martes, 15 de septiembre de 2009

SEGUNDA CELEBRACIÓN DA DOLOROSA

No ecuador de septembro, aparecen conmemoracións e festas populares que parece queren aproveitar os últimos raios de sol do verán.

Así temos unha segunda celebración de Nosa Señora das Dolores. Digo “segunda” porque a “primeira” é aquela que vai no venres da semana anterior á Semana Santa. Que me parece o lugar máis propio. Pero ben. Aquí de Carballo, a cofradía das Dolores vai ter unha nova conmemoración.

Festa de Nosa Señora das Dolores haina en Castrís. Por certo, moi famosaén toda a bisbarra de Xallas.

Como María “está ao pé da Cruz do Calvario” asegún nos di San Xoán, temos celebracións da Santa Cruz. Así, en terras da Ulla e de Martaos, en Órdenes.

pola relación coa Cruz do Calvario hai celebracións de Santa Helena, ou Irena, no Castrillón, en Lema. Nunha paraxe que representa cunha das panorámicas máis fermosas que poden contemplarse en Bergantiños.

Outra clase de festas son as de Santa Eufemia. Que teñen en Rus, Leira, Bértoa, Vilouchada, Valencia, etc…

Esta santa, xunto con Santa Mariña e Santa Margarida, forma unha tríada de santas moi populares, nas que a lenda trata de encher o valeiro de datos históricos.

Sendo Ourense un dos focos do cristianismo en Galicia (desde San Martiño Dumiense e o rei Miro) alí hai dúas parroquias adicadas a Santa Eufemia. Na mesma cidade das augas quentes. Na parroquia e Santa Eufemia do Centro, foi párroco o venerado cardeal Quiroga Palacios.

martes, 8 de septiembre de 2009

NOSA SEÑORA DE CAIÓN

Está asfaltado o camiño que vai de Carballo a Caión, pero se non estivese, nese camiño non medraría a herba, porque os devotos de Nosa Señora non paran de ir a pé a aquel santuario.

Cando se chega a altura de Leira (a última aldea do concello de Carballo) contemplamos un mar azul, largacío , que chega a bater na terra para bicala con escumas brancas . Os pulmóns énchense do aire que ven do atlántico.

A vila de Caión é coma o pedestal do santuario, dese donde María Santísima tendeu a cantos alí chegan. Sempre, sí, pero especialmente neste mes septembreiro.

Desde a pasada Semana da Familia, na que a imaxe de Nosa Señora dos Milagres veu a Carballo, quedou establecido un vencello permanente dos crentes carballeses coa Virxe de Caión.

Unha razón máis, para ir venerar a María e para cumprir con aquel mandato de Nosa Señora: “facede o que Él vos diga”.

Así, poética é a peregriunaxe a Caión. Mesmo costosa e sacrificada, pero a comenencia mellor é o vivir como quere María que vivamos os seus fillos.

U poeta compuxo estes versos.

“Alá por riba do frondoso souto

ergúendose branquexa,

cal pomba de ás níveas, no picouto

a nosa vella igrexa.

A campá falou: do novo día

a un feliz pregoa,

e sandando nos ceos a María

no fondo do val resoa.

María, sol do amor, fai que en min creza

xardín de vivas flores,

axardín de flores que decote ofreza

a Deus cáliz de amores.”

Sinto non sasber o nome deste poeta

martes, 1 de septiembre de 2009

VIVA A NOSA SEÑORA MILAGROSA!!!!



Xa estamos en septembro. Mes que leva un R e polo tanto, como dicían os nosos devanceiros, xa o Sol pode facer dano, podemos sentir o "trancazo", tamén dicían así nos vellos tempos cando falaban da gripe.

Non. Septembro anuncia o final do verán, o outono vai chamar ás nosas portas. Empezará un tempo novo, no clima e no traballo. Rematan as vacacións, empeza o curso, quedarán desertas as praias.

Esta situación externa e lévanos a pensar en Nosa Señora, Santa María. Veredes cantas festas marianas hai neste mes.

Agora mesmo, falemos xa da Nosa Señora Milagrosa, celebración mariana de fieis na capela do Campo da Feira, e cunha alfombra floral comoa non se ve en toda a redonda.


Esa alfombra, composta de varios tramos, ten unha motivación catequética, artística, testimonial, do amor que á Nosa Señora profesan os devotos da zona sur da parroquia e doutras partes de Bergantiños.


Hai todo un organismo de colaboradores. Nada pode fallar.

Hai uns creadores que son o cerebro, que pensan os motivos e diseño das figuras que van a compoñerse nas alfombras. O conxunto é vario, pero responde a unha unidade, a unha mensaxe que os observadores e admiradores van sentir.


Hai uns colectores de pétalos, que teñen que acudir a invernadoiros, montes, devesas... para procurarse a variedade de cores que se precisan para lograr cubrir o deseño proxectado.


Hai uns dibuxantes que pintan na rúa a base das figuras, orlas, que van encherse e ser cubertas coas flores.


Hai quen coidada da combinación de cores e a coordinación das mesmas en toda a obra artísitca.


Hai unhas mans traballadoras que pasan a noite entregadas ó labor de rexir a culminación do traballo.


Hai uns amables monitores que virán observando, correxindo, se é necesario, o traballo que se vai facendo, e que será perpetrado nas moitas fotografías que os bergantiñáns farán sobre o chan alfombrado.

Ben se cumpre aquí o que San Lucas pon en beizos de María Santísima: "Hanme chamar benaventurada todas as xeracións"

martes, 25 de agosto de 2009

NOSA SEÑORA DOS MILAGROS EN CEREIXA



Neste devalante de Agosto, temos as festas de Entrecruces. Tamén a de Nosa Señora dos Milagros, en Cereixa-Erbecedo.

Se miran un mapa vello, daqueles que se editaban en escala de 1:50.000, verán que naquela paraxe poñen "ruínas". Efectivamente, alí quedaban as ruínas da igrexa parroquial de Erbecedo. Concretamente, na Erbedeira, terra de erbedos, ou alvedros, que, en castelán chaman madroño. Mais no 1943, o párroco Rodríguez Carballo recuperou aquel lugar e levantou unha ermida adicada a Nosa Señora dos Milagros. Celebración que vai cada ano a máis e agora ten espazo abondo para tan concorrida celebración.

Da Erbedeira, pois, veu a igrexa parroquial para a aldea de Silván, onde atopou acougo grazas a que a Fundación do Santo Anxo lle deu terreo para fundar alí igrexa e camposanto. Moitas cousas máis fixo a fundación de don Paulo Anxo Aldao e Breixo en favor de Erbecedo, desde a súa creación a comezos do século XVIII, ata os nosos días.

Agora, o nome deste meritísimo sacerdote, figura en lápidas que ornamentan o Complexo Parroquial do Santo Anxo de Erbecedo-Silván. Pero no texto desas onrosas lápidas non figura todo o que de don Paulo Anxo poderamos dicir. Así, por exemplo, que era de familia nobre, foi Colexial de Fonseca, en Santiago; coengo maxistral na colexiata da Coruña; catedrático de teoloxía e vicerector da Universidade de Santiago.

Finou no 1721, deixou todos os seus bens, que daquela eran moitos, en favor de Erbecedo. Está soterrado na capela da Terceira Orde en Santiago de Compostela. D.E.P.

martes, 18 de agosto de 2009

FESTAS EN SEAVIA - BERGANTIÑOS




O día 17, enpezaron as festas de Seavia. Primeiramente, o patrón, San Mamede (San Amedio, noutros lugares). Mártir que ten adicadas moitas parroquias en Galicia. É tamén o campo de fútbol do Atletic de Bilbao, que chaman "A Catedral", san Mamés. O día 18, en Seavia, celebran a festa do Carme. Tivo moitos romeiros antano. Hai unha fonte que ten un retablo pétreo, gótico-historicista coroado por unha imaxe de Nosa Señora do Carme¡, que é copia da talla que conserva o interior do templo. Tamaño medio ésta, pero coa particularidade de que no manto da Virxe vense flores vermellas que lle dan un particular cromatismo.

Excusamos dicir que Fonte do Carmen, Rectoral e o corpo da Igrexa son obra dos primeiros anos do século XX. Todo por iniciativa e coas aportacións do gran párroco que foi Don Santiago Abuelo.

O día 19, é o Santísimo Sacramento. Poderá verse na procesión a custodia do século XVII que foi doazón de San Paio (mosteiro compostelán) a Seavia, parroquia da que era patrono.

Trátase dun exemplar, tipo relicario, que polo seu valor artístico e histórico estivo na Exposición que houbo en Santiago con motivo do ano Santo de 1999. Onde tamén estiveron expostas outras alfaias de Seavia.

Cómpre preguntar ¿por que esta orde de celebración nas festas desta parroquia? Porque a norma é: festa do Patrón, segue a do Santísimo, e remate coa do Carme.

Pois a explicación é a seguinte: en Seavia, como noutras parroquias de Bergantiños, o día do Patrón tamén era o día do Sacramento. Aquel tiña unha Misa pola mañá, e a do Sacramento, moi solemne era ó mediodía.

A Don Ramiro Rodríguez Carballo, párroco, pareceulle, con bo criterio, que había que separar ambas celebracións e darlle a cada unha o seu día.

Así o fixo. Pero non podía trasladar a festa do Santísimo para o día 18, porque en tal día estaba a festa do Carme, de moita sona na bisbarra. Polo tanto o que fixo aquel párroco, señor Rodríguez Carballo, foi pasar o día do Sacramento para o día 19.

Que descansen en paz estes párrocos e teñan boas festas os seavienses.

ANTE A SOLEMNIDADE DA ASUNCIÓN DE NOSA SEÑORA



Ante a solemnidade da Asunción de Nosa Señora (Santa María en “todo o mundo”) non podemos enumerar as parroquias, ermidas, santuarios, catedrais, mosteiros, que celebran a festa patronal.
Nin podemos sinalar as múltiples formas nas que o haxionímico Santa María está presente nos nomes bautismais de mulleres e homes. Felicidades a todos.


Pero daremos un breve repaso ás parroquias bergantiñás que van estar de festa por Santa María, son: Ardaña, Bértoa, Cereo, Rus e Traba. Carballo aparece felizmente enclaustrada entre parroquias marianas, como son Bértoa e Ardaña. Norte e Sur da vila carballesa.


Copiamos dun soneto de Gerardo Diego, que el dedicou a Asunción de Nosa Señora, copiamos, digo, os seus tercetos.


“¿Adónde va, cuando se va escondiendo
y el aire, el cielo queda ardiendo, oliendo
a olor, ardor, amor de rosa hurtada?
¿Y adónde va el que queda, el que aquí abajo,
ciego del resplandor se asoma al tajo
de la sombra transida, enamorada?”
Velaí a visión dun gran poeta crente.


Un pouco máis ao sur , en terras de Dubra, Xallas, Santa Comba, temos o santuario- parroquia de Vilamaior. Pasarán os devotos cara alí, que darán exemplo de amor mariano polas estradas por onde corren. Mesmo haberá xantares “de merenda” como dician antano , nas proximidades da fonte.
Antes do día de Nosa Señora están correndo as festas de San Lorenzo en Agolada, Verdillo e na ermida de Nariño, en Dubra.
Todas son festas de brillantez, resplandor, calor…como corresponde á liturxia romana, neste mes de agosto.

martes, 4 de agosto de 2009

A TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR



Agosto empeza cunhas festividades que nos veñen da liturxia romana. Na cidade onde está a Santa Sede é agora o chamado ferragosto, moi quente, e os que poden, buscan as ribeiras do mar. O Papa vai para Castelgandolfo.
Unha fermosa lenda fala dunha nevarada que houbo en Roma no mes de agosto. Por iso levantaron a igrexa -basílica de Santa María e celebramos a Nosa Señora das Neves. Saudamos ás que levan este branco nome.
Outra festividade con referencias á luz, ao sol, ao brancor das vestimentas de Noso Señor, é a Transfiguración. Chamámoslle tamén o día de San Salvador.

Todo isto serve para ter festas en Artes, Sofán, Erbecedo e Rebordelos. Veremos polos adros parroquiais as valiosas imaxes de Xesucristo que leva na man o globo terráqueo e o seu rostro libera feixes de luz.

En Sofán, ademais, no retablo maior, está representada a mesma escena da transfiguración. Retablo que foi estudado por Desiree Domínguez Pallas e resturado en tempo de Don Diego Ríos Noya.

En Sofán publicaron un programa das festas no que está un artigo de Don Diego falándonos do importante pasado histórico de Sofán. O que el nos diga ten o meirande valor, porque fundaméntase nas fontes que el consultou naquel arquivo parroquial e nos testimomnios de xente e fregueses de Sofán, durante vintecatro anos que el viviu nesta freguesía.






Outro artigo que vemos no programa é de Don Isolino Esmorís Cambón, natural de Sofán, párroco de Montemaior. Relembra os seus tempos de seminarista cando rexía aquela parroquia o tan querido e admirado Don Antonio Carracedo Viña, con quen colaborou a súa sobriña Venerable, finada en Santiago, pero seupultada en Sofán. Esta señora era irmá do recordado párroco de Fisterra, Don Luciano Moreira Carracedo, natural de Oca.



Boas Festas a estas freguesías.

sábado, 1 de agosto de 2009

VIVAMOS CON PIEDADE POPULAR AS TRADICIONAIS FESTAS DO MES DE AGOSTO

Romería en San Fins do Castro


Imos empezar agosto, leva tamén 31 días coma xullo. Contan que Augusto César reformou o Calendario Romano para que o seu mes, agosto, tivera tantos días coma o de Xulio César.

Días pois festeiros, familiares, coa presenza dos nosos emigrantes. Benvidos todos. Fagamos unhas sabias e prudentes reflexións:

- Ben quixeramos que as nosas festas silenciosas, patronais en moitos casos, fosen devotas, manifestantes de piedade popular e tradicional.

- Mes preferido polos emigrantes para vir a súa terra bergantiñá. Veremos coches con matrículas europeas. Neste intre de crise económica, aínda non vai ser posible o retorno definitivo. O que ten un posto de traballo, onde sexa, terá que aproveitalo.

- Non sabemos como virá o tempo. Ogallá sexa soleado para mellor disfrutar. Pero se chove, como en xullo, saibamos todos que así nos defendemos mellor contra o lume. Hai moita madeira nos montes, especialmente alí por onde pasou o ciclón Klaus. Ateigados, pois, de material combustible. Un perigo mesmo para as vivendas.

Desde o San Fins do Castro, ata o San Ramón, pasarán as festas patronais en Bergantiños. O cumio estará no medio e medio do mes coas festas de Nosa Señora e San Roque.

Que deixen en nós un bo recordo.

jueves, 23 de julio de 2009

O CAMIÑO DE SANTIAGO POLAS PONTES DO TAMBRE


FESTA EN SANTIAGO

Este mes é o “de Santiago”, como dirían antaño. Este ano é vixiliar do xa próximo Ano Santo Compostelán.

Bergantiños ten parroquias adicadas a Santiago Apóstolo, Sísamo, Mens, Vilaño, e mesmo tamén o seu particular Camiño de Santiago.

A meirande parte de Bergantiños pasaba o Tambre pola ponte de Portomouro. Alí, unha vella ponte que xa apareceu nos mapas e documentos antigos. A ponte actual, foi inaugurada no ano 1.891 e nela intervíu un Mestre de obras afincado a Galicia, que foi Garagarza, sogro de persoeiro tan coñecido en Bergantiños, como é Xacinto Amigo Lera, un dubrés, de Portomouro, que no Campo Santo da súa parroquia natal, descansa.


Río Tambre na zona de Portomouro

Outra ponte sobre o Tambre que permitía a chegada a Compostela, era Ponte Albar, que, a bon seguro, recibía tal nome porque, de nova, aparecía branca coas súas canterías. Será unha obra do século XVII, continuadora do servizo que ós camiñantes a Compostela prestaría outra ponte máis veterana.

Este segundo camiño que compartían dubreses, montañeses das terras de Montaos , e bergantiñáns, daría lugar, coidamos, a que no século XVIII o arcebispo Bocanegra mandase erguer a suntuosa igrexa de Nosa Señora Peregrina, hoxe parroquial por creación do arcebispo Martín de Herrera. Polo tanto, como en Pontevedra, León, ou noutros lugares, o paso dos peregrinos deu lugar á creación de santuarios adicados á Nosa Señora Peregrina.

O outro camiño, que chega de Portomouro, cando se xunta co que vén de Ponte Albar, están os dous en territorio da parroquia de San Xoán Apóstolo, irmán de Santiago, que tiña capela e parroquia na mesma xirola da Catedral.

Río Tambre na zona de Ponte Albar

Dispoñámonos a ir devotamente a Compostela. Na Capela das Reliquias, que agora chaman Panteón Real, está o noso Conde de Traba, amigo de Xelmírez, que participou con el nos soños de grandeza para a Galicia do século XII e de sempre.



viernes, 17 de julio de 2009

BERGANTIÑOS, TERRA DE MAR, VAL E MONTAÑA, VENERA Á NOSA SEÑORA DO CARME



No medio do mes de xullo temos a festa de Nosa Señora do Carme. Devoción entrañable nas nosas parroquias.

Na pasada Semana da Familia, viñeron a Carballo imaxes de Nosa Señora. Viñeron as máis populares, as que son máis veneradas. Pois ben, a meirande parte eran imaxes de Nosa Señora do Carme.

Bergantiños é unha admirable síntese de mar, val e montaña. Nas freguesías da ribeira, e nas do interior, temos festas do Carme en todas elas.

Os peregrinos que hai pouco foron a Terra Santa, subiron ao Monte Carmelo, e alí poderon ver a inmensidade do mar azul, o cenobio de orantes que aínda hoxe hai no cumio do monte tan sonado na Biblia.

Santa María, pois, patroa dos que vogamos no mar e na terra. Defensora dos que loitamos contra tantas ondas, feras , asoballantes, que nos fan clamar pola axuda de Nosa Señora.

O mar ten perigos; é “val de bágoas”, tantas veces.

Pero rematemos coa visión de tantas motoras que van levar a imaxe do Carmen, ateigadas de devotos mariñeiros , polas nosas rías e portos.

