martes, 18 de enero de 2011

Florecen as mimosas

     Con moito traballo imos subindo a costa de xaneiro. Moito máis costenta é para aqueles que non teñen a axuda dos 426 euros que recibían estando no paro. Tamén as nais de agora non teñen o cheque bebé.

 

     No medio de todo isto, parece que a natureza quere animarnos. Velaí as mimosas, flor do inverno, que sendo orixinarias de Australia, como o eucalipto, pon unha cor marela na nosa paisaxe.

    

     Temos que esperar ainda moito polo entroido pois este ano, a Pascua cae a mediados de abril.

     Mentres tanto, san Vicente mártir, venerado en Almerezo – A Graña, parroquia de Cospindo; e en Vimianzo, Rial e Niveiro porá algo de alento na costa de xaneiro.

      Pero volvemos ao comezo, ás dificultades de tantas familias en tempos de crise. Por iso, Caritas, Mans Unidas na Igrexa, é dicir, todos nós os católicos temos que prestar axuda xenerosa na medida das nosas posibilidades.

martes, 11 de enero de 2011

A Cruz dos Xóvenes en Carballo, unha chama olímpica

La célebre Cruz de los Jóvenes llegó a la parroquia de Carballo

     Chegou onte á Carballo a Cruz da Xuventude, que vén anunciando polas diversas dioceses españolas a Xornada Mundial da Xuventude.

     A Cruz, iniciativa de Xoán Paulo II, vén a unha terra de cruceiros como é Galicia. Por iso entendemos ben a mensaxe do símbolo cristián. Tamén a xuventude, tempo de florecemento de ilusións e esperanzas, ten que saber que é preciso o dominio de un mesmo para afroxar carácter fronte a un mundo que parece ofrecer só lascivia e permisividade.

     Xoán Paulo II levaba no seu escudo unha cruz que n0 brazo esquerdo, máis longo, acobellaba a referencia explícita a María Santísima.

     A Cruz que estivo onte en Carballo traía canda ela un Icono de Santa María, que en Roma chaman Salus Populi Romani, porque a esa imaxe de Nosa Señora que garda a basílica maior de Santa María, en moitas ocasións difíciles para a urbe, foron os romanos buscar acougo en María.

    

    Estivo a Cruz en Fisterra, promontorio moi nomeado nas fontes históricas da romanización. Agora vai para A Coruña onde o faro romano recolle lendas dos tempos antergos.

     Así foi nos primeiros séculos.

 

     A Cruz veu cristianar un mundo pagano. Queira hoxe ela fornecer a Fe da mocidade, nenos, adultos e anciáns.

     Que moito o precisamos

martes, 4 de enero de 2011

Os Reis Magos

admag

Mesmo parece que hai pouco andabamos discutindo aquilo de cándo remataba o século vinte, cando empezaba o novo milenio, e xa temos pasada a primeira década do século XXI.

Así é como fuxe o tempo.

Para o empezo do novo ano, ou da nova década, faremos aquel propósito que anuncia o refrán castelán: año nuevo, vida nueva.

E veñen os Reis Magos, que é día de peticións e desexos.

Quixeramos o remate da autovía da Costa da Morte; que a estrada Carballo – Santiago pase á Xunta para que estea ben coidada.

Os que imos con frecuencia a Compostela, pedimos que rematen xa tantas obras que teñen sitiada á cidade polos catro costados: Galeras, Santa Marta, Hórreo, Periférico, Lavacolla.

Aínda que non é Ano Santo, queremos ver totalmente disposta a Catedral para o seu oitavo centenario.

Restaurada, pois, a fachada da Acibechería, o Pórtico da Gloria, a Torre do Reloxo ou Berenguela.

Dicía Otero Pedrayo que ésta era a Torre máis fermosa de Europa.

Un sabio xeógrafo galego, como foi o catedrático Fontán, empezou o seu célebre mapa de Galicia por este punto xeodésico que marcaba a Torre do Reloxo.

Pero sendo, ademais, este monumento, obra dun ilustre arquitecto ceense, como foi Domingo de Andrade, razón temos, por demais, para vela feita unha Berenguela, é dicir coa fermosura propia e clásica da máis artística das Torres da nosa Catedral.

viernes, 31 de diciembre de 2010

O nacemento

     O Nacemento de Xesús, o Noso Señor, tivo particulares celebracións no tempo de trovadores e xoglares, tamén nos poetas do noso século de ouro, autosacramentais… etc.

     Os vellos bergantiñáns, ou maiores (como se di con eufemismo) lembrarán panxoliñas e matines, de castelán rancio ou afectado polo galego dos cantores do noso rural. A gaita galega acompañaba en moitos casos aquela salmodia da nosa mocidade que, no frío e na lama dos camiños, ía pregoando o Nadal polas portas da veciñanza.

     Hoxe temos nacimentos de barro, nacementos viventes, vilancicos cantados por corais expertas en polifonía.

     Así demudan os tempos. Desde o cachopo de nadal que rexeitaba Martín Dumiense por ser realidade precristiá, pagana, chegamos a obras teatrais, con toda beleza literaria da nosa lingua galega, para representar o Nacemento de Xesús.

     Ten a nosa lingua unha especial vocación, recursos, para expresar o agarimo dunha nai, a pobreza dunha familia, a tenrura de pobres pastores. É dicir, todo o que se precisa para recoller os datos do evanxeo.

    Pero a nosa Terra, Galicia, tivo, soubo, de moitas familias e nenos nacidos en situacións semellantes ás de Xesús.

     Hoxe deberiamos ter o corazón cheo de amor como aparece na familia de Belén, para acoller ao próximo, á vida nacente, á familia desvalida.

    Iso é a Navidade, o Nadal galego e cristián.

martes, 21 de diciembre de 2010

A Lotería

     Esta semana ofrece moitas sensacións. Para os crentes cristiáns, o cumio destes días é o Nadal do Señor.

     Gran espectativa temos no sorteo da Lotería. O Gordo de Nadal un ano, hai pouco; e o Gordo de Reis, hai xa moitos anos, caeron en Carballo.

     Pois que esta vila bergantiñá siga tendo a sorte repetida. Que veña a fortuna a paliar moitos males e estreituras que trae a crise. Pero, quén sabe, ao mellor, ou ó peor, os que máis o necesitan, nin sequera teñen unha participación na lotería, anque fose ben pequena.

     Tocará, pois, a lotería. Non sabemos a quen, polo de agora. Volveremos ver esas escenas nas que os afortunados convidan a viño de cava. Parece que viño tan selecto, o noso, ou o francés, están chamados a seren derramados, impulsados, para mollar á xente. Forma derrochadora de celebrar a fortuna.

     Hai quen pensa que, para bebelo en demasía e facer dano, deixalo ir así.

     Boa administración desexamos a quen lle caia a sorte.

     Que os afortunados se acorden dos necesitados e de tantas institucións benéficas, como Cáritas, que nesta tempada de Nadal loitan por faceren un mundo máis humano, máis fraternal.

FELIZ NADAL

     Volve o Nadal e para nós, os crentes cristiáns, volve a frase de Felices Fiestas; volve o consumismo; volve a Navidade sen neno. Todo nos parece insuficiente, pois amosa perda do sentido cristián do Nadal.

     Temos, pois, un tempo que se parece cada vez máis ás festas que no Imperio Romano había por estas datas, porque ían medrar os días. Festas adicadas ao Sol. Festas propias da estación.

     Hai pouco, doíanos que celebracións tan devotas como Santos e Difuntos se vexan invadidas por unha cultura que seica é celta. Os vellos coma este servidor, coido que endexamais tiñamos oído tal cousa. Sempre hai que aprender.

     Haberá, como pensan algúns, un propósito ou campaña para borrar os símbolos e presenza cristiá das nosas familias, rúas, e sociedade?

     Se así fose, razón por demais para que os crentes respectando a todos, saibamos facernos presentes, e reclamemos para nós o respecto que tributamos ós que non comparten a nosa Fe. Tolerancia, pois, pero con fidelidade a Cristo Señor.

     Pois, sen razón para vivir a plenitude da vida presente, con amor, diálogo e tolerancia, tampouco teremos unha vida humana. Deus dignifica ao ser humano, constrúe a sociedade.

     Resoen panxoliñas e matines; vilancicos; Nacimentos; obriñas teatrais representando o Belén; postáis con motivos verdadeiramente cristiáns. Sintamos os saúdos de FELIZ NADAL, aninovo en paz e graza de Deus.

     Velaí o ambiente que non debemos deixar esmorecer. Deus connosco!

     Feliz Nadal, co Neno Xesús!

jueves, 9 de diciembre de 2010

O SEÑOR CARDEAL

      Van aló xa 39 anos do pasamento do Cardeal Quiroga Palacios. Finou en Madrid o 7-XII-1971.

     O Sr. Cardeal (como dicimos, sen máis, os que o coñecimos) concita unha admiración, afecto, e respecto, en todos os que vivimos aquel tempo, como difícilmente alguén puidera ter.

     Foron 22 anos dunha total entrega á diocese compostelá. A cidade de Santiago adicoulle unha rúa, e un colexio leva o seu nome. Así como tamén unha cátedra dun Instituto de Estudos Teolóxicos, distinción outorgada pola nosa arquidiocese.

     Era un galego listo, intuitivo. Con suficiente capacidade para evitar perigos. Sentía unha profunda pasión polas cousas da Igrexa. Doíanlle moito os fallos, gozábase no ben feito como un don de Deus.

      Unha mostra da entrega coa que él vivía e servía á Igrexa, eran eses enfados espontáneos que tiña e axiña correxía.

      Contaba o bispo Riesgo Carbajo (quen veu facer unha Visita Pastoral, delegado polo Sr. Cardeal) que, sendo este presidente da Conferencia Episcopal, propuso algo que él coidaba que os bispos aceptarían de inmediato. Pero non foi así. Quiroga Palacios entón, mostrou ostensiblemente o seu disgusto, pero deseguida, soubo dominarse e aceptou o criterio dos compañeiros de episcopado.

      E comentaba Riesgo Carbajo pola súa conta e para si: aquí hay un hombre de gran virtud.

      Unha pequena anécdota para amosar que o Cardeal tiña unha bondade froito da súa ascese e fonda vida espiritual.

      Os máis veteranos imos rezar ante o sartego do Sr. Cardeal, case, case, como cando imos rezar ante o sepulcro do Apóstolo.

martes, 23 de noviembre de 2010

A BERGANTIÑÁ

     Ben sabedes todos que os peregrinos que chegan a Santiago, se acreditan certas condicións teñen dereito a recibiren un documento que recoñece, nominalmente, ese feito.

     Requírese, sobre todo, que o peregrino sexa motivado por razóns de Fe, non por razóns turísticas, sen máis, ou deportivas, ou ecoloxistas.

     Sendo así, os que veñan a pé andando 100 quilómetros; ou dacabalo, esa mesma cantidade de quilómetros; ou 200 quilómentros, en bicicleta, son os merecentes da chamada Compostela.

     O premio material, hoxe, é pequeno, máis é símbolo do que había noutros tempos. Hoxe, os dez primeiros peregrinos que acreditan ter a Compostela, en cada día terán o xantar gratuíto no Hostal dos RR. Católicos.

     A popularidade da Compostela está facendo que noutros centros da nosa terra que queren atraer ós peregrinos, tamén dean un documento acreditativo. Así, en Fisterra, que por ser final do mundo, atraíu e segue atraendo peregrinos.

    Tamén en Padrón, por aquelo que din: o que vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romería, ou non. Un pareado moi galego que sementa dudas sobre unha peregrinaxe a Santiago, se non remata en Padrón.

     Así pois, en Padrón, berce do Xacobeo, agora o concello da a Pedronía, ós que foron visitar o Pedrón que se garda na igrexa parroquial.

     Aquí en Carballo, botándolle imaxinación á cousa, ós que fixeron o curso de pastoral, dóuselles un diploma, redactado en latín, acreditando que os así galardoados foron peregrinos que percorreran todas as etapas, ou clases, que se impartiron sobre o Ano Santo.

     Velaí, pois, a Bergantiñá, outorgada aquí en Carballo.

Bergantiñáns peregrinos a Santiago

Arziprestazgo_18_0166

Rvdo. D. José Cambón Martínez

Arcipreste de Bergantiños 

 

     Os bergantiñáns somos moi devotos para acudir ás romarías. Agora, nos autobuses que van á Escravitude, San Campio de Entíns, Milagros de Amil; e, acó máis preto, a Vilamaior e ao Espíritu Santo de Rial. Caión, Agolada, Muxía, Malpica, tamén son centros de devoción para os bergantiñáns.

     Polo tanto, ir a Santiago a pé, en Ano Santo, tamén é propósito da xente bergantiñá. Hai quen coñece ben os atallos para que o esforzo sexa menor.

     No Ano Santo de 1982 un grupo de veciños de Seavia saiu moi cedo, de preto da igrexa parroquial, para ir a Compostela. Van a pé, diríxense a aldea de Mira, pasan a rentes da capela de San Outelo, en Bazar, baixan pola Pereira cara a igrexa de Rial, en Dubra, pasan mesmo á beira do camposanto desta parroquia, chegan a Bembibre, cruzan o río Dubra na Ponte Taboada. Seguen agora o curso da estrada que leva a Portomouro.

     Neste grupo de auténticos peregrinos houbo algún desfalecemento ao chegaren a Santiago, pero repuxéronse, axudáronse mutuamente e gañaron o xubileo na Catedral. Cando regresaron, viñeron en autobús.

     Mesmo nese día foi a peregrinación oficial do arciprestazgo de Bergantiños. Moitos fomos e viñemos en autobús.

     Agoran digan vostedes quen foi, ou foron, os verdadeiros peregrinos a Compostela.

CAMIÑO XACOBEO DE BERGANTIÑOS A SANTIAGO

Virgen Peregrina

     Colaborando neste ambiente xacobeo que hai entre nós, imos falar dun Camiño Xacobeo que ía de Carballo a Santiago. Baseámonos na obra de Ferreira Priegue titulada Los caminos medievales de Galicia. Nela podemos ver un camiño que sae de Carballo por A Brea, Ardaña, Quintáns, Rus, Portochan, Portocovo, A Folgueira, Rebordelos, Abelenda, A Brea de Benza, Longarela, Ponte Alvar, Ponte Vilar, O Bargo, A Peregriña, onde a autora pon unha ermida.

     Isto é o principal. A devoción á Virxe Peregrina, é propia do Camiño de Santiago, así, en Pontevedra. Santa María, pois, recibe, anima, protexe ós peregrinos a Santiago. Ela mesma foi peregrina no seu tempo. Vén agora visitar a Santiago sepultado, como antes fora a Zaragoza.

     Por ese camiño de Ponte Alvar a Santiago, ían os peregrinos do Bergantiños oriental, os da Dubra oriental, e todos os dos concellos de Trazo e Tordoia.

     Aquela ermida deu paso a unha gran igrexa feita polo arcebispo Alexandre Bocanegra, e finalmente, converteuse en parroquia a finais do século XIX por decreto do cardeal García Cuesta.

     Como A Peregrina, tamén a Virxe do Camiño, que hai en León e en Pontevedra, son referencias do Camiño de Santiago, tanto do Francés como do Portugués.

     Velaí pois, un Camiño Bergantiñán, que haberá que percorrer a pé, como antano, pois non hai estrada para todos os tramos del.

      Entramos, pois, na cidade de Santiago. Na capela da Virxe da Fonte, nos Pelamios, podemos ver unha bóveda gótica coma a que hai en Santiago en San Paio da Devesa, todo obra dos monxes benedictinos.

      Máis adiante, xuntámonos cos peregrinos que veñen polo camiño francés.

     A nós, non nos darán a Compostela, pois o noso camiño non pasa de 45 quilómetros pero si os aproveitamos ben, coa preparación e devoción propia dos romeiros bergantiñáns, teremos moito gañado para o noso ben espiritual.

martes, 16 de noviembre de 2010

Peregrinos a Compostela

    A Catedral de Santiago e os camiños que a ela levan rebordan de peregrinos.

     As esixencias da peregrinaxe noutros tempos, facían que o peregrino se cubrise de chapeo de á ancha.

     Levase unha túnica ampla, coma a que fixeron popular os franciscanos, capa con esclavina e sandalias.

     Levaban o macuto, un bordón como defensa de animáis silvestres e apoio para camiñar. Naquel bordón unha cabaza para levaren auga fresca, por iso non podía aquela especie de cantimplora ir pegada ao corpo. Disque algunha vez, levaban viño para ter máis ánimos.

     Volvendo de Santiago, o peregrino levaba o sinal da súa estadía na cidade. Probara as vieiras, e levaba as cunchas pegadas no traxe.

     Así, a venera, onde nacera Venus, asegún a vella mitoloxía, pasou a ser vieira, de vía, é dicir, camiño.

     En Santiago aínda hai a rúa dos Concheiros, que é onde os peregrinos que viñan polo camiño francés, podían probar vieiras e mercar as conchas. E moitos apelidos hai derivados dese costume, son os Concheiros.

     O fenómeno da peregrinaxe tivo dúas consecuencias ben visibles. Unha, a construcción de pontes e hospitais. Outra, a construcción de igrexas.

     Tamén así naceu a orde militar chamada Cabaleiros de Santiago para defensa dos peregrinos.

     En Santiago estaba o Gran Hospital Real, que acollía a peregrinos enfermos. Algúns, a pesares da atención prestada, alí morrían e recibían sepultura no camposanto (hoxe xardín) que hai tras o edificio do Palacio de Raxoi.

     Despois de tanto camiñar, con suor e pó, os peregrinos queimaban a roupa vella, quizáis afectada por pestes e enfermidades, na chamada Cruz dos Farrapos, da catedral.

     E así torna ás súas casas cheos de ledicia os peregrinos xacobeos.

A Porta Santa

 

     Entrando pola Porta Santa, podemos ver a figura de Santiago Peregrino, acompañado dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Van vestidos como ordena a tradición.

     Pero teredes visto outro santo, tan popular como é san Roque, que vai talmentes como un Santiago Peregrino. Distínguense ben porque san Roque leva un canciño de par, amosa o santo a súa chaga na perna.

     San Roque era de Montpellier, por onde pasa o Camiño Francés. Ser peregrino era mostra de bo crente, o peregrino era moi ben visto polos reises, moi protexido polos bispos. Certo que tamén había falsos peregrinos, rapiantes, dos que había que arredarse. Isto pasou, e pasa, en toda romaría.

     Que o botafueiro fose para contrarrestar o cheiro de tanta xente que chegaba á Catedral, non pasa de ser unha interpretación popular. Abrindo as portas da basílica deseguida se renovaba o ar.

     O incenso do botafumeiro era adoración, dedicación de toda a moitedume ao Santo Apóstolo, rezaban con fervor. Mesmo o edificio todo da santa Catedral, era unha ofrenda a Deus, coa intercesión do Apóstolo.

     O botafumeiro, que tamén o había noutras catedrais (por exemplo, na de Ourense) evolucionou. Un exemplar que hoxe temos é do século XIX. Pesa uns 58 quilos. Outro exemplar é do século XX, resulta algo máis pesado. Seica ós tiraboleiros lle resulta menos doado ter que movelo.

     E se ides á Praza do Obradoiro, seguramente veredes un peregrino, moi querido en Santiago. É un natural da cidade que adoita estar por alí para recibir, saudar e fotografiarse, co seu traxe tradicional, con cantos llo pidan.

Santiago Peregrino

     

No Santiago Peregrino temos a imaxe máis querida entre as que representan ao noso Apóstolo. Con razón Castelao dicía que ese é o noso, mentres que do Santiago Cabaleiro dicía que era o deles.

     O Santiago Cabaleiro aparece vencellado á Batalla de Clavijo no ano 884. Alí prestou axuda ás tropas de Ramiro I que se enfrontaban ós musulmáns.

     Nas nosas igrexas hai imaxes do Apóstolo dacabalo. Tamén é a figura acrótera que señorea o Palacio de Raxoi en Santiago. Non é, certamente, unha representación ecuménica. Pero hai que entender os tempos.

     Os Libros de Caballería son unha importante producción cultural na España medieval. Cervantes, co seu Don Quijote expuso as meirandes aventuras dun entusiasta cabaleiro. Quería desfacer entuertos, loitar pola xustiza, polo ben… anque, o pobre, tivo moitos contratempos. Todo foi motivado pola lectura de libros de caballerías que lle secaron o cerebro. Don Quijote era a ilusión. Sancho, o práctico, cómodo, previsor.

     Polo tanto, Santiago Apóstolo, se tiña que ser grande naqueles tempos, tiña que ser cabaleiro e comportarse como tal, contribuíndo á liberación da nosa España.

     Nos tempos que andamos, temos as cidades cheas de monumentos, estatutas, onde os grandes persoeiros aparecen en briosos cabalos. Cántas veces temos admirado máis a beleza, o andar, a nobreza do cabalo, ca o cabaleiro. O equino é un animal heráldico tantas veces manipulado para dar a fama a un persoeiro que non merecía tanto.

     Nós, seguimos chamando caballero a todo aquel que é home de palabra, honrado, servicial.

     Co devandito, interpretemos tolerantes ao noso Santiago Cabaleiro.

martes, 19 de octubre de 2010

HOMENAXE EN CORES - Ponteceso

 

San Martiño de Cores

     Dous amantes da nosa terra como son os amigos Luís Giadás e Xosé Manuel Varela veñen de fundar a Asociación cultural Cándido Rodríguez Campaña que foi un dos beneméritos persoeiros que afortunadamente tivo Bergantiños.

     Queren que xurdan vocacións que defendan, recuperen, espallen todo o conxunto cultural da terra pondaliana. Tal como fixo don Cándido, párroco de Cores durante uns trinta anos e finado haberá 11 anos.

     O señor Rodríguez Campaña fixo das igrexas de Cores e Nemeño modelos de restauración e recuperación. A cantería galega, para os panteóns. Xa que os medios mecánicos da agricultura moderna descubren pezas megalíticas dos tempos máis vellos, don Cándido procurou recoller a rentes da igrexa, sartegos suevos, muiños de man, aras romanas. Todo está a salvo e exposto para quen queira estudar.

     Na restauración da igrexa de Cores puxo os esteos prerománicos na súa función de sustentar o artesonado, e o altar pétreo, que sufragou don Modesto Anido, natural de Cores, tamén leva forma dun esteo. Poden verse nesta igrexa e non temos idea de que haxa máis esteos por acó entre nós.

     Os fregueses de Cores puxeron un busto do finado párroco no adro da igrexa, obra do acreditado artista local Xosé Manuel Castro. Esto foi no Agosto do ano 2000 con motivo do cabodano do pasamento de don Cándido, soterrado en Cordeiro, a súa parroquia natal.

     Ogallá que o exemplo faga xurdir moitos seguidores para ben da nosa terra.

San Cristovo entre nós

 

     Hai festa de san Cristovo en Lema e contra o final do mes de Xullo e comezo do mes de Agosto, hai festas e procesións con coches e camións.

     Cristovo (Christophorus, en latín) quere dicir portador de Cristo. E así aparece nas imaxes. O Santo, corpulento, leva nun ombreiro a Xesús. Porque él era un ser caritativo que empregaba a súa fortaleza física para axudar a pasar o río. Non había ponte. Polo tanto, exercía a caridade, unha obra de misericordia feita en favor dos máis débiles. En favor do propio Cristo, como nos ensinan as Benaventuranzas. Por iso é tan acertada a representación que fan do santo os nosos imaxineiros. Que aparece na fachada de moitas igrexas, por exemplo, en Lema, Cerqueda, Xavestre, Erbiñou, Portomouro, onde o santo é patrón.

