martes, 26 de abril de 2011

A PASCUA CRISTIÁ

Despois da camiñata da Coresma, a nosa Pascua. A Pascua Cristiá entronca histórica e teolóxicamente coa Pascua hebrea. Para estes, era a lembranza da saída de Exipto e, tras o deserto, a chegada á Palestina.

     Xesucristo celebrou esta Pascua, pero él empezou a Pascua definitiva, que é victoria sobre o mal, o pecado, a morte, para él e para todos nós.

     Toda a súa vida é o Misterio Pascual que renovamos na Eucaristía, pero tamén con signos que o pobo crente gusta poñer de relevo. Así:

  • As palmas ou ramos de oliveira do Domingo de Ramos, presaxian a victoria da Resurrección
  • As velas de Xoves Santo son testemuñas do acompañamento a Xesús sacramentado na hora da institución da Eucaristía e da traición de Xudas.
  • O cirio pascual vai presidir toda acción litúrxica durante o ano, significando a victoria sobre a morte, iniciada en Cristo Cabeza nosa.
  • A auga bendita que se leva para as casas é un recordo e presencia do bautismo, inicio da nosa vida na comunidade de crentes. Tamén queremos que a vida familiar, nas nosas casas sinta a renovación e alegría da resurrección.
  • Dentro dos xestos e costumes familiares, temos o dos padriños do bautismo. Sabedores da renovación das promesas do bautismo na Vixilia Pascual, eles síntense comprometidos gozosamente no deber de animar ós afillados no camiño da vida cristiá.
  • Un ovo é unha célula soa. Dela sairá a vida. Un ovo é un sol que irradiará calor na familia.

 

Como Cristo resucitado: vida e calor para a humanidade.

¡Aleluya!

martes, 19 de abril de 2011

Estamos na Semana Santa

     En Semana Santa, as rúas de toda España son escenario de grandes e devotas procesións. Figurarán os pasos tradicionais que o pobo, crente ou non, terá que admirar. O misterio da dor humana está presente para todos. O Crucifixo expresa esa realidade. Trátase de Cristo que asume a morte conscientemente e ofrece a súa vida a Deus por todos nós.

     Polo tanto, as procesións son unha expresiva catequese para que uns revivan a súa Fe, e para outros que poidan interrogarse sobre o sentido da vida.

     Andalucía, Zamora, Murcia,… ofrecerán os máis valiosos pasos da Semana Santa.

     Que pode ofrecer Bergantiños nas súas igrexas para esta Semana?

     Coido que o seguinte:

  •      En cruceiros, temos o de Sofán, do século XVII, o máis antigo.
  •      En cruces parroquiais, a de Verdes, Verdillo, Bértoa e Rus. Unha gran ourivería que honra a Bergantiños.
  •      En Cristos Crucificados, de talla maior: o Cristo gótico de Bértoa, o da Capela da Milagrosa e o da igrexa en Carballo. O de Oza amosa singular patetismo.
  •      Os Cristos de Ferreiro, o gran artista noiés, que gardan as igrexas de Sofán e Razo.
  •      A talla da Dolorosa de Carballo. A Dolorosa de vestir, de Carballo que leva manto bordado en ouro con artístico recamado, pola devoción da Cofradía.
  •      A ceremonia do Desencravo, en Sofán, e o Via Crucis que aparece no valado do adro desta parroquia.

     Rematemos con dúas imaxes singulares, como son, o Resucitado do santuario de San Cristovo, e o do retablo de Goiáns.

     Sen duda, moito máis se podería dicir do patrimonio artístico relixioso que Bergantiños conserva, referido ós misterios da paixón, morte e resurrección do Señor. Pero baste o devandito para estimularnos a vivir a Semana Santa, revestíndonos dos sentimentos propios de Cristo Xesús, como nos di o apóstol Paulo.

martes, 12 de abril de 2011

Chega a Semana Santa

     Chegando estamos á Semana Santa. É unha celebración na que se conxuntan datos históricos, xeográficos, celebracións populares e litúrxicas.

     Pero, con iso todo como marco necesario, o principal para ós crentes é que celebramos un misterio da nosa Fe: a paixón, morte e resurrección do Señor Xesús, que leva consigo a nosa resurrección xa conseguida por Él.

     Hoxe, nestes tempos, hai moitas visitas a Terra Santa, son moitos os que estiveron no escenario daqueles misterios. Adoitan traer recordos de Terra Santa. Así, auga do Xordán, aceite disque feito coas aceitunas das oliveiras do Horto de Xetsemaní, terra alí recollida. Moi apreciables estes recordos, como tamén os rosarios que alí fan con madeiras de albres bíblicas.

     En España temos un anaquiño da Cruz que levou Xesús na súa paixón. En Liébana, Cantabria, seica está o anaco meirande dos que se conservan daquela Cruz.

     En Oviedo teñen o Santo Sudario, unha peza que cubría a cabeza de Xesús no seu enterramento.

     En Valencia, é ben coñecido o Santo Grial, o cáliz da Santa Cea.

     Dito todo isto cos respectos que merecen estas reliquias, dentro dos problemas históricos que poida haber.

     E postos a facer recontos, sinalemos tamén as reliquias do Santo Apóstolo que conservamos en Santiago, xunto coas dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.