Felicitamos a tantas “Carmes” que aínda hai entre nós. Anque nos doe que nome tan poético vaia escaseando nas nenas que agora son bautizadas.

martes, 7 de julio de 2009

PARABÉNS ÓS NOVOS PRESBÍTEROS


Estamos ás portas dun acontecemento memorable. O vindeiro domingo, 5 de xullo, o Sr. Arcebispo de Santiago, Don Xulián Barrio; procederá, na Catedral, á ordenación presbiteral dos que, ata ó de agora, e durante un ano, foron diáconos da Igrexa Compostelá. Dous deles teñen estreita relación con Bergantiños, son : Don Mario Cotelo Felípez, natural de Verdillo, licenciado en Arte, autor de numerosos estudos sobre a súa especialidade, conferenciante, asimesmo, sobre arte relixiosa. Don Mario é unha vocación que xurdíu durante o servizo pastoral que en Verdillo prestou Don Constantino Campos Pena, de gran recordo naquela freguesía, e alí ten a súa sepultura. Don Mario ten pregoado o bon quefacer pastoral de Don Constantino.Para este benemérito sacerdote será un gozo saber que a súa sementeira produciu este froito dunha vocación sacerdotal que tanta esperanza fai nacer en todos.


O outro diácono que recibirá a ordenación presbiteral é Don Daniel Pérez Espasandín, natural de Santacomba, que durante este curso pasado estivo exercendo o seu ano de pastoral aquí en Carballo e parroquias da Unidade Pastoral que encabeza esta vila.


Polo tanto os nosos oíntes coñecen a entrega de Don Daniel (Dani para os amigos) en todos os labores que demanda a pastoral en tan variados servizos, como son: a catequese, a preparación para confirmandos, a mocidade en xeral, as súas clases de guitarra.


Don Daniel estivo nesta emisión relixiosa varias veces, por iso os nosos radioíntes coñecen a súa simpatía e as grandes dotes que o adornan.
Entrevemos, esperamos, pedimos, que “Dani” siga connosco, porque o necesitamos; porque ten que seguir o traballo comezado; porque as freguesías demandan a súa presenza entre nós.


Que Deus bendiga a estes novos sacerdotes que vai ter a diócese Compostelá.
O terceiro diácono que pasará a sacerdote é Don Ventura Martínez Riboiras, natural de San Ciprián de Vilanova de Arousa, que foi un solista en orquestra, e agora emprega as súas facultades musicais na liturxia da Igrexa. Deus segue chamando.



Parabéns a todos

Santa Comba, terra de curas e persoeiros famosos


Santacomba é o centro das terras de Xallas , ou Céltigas (como lle gustaría dicir a Valle Inclán). A súa situación preponderante define o que serán terras de Barcala, Dubra, Bergantiños e Soneira.

Santacomba é o centro dinamizador dunha bisbarra agrícola e gandeira, especialidades nas que é sobranceira en toda Galicia. As súas feiras foron xuntanza de labregos en moitas leguas á redonda.

A súa Igrexa parroquial, amplísima, feita haberá 40 anos, ben restaurada, conserva un campanón da anterior igrexa, que era notoriamente insuficiente. Foi promotor da obra Don Xoaquín Torres Valiñas, que antes fora párroco de Rus ata 1.959. Finou haberá dous anos.

En Santacomba foi párroco Fonseca lll, que, de aí, pasou á parroquia de Santa María da cidade de Pontevedra. Despois, foi un gran arcebispo de Santiago.

En Santacomba foi párroco Manuel Cabeza Docampo, natural de Sofán, tío de Don José Álvarez Cabeza e dos irmáns Eirís Cabeza, todos eles son gloria da freguesía de Sofán.
De Sta Comba é Don Manuel Carracedo, catedrático de medicina legal, moi laureado internacionalmente.

Outros persoeiros de Santacomba son, entre máis:
María Pilar Torres Lema, andaluza afincada nesa vila xalleira; xeógrafa, experta en parroquias e arciprestados de Galicia, e no Camiño de Santiago.
Temos que mentar tamén a David Durán Arufe, músico e compositor, director do Conservatorio Profesional de Música, de Santiago, Poeta.

Pois ben, a Primeira Misa en Santacomba do novo sacerdote Don Daniel Pérez Espasandín, vai ser o domingo, día 19. Así como a súa Primeira Misa en Carballo será o venres día 10.

Felicitamos, unha vez máis ao novo sacerdote, como tamén temos que felicitarnos todos, en Carballo e Santacomba, en Bergantiños e Céltigos.
Que Deus nolo conserve por moitos anos. Amén

A GRANDEZA DO SAN XOÁN


Estamos no San Xoán. Afortunada esta vila de Carballo por ter a súa festa patronal neste mes en que todo é plenitude.. Días longos, luz a cachón, cores mil na natureza (albres, mar, ceo, silveiras).

San Xoán lévanos ao río Xordán, ao noso bautizo, ao empezo da nosa vida.
San Xoán anuncia a Cristo, vai o santo case espido, come pobremente, chámanos á reflexión sobre a nosa vida. Isto é un exemplo que nos dá o noso patrón, que temos que acoller como cristiáns.

Hai todo un referente cultural, mesmo prehistórico, que serve de marco á grandeza deste santo. Reviven lendas, refráns, casas enramadas, cachelas para saltar, sardiñadas que concentran ás veciñanzas.

O noso Alfredo Brañas ten unha descrición de San Xoán, longa, e polo miúdo que recomendamos aos nosos oíntes.

Tamén Álvaro Cunqueiro, nun programa das festas de hai xa moitos anos, facía un relato moi suxerente da Misa Grande do día de San Xoán na Igrexa Parroquial de Carballo.

Desde a Lagoa de Alcaián ata o Monte Neme, Bergantiños é un mosaico de lendas, pero todo vai esmorecendo. Outra vez nos vén a idea da globalización que achanza todo, quita identidade, mestura as culturas. Que sigamos co noso San Xoán, tal como foi, ou como debera ser, por moitos ano, “Mil veráns máis”.

Engadiremos que mañá inaugúrase a reconstruida capela de San Xoán en Bembibre. Había como medio século que a capela derrubárase e deixou de haber alí romaría. Agora pola iniciativa do Sr. Cura Don Xosé Ortoño Fuentes, e coa colaboración do Concello, recupera Dubra un valioso patrimonio.


Da vella capela fora levada para a reconstrucción do Coro do Mestre Mateo (século Xll) no Museo da Catedral, unha peza románica, que seica procedía daquel coro, retirado cando se fixo no século XVl o coro lígneo que hoxe pode contemplarse na igrexa de San Martiño Pinario.

Parabéns a Dubra.

viernes, 12 de junio de 2009

ESTAMOS DE FESTA


San Antonio



Santísimo Sacramento

Neste vindeiro fin de semana temos celebracións a salientar. É día de San Antonio da Agoalda. Romaría moi concurrida en Bergantiños. Tamén hai festa a San Antonio no pazo de Vilar de Francos. E virán despois as festaas a santo tan poopular, así como a San Adrián nas nosas freguesías.

Pero, o que é importante sinalar é a Solemnidade de Corpus Christi no domingo, día 14. Agora dicimos que é o Día Nacional da Caridade. A Presenza Real de Cristo na Eucaristía obríganos a pensar nesa outra súa presenza nos irmáns necesitados. Polo tanto, temos que examinarnos a ver cómo nos comportamos. Se cumprimos, ou non, o Mandamento do Amor Fraterno, pero con obras de caridade, coa nosa axuda, por exemplo, por medio das Cáritas Parroquiais.

Nestes días da Declaración da Renta, temos unha boa posibilidade, pois, marcando cunha cruz nas casillas que veñen no impreso, podemos axudar, tanto á Igrexa Católica, como a Cáritas, Cruz Roxa, Mans Unidas... sen que nada nos desconten. Tampouco, por marcáremos estas dúas casillas, nada perxudican nin merma, ni á Igrexa nin a Fins Sociais.

Velai, pois, unha boa ocasión para exercer a nosa caridade. Outras ocasións temos polo ano adiante, para cumprir co noso deber de caridade.

Así, por exemplo, doando sangue, tamén o domingo é o día dos Doantes de Sangue. Na Coruña hai unha rúa adicada a estes doantes.

Precísase sangue, pois non hai elemento algún que poida suplir ao sangue humano. De vez en cando os autobuses da Xunta preséntanse en lugares centrais dos nosos concellos para acoller ós doantes. Alí examinan o sangue de cada un, danlle información, animan, confortan e agradecen a doazón.

Hai tempadas, coma polo verán, nas que o sangue é máis necesario, por culpa dos accidentes.

Boa e actual forma de ser amantes do próximo: compartir a vitalidade do sangue propio, de forma totalmente desinteresada e anónima. Coma no caso dos doantes de órganos, mester no que Galicia é sobranceira.

jueves, 4 de junio de 2009

AMAR E RESPECTAR O MUNDO CREADO



Cada cinco de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Falta nos fai unha xornada así para que meditemos sobre o noso planeta, a nosa casa, na que tamén vivirán as próximas xeracións.

Cambio climático; subida do nivel do mar que asolagará poboacións que están á beira do mar; perda de especies, tanto de animais como de plantas... son consideracións que os ecoloxistas e os expertos en Natureza, a cotío nolas poñen diante de nós.

Pero nós mesmos podemos ver que maltratramos árbores e xardíns, a pesares de que a primavera quere reverdecer, encher todo de vitalidade.

Vense poucas anduriñas, xa botamos de menos o canto do cuco, que deberían sentirse entre marzo e abril como di o refrán.
As gaivotas andan por terra adentro. Comercio de animais en perigo de extinción; mascotas fóra do seu habitat. O xabarín é o terror dos nosos labregos.

Botamos papeis e bolsas de plástico na rúa; enchemos de porcallada ríos, fontes e mares; o "botellón" deixa abraiados os traballadores da limpeza; o lume no monte é unha praga que arruína a nosa terra galega. Motocicletas e coches hai que, co seu estrondo, deixan xordos, tanto ós veciños coma ós propios conductores.

Os crentes temos unha obriga especial, unha razón engadida para amar e respectar este mundo creado, conducido na súa evolución pola man de Deus Creador. Mansión esta que foi morada do Señor Xesús, e de cantos nos precederon, que nos deixaron un patrimonio a conservar e agradecer a Deus.

A BOA NOVA EN RADIO VOZ BERGANTIÑOS





Aquel xoves que "relucía máis cao sol" (o día da Ascensión) pasa ao seguinte domingo. Esixencias do mundo laboral ao que non lle prestan os días festivos no medio da semana. Pero o misterio seguimolo celebrando. A Ascensión do Señor vén sendo o complemento, ou segunda parte da Resurrecciónde Cristo. En tal día, a Igrexa celebra o Día das Comunicacións Sociais, por aquilo do mandato do Señor: "Ide ao mundo enteiro e pregoado a Boa Nova", mandato que se le no Evanxeo da Ascensión do Señor.

Así, a Igrexa, os cristiáns, temos que ser pregoeiros da Mensaxe de Xesús. Como fixeron os Apóstolos. Hoxe, por medio de follas parroquiais, radio e T.V., a Igrexa está presente na sociedade.

A emisión relixiosa de Radio Voz en Bergantiños, ten que agradecer a acollida que cada semana nos ofrece RADIO VOZ; a amabilidade da dirección e locutores que veñen prestando a súa competencia e servizo para que a emisión poida chegar aos oíntes. Sen esquencer aos técnicos que atenden a parte máis oculta, pero totalmente imprescindible, para que os mecanismos estean a punto e a nosa voz poida ser escoitada comfortablemente.

Non falta moito para que se cumpran as Vodas de Prata da emisión. Por iso, queremos multiplicar o noso agradecemento, por tantos anos de colaboración.

martes, 19 de mayo de 2009

BERGANTIÑÁNS EN TERRA SANTA


Retrato de Exeria

Galicia, no esplendor dos séculos IV e V tivo un século de ouro, só comparable, en frase de Otero Pedrayo, ao século de Xelmírez. Tivemos comunicación con Terra Santa, sendo nós o Fisterra de Occidente, e España, a parte máis oriental do Mediterráneo, nas que baña as costas da península Ibérica e as da Palestina.

Os Avitos, que eran de Braga, na Galicia romana, visitaron Roma e Xerusalem. Nesta cidade, estiveron con Paulo Orosio, paisano seu, que no ano 415 asistiu ao Concilio que houbo en Xerusalem, e conversou con San Xerónime, alí residente.