     Dicían os Santos Padres que todo cristián tamén debe chamarse Cristovo, portador de Cristo, na vida e no servizo ós demais.

     Aquí en Carballo hai, no seu santuario, unha valiosa imaxe que, asegún contan, o día que a trouxeron de Santiago, o camión perdeu os freos ao baixar a costa de Anxeríz, pero puideron chegar con ben á Ponte Taboada. Disque foi intercesión do Santo.

     Son moitos os coches que, durante o ano, acuden ao santuario para recibir a bendición, na oración pídese que o santo nos aparte do vértigo da velocidade; que o viaxar en coche nos axude a contemplar as marabillas da creación e que saibamos poñer o noso coche ao servizo dos demais. Tres boas ideas para todo condutor.

     Prudencia, sentidiño ao volante, son cada vez máis necesarios, sobre todo no verán, na condución de noite. Precaución que pedimos a san Cristovo para a nosa mocidade.

Pan para andar o Camiño

 

    Os que somos de Val do Dubra pertencemos a unha terra que recibe influenzas, sobre todo, de Santiago de Compostela, pero tamén de Bergantiños e Santa Comba.

     De Bergantiños admirabamos o molete que chegaba á feira de Bembibre, branco, arrecendente, coa codia que traía a calor do forno e o miolo esponxado, sabroso, farturento.

     Pero ademais dos días de feira había panadeiros que viñan polas portas a traernos a súa esperada mercancía. Como viñan tamén polas portas as cereixas de Entrecruces e as sardiñas do mar de Malpica, que eran recollidas en Bembibre para seren distribuídas por peixeiros da mesma Dubra.

     Pero o que máis nos facía pasmar ós rapaces era ver aquelas recuas de cabalos que pasaban levando o pan nos esteiróns que cargaban os panadeiros da Brea. Estes, ían dacabalo, falando uns cos outros. E, a onde irán? Porque ían con trote lento, acompasado, duns cabalos que, como diría Castro Viejo, endexamais cansaban.

     Pasaban pola estrada que daquela era de terra, rodeada a un lado e outro por plátanos indios que a deputación da Coruña mandou plantar a rentes das súas estradas, como elemento ornamental. Hoxe, desapareceron todas esas árbores, polo ancheamento das vías de comunicación.

     A onde chegaban aqueles valentes e sacrificados panadeiros? Preguntaba eu. E a resposta era: van deica a Escravitude.

     Hai panadeiros de Bergantiños que agora van vender o seu apreciado produto á feira de Padrón. Levan as furgonetas cheas, e veñen valdeiras. Así, todos os domingos en competencia cos panadeiros das Rías Baixas.

     Houbo as festas na Brea. Alí, o corazón panadeiro de Bergantiños.

     Xa sei que hoxe o panadeiro clásico está reconvertido en industrial que fai empanadas, biscoitos e o pan integral que tanto recomendan os nutricionistas.

     Honor, pois, ós panadeiros da Brea e a todos os veciños que fan o acreditado molete da terra bergantiñá.

SEGUINDO NO CAMIÑO DE SANTIAGO…

     Volvemos hoxe sobre o Camiño de Santiago. Se vemos o mapa de Fontán (de mediados do século XIX) a actual estrada de Carballo a Santiago foi feita sobre un camiño real que labregos e feirantes fixeron ó longo dos séculos. As terras polas que pasa este camiño, teñen influencias xacobeas ben manifestas.

    

     - Os mosteiros benedictinos de Santiago (San Martiño e Antealtares) atenderon pastoralmente estas parroquias, fundaron igrexas, enviaron clero servidor.

     - De Compostela veu a arte románica ás igrexas de Dubra, feitas por mestres que en Compostela aprenderon á beira do gran mestre Mateo e impulsados pola influenza do arcebispo Xelmírez.

     - De Bergantiños a Compostela viaxa o Conde de Traba, colaborador de Xelmírez nos seus proxectos relixiosos e nacionalistas. Pedro Fróilaz chegará a ser señor feudal mesmo ata as ribeiras da dereita do Tambre.

     - Este camiño de Santiago rexistra tamén a presenza dos Templarios, que asentarán en Cances, Arabexo e Bembibre.

     Indo, pois, a Compostela, por este Camiño, cruzaremos Val do Dubra, que ten no seu escudo a urna do apóstolo, como Ames e o mesmo Santiago de Compostela; cruzaremos Terra de Santiago, a partires de Portomouro e entraremos na cidade pola Porta de Val de Deus. Xa na Catedral, gañado o xubileo, poderemos visitar o sartego do primeiro peregrino bergantiñán de nome coñecido, que é, don Pedro Fróilaz, sepultado na Capela das Reliquias, á beira dos reises, favorecedores do culto ó Apóstolo.

     E rendida esta pleitesía, poderemos voltar a Bergantiños.

miércoles, 30 de junio de 2010

SAN PEDRO EN SOANDRES

     Rematamos o mes coa festa de San Pedro. Nalgures hai celebracións populares semellantes ás de San Xoán.

     En Bergantiños temos a Igrexa Parroquial de Soandres, que foi mosteiro benedictino e tamén parroquia Carballo, Golmar e outras freguesías estiveran servidas por monxes de Soandres.

     Aquí temos as dúas imaxes máis frecuentes do Santo: nunha vai revestido con tiara, noutra é un apóstolo que estuda o Evanxeo que predica.

     Hai ademais o famoso cadro das Bágoas de San Pedro, do Greco e representacións de San Pedro no cárcere.

     O actual párroco de Soandres, Don Manuel Mallo Mallo, que leva alí moitos anos e loitou pola restauración do conxunto arquitectónico de Igexa e Mosteiro, é o sexto párroco derradeiro monxe de Soandres.

     Os mosteiros benedictinos acollen sempre como tituolar ó santo venerado no lugar.

     Así, San Martiño, San Pedro e San Paio de Santiago de Compostela, e San Xulián en Samos. Mentras que os monxes do Ciester (unha rama benedictina) sempre poñen a Nosa Señora como patroa. Así, Sobrado.

     No claustro de Soandres, de dimensións reducidas, hai unha palmeira, que fai as veces do ciprés de Silos cantado polo noso poeta Gerardo Diego ou así como El ciprés del Claustro: por Frei Pérez Urbal. Ou a palmeira que hai no claustro de Herbón, traída de Terra Santa.

     Soandres acolleu no s. XVIII a un ilustre benedictino, o P. Sarmiento, un sabio da Ilustración, que, percorrendo Bergantiños, deixou notas sobre a nosa cultura daquel tempo. Foi un viaxeiro observador.

     Mª L. Alonso Otero e o amigo Luís Giadás Álvarez publicaron a Viaxe do P. Sarmiento por Bergantiños e o Instituto de Estudos Bergantiñáns fixo a Soandres a súa primeira visita na serie Andando Por Bergantiños.

     A razón desta preferencia está en que alí nace o Allóns, asimesmo porque esta freguesía é moi extensa, ten uns 32 quilómetros cadrados.

     Hai outras parroquias e capelas que celebran o San Pedro. Así, Valenza de Coristanco, Sorrizo, Armentón, Rus, Cances.

     A todas estas igrexas e a cantos levan o nome do Santo, moita paz e ben lles desexamos.    

martes, 22 de junio de 2010

FESTA DO SANTÍSIMO SACRAMENTO

     O segundo día das festas de San Xoán está adicado ao Santísimo Sacramento. Quixo a Igrexa que o Misterio da Fe, como chamamos á Eucaristía, tivese, ademais da celebración do Xoves Santo, unha conmemoración sen as angustias da Semana Santa.

     Máis ainda, en cada parroquia está disposto que haxa a celebración particular do Sacramento por antonomasia, como é a Eucaristía.

     Carballo ten unha custodia, tradicional, que leva unha pequeniña imaxe de Bautista baixo o esplendor do viril.

     Nestes anos pasados, a parroquia recibiu outras dúas custodias. A última, ofrenda da Cofradía de Nosa Señora das Dolores.

     Subliñemos asimesmo que, na solemne e larga procesión, hai tres estacións ante tres altares que familias particulares, e os veciños da Ponte Pedra, levantan para acoller ó Santísimo e recibir a súa bendición.

     Con isto, poden verse alfombras florais que son ofrenda, oración, adoración, acción de grazas, ao Señor sacramentado.

     Hai que lembrar a presenza das autoridades locais nas procesións destes dous días, e tamén na Misa solemne de San Xoán, na que o Alcalde, como é tradición, fai unha invocación ao Santo Patrón.

     Intervén a Coral de Bergantiños, entidade que vén dando a coñecer esta vila de Carballo en moitas cidades e vilas de España e Europa.

     Froito todo, en boa parte, da entrega e competencia da súa directora dona Gloria Pardines.

     Os nenos da Primeira Comunión do día de San Xoán poñen unha nota familiar, esperanzadora, para a fervorosa continuidade da procesión do Sacramento en Carballo.

martes, 15 de junio de 2010

FESTAS PATRONAIS

    

As festas de San Xoán teñen particular celebración en Carballo, capital de Bergantiños, ou: Porta da Costa da Morte, como adoitan dicir.

     Na parroquia hai dúas imaxes de san Xoán. Son de canon mediano. Nas dúas aparece o Santo amosando ó Año de Deus, como ensina a Biblia que fixo o Santo, Bautista de Xesús.

    Pero nunha imaxe, o Año está acarón, ao pé do Santo, e así, San Xoán estao indicando. Na outra imaxe, a que sae na procesión, San Xoán leva o Año enriba do libro da Biblia. Ben amosado,  vai pois.

     Ademais das imaxes, tamén ten a parroquia dous cadros de San Xoán, que á vista están: Un, sobre o Sagrario; outro, no bautisterio. Aquel, é obra dun pintor de Benidorm, Don Miguel Rives Sogorb. Este cadro, representa a escena do bautismo de Xesús. A Santísima Trinidade preside o intre en que Xoán bautiza. Hai gran colorido no río Xordán, que vén serpeando ata o punto do bautizo que ocurre en primeiro termo.

     O pintor señor Rives ten algunha obra súa na Casa do Concello da Coruña.

     Este cadro do Patrón da parroquia, foi doado á mesma, hai agora catro anos, polo devoto matrimonio de Manuel Cancela Sande e Dolores Calvelo Sánchez, fregueses de Carballo.

     O outro cadro, é obra dunha ilustre pintora carballesa, Antoñita Villaverde Pumar, que vive na Coruña. Pero lembra a sús parroquia natal á que lle fixo varias doazóns, entre leas, este cadro.

     Nestes cadros aparecen algunha diferenza, os dous recollen a escena tal como aparece narrada nos Evanxeos. Pero o cadro do retablo da igrexa fíxose máis ben no intre do bautismo. O que está no bautisterio, no intre da presenza do Espíritu Santo sobre Xesús, isto ocurre, asegún o texto bíblico dos Sinópticos, en canto Xesús saiu da auga.

     Miudanzas que captan os artistas que len, meditan, oran sobre os datos da Biblia.

     Antoñita está convaleciente tras unha delicada operació quirúrxica. Vive rodeada do cariño de súas irmás. Desexámoslle unha pronta recuperación para que siga producindo admirables obras de arte nas que o tema relixioso ten preponderancia. Porque así llo pide a gran fe desta artista que é Antoñita Villaverde Pumar.

martes, 8 de junio de 2010

MES DE SAN XOÁN!

image

     Estamos no mes de san Xoán, haxionímico que se perdeu nos meses de Santiago e de Nosa Señora, pero que persiste neste mes que é primavera e verán, coas senlleiras características.

     San Xoán é luz, pois os días son meirantes, estamos no cumio do ano.

     O Sol parece perpetuarse nun horizonte cóncavo, abovedado de azul.

     Este mes ofrece temperaturas medias, nada excesivas.