     Que o devandito sirva para entrar no ambiente propio da Semana Santa.

martes, 5 de abril de 2011

No Día da Saúde

    

O sete de abril é o Día Mundial da Saúde. A todos nos afecta. Aquí en Carballo hai a Rúa da Saúde, agora moi ben urbanizada, silenciosa, de antigo trazado. Quizáis a súa proximidade aos baños termais, ou debido a radicación alí dalgunha casa de saúde, poidera iso ser a razón daquela peculiar denominación. Pero os expertos no urbanismo ou no rueiro de Carballo, son os que saberán dicir.

     A saúde dos maiores, a dos que son enfermos non válidos por si mesmos, é a que máis preocupa.

     A Lei de Dependencias, levantou moitas esperanzas. Pero é necesario que se cumpra tanto cos enfermos, coma cos propios cuidadores que son merecentes de formación e atención sicolóxica especial.

     Cada vez vemos máis xente en cadeira de rodas polas rúas. Mesmo xente nova. Pero aínda hai moitas barreiras arquitectónicas, hai lugares de difícil acceso para estes enfermos. Temos pendente a normalización na sociedade destes non válidos.

     Os Xogos Paralímpicos son toda unha lección para animar a estes minusválidos. Para nós é admirable ver como loitan por superar as súas dificultades.

     Pola súa parte, Caritas, cos seus Centros de Día, e outras actividades faise presente na sociedade realizando a Mensaxe do Evanxeo onde os efermos, os pobres, son os predilectos.

martes, 29 de marzo de 2011

Á Milagrosa de Carballo

[Estampa de la Virgen Milagrosa]

Paseniñamente imos indo neste ano prexubilar do centenario da Capela da Milagrosa. Están coas obras de restauración daquel complexo. Non esquezamos a preparación espiritual.

 

     Para conmemorar o acontecemento hai comisións que veñen traballando.

     Un xubilado, poetastro el, tamén puxo a súa minerva ao servizo da Milagrosa, e compuxo uns versos que co permiso do autor e de todos vostedes, imos copiar.

     Din así:

Velaquí, onda ti vimos

os fillos de Bergantiños.

Bendícenos, Milagrosa,

ós camiñantes peregrinos.

Gloria es da nosa vida

refuxio de pecadores,

en Galicia, benquerida,

raíña dos nosos amores.

Axuda es nos pesares

santa do Campo da Feira

naiciña dos nosos lares

amada na terra enteira.

Salve, Virxe Milagrosa,

Carballo, que te adora,

ponche esta triple coroa:

Raíña, Nai e Señora!

martes, 22 de marzo de 2011

No Día da Aguga

Cascada del Ézaro

Este día, 22 de marzo, é o Día Internacional da Auga. Tamén foi preciso ter un día para pensar na auga como un ben imprescindible e tantas veces mal tratado.

     Aos nenos, nos colexios, falaranlle do ciclo da auga: as nubes , a choiva, a evaporación, augas subterráneas.

     A auga do mar e a dos ríos.

     As augas minerais que bebemos acotío; as augas medicinais e as augas termais como as de Cuntis, Caldas, Arteixo e Carballo.

    

     Cada vez a sociedade vaise decatando da importancia da auga para a saúde. Así está anunciada unha volta ós balnearios que tan recomendados eran en tempos de antano.

     Galicia ten o 20% dos balenarios de España. Somos unha terra que xa os romanos cobizaban pola abundancia de augas termais. Por iso a eles se lles debe a descuberta, naqueles tempos, das fontes do balneario de Carballo.

     Reumas, catarros, afecións do ril e do fígado… Teñen a súa cura ou o seu paliativo, nos balnearios.

     Este Día da Auga, é unha chamada para respectar ríos e fontes; as praias, todo canto poidamos evitar contra das nosas augas. Un ben cada día máis escaso, máis valorado.

     Aquí tamén rixe o amor á natureza como obra de Deus para a mansión humana. Rixe o amor ao próximo, que precisa de auga limpa e clara, o amor aos peixes e animáis que necesitan auga como algo vital.

     Queda por dicir que a auga tamén é paixase, dinamismo, nos nosos lagos e fervenzas. Para esta beleza e sonoridade, temos que respectar a auga e as súas canles naturais.

     A Coresma é auga nova, limpeza para os nosos pecados e rexurdimento con Cristo resucitado, a unha vida máis achegada a Deus.

martes, 15 de marzo de 2011

Coresma

Estamos empezando a Coresma. Velaquí dúas formas de facer penitencia que coido serán moi saudables.

     Fumadores. – Deixar, sen máis, todo rastro de tabaco. Boa cousa para a saúde propia e a dos demais, boa cousa para a economía persoal e familiar. Boa cousa tamén para non ter que enfrontarse cos non fumadores, ou coa lei.

     Bebedores. – Ollo ao excesivo consumo de alcol. Outra enfermidade que temos que evitar. Conducción segura, para o coche propio e para os demais que circulan pola estrada. Tamén de absterse de alcol excesivo favorece a saúde, a convivencia, a economía.

     Para estas dúas penitencias cuaresmais requírese vontade, liberdade, decisión, dominio de sí… pois iso favorece a personalidade humana e cristiá.

     Coresma é ascese, entrenamento, para chegáremos a unha Pascua que é liberación dos nosos vicios e pecados e así con Cristo resucitar.

martes, 8 de marzo de 2011

O martes de entroido

      É o cumio desta temporada festiva.

     Hai o Entroido culinario: orellas, filloas, carne… e hai o entroido das celebracións na rúa. Aquí veremos comparsas, testamentos do Entroido, carruaxes moi adornados. Todo froito da imaxinación popular.

    

     As máscaras, as caretas, teñen, ou tiveron, particular protagonismo. Hoxe, máis ben, os disfraces.

     No teatro da antiga Grecia e en Roma, os persoaxes levaban caretas. Era a forma de representar o que a comedia ou traxedia quería expresar. Aparecían os deuses, as musas, o emperador, os escravos, os militares, os cónsules, os sabios, os ignorantes… Todos tiñan que levar a correspondente identificación na máscara.

     Tiña ésta, ademais, a función de servir de altavoz, porque non había outra megafonía. Velaí a orixe da palabra persoa, pois a máis chamativa careta levábana os grandes da sociedade. Tiñan a careta máis importante, a que soaba con máis voz. Resoaba máis.

     O noso Castelao tamén para representar a súa obra Os vellos non deben de namorarse quería que empregasen caretas, como no teatro clásico. Él mesmo pintou algunha careta para aquela representación.

     Volvamos ao Entroido. Todos queren representar algo distinto do que somos polo ano adiante. Aparecen na rúa os grandes xogadores de fútbol, os coñecidos políticos, persoeiros, locais etc. Tamén os heroes da TV.

     Ben. Despois do Entroido, a Coresma, que é o tempo de quitar a careta e volvernos cara a nosa realidade. Ante Deus non podemos levar careta. Sabe Él as nosas mellores intencións e as grandes fraxilidades, por máis que as queiramos ocultar.

martes, 1 de marzo de 2011

Día Internacional da Muller Traballadora

Mujer trabajadora

     O día oito de marzo é o Día Internacional da Muller Traballadora. Esta celebración, coma o do primeiro de maio, empezou con tristes sucesos que non queremos recordar.

     Pero hoxe temos que salientar e felicitar a moitas mulleres que poñen o seu traballo ao servizo da sociedade e da familia. Así:

  • As mulleres de Mans Unidas que hai máis de medio século veñen loitando na Campaña contra a Fame no Mundo. Este ano foron galardoadas co premio Príncipe de Asturias a la Concordia. O premio leva consigo a concesión de 50.000 euros que van ser destinados íntegramente a Haití.

  • As Fillas da Caridade, tamén premiadas con igual galardón hai seis anos. Traballan en hospitais, centros de atención a discapacitados, pobres, marxinados…

  • Exemplo particular son as monxas de Teresa de Calcuta, que acollen a canto pobre ou enfermo atopan nas rúas de Calcuta.

  • As relixiosas do Cottolengo, que atenden a toda clase de enfermos sen pedir axuda a ninguén. Confían só na providencia de Deus.

  • Tantas amas de casa, traballadoras do ensino, profesionais dos medios de comunicación etc.

  • Desgraciadamente, cada semana, a noticia ferinte, dorosa dunha muller vítima da chamada violencia doméstica.

  • Gloria, pois, honor a tanta muller que desde a comezo da humanidade, contribúe ao progreso e benestar de todos.

martes, 22 de febrero de 2011

O nacemento de Rosalía

    

Pasado mañá, xoves cúmprense 174 anos do nacemento de Rosalía Castro de Murguía. A nosa gran poetisa, símbolo da terra e cultura galegas, naceu o 24 de febreiro do 1837.

    

     Tempos aqueles da esclaustración e desamortización. Rosalía, que compuxera poemas ao Pórtico da Gloria, a Santa Escolástica, sentía vibración especial por Santiago. Na Inclusa do Hospital Real foi bautizada, anque non ingresou na devandita institución.

 

     O máis importante de Rosalía, para nós, agora, é que foi unha muller crente, que educou cristianamente a súa familia numerosa, que levou con paciencia a súa enfermidade, que pasou penurias pero, como dixo a súa filla gala, endexamais pasaba un pobre pola porta sen que recibira limosna.

     Foi profeta para denunciar a marxinación de Galicia, para recuperar a dignidade da nosa fala, e, recibidos os santos sacramentos, entregou a alma a Deus.

     Felicitémonos, pois, na celebración do nacemento de Rosalía de Castro, honor e gloria da Nosa Terra.

 

martes, 15 de febrero de 2011

A data da Pascua neste ano

     Preguntamos moitas veces sobre a variación nas datas para a celebración da Pascua. Interesa saber isto porque inflúe na celebración do Entroido e da Coresma.

     Houbo moitas discusións na antigüidade sobre isto. Agora a Pascua vén fixada por tres coordenadas:

  • Ten que ser na primavera. Polo tanto, despois do 21 de marzo.

  • Ten que ser no esplendor da lúa chea. Estas dúas condicións xa as había no pobo hebreo, pero de acordo co seu calendario luar.

  • Unha terceira condición, xa típicamente cristiá, é que ten que ser en domingo, o día do Señor.