Idacio, bispo de Chaves, tamén na provincia romana de Galaecia, viaxou por Oriente.

A galega Exeria, fálanos do culto cristián en Xerusalem.

Santiago Apóstolo é un xudeo palestino que nos trouxo a Mensaxe do Evanxeo e temos en Compostela os seus restos mortais.
Polo tanto, as peregrinacións que desde Carballo e desde a diocese de Santiago, están programadas a Terra Santa, non fan máis ca proseguir unha vella tradición. Mesmo parece que cómpre visitar Betsaida, a patria pequena de Santiago o Maior, a onde, hai algúns anos, o Cabido de Santiago levou unha imaxe do Apóstolo peregrino.

E non hai moito, o deán de Santiago, estivo na igrexa de Xerusalem onde a tradición que di que alí foi decapitado o noso Apóstolo.

Isto, e todo o demais que se refire a Xesús, Noso Señor, é a razón primordial da peregrinación a Terra Santa. Acompañemos os peregrinos bergantiñáns que aló van , coa nosa oración. Eles tamén rezarán por nós naqueles santos lugares onde Noso Señor naceu, viviu e morreu, rematando todo na súa Resurrección.

viernes, 15 de mayo de 2009

VODAS DE OURO SACERDOTAIS




Neste breve comentario semanal temos que lembrar o acontecemento que tivo lugar na nosa catedral de Santiago o pasado venres. Celebraban as súas Vodas de Ouro no sacerdocio vinteséis presbíteros da nosa diocese, ordenados, pois, no ano 1959, polo cardeal Quiroga.


Tamén cinco sacerdotes celebraban as Vodas de Diamante. Foron ordenados na igrexa de San Xurxo de A Coruña, polo bispo Vicario Capitular, Don Xosé Souto Vizoso. Isto foi o ano 1949. Estaba a diocese vacante por falecemento do arcebispo de Muñiz de Pablos.

Houbo, pois, en Santiago, unha Misa solemne, concelebrada polos sacerdotes que estaban de xubileo. Eramos uns douscentos. Contando tamén tres sacerdotes do Opus Dei, que se agregaron para celebrar as súas Vodas de Prata.

Temos que memorar a dous compañeiros, en Vodas de Ouro, que prestan o seu servizo pastoral en terras de Bergantiños.

Son: Don Eusebio Calvelo Sánchez, párroco de Ardaña, natural de Carballo. Nalgún tempo foi tamén director da Coral de Bergantiños, pois son ben coñecidas as súas aptitudes musicais así como ser gran organista e guitarrista.

Outro sacerdote en Vodas de Ouro é Don Andrés Rumbo Lonqueira, párroco de San Román de Cabovilaño, natural de A Coruña. Foi coadxutor no O Grove e párroco de Santa Mariña de Ribasar, freguesía entre A Escravitude e Bastavales. Colaborador na revista Lumieira e gran pastoralista.

A todos, especialmente a éstes, a nosa felicitación e parabéns polo seu labor sacerdotal. Outros sacerdotes en Vodas de Ouro, dunha forma ou outra relacionados co ámbito deste blog relixioso son: Don Lorenzo Castiñeira Canosa, en Cee; Don Xosé Ferreiro García, de Golmar, párroco do Burgo; don Manuel Martínez Riveiro, de Sofán na Coruña, e Don Mario Villaverde Villaverde, párroco de Xaviña en Camariñas.

Recibiron en agasallo da diocese que lle entregou persoalmente un delegado do Señor Arcebispo, entre o aplauso de todos os reunidos, que compartían o xantar ao que nos convidara o Señor Arcebispo.

sábado, 9 de mayo de 2009

SEMANA DA FAMILIA



Xa é tradición que a primeira semana de maio, estea adicada en Carballo á "Semana da Familia".

Este ano ofrece dúas particularidades: 1) a Presenza da tan venerada imaxe de Nosa Señora dos Milagros de Caión, en Carballo. 2) A chamada especial que se fixo á mocidade para participar neste encontro, pois, ao santuario de Caión van, a pé, moitedumes de devotos, aló por septembro, pero tamén moita mocidade bergantiñá.

Neste ano, e nos pasados, hai, un obxetivo permanente, como é presentar a familia crisitá tal como aparece no Evanxeo. Polo tanto, a súa identidade en momentos de tanta confusión.

O ben que a familia unida fai á sociedade; aos fillos educados no amor conxunto de pais e nais; e no gozo fraternal dos irmáns; no agarimo dos avós; no apoio dos padriños... Todo isto, vivindo a fe cristiá, é un patrimonio que dá consistencia á familia e dá sentido aos gozos e pesares que na vida hai. Somos moitos, a meirande parte dos nosos lectores que recoñecen e viven o seu agradecemento á familia na que naceron.

Foi un don de Deus que trouxo moitos bens a cada un de nós. Para algúns, tamén foi o berce da vocación sacerdotal e relixiosa. A familia, tan combatida hoxe, é un ben que a Igrexa, todos, temos que defender.

miércoles, 29 de abril de 2009

PAZ E PAN PARA TODOS



O primeiro de maio é o Día Internacional dos traballadores. Os cristiáns poñemos ante nós o exemplo do carpinteiro de Nazaret, que foi San Xosé.
Pobre carpintería aquela! Pero se podía ir gañando para manter a Xesús e a María, bo foi. E pronto colaboraría o mociño Xesús.

O mundo do traballo, nos nosos días, é o que máis padece a crise que estamos a sentir. Crise mundial que os expertos economistas teñen que atallar.

Acó sentimos moito que os nosos labregos, que traballan sen horarios e sen vacacións, vexan que a maquinaria e os abonos suben, e, o leite, baixa de precio. Mesmo estan ameazados de non serlles recollido o leite. Despois de tantas inversións en poñer as granxas a producir, agora este esnafrarse coa realidade.

Na construcción, na automoción, sectores que dan, daban tantos postos de traballo, directos e indirectos, vemos moito paro, que avanza mes a mes. Os inmigrantes que chegaron a nós, pensando nun traballo fixo, andan agora acudindo a Caritas e institucións semellantes, para poderen sobrevivir. Teñen dereito todos os traballadores a pedir xustiza social; a que se examinen as fortunas ou os "pelotazos" que de vez en cando temos noticia. Os nomes dos que, sen conciencia algunha se fixeron ricos á conta dos demais, con manifestas estafas, andan nos medios de comunicación. Unimonos a esas denuncias para pedir xustiza social, e reclamar unha ordenación internacional para un xusto reparto dos bens e do traballo. Paz e pan para todos!!!

miércoles, 22 de abril de 2009

NO DÍA DO LIBRO LE A SAN PAULO


San Paulo






San Xurxo



O día vintetrés de Abril, xoves, (quinta feira, que dicían antano) é día de san Xurxo, Patrón de Artes, de Camariñas e moitas parroquias máis.


En Cataluña, coñéceno como san Jordi, que da nome a moitos cataláns e importantes monumentos. Festa da flor, alí, que poderemos mercar nas Ramblas. E tamén un libro para facer un agasallo. Pois é en toda España a Festa do Libro. Instituida porque en tal día de 1616 finou o noso Don Miguel de Cervantes. Nos medios de comunicación volverá a porse de relevo a coincidencia, en día e ano, coa morte do gran dramaturgo William Shakespeare.

En Galicia teremos tamén o noso Día das Letras Galegas. Podo recomendarlle que lean o Quijote; ou que lean Sempre en Galiza, de Castelao.

Pero como estamos nun artigo de tema relixioso na terra de Bergantiños, prefiro recomendarlle a lectura das Cartas de San Paulo. Estamos no Ano Paulino, que rematará a finais do mes de san Xoán, coa festa do Apóstolo das Xentes, que así é recoñecido San Paulo.

Se queren ler teoloxía profunda e segura; se queren ver a praxe pastoral do Apóstolo; se queren ver como funda igrexas, pon discípulos ao fronte das mesmas, como responsables; se queren percibir cómo se vai espallando o cristianismo coa colaboración dos crentes, nunha igrexa xerminal, testimonial con raigaña en Cristo resucitado..., se queren sentir todo isto, fáganme caso, lean a San Paulo.

viernes, 17 de abril de 2009

CELEBRAMOS O TRIUNFO DO AMOR





¡Aleluia, Aleluia! Loubemos a Deus. Resucitou Cristo, o Señor. Cantemos coa liturxia:


"De norte a sur, cante a terra toda,
cheíña como está da luz da vida.
Que sexa Cristo quen a emvolva
e a libere das tebras que a cubrían.


Neste día de victoria
celebramos con ánimo gozoso
o triunfo do amor sobre a morte
con Cristo vivo e victorioso.


Neste día de victoria
arroupados con tanta festa
xubilosos traemos á memoria
os gozos que encheron a nosa terra.


Gracias, Deus, porque neste día santo
os teus fillos ven o froito madurado.


Gracias, Pai, polo teu Fillo,
pois o teu pobo está resucitado"


"Cantádelle ó Señor unha cántiga nova cantádelle, si, unha cántiga triunfal"


"Cristo resucitou, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos"



Con estas loubanzas ao Señor, que comparte connosco a súa victoria sobre o mal, a dor, o peacdo, e a morte, celebramos a Pascua da Resurrección.


¡Aleluia!

COS CRUCEIROS VENERAMOS A CRUZ


Cristo de Velázquez



A Semana Santa é a Semana da Paixón do Señor. Veneramos a cruz no día de Venres Santo, dentro da liturxia de tal celebración. Pero temos pola terra de Bergantiños cruceiros que son testemuño da fe dos nosos devanceiros. Cando pasamos por diante desas obras de arte popular, feitura dos nosos canteiros, non só admiramos ou lembramos, senón que veneramos a Cristo Crucificado e a súa nai, Nosa Señora.






Hai cruceiros que están preto das igrexas e teñen o seu altar ou pousadoiro para recibiren a custodia no día do Santísimo Sacramento. Así, por exemplo, os cruceiros de Bértoa, Vilela, Lema... Hai cruceiros con datas ben lexibles, así, por exemplo, o de Sofán, que é o máis veterano, onde se le que foi feito no ano 1660. Ou o de Ardaña, con restos da policromía que tivo nalgún tempo, que leva data de 1797. Ou mesmo o que hai no adro de Carballo: 1811.

Goiáns, con ser parroquia pequena, ten dous cruceiros. O de Sísamo está no centro do adro parroquial, que é amplio e ben coidado. O de Rus é obra Tomás Roibal, feito en pedra traída de Portomouro. Leva data de 1860 e foi restaurado no 1925. A cruz derrubada está conservada.

En Seavia había cinco cruceiros, quedan catro agora, e os catro tiveron que ser restaurados porque sufriron os golpes de camións ou tractores.


En Erbecedo había dous, e queda un no Campo do Santo Anxel. De cruceiros roubados, non imos falar, como foi o caso de San Paio de Coristanco.

Agora fanse moitos cruceiros para casas particulares.Queremos rematar coa oraciión do Venres Santo:

"Mirade a árbore da Cruz onde estivo cravada a salvación do mundo. Vinde, adorala"






jueves, 2 de abril de 2009

ANTE A SEMANA SANTA...




O pórtico da Semana Santa é a celebración de Nosa Señora das Dolores. Ela é a mellor pregoeira da Semana Maior da Pasión do Señor.


Xa están postas as imaxes da Virxe das Dolores en moitas das nosas parroquias. Estase a celebrar o seu septenario, e despois virá a procesión do Venres Santo. En Carballo hai numerosa cofradía que solemniza estes días. Son almas devotas que levan a imaxe ao altar propio das conmemoracións particulares e poñen alí os mellores ornamentos.


Hai misas polos cofrades falecidos cando a morte vai visitando cada familia. Lembremos que a cofradía das Dolores de Carballo fixo o agasallo de artística custodia para o culto da parroquia. E outras axudas máis. Por exemplo, preciosos labores de encaixe que ornamentan a imaxe, foron feitos e ofrendados por mans expertas e devotas de cofrades distinguidas, que colaboran en moitas actividades parroquiais.


