martes, 16 de agosto de 2011

Xornada Mundial da Xuventude

     Logo-JMJh_HQ

     Empeza a JMJ en Madrid, a Xornada Mundial da Xuventude que o Papa Benedicto XVI, na anterior, en Sidney, outorgou a Madrid e o Cardeal Rouco presente, acolleuna con gratitude.

     Arraigados, edificados en Cristo. Firmes en la fe. Frase de san Paulo que serve de lema a Xornada Mundial.

     Os nosos peregrinos: mozos, sacerdotes, profesores, responsables dos diversos grupos… aló van, a Madrid.

     Preside a peregrinación o Sr. Arcebispo don Xulián Barrio. Os ben coñecidos colaboradores seus, neste eido, como son Xabier Porro e Andrés García Vilariño, aló van con moitos dos nosos.

     De Bergantiños, con don Daniel, vai un grupo que podería ser maior, se non foran os exames que algúns teñen a comezos de setembro.

     Estarán en Madrid deica o domingo 21. Os días 22 e 23 estarán descansando nalgún pobo de Castela.

     Antes de saír para Madrid, tamén Carballo, Oza, Razo… foron puntos de breve permanencia para que xóvenes estranxeiros descansasen e disfrutasen da nosa terra.

     Boa viaxe. Recoñezamos a valentía e decisión do grupo Bergantiñán, animado por don Daniel, a quen se lle ten encomendado este labor pastoral.

     A súa simpatía, xuventude, entusiasmo fixo posible esta presencia dos nosos mozos e mozas en Madrid.

martes, 9 de agosto de 2011

Nosa Señora de Agosto

  Agosto é o mes de Nosa Señora, como xuño é o mes de san Xoán.

     A festividade da Asunción de Santa María fai que a meirande parte das nosas freguesías celebren as festas patronais.

     Un poema é música de Cesareo Garabain expresa moi ben o que son tantas fesetas a Nosa Señora:

Miles de ermitas pequeñitas

cobijan tu imagen, Señora.

Campanas que el angelus rezan

paisajes que cantan y lloran.

Mas sé que prefieres y añoras

la ermita de mi corazón.

Temblores de paz en el alma

el eco de una oración.

     Se miramos a paisaxe, se escoitamos tanta campá que tanxe, no medio dos balbordos da vida actual, sentiríamos letra e música desta canción, que no seu ritmo, semella unha campaíña que convoca humildemente á festa de Santa María.

     Rus, Bértoa, Ardaña, Cereo, Ferreira, Traba… e non sei cantas máis van estar de festas patronais.

     E na xuntanza das terras de Dubra e Xallas, o santuario de Nosa Señora de Vilamaior. Confluirán moitos devotos, entre eles, os de Bergantiños que sempre foron moi amigos de romarías.

martes, 2 de agosto de 2011

A Porciúncula

Porciúncula de Asís

     Ten tantas advocacións Nosa Señora, María Santísima, que as hai moi parecidas. Todas veñen a converxer na Nai do Señor e Nai nosa.

     Hoxe é o día de Nosa Señora dos Ánxeles, ou Anxos. É o título dunha pequeniña igrexa que había en Asís, aló polo século XII. Alí oraba san Francisco. Sentíu a chamada a renovar a Igrexa, e o santo empezou por restaurar físicamente a obra de esta igrexiña. Entendeu despois, o santo, que a obra de renovación era moito máis trascendente: era a renovación espiritual.

     Pero, con todo, aquela pequeniña igrexa, a Porciúncula que chaman ainda hoxe, segue sendo punto de encontro para toda a familia franciscana. Alí están os inicios desta orde relixiosa que o santo fundador chamou De irmáns menores. É dicir, practicantes da humildade como virtude fundamental da ascese cristiá.

     Como andamos en vésperas de xubileo, mentemos que o chamado Xubileo da Porciúncula, visitando igrexas franciscanas, segue vixente no día de hoxe.

     Como Carballo ten a súa porciúncula, é dicir, a pequeniña capela da Milagrosa no Campo da Feira, que vai comenzar o seu xubileo no primeiro domingo de setembro.

martes, 26 de julio de 2011

San Salvador

    

Tiña Bergantiños un calendario festivo no mes de agosto, no que todos os días do mes tiñan unha festa nunha ou noutra parroquia. As circunstancias do traballo actual fixeron que as festas se foxen concentrando no fin de semana.

     As festas do San Salvador de Sofán, que son as patronais desta coñecida freguesía, ainda conservan os días tradicionais.

     Así, no día 6, temos o San Salvador, que agora ademais da imaxe sedente da entrada da igrexa, hai outras dúas no interior. A que agora preside o retablo maior é unha talla atopada no desván da rectoral, e que don Diego Ríos, o anterior párroco, deu a coñecer. Tamén procurou a súa restauración e a colocación no lugar preferente que sempre debeu ter.

     A profesora da Historia da Arte da Universidade de Santiago, dona Rocío Sánchez Ameijeiras estudou a imaxe e di que pertence ao segundo cuarto do século XIV. Mide esta talla 113 ctms de alto e 40 de ancho.

     A imaxe que antes estaba no retablo maior sigue exposta a veneración dos fieis.

     E San Salvador témolo tamén en Rebordelos, freguesía pequeniña pero que foi nomeada titular de concello naquela inicial distribución do territorio de Bergantiños que determinou a Constitución de Cádiz no 1812, e que en Galicia foi aplicada pola Deputación única, sita en Santiago. Os outros dous concellos que fixaron para Bergantiños foron os de Sofán e o de Sísamo. Pero todo aquilo rematou no 1814, coa volta de Fernando VII. E así ata 1836, no que foi adiante o previsto nas Cortes de Cádiz, e naceu o concello de Carballo.

martes, 19 de julio de 2011

O Noso Apóstolo

  A festividade de Santiago Apóstolo, tamén é o Día Nacional de Galicia. Castelao, aló en Buenos Aires na véspera do Apóstolo do ano 48, pronunciou aquel discurso Alba de Gloria no que fai un canto á Nosa Terra, repasando os persoeiros que a fixeron grande.