     Agora se ven un almanaque deste ano que andamos, atoparán o seguinte:

  • Temos lúa chea o 19 de marzo
  • Non hai outra lúa chea ata o 18 de abril
  • Pero ese 18 de abril é luns. Polo tanto temos que ir ata o domingo 24. Este é o día da Pascua neste 2011.

 

     Poucas veces pasa isto. Quizáis algún día, por consenso de todos, teremos a Pascua en domingo a comezos de abril, como piden sectores ligados ó turismo ou á ensinanza

martes, 8 de febrero de 2011

Día Mundial do Enfermo

     Esta semana vén moi variada. Temos a festa de Santa Apolonia, que é a patroa dos dentistas. Unha profesión agora moi estendida porque xa todos coidamos máis a nosa boca.

     E os nenos aprenden a limpar a dentadura despois das comidas.

     Vén, no xoves a festa de Santa Escolástica. Quizáis a mellor escultura que fixo o gran artista Xosé Ferreiro, é aquela imaxe da Santa que está en San Martiño Pinario de Santiago. Seica o gran escultor inspirouse na Transfixión de Santa Tareixa, de Bernini. Contan que o rostro da imaxe de Ferreiro representa o da súa esposa. Cando entredes na igrexa de San Martiño, non vos esqueza admirar o conxunta da santa e do anxo que está á man dereita, entrando.

     O venres, día 11, festas de Nosa Señora de Lourdes, concelebración propia en Xoane. É o Día Mundial do Enfermo. Milleiros e milleiros acuden, ou son levados a Lourdes buscando o amparo de Nosa Señora.

   

     Tamén ese día, este ano cadra o Día de Xaxún Voluntario que é anuncio e preparación para a Campaña contra a Fame. Colaboremos todos porque iso é loitar contra a inxusticia que o mundo noso ten fronte ós máis pobres.

martes, 1 de febrero de 2011

A Costa de Xaneiro

     Rematamos a costa de Xaneiro. Pouco a pouco, paseniñamente, día tras día, chegamos a Febreiro. Este andar amodiño, fai lembrar aquel soneto do admirado Lope de Vega, que vai poñendo, verso a verso, a composición que lle pedían.

     É un exemplo moi coñecido pero imos recordalo. E di así:

           Un soneto me manda hacer Violante

    en mi vida me he visto en tal aprieto,

catorce versos dicen que es soneto,

   burla burlando van los tres delante.

              Yo pensé que no hallara consonante,

y estoy a la mitad de otro cuarteto,

mas, si me veo en el primer terceto

                    no hay cosa en los cuartetos que me espante.

             Por el primer terceto voy entrando

            y aun parece que entré con pie derecho,

      pues fin con este verso le voy dando.

                  Ya estoy en segundo y aun sospecho

que estoy los trece versos acabando,

contad si son catorce y está hecho.

     Admirable este Lope de Vega, o Fénix dos Inxenios. O rei dos sonetos.

     Nós, onte, rematamos os trinta e ún días da Costa de Xaneiro. Que Febreiro nos sea leve.

martes, 25 de enero de 2011

Octavario pola Unión das Igrexas

 

 

     Coa celebración da Conversión de Saulo de Tarso, quen, de ser duro perseguidor dos cristiáns, pasa a ser suave apóstolo de Cristo, rematamos o Octavario pola Unión das Igrexas. Este converso foi o apóstolo san Paulo, envanxelizador de moitos pobos por aquel mundo do século I.

     Os crentes en Cristo non estamos unidos como él quería que estivésemos. Na Última Cea orando, amosa Xesús un temor a esta desunión. Houbo na historia dúas grandes rachaduras da unidade da Igrexa. Os séculos XI e XVI foron testemuñas desta rupturas.

    

     Ecumenismo é un movimento que hai, mesmo dentro das igrexas desunidas, que busca a reunión.

    

    Hai moitos prexuízos acogulados no tempo que levamos separados.

    

    Os Romanos Pontífices, nos nosos tempos, adoitan seguir estas tres ideas:

  • Temos moito máis de común patrimonio na Fe, ca elementos discordantes ou discutidos.

  • A converxencia de todos ten que ser en Cristo, centro vital da nosa Fe.

  • O diálogo, perdón, sacrificio e oración, farán posible a nosa reintegración na única e mesma Fe.

martes, 18 de enero de 2011

Florecen as mimosas

     Con moito traballo imos subindo a costa de xaneiro. Moito máis costenta é para aqueles que non teñen a axuda dos 426 euros que recibían estando no paro. Tamén as nais de agora non teñen o cheque bebé.

 

     No medio de todo isto, parece que a natureza quere animarnos. Velaí as mimosas, flor do inverno, que sendo orixinarias de Australia, como o eucalipto, pon unha cor marela na nosa paisaxe.

    

     Temos que esperar ainda moito polo entroido pois este ano, a Pascua cae a mediados de abril.

     Mentres tanto, san Vicente mártir, venerado en Almerezo – A Graña, parroquia de Cospindo; e en Vimianzo, Rial e Niveiro porá algo de alento na costa de xaneiro.

      Pero volvemos ao comezo, ás dificultades de tantas familias en tempos de crise. Por iso, Caritas, Mans Unidas na Igrexa, é dicir, todos nós os católicos temos que prestar axuda xenerosa na medida das nosas posibilidades.

martes, 11 de enero de 2011

A Cruz dos Xóvenes en Carballo, unha chama olímpica

La célebre Cruz de los Jóvenes llegó a la parroquia de Carballo

     Chegou onte á Carballo a Cruz da Xuventude, que vén anunciando polas diversas dioceses españolas a Xornada Mundial da Xuventude.

     A Cruz, iniciativa de Xoán Paulo II, vén a unha terra de cruceiros como é Galicia. Por iso entendemos ben a mensaxe do símbolo cristián. Tamén a xuventude, tempo de florecemento de ilusións e esperanzas, ten que saber que é preciso o dominio de un mesmo para afroxar carácter fronte a un mundo que parece ofrecer só lascivia e permisividade.

     Xoán Paulo II levaba no seu escudo unha cruz que n0 brazo esquerdo, máis longo, acobellaba a referencia explícita a María Santísima.

     A Cruz que estivo onte en Carballo traía canda ela un Icono de Santa María, que en Roma chaman Salus Populi Romani, porque a esa imaxe de Nosa Señora que garda a basílica maior de Santa María, en moitas ocasións difíciles para a urbe, foron os romanos buscar acougo en María.

    

    Estivo a Cruz en Fisterra, promontorio moi nomeado nas fontes históricas da romanización. Agora vai para A Coruña onde o faro romano recolle lendas dos tempos antergos.

     Así foi nos primeiros séculos.

 

     A Cruz veu cristianar un mundo pagano. Queira hoxe ela fornecer a Fe da mocidade, nenos, adultos e anciáns.

     Que moito o precisamos

martes, 4 de enero de 2011

Os Reis Magos

admag

Mesmo parece que hai pouco andabamos discutindo aquilo de cándo remataba o século vinte, cando empezaba o novo milenio, e xa temos pasada a primeira década do século XXI.

Así é como fuxe o tempo.

Para o empezo do novo ano, ou da nova década, faremos aquel propósito que anuncia o refrán castelán: año nuevo, vida nueva.

E veñen os Reis Magos, que é día de peticións e desexos.

Quixeramos o remate da autovía da Costa da Morte; que a estrada Carballo – Santiago pase á Xunta para que estea ben coidada.

Os que imos con frecuencia a Compostela, pedimos que rematen xa tantas obras que teñen sitiada á cidade polos catro costados: Galeras, Santa Marta, Hórreo, Periférico, Lavacolla.

Aínda que non é Ano Santo, queremos ver totalmente disposta a Catedral para o seu oitavo centenario.

Restaurada, pois, a fachada da Acibechería, o Pórtico da Gloria, a Torre do Reloxo ou Berenguela.

Dicía Otero Pedrayo que ésta era a Torre máis fermosa de Europa.

Un sabio xeógrafo galego, como foi o catedrático Fontán, empezou o seu célebre mapa de Galicia por este punto xeodésico que marcaba a Torre do Reloxo.

Pero sendo, ademais, este monumento, obra dun ilustre arquitecto ceense, como foi Domingo de Andrade, razón temos, por demais, para vela feita unha Berenguela, é dicir coa fermosura propia e clásica da máis artística das Torres da nosa Catedral.

viernes, 31 de diciembre de 2010

O nacemento

     O Nacemento de Xesús, o Noso Señor, tivo particulares celebracións no tempo de trovadores e xoglares, tamén nos poetas do noso século de ouro, autosacramentais… etc.

     Os vellos bergantiñáns, ou maiores (como se di con eufemismo) lembrarán panxoliñas e matines, de castelán rancio ou afectado polo galego dos cantores do noso rural. A gaita galega acompañaba en moitos casos aquela salmodia da nosa mocidade que, no frío e na lama dos camiños, ía pregoando o Nadal polas portas da veciñanza.

     Hoxe temos nacimentos de barro, nacementos viventes, vilancicos cantados por corais expertas en polifonía.

     Así demudan os tempos. Desde o cachopo de nadal que rexeitaba Martín Dumiense por ser realidade precristiá, pagana, chegamos a obras teatrais, con toda beleza literaria da nosa lingua galega, para representar o Nacemento de Xesús.

     Ten a nosa lingua unha especial vocación, recursos, para expresar o agarimo dunha nai, a pobreza dunha familia, a tenrura de pobres pastores. É dicir, todo o que se precisa para recoller os datos do evanxeo.

    Pero a nosa Terra, Galicia, tivo, soubo, de moitas familias e nenos nacidos en situacións semellantes ás de Xesús.

     Hoxe deberiamos ter o corazón cheo de amor como aparece na familia de Belén, para acoller ao próximo, á vida nacente, á familia desvalida.

    Iso é a Navidade, o Nadal galego e cristián.

martes, 21 de diciembre de 2010

A Lotería

     Esta semana ofrece moitas sensacións. Para os crentes cristiáns, o cumio destes días é o Nadal do Señor.

     Gran espectativa temos no sorteo da Lotería. O Gordo de Nadal un ano, hai pouco; e o Gordo de Reis, hai xa moitos anos, caeron en Carballo.

     Pois que esta vila bergantiñá siga tendo a sorte repetida. Que veña a fortuna a paliar moitos males e estreituras que trae a crise. Pero, quén sabe, ao mellor, ou ó peor, os que máis o necesitan, nin sequera teñen unha participación na lotería, anque fose ben pequena.

     Tocará, pois, a lotería. Non sabemos a quen, polo de agora. Volveremos ver esas escenas nas que os afortunados convidan a viño de cava. Parece que viño tan selecto, o noso, ou o francés, están chamados a seren derramados, impulsados, para mollar á xente. Forma derrochadora de celebrar a fortuna.

     Hai quen pensa que, para bebelo en demasía e facer dano, deixalo ir así.

     Boa administración desexamos a quen lle caia a sorte.

     Que os afortunados se acorden dos necesitados e de tantas institucións benéficas, como Cáritas, que nesta tempada de Nadal loitan por faceren un mundo máis humano, máis fraternal.

FELIZ NADAL

     Volve o Nadal e para nós, os crentes cristiáns, volve a frase de Felices Fiestas; volve o consumismo; volve a Navidade sen neno. Todo nos parece insuficiente, pois amosa perda do sentido cristián do Nadal.

     Temos, pois, un tempo que se parece cada vez máis ás festas que no Imperio Romano había por estas datas, porque ían medrar os días. Festas adicadas ao Sol. Festas propias da estación.

     Hai pouco, doíanos que celebracións tan devotas como Santos e Difuntos se vexan invadidas por unha cultura que seica é celta. Os vellos coma este servidor, coido que endexamais tiñamos oído tal cousa. Sempre hai que aprender.

     Haberá, como pensan algúns, un propósito ou campaña para borrar os símbolos e presenza cristiá das nosas familias, rúas, e sociedade?

     Se así fose, razón por demais para que os crentes respectando a todos, saibamos facernos presentes, e reclamemos para nós o respecto que tributamos ós que non comparten a nosa Fe. Tolerancia, pois, pero con fidelidade a Cristo Señor.

     Pois, sen razón para vivir a plenitude da vida presente, con amor, diálogo e tolerancia, tampouco teremos unha vida humana. Deus dignifica ao ser humano, constrúe a sociedade.

     Resoen panxoliñas e matines; vilancicos; Nacimentos; obriñas teatrais representando o Belén; postáis con motivos verdadeiramente cristiáns. Sintamos os saúdos de FELIZ NADAL, aninovo en paz e graza de Deus.

     Velaí o ambiente que non debemos deixar esmorecer. Deus connosco!

     Feliz Nadal, co Neno Xesús!

jueves, 9 de diciembre de 2010

O SEÑOR CARDEAL

      Van aló xa 39 anos do pasamento do Cardeal Quiroga Palacios. Finou en Madrid o 7-XII-1971.

     O Sr. Cardeal (como dicimos, sen máis, os que o coñecimos) concita unha admiración, afecto, e respecto, en todos os que vivimos aquel tempo, como difícilmente alguén puidera ter.

     Foron 22 anos dunha total entrega á diocese compostelá. A cidade de Santiago adicoulle unha rúa, e un colexio leva o seu nome. Así como tamén unha cátedra dun Instituto de Estudos Teolóxicos, distinción outorgada pola nosa arquidiocese.

     Era un galego listo, intuitivo. Con suficiente capacidade para evitar perigos. Sentía unha profunda pasión polas cousas da Igrexa. Doíanlle moito os fallos, gozábase no ben feito como un don de Deus.

      Unha mostra da entrega coa que él vivía e servía á Igrexa, eran eses enfados espontáneos que tiña e axiña correxía.

      Contaba o bispo Riesgo Carbajo (quen veu facer unha Visita Pastoral, delegado polo Sr. Cardeal) que, sendo este presidente da Conferencia Episcopal, propuso algo que él coidaba que os bispos aceptarían de inmediato. Pero non foi así. Quiroga Palacios entón, mostrou ostensiblemente o seu disgusto, pero deseguida, soubo dominarse e aceptou o criterio dos compañeiros de episcopado.

      E comentaba Riesgo Carbajo pola súa conta e para si: aquí hay un hombre de gran virtud.

      Unha pequena anécdota para amosar que o Cardeal tiña unha bondade froito da súa ascese e fonda vida espiritual.

      Os máis veteranos imos rezar ante o sartego do Sr. Cardeal, case, case, como cando imos rezar ante o sepulcro do Apóstolo.

martes, 23 de noviembre de 2010

A BERGANTIÑÁ

     Ben sabedes todos que os peregrinos que chegan a Santiago, se acreditan certas condicións teñen dereito a recibiren un documento que recoñece, nominalmente, ese feito.

     Requírese, sobre todo, que o peregrino sexa motivado por razóns de Fe, non por razóns turísticas, sen máis, ou deportivas, ou ecoloxistas.

     Sendo así, os que veñan a pé andando 100 quilómetros; ou dacabalo, esa mesma cantidade de quilómetros; ou 200 quilómentros, en bicicleta, son os merecentes da chamada Compostela.

     O premio material, hoxe, é pequeno, máis é símbolo do que había noutros tempos. Hoxe, os dez primeiros peregrinos que acreditan ter a Compostela, en cada día terán o xantar gratuíto no Hostal dos RR. Católicos.

     A popularidade da Compostela está facendo que noutros centros da nosa terra que queren atraer ós peregrinos, tamén dean un documento acreditativo. Así, en Fisterra, que por ser final do mundo, atraíu e segue atraendo peregrinos.

    Tamén en Padrón, por aquelo que din: o que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romería, ou non. Un pareado moi galego que sementa dudas sobre unha peregrinaxe a Santiago, se non remata en Padrón.

     Así pois, en Padrón, berce do Xacobeo, agora o concello da a Pedronía, ós que foron visitar o Pedrón que se garda na igrexa parroquial.

     Aquí en Carballo, botándolle imaxinación á cousa, ós que fixeron o curso de pastoral, dóuselles un diploma, redactado en latín, acreditando que os así galardoados foron peregrinos que percorreran todas as etapas, ou clases, que se impartiron sobre o Ano Santo.

     Velaí, pois, a Bergantiñá, outorgada aquí en Carballo.

Bergantiñáns peregrinos a Santiago

Arziprestazgo_18_0166

Rvdo. D. José Cambón Martínez

Arcipreste de Bergantiños 

 

     Os bergantiñáns somos moi devotos para acudir ás romarías. Agora, nos autobuses que van á Escravitude, San Campio de Entíns, Milagros de Amil; e, acó máis preto, a Vilamaior e ao Espíritu Santo de Rial. Caión, Agolada, Muxía, Malpica, tamén son centros de devoción para os bergantiñáns.

     Polo tanto, ir a Santiago a pé, en Ano Santo, tamén é propósito da xente bergantiñá. Hai quen coñece ben os atallos para que o esforzo sexa menor.

     No Ano Santo de 1982 un grupo de veciños de Seavia saiu moi cedo, de preto da igrexa parroquial, para ir a Compostela. Van a pé, diríxense a aldea de Mira, pasan a rentes da capela de San Outelo, en Bazar, baixan pola Pereira cara a igrexa de Rial, en Dubra, pasan mesmo á beira do camposanto desta parroquia, chegan a Bembibre, cruzan o río Dubra na Ponte Taboada. Seguen agora o curso da estrada que leva a Portomouro.

     Neste grupo de auténticos peregrinos houbo algún desfalecemento ao chegaren a Santiago, pero repuxéronse, axudáronse mutuamente e gañaron o xubileo na Catedral. Cando regresaron, viñeron en autobús.

     Mesmo nese día foi a peregrinación oficial do arciprestazgo de Bergantiños. Moitos fomos e viñemos en autobús.

     Agoran digan vostedes quen foi, ou foron, os verdadeiros peregrinos a Compostela.

CAMIÑO XACOBEO DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

Virgen Peregrina

     Colaborando neste ambiente xacobeo que hai entre nós, imos falar dun Camiño Xacobeo que ía de Carballo a Santiago. Baseámonos na obra de Ferreira Priegue titulada Los caminos medievales de Galicia. Nela podemos ver un camiño que sae de Carballo por A Brea, Ardaña, Quintáns, Rus, Portochan, Portocovo, A Folgueira, Rebordelos, Abelenda, A Brea de Benza, Longarela, Ponte Alvar, Ponte Vilar, O Bargo, A Peregriña, onde a autora pon unha ermida.

     Isto é o principal. A devoción á Virxe Peregrina, é propia do Camiño de Santiago, así, en Pontevedra. Santa María, pois, recibe, anima, protexe ós peregrinos a Santiago. Ela mesma foi peregrina no seu tempo. Vén agora visitar a Santiago sepultado, como antes fora a Zaragoza.

     Por ese camiño de Ponte Alvar a Santiago, ían os peregrinos do Bergantiños oriental, os da Dubra oriental, e todos os dos concellos de Trazo e Tordoia.

     Aquela ermida deu paso a unha gran igrexa feita polo arcebispo Alexandre Bocanegra, e finalmente, converteuse en parroquia a finais do século XIX por decreto do cardeal García Cuesta.

     Como A Peregrina, tamén a Virxe do Camiño, que hai en León e en Pontevedra, son referencias do Camiño de Santiago, tanto do Francés como do Portugués.

     Velaí pois, un Camiño Bergantiñán, que haberá que percorrer a pé, como antano, pois non hai estrada para todos os tramos del.

      Entramos, pois, na cidade de Santiago. Na capela da Virxe da Fonte, nos Pelamios, podemos ver unha bóveda gótica coma a que hai en Santiago en San Paio da Devesa, todo obra dos monxes benedictinos.

      Máis adiante, xuntámonos cos peregrinos que veñen polo camiño francés.

     A nós, non nos darán a Compostela, pois o noso camiño non pasa de 45 quilómetros pero si os aproveitamos ben, coa preparación e devoción propia dos romeiros bergantiñáns, teremos moito gañado para o noso ben espiritual.

martes, 16 de noviembre de 2010

Peregrinos a Compostela

    A Catedral de Santiago e os camiños que a ela levan rebordan de peregrinos.

     As esixencias da peregrinaxe noutros tempos, facían que o peregrino se cubrise de chapeo de á ancha.