Acudindo á liturxia do noso Diurnal Galego, temos versos que expresan o contido desta celebración mariana. Ela é tan humana, que nos sentimos acompañados por María, na hora das nosas crucifixións. Asimesmo, queremos acompañar como ela a tantos que comparten con Cristo as horas amargas das probas que a vida ofrece.


Velaquí uns versos referidos a Nosa Señora das Dolores:


“De pé, vendo que morría
o teu Fillo sentenciado.

De pé estiveches, María,
ó pé da Cruz, no Calvario.

Cada golpe e cada espiña
que no Fillo se cravaba,
cada burla e cada insulto
todiña te angustiaban.

Ó pé da Cruz sen manciñas
para aloumiñar a quen amas,
faste na dor receptiva
da Palabra que nos salva”

miércoles, 25 de marzo de 2009

DÍA NACIONAL DO TEATRO

Alfonso Daniel Rodríguez CASTELAO


Desde 1961 vense celebrando o Día Nacional do Teatro. En Madrid, os actores póñenlle unha bufanda branca á estatua de Valle Inclán. Como gran autor que é, gústanos ese xesto para o noso escritor.

No século de ouro, foron grandes autores Lope de Vega, Calderon, Tirso de Molina. Os tres, sacerdotes.

Mais, achegándonos á nosa terra, queremos aproveitar para recomendar a lectura dunha obra tan representativa da historia de Galicia, como é "Romance de Lobos". Anque Valle Inclán escribe en castelán, o seu estilo é galego, tanto nos personaxes que presenta como na fala. Disto hai moito escrito.

Teatro en galego é aquela obra de Castelao tantas veces representada: "Os vellos non deben de namorarse". Cunha temática ben indicada no título da obra. Castelao, tan polifacético el (médico, político, ensaísta, dibuxante, historiador) regalounos unha obra para fornecer o noso máis ben escaso teatro.

Centrándonos agora en Bergantiños, temos O Fidalgo, do chamado "zapateiro-poeta", que é Xesús San Luís Romero, nado en Carballo, e que chegou a ser académico da Galega.

O Fidalgo amosa a vida dos nosos labregos ante a presión económica e e social daquela clase que coñecemos como a Fidalguía.

Pero Xesús San Luís Romero emprega un vocabulario galego que era o vixente en Bergantiños, a comezos do s. XX, nos ambientes rurais

Agora vaise perdendo, ou perdida está xa, aquela fala chea de palabras patrimoniais, sonoras, clásicas, que xa non aparecen nos diccionarios. Tampouco a fraseoloxía está vixente. Estamos nun mundo globalizado que oprime ás linguas minoritarias

NO DÍA DE SAN XOSÉ REZAMOS POLAS VOCACIÓNS


Mosteiro San Martiño Pinario
(Seminario Maior de Santiago)

Polo san Xosé, hai moitos que están de "santo"
. Felicidades a todos. Diolopague polo que nos poida corresponder.

Do que queriamos falar era do Día do Seminario. E xa é preciso agora dicir qué é o Seminario. Porque ese substantivo xa aparece nos medios de comunicacións para falar de calquera xuntanza na que a xente quere estender unha idea, un plan de formación. É dicir, "sementar", que de aí vén a palabra seminairo. Foi a Igrexa a primeira que empregou a palabra para referirse aos centros de formación dos que van ser sacerdotes.

Así como nos semilleiros cúidanse as plantas que nacen pequeniñas, tenras, para despois seren trasplantadas, de igual xeito, nos seminarios da Igrexa recíbense as vocacións ao sacerdocio que van xurdindo aquí e acolá. Tempo, pois, de formación e de proba. De alí, sairán os sacerdotes que van servir ás parroquias.

O noso seminario está en Santiago, é así coma o corazón da diocese, por el ten especial coidado o Sr. Arcebispo. Coñece persoalmente aos seminaristas maiores. Ademais de estudos, estes seminaristas van ás parroquias para que vexan o traballo de curas xa veteranos e vaian aprendendo, ademais do que ensinan os libros, o que ensina o labor pastoral de cada día.

Aquí, entre nós, tivemos seminaristas diáconos, hoxe párrocos: Don Manuel García Souto que está en Curtis; Don Xosé Sánchez Piso en Lestedo e outras catro parroquias máis; Don Pablo Carou Barros, na Coruña.

Agora temos a Daniel Pérez, que é todo xuventude e ilusión. Ogallá quede en Carballo para sempre, pois precisamos e esperamos moito del.

Todos temos a obriga de cuidar, animar ás vocacións sacerdotais que poidan xurdir. O noso apoio ten que ser coa oración, o alento persoal, a vida cristiá na familia. De ordinario, é aquí onde nacen as vocacións. As desfeitas familiares, a perda do sentido cristián nas nosas vidas, fan que padezamos penuria vocacional, e carencias de servizo sacerdotal que lamentan as nosas parroquias.

jueves, 12 de marzo de 2009

TODOS TEMOS QUE APOIAR...

Edificio de la ONU







Para este breve apunte editorial, imos botar man do Calendario da ONU, que fixando días internacionais para moitas necesidades e obxetvos, fainos a todos cidadáns do mundo.




O mércores día 11m, foi o día das Víctimas do Terrorismo. Hai moitas no mundo actual, e non somentes en España. O chamado coche-bomba é un malvado instrumento para matar a cantos teña á súa beira, sexan nenos ou mairoes, cidadáns ou pacíficos que lles cadrou pasar por alí, sen estaren avisados. Quizáis sexa peor o terrorista suicida, que mata a cegas, e pode parecerlle que fai unha acción liberadora.




E velaí tanta orfandade, familias desfeitas, e un odio sementado que vai xerar outras accións de "resposta". E así temos terrorismo porque hai odio nos corazóns. A humanidade víctimas do seu desamor.




O Estado ten que acompañar, defender, axudar a tantas víctimas. E todos temos que apoiar.




O día 15, é o dos Dereitos do Consumidor. Todos mercamos e consumimos. De vez en cando aparecen noticias de alimentos adulterados, escasos de peso ou sen a debida hixiene. Mesmo pasa isto con medicamentos e xoguetes. Os gobernos avisan. Nós tamén temos que ser precavidos cando compramos. Temos que saber ler as etiquetas e ver iso de "grasas insaturadas", data de caducidade, e cousas así. Para un comercio xusto e saudable.