sábado, 12 de mayo de 2012

Vodas sacerdotais

 

 

Temos que falar das Vodas de Prata, Ouro e Diamante que, como cada ano, terán lugar o vindeiro venres día 11 de maio na Catedral en solemne acto que presidirá o Sr. Arcebispo. Falamos dos sacerdotes que cumpren 25, 50 ou 60 anos de sacerdocio na nosa diocese.

Lembremos aquí a tres compañeiros que por pouco, a morte non lles deixou ter nesta vida a celebración das Vodas de Diamante. Foron os sacerdotes D. Xosé García Verdía e D. Anxel Collazo Amado que recibiron sepultura en Soandres e Reboedo respectivamente. Desta promoción era tamén D. Xoán Gándara Pérez, natural de Vimianzo, párroco de Santiago de Traba, hai poucos días falecido.

Estes sacerdotes foron ordenados polo Cardeal Quiroga (daquela aínda somentes arcebispo) no Congreso Eucarístico Internacional que houbo en Barcelona nos últimos días de maio do ano 1952. Foron ordenados daquela un grupo de 20 presbíteros. Deles queda, entre outros, un ilustre sacerdote bergantiñán, D. Manuel Gesto García, que foi organista no Seminario e na Catedral. Hoxe é un coengo xubilado que gusta de vir, con frecuencia, pola súa pequena patria que é a parroquia de Noicela.

Parabéns a todos, e que sigan favorecendo co seu servicio á nosa igrexa diocesá.

No hay comentarios: