martes, 28 de febrero de 2012

San Rosendo

 

O primeiro de Marzo é día de San Rosendo. Este santo do s. X é unha polifacética personalidade. Vexamos:

- De familia políticamente poderosa. Así, o rei Ordoño III nomeouno gobernador de toda Galicia.

- Foi abade do mosteiro de Portomarín, e fundou o de Celanova, onde está soterrado.

- Foi bispo de Mondoñedo e de Compostela. Algúns din que de Compostela tan só foi Administrador, pero o sabio mestre que é D. Segundo Pérez López di que a figura de Administrador non existía daquela.

- O mosteiro bergantiñán de Almerezo (A Graña, Cospindo) pasou a depender de Sobrado. E na documentación medieval deste mosteiro temos noticia das posesións que a familia de San Rosendo tiña en terras bergantiñáns.

Outra particular relación que ten Bergantiños con San Rosendo é que, na Coruña, hai unha parroquia creada polo Cardeal Quiroga que ten como patrón a San Rosendo. Este Cardeal, como bispo que fora de Mondoñedo e natural de terras ourensáns, tiña particular devoción polo santo bispo galego.

Pois ben. Párroco de San Rosendo da Coruña é un ilustre bergantiñán, D. Ramón Antelo Pena, natural de Arixón, na parroquia de Seavia. Non hai moito o señor Antelo Pena declarou a un periódico que Seavia era a terra máis fermosa que el coñecese e que Arixón e todo un paraíso que el visita frecuentemente.

Cando todo isto di D. Ramón ten que ser verdade. Moito me aleda sabelo, porque eu penso o mesmo ca el.

No hay comentarios: