ter especialmente para ós nenos, pois teñen pel mais delicada.
¡Así poderemos ter felices vacacións!





lunes, 30 de junio de 2008

NESTA MAÑÁ DE SAN XOÁN SAUDAMOS




Nesta mañá de San Xoán saudamos a todos os que neste día lavaron a cara coa auga posta ao resío da noite, con caraveles e fiuncho. Ou saltaron na cachela.


Saudamos a todos os que teñen a súa casa enramada con espadanas, hortensias, etc para que non entren as meigas.
Saudamos a cantos nesta alborada viron bailar o Sol; ou cantar os galos na lagoa de Alcaián; ou bailar as meigas no alto de Monte Neme.


Hoxe hai moitas festa de San Xoán, patrón tamén de Carballo.
Aquí temos dúas imaxes de canon menor.Unha , de forma clásica: O Santo leva o Año de Deus enriba do libro da Sagrada Exc ritura.Esta fermosa imaxe sal na procesión.
Outra, na que o Santo está sinalando coa man ao Año de Deus que está ancrado no chan, a carón.


E hai dous cadros coa escena de San Xoan bautizando a Xesús Noso Señor. Un estáno bautisterio, que é da aotoría e doazón de Antoñita Villaverde Pumar, artista natural de Carballo e residente na Coruña.


Outo cadro está no testeiro da Igrexa, obra dun laureado pintror de Benidorm: Miguel Ribes Sogorb, regalo dun devoto carballés.


Mañá é o día do Santísimo sacramento en Carballo. Procesión longa e devota, con tres altares esperando a chegada da Santa Forma e alfombras de flores que son expresións de gusto, arte e devoción.


Conta agora Carballo con tres custodias. A século XIX, de cobre sobredourado, con un templete no nó, deseño igual ao que teñen as custodias de Sísamo e Bértoa.
Hai uns anos, un particular doou a custodia que se expón cada xoves na cripta de Igrexa.


Este ano, o día do Sacramento, irána procesión, por vez primeira , a custodia arxéntea que hai pouco doou a Cofradía de Nosa Señora das Dores. Ë un modelo conformado coa vella tradición galega, na que a Sagrada Forma vai enmarcada nunha especie de retablo rectangular.


Remataremos coa festa de Nosa Señora do Carmen. Mariñeiros somos todos que loitamos contra as ondas feras do mal.Pero Carballoçe tamçen mariñeiro porque aquçi asçentase unha importante industria do mar que axuda a vivir a moitos bergantiñans.



lunes, 23 de junio de 2008

XORNADAS PROPOSTAS POLA ONU



A ONU propón moitos días do ano para pensar en necesidades e problemas do noso mundo. Esta semana caen varios deses días. Repasémolos.


Hoxe, 17, é o Día contra a desertización a a sequía: O lume nos montes déixanos sen as arboredas que conservaban a humidade, atraían a chuvia, limpaban o aire, fermoseaban a paisaxe. Pero, o lume, ademais levanta a terra vexetal, vén a chuvia e arrastra para entullar os ríos, que mal poderán así criar peixes.


O deserto e a sequí veñen xuntos para a nosa terra.Non coidemos que é cousa, somentes, das terras do sur de España. Cada ano a natureza intenta florecer, recuperarse, pero cóstalle traballo, e as árbores e tantas aves que viven nelas van desaparecendo.


O día 20 é o Diía Mundial dos Refuxiados: Campos de Refuxiados hainos sempre que hai unha guerra, un terremoto, unha inundación. A corresponsabilidade humana ( e para nós, a caridade cristiá) ten que acudir, antes ca ninguén, na axuda necesaria. Cada vez colaboran mais os estados. Non sei se non será, nalguns casos, para tratar de borrar as acusacións sobre as inversións que se fan en armas para matar e destruir.


O 21, con San Luís Gonzaga, poñen o Día da Música. Pero nós, os católicos, temos no 22 de novembro, con Santa Cecía como Patrona, o Día da Música. Aproveitemos o 21 deste mes de San Xoan para cantar, vista a fermosura de Bergantiños neste mes do Santo Patrón de Carballo.

miércoles, 11 de junio de 2008

FESTAS DE SAN ANTONIO DE AGOLADA E SAN ADRIÁN DA PIÑA



Estamos ante dúas festas moi populares en Bergantiños: San Antonio de Agolada e San Adrián da Piña.A primeira no concello de Coristanco;a segunda no concello de Carballo,lindando xa co concello de Larcha.


San Antonio ten na Agolada celebración moi concurrida en cada primeiro domingo de mes. Hai feira alí e unha fonte presidida por unha imaxe pétrea do santo,que é copia da que hai na igrexa. A da fonte,é obra dun recoñecido artista bastavaleiro, que ten obras en Seavia, Bastvales, Verdillo e tamén na Praza do Concello de Carballo.


Por outra banda, San Adrián da Piña abre as celebracións que, adicadas ao mesmo santo haberá en Malpica,con San Adrián do Mar; en Corme,Razo, Bértoa, Verdes, Freixeiro, e noutras parroquias.


Este santo está adornado coa lenda que todos, moitos polo menos, xa coñecen. Era o tempo da chegada á Nosa Terra do Cristianismo.Víu o santo que aquí había un culto moi extendiddo as serpentes, deu un golpe no chan, e todas fuxiron para acovellarse debaixo das pedras. Ben trovado, que diría un italiano.


Adrián era un soldado romano e o seu enfado, a súa autoridade puxeron fin o culto ofiolátrico que os "Sefes", un pobo primitivo de Galicia, tiñan como propio.


Batemos así coa serpente que hai na pedra do cruceiro de Gondomil. E coa illa Sepeira, alí preto, alí preto. Pero os expertos non saben definir a que cultura pertence aquela enigmática serpente que repta na base do cruceiro.
Hai quen a vencella a lenda de San Adrián;hai quen entende que poidera ser o pé dun cruceiro cristián, onde se expresara o mal, como aparece no Libro do Xenesis, que motivou a victoria de Xesucristo na Cruz sobre o pecado, rematada na Resurreción.



miércoles, 4 de junio de 2008

ANIMO, ESTUDANTES



Estamos a rematar o mes de maio e queremos ter unha lembranza para os nosos estudantes.


Chega a hora dos exames, que é a hora do gran esforzo e tremor polo resultado dos mesmos.


Os nosos estudantes, de todos os niveis,están nun intre de concentración para recoller na mente, os saberes, conceptos e ideas, que precisan para superar o curso.


Os bos alumnos, (coidamos que son os máis) foron aproveitando, sementando durante o curso, agora chega a hora da recolleita.Será para ben.


Se houbo algúns que, a pesares dos esforzos e traballos dos señores profesores, deixaronse ir levados pola perguiza, ístes son os que mais preocupan.


Os profesores, os compañeiros, todos van colaborar para que o curso rfemate con ben, e todos teñan as chamadas merecidas vacacións. Gran satisfacción haberá nas familias, nos centros de ensino, se os resultados escolares son os desexados.
Sabemos que hoxe domina o imperio da imaxe, o ordenador e moitos medios que facilitan a ensinanza.Pero o esforzo de cada quén resulta im prscinble, hoxe e sempre.


Tanto naqueles tempos das veterana pizarra, ou u ábaco para os cálculos aritméticos;como no tempo das perfectas máquinas para nun intre calcular.


Sempre digo, a atención do alumno é algo elemental, necesario, para a formaci´on intelectual.


Que haxa paz e sorte nesta hora dura para o estudantado.