Este mes é o “de Santiago”, como dirían antaño. Este ano é vixiliar do xa próximo Ano Santo Compostelán.
Bergantiños ten parroquias adicadas a Santiago Apóstolo, Sísamo, Mens, Vilaño, e mesmo tamén o seu particular Camiño de Santiago.
A meirande parte de Bergantiños pasaba o Tambre pola ponte de Portomouro. Alí, unha vella ponte que xa apareceu nos mapas e documentos antigos. A ponte actual, foi inaugurada no ano 1.891 e nela intervíu un Mestre de obras afincado a Galicia, que foi Garagarza, sogro de persoeiro tan coñecido en Bergantiños, como é Xacinto Amigo Lera, un dubrés, de Portomouro, que no Campo Santo da súa parroquia natal, descansa.
Outra ponte sobre o Tambre que permitía a chegada a Compostela, era Ponte Albar, que, a bon seguro, recibía tal nome porque, de nova, aparecía branca coas súas canterías. Será unha obra do século XVII, continuadora do servizo que ós camiñantes a Compostela prestaría outra ponte máis veterana.
Este segundo camiño que compartían dubreses, montañeses das terras de Montaos , e bergantiñáns, daría lugar, coidamos, a que no século XVIII o arcebispo Bocanegra mandase erguer a suntuosa igrexa de Nosa Señora Peregrina, hoxe parroquial por creación do arcebispo Martín de Herrera. Polo tanto, como en Pontevedra, León, ou noutros lugares, o paso dos peregrinos deu lugar á creación de santuarios adicados á Nosa Señora Peregrina.
Dispoñámonos a ir devotamente a Compostela. Na Capela das Reliquias, que agora chaman Panteón Real, está o noso Conde de Traba, amigo de Xelmírez, que participou con el nos soños de grandeza para a Galicia do século XII e de sempre.