     Todo reborda de cores.  A humidade do inverno bergantiñán, dá agora un cromatismo embriagador a esta terra temos o verde nos campos e nas albres caducifolias. O azul do mar que nos fai soñar coas súas aror acabalando entre elas, con sedas de brancores, que son o engado para os surfistas que escolleu os nosos areais para o seu deporte.

     Cando as ondas se estenden sobre a area quente, sentimos un ruxido, como se fereveran despois do esforzo por chegaren onda nos.

     O concello de Carballo ten un frontal para o mar, que vai de Razo, pola ría de Lema, ou Baldaio, deica Pedra do Sal. Grandioso espectáculo para contemplar e admirar.

     Como nesta vila hai xentes procedentes das aldeas, aínda veremos casas e beirarúas enramadas. Espadanas, fiúncho, hortensias, rosas das silveiras… son os mellores vexetais contra as meigas.

     As fontes, os penedíos, os castros, as lagoas… todos ten a súa lenda, mesturados os elementos mitolóxicos que veñen dos máis antigos tempos.

     Pero tamén temos romarías no santoral bergantiñán, non alleas ás particularidades do mes. Hai San Antonio na Agolada e Francos, así como S. Hadrián en Sofán e Malpica.

     Sobre todo S. Xoán de Carballo, que como en tantas festas patronais galegas, leva consigo a celebración do Santísimo Sacramento.

     Mes de San Xoán! Como dixo un poeta: Moito tardas e axiña pasas.

jueves, 3 de junio de 2010

IMAXES DO APÓSTOLO

     Preside o altar maior da Catedral unha imaxe sedente do Apóstolo. O mesmo pasa na Parroquial de Padrón e no santuario do Santiaguiño. E noutras moitas igrexas.

     Se facemos unha revisión destas imaxes lendo a cartela que levan na man dereita temos:

     - No Santiaguiño o texto, un latín di que alí predicou o Apóstolo.

     - Na Parroquial, que “aquí estivo o Corpo o Apóstolo”.

     - Na Catedral, “aquí está…”

     Nesta, Santiago leva unha esclavina de prata que lle doou o arcebispo Monroi, que viñera de México, (posesión española, daquela) onde seu pai tiña minas de prata.

     Se facemos unha síntese da mensaxe que dan as tres imaxes de Santiago, temos: O Peregrino é o misioneiro enviado a evanxelizar. O Sedente, é o apóstolo que preside a comunidade formada; o Cabaleiro é o que segue loitando por extender a Fe, con decisión e sen complexos, ante tantas dificultades.

     Como temos que facer hoxe.

sábado, 29 de mayo de 2010

HIMNOS A SANTIAGO

     Cando imos á Catedral, moitas veces temos que cantar o Himno ao Apóstolo. O actual, que é o himno oficial, empeza por aquelas palabras de Santo Adalid, Patrón de las Españas, Amigo del Señor.

     Xa no Códice Calixtino aparece un himno para o noso Santiago. Está en latín, cunhas notas musicais, que os mellores musicólogos teñen interpretado. Ese himno empeza por Dum Paterfamilias ten a ventaxa de que non é belicista, nin na música, nin na letra,.

     Nos tempos do cardeal Martín de Herrera (que ten rúa adicada en Carballo) cantábase Dos favores, facía alusión a Santiago e ó Pilar. Pero era breve.

     Así, en 1920, empezouse a cantar o himno actual, que ten letra de Barcia Caballero e música de Soler Palmer, mestre de Capela da Catedral.

     Como este himno fai somentes alusión a España, e a peregrinación hoxe é un feito universal, pensouse de poñerlleunha letra en latín, con pequenas modificiacións. Pero non callou aquilo.

     O himno actual adáptase moi ben ao camiñar do peregrino, e acae co balanceo do botafumeiro, que é o intre sobanceiro no que se canta.

     Ten unha dificultade no canto de primeira volta do será en España. Suprimindo esa volta (como dicía o mestre Pérez Rajoán)  acabábse con ese punto no que fallan os cantores non especialistas.

     Houbo, hai, outros himnos. Así, o que compuxo Pérez Millán aló por 1950, e máis o que se atribúe a Pérez Rajoán, estreado por 1957. Seguramente este himno Crucis aeques é do admirado Rajóan.

     Eu vinllo dirixir unha vez na Catedral e pareceume que o facía con particular emoción. Pero non lle gustaba a el proclamar a orixe das súas composicións.

     Estamos,, pois, na espreita dun himno xacobeo universal.

martes, 18 de mayo de 2010

LOUBEMOS A DEUS

 

     A liturxia católica expresa o seu gozo cunha palabra emblemática: aleluia.

     Así, en tempo de severidade litúrxica como é a Coresma, non se canta o Aleluia. Pero iso non quere dicir que deixemos a loubanza de Deus.

     Aquela fermosa e expresiva palabra, vennos do hebreo (como “hosanna”) significa “alabade a Iaveh”, a Deus. Acotío rezamos Laudes, que son loubanza, a primeira oración do día na Liturxia das Horas.

     Na lingua greaga hai o verbo qeu Laleo de cantigas en galego, na que se presentaba o texto bíblico dos salmos, traducían o aleluia clásico por ailalelo.

     Pois ben. Estamos entre o día da Ascensión do Señor e o día de Pentecostés. Remata así o ciclo pascual. Loubemos ao noso Deus.

Ailalelo

FINAIS DE CURSO

 

     Nestas datas do mes de maio, compre que pensemos nos nosos estudantes. Teñen por diante uns días, ou unha tempada que vai ser decisiva para eles e para as súas familias. Todos estamos pendentes, queremos un bo remate do curso para a mocidade estudante.

     Poida que vallan estes consellos, que nacen da experiencia dos que fomos, hai tempo, estudantes tamén.

     Primeiramente, hai que concentrarse. Deixar cousas, asuntos que alonxan o que agora é prioritario.

     O alumno debe saber distinguir o que é secundario e o que é nuclear, principal.

     Isto descríbese polo interese e traballo que tivo o profesor sobre os temas en cuestión de cada asignatura.

     Estou seguro que os profesores, ademais do traballo que fan na clase, non dudarán en axudar ao alumno que lle pida explicacións sobre calquera punto da materia que o profesor dea.