     Levase unha túnica ampla, coma a que fixeron popular os franciscanos, capa con esclavina e sandalias.

     Levaban o macuto, un bordón como defensa de animáis silvestres e apoio para camiñar. Naquel bordón unha cabaza para levaren auga fresca, por iso non podía aquela especie de cantimplora ir pegada ao corpo. Disque algunha vez, levaban viño para ter máis ánimos.

     Volvendo de Santiago, o peregrino levaba o sinal da súa estadía na cidade. Probara as vieiras, e levaba as cunchas pegadas no traxe.

     Así, a venera, onde nacera Venus, asegún a vella mitoloxía, pasou a ser vieira, de vía, é dicir, camiño.

     En Santiago aínda hai a rúa dos Concheiros, que é onde os peregrinos que viñan polo camiño francés, podían probar vieiras e mercar as conchas. E moitos apelidos hai derivados dese costume, son os Concheiros.

     O fenómeno da peregrinaxe tivo dúas consecuencias ben visibles. Unha, a construcción de pontes e hospitais. Outra, a construcción de igrexas.

     Tamén así naceu a orde militar chamada Cabaleiros de Santiago para defensa dos peregrinos.

     En Santiago estaba o Gran Hospital Real, que acollía a peregrinos enfermos. Algúns, a pesares da atención prestada, alí morrían e recibían sepultura no camposanto (hoxe xardín) que hai tras o edificio do Palacio de Raxoi.

     Despois de tanto camiñar, con suor e pó, os peregrinos queimaban a roupa vella, quizáis afectada por pestes e enfermidades, na chamada Cruz dos Farrapos, da catedral.

     E así torna ás súas casas cheos de ledicia os peregrinos xacobeos.

A Porta Santa

 

     Entrando pola Porta Santa, podemos ver a figura de Santiago Peregrino, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Van vestidos como ordena a tradición.

     Pero teredes visto outro santo, tan popular como é san Roque, que vai talmentes como un Santiago Peregrino. Distínguense ben porque san Roque leva un canciño de par, amosa o santo a súa chaga na perna.

     San Roque era de Montpellier, por onde pasa o Camiño Francés. Ser peregrino era mostra de bo crente, o peregrino era moi ben visto polos reises, moi protexido polos bispos. Certo que tamén había falsos peregrinos, rapiantes, dos que había que arredarse. Isto pasou, e pasa, en toda romaría.

     Que o botafueiro fose para contrarrestar o cheiro de tanta xente que chegaba á Catedral, non pasa de ser unha interpretación popular. Abrindo as portas da basílica deseguida se renovaba o ar.

     O incenso do botafumeiro era adoración, dedicación de toda a moitedume ao Santo Apóstolo, rezaban con fervor. Mesmo o edificio todo da santa Catedral, era unha ofrenda a Deus, coa intercesión do Apóstolo.

     O botafumeiro, que tamén o había noutras catedrais (por exemplo, na de Ourense) evolucionou. Un exemplar que hoxe temos é do século XIX. Pesa uns 58 quilos. Outro exemplar é do século XX, resulta algo máis pesado. Seica ós tiraboleiros lle resulta menos doado ter que movelo.

     E se ides á Praza do Obradoiro, seguramente veredes un peregrino, moi querido en Santiago. É un natural da cidade que adoita estar por alí para recibir, saudar e fotografiarse, co seu traxe tradicional, con cantos llo pidan.

Santiago Peregrino

     

No Santiago Peregrino temos a imaxe máis querida entre as que representan ao noso Apóstolo. Con razón Castelao dicía que ese é o noso, mentres que do Santiago Cabaleiro dicía que era o deles.

     O Santiago Cabaleiro aparece vencellado á Batalla de Clavijo no ano 884. Alí prestou axuda ás tropas de Ramiro I que se enfrontaban ós musulmáns.

     Nas nosas igrexas hai imaxes do Apóstolo dacabalo. Tamén é a figura acrótera que señorea o Palacio de Raxoi en Santiago. Non é, certamente, unha representación ecuménica. Pero hai que entender os tempos.

     Os Libros de Caballería son unha importante producción cultural na España medieval. Cervantes, co seu Don Quijote expuso as meirandes aventuras dun entusiasta cabaleiro. Quería desfacer entuertos, loitar pola xustiza, polo ben… anque, o pobre, tivo moitos contratempos. Todo foi motivado pola lectura de libros de caballerías que lle secaron o cerebro. Don Quijote era a ilusión. Sancho, o práctico, cómodo, previsor.

     Polo tanto, Santiago Apóstolo, se tiña que ser grande naqueles tempos, tiña que ser cabaleiro e comportarse como tal, contribuíndo á liberación da nosa España.

     Nos tempos que andamos, temos as cidades cheas de monumentos, estatutas, onde os grandes persoeiros aparecen en briosos cabalos. Cántas veces temos admirado máis a beleza, o andar, a nobreza do cabalo, ca o cabaleiro. O equino é un animal heráldico tantas veces manipulado para dar a fama a un persoeiro que non merecía tanto.

     Nós, seguimos chamando caballero a todo aquel que é home de palabra, honrado, servicial.

     Co devandito, interpretemos tolerantes ao noso Santiago Cabaleiro.