     Mesmo haberá compañeiros que estarán dispostos a aclarar algún asunto escuro que se nos poida presentar. Pois hai alumnos que durante o curso seguen as explicacións do profesor, toman apuntes, e agora teñen que facer un esforzo menor para vencer o curso. Estes, claro é, deben axudar ós demais.

     Todos comprenderán que o curso académico é coma unha liga de fútbol. Hai que ir gañando puntos, os que se poida, en cada partido, e así podemos chegar a campións.

     Adiante, pois, estudantes. Espéranvos as merecidas vacacións, que serán tanto máis felices, canto mellor rexa o resultado dos vosos exames. Felicidade, honra e satisfacción que serán para vós e para as vosas familias.

miércoles, 5 de mayo de 2010

DE CAMIÑO A SANTIAGO ATRAVESANDO RÍOS

Portomouro

 

     Imos e vimos de Compostela e poida que non nos decatemos do gran servizo que fan as partes o camiño para que poidamos peregrinar neste ano Santo e sempre, porque a capital de Galicia a todos chama.

     Daremos unhas breves notas sobre a ponte de Portomouro que, ésta, a actual, é unha obra arquitectónica moi vencellada á vila e concello de Carballo, como os nosos lectores de mediana idade, lembrarán.

     Os datos que vou ofrecer están tomados de estudos ben coñecidos como son os de Ferreira Priegue, Pérez Costanti, La Ilustración Gallega y Asturiana, e la Voz de Galicia.

     Remitíndose, pois, a estas fontes escritas, resulta que:

    - Unha vella ponte medieval comunicaba as terras das dúas bandas do Tambre.

    - No ano 1591, unha enchenta do Tambre, derrubou totalmente aparte.

    - Foi reconstruída entre 1.601 e 1.609.

    - No 1879, o Tambre desfixo un dos arcos da ponte. Deben ser reparado este arco porque

    - En febreiro do 1.883, as noticias da prensa son que una gran avenida de agua, con troncos, derribó el viejo presente de Portomouro.

    - A tradición local asegura que a vella ponte estaba un pouco máis arriba da actual, nunha paraxe que aínda hoxe chaman a ponte.

     - Seica levou tres anos facer a ponte actual.

     - No 1.885, La Voz anuncia que se fixo unha ponte de madeira, pola que pode pasar a xente, os cabalos e os carros, pagando unha pequena peaxe.Con isto, evitábanse os perigos de pasar o río en barcazas.

     - Finalmente, na sección de La Voz, titulada Hace cien años do día 29-V-1991, anúnciase a próxima inauguración da ponte de Portomouro.

     - Coidamos, pois, que sería naquel ano de 1891.

     - No ano 1.993, foi ancheada por necesidades do tráfico.

     - Conclusión: a ponte ten 129 anos.

     Que por moitos máis siga en pé, qa que é a meirande obra de inxenería civil de Dubra. Non hai nela unha gota de cemento. Todo é pedra ben labrada e asentada.

O puntal da obra, a luz dos seus anos e a firmeza dos pilares, son garante ante as grandes enchentas do Tambre.

miércoles, 28 de abril de 2010

De Carballo a Santiago

 

 

     Ir a Compostela neste Ano Santo, e sempre, é un obxectivo dos bergantiñáns, coma dos dubreses, amaiáns, ou dos veciños das terras do Ulla e Tambre.

     Feirantes, tendeiros, estudantes… para todos, Compostela foi unha cidade amiga. Clérigos e labregos tiñan alí o centro das actividades. Para Otero Pedraio, o paisano do rural ten nos seus camiños ancestrais un acceso dereito ás rúas da cidade do Apóstolo.

     Na entrada anterior deste blog, falamos do camiño que Pondal indicaba a Murguía para que este viñese desde Santiago a Ponteceso.

     Ese camiño, no traxecto de Compostela a Portomouro, non aparece concretado abondo, como quixeramos. Ante esta carencia, poderiamos preguntar se Pondal tería ido a Santiago pasando por Carballo e Bembibre.

     Na Cántiga 51 de “Queixumes dos Pinos” lembra Pondal a Anxerís, Buxán e ás Alturas de Portomeiro.

     Seguramente que o Buxán (sunto con Carboeiro e Oca)de que fala o poeta de Ponteceso, é unha aldea daa parroquia de Seavia, e non é o topónimo referido ao Concello de Buxán, que hoxe chaman Val do Dubra, que ten a capital en Bembibre.

     Pero as referencias a Anxerís e ás Alturas de Portomeiro son suficientes para soster que polo camiño, hoxe estrada, de Carballo a Santiago, tamén ía Pondal.

     Efectivamente, cando pasamos fronte ao santuario de Nosa Señora de Belén, se miramos ao horizonte que temos á man esquerda, veremos, na lonxanía, o Castelo de Portomeiro, e Pedraslongas, alturas que son, ou eran, marabilla da natureza, e agora aparecen sacrificadas pola desfeita de humanos intereses.

     Alí había grandes aglomeracións de rochedos, enormes penedos labrados polos ventos e augas de moitos séculos. Alí sentíanse presentes as idades xeolóxicas que conformaron a nosa terra, e tamén a historia do medievo.

     Pero deixando a tristura que nos dá ver o noso patrimonio natural desaparecido para sempre, volvemos a Pondal. A visión de P0rtomeiro, camiño de Santiago parecíalle “fuxitiva”. Así é, en realidade. Por pouco tempo pode contemplarse, indo de viaxe, aquela monumentalidade das montañas.

     Mais cando o noso bardo vai de Bembibre a Portomouro, séntese acompañado polo ríao Dubra, e escribe:

Por entre verdes campos

o Dubra vai correndo

o Dubra montesío

o Dubre verde e fresco

que nace nas montañas

de Erviñou e Arabexo

(Poesía Galega Completa II, edic. Sotelo Blanco, Poemas manuscritos, páx. 91)

     Isto manifesta o amor pondaliano pola terra Valdubresa, senlleira no camiño de Bergantiños a Compostela.