     Valle Inclán dedica a Compostela a súa obra Jardín Umbrío, onde en lingua castelá, expresa os seus sentimentos galegos pola cidade na que, tempo andando, había de morrer.

     Rosalía de Castro, co seu poema Na Catedral resume o seus amores por Compostela, a cidade na que naceu e foi bautizada.

     Torrente Ballester escribiu Compostela y su ángel, adicada á cidade na que está a fundación do gran escritor ferrolán.

     Gerardo Diego ten coñecidos versos ás torres do Obradoiro.

     La casa de la troya é unha novela demostrativa de como un autor andaluz, queda namorado da cidade e xente galegas.

     Lonxe de Santiago, tamén é para cantar lonxe da terriña, lonxe do meu lar; qué morriña teño, qué angustias me dan.

     Boa festa de Santiago a Sisamo, Arteixo, Mens, Traba de Laxe, Carreira… e tantas outras freguesías que non é doado nomear aquí.

martes, 12 de julio de 2011

A Nosa Señora do Carme

Nos días en que o mar parece estar máis azul, e máis quente a auga das súas ondas, e máis relucente a area das nosas praias, parece que todo se volve marco festivo para a celebración típica dos nosos mariñeiros: a de Nosa Señora do Carme.

     Irá en motoras a súa imaxe polas rías de Laxe, Malpica, e moitas outras vilas mariñeiras.

     Cantarán a Salve Mariñeira as nosas corais e tamén os cadetes da Escola Naval de Marín.

     Bergantiños ten un perfil mariano, pois desde a Nosa Señora da Pastoriza pasando por Caión, Laxe, Muxía… toda a costa está señoreada por santuarios de Nosa Señora.

     Carballo ten a festa do Carme, pensamos, das primeiras en celebración porque vai acompañando as festas patronais, como son o patrón San Xoán e o Santísimo Sacramento.

      Pero o Concello ten unha cabeceira marítima que é cobiza dos que nos visitan. A latitude da praia de Razo, que é un sistema de ondas cabalgantes deica Baldaio e Pedra do Sal, é algo que levanta o espíritu.

     Tamén merecen a nosa responsabilidade no cuidado de tanta fermosura.

     Felicidades ás Carmes e Carmelos.

martes, 28 de junio de 2011

Perigo nas estradas

Xa nas desexadas e merecidas vacacións, como adoita dicirse, temos o Día da Responsabilidade nas Estradas. Moito movimento de coches, polas festas, praias, visitas familiares, turismo, emigrantes en vacacións,…

Aumenta a circulación, aumentan os perigos, e ten que sobreaumentar a nosa responsabilidade, tanto condutores como peóns.

As autoridades teñen que mellorar as estradas, endereitar as curvas, anchear o espazo de circulación, poñer sinais, semáforos, beirarrúas. Todo é preciso, pero a responsabilidade temos que poñela todos. As normas sobre bebidas, cinturón, velocidade, que poñen as autoridades temos que aceptalas tamén no eido moral, é dicir, normas que hai que seguir en concencia.

Confesemos que todos fallamos, automovilistas e peóns. Poñamos os cinco sentidos cando somos usuarios das estradas.

Para non rematar con memorias luctuosas, non imos falar das moitas bágoas que Bergantiños ten derramado polos accidentes de circulación.

Tampouco mentemos as consecuencias que os accidentes deixan e que a tantos, de por vida, padecen lesións incurables.

Responsabilidade, amigos. A de todos, para ben de todos.

martes, 21 de junio de 2011

Festas en Carballo

    

Agora, san Xoán. Sol no alto da bóveda azul celeste, carabeis nas silveiras, pelitroques, verdes espadanas.

     Días longos, boa temperatura. Vacacións para profesores e escolares.

     Hai un rexurdir de lendas, tanto na noite como pola mañá desde día de san Xoán. Penedos, rochedos, fontes, lagoas… todo está bendicido pola festa de san Xoán.

     En Carballo hai valiosos cadros co san Xoán bautizando a Xesús no Xordán. Hai así mesmo imaxes de tamaño medio, moi fermosas, nas que o santo vestido como un severo profeta, está sinalando ó Año de Deus, que leva na man esquerda, sobre a Biblia; ou ben está sinalando ó año que está cabo do santo.

     Como patrón, vai diante abrindo camiños, sendo pois precursor dos outros días das festas patronais: seguen o Santísimo Sacramento, que irá sobre alfombras florais compostas pola devoción carballesa nas rúas da vila. Rematarán as festas coa adicada á Virxe Mariñeira, a do Carme, como ten que ser nunha vila que ten factoría de nivel europeo traballando con productos do mar; e concello que no linde norte ten praias e urbanización que no verán son verdadeira atración turística.

     Boas festas teñamos todos!

miércoles, 15 de junio de 2011

San Antonio en Bergantiños

A festa de san Antonio ten o santuario de Agualada, como punto de concentración de moitos devotos o día 13 deste mes, e ademais en todos os primeiros domingos de cada mes.

     No exterior do santuario, hai unha fonte onde a imaxe do santo derrama alegría sobre os que alí sacian a súa sede.

   

      Pero hai un san Antonio famoso tamén, na capela do gran pazo de Vilardefrancos. Este nome pasa a unha ilustre xenealoxía galega, que levará no seu escudo a bandeira axitada por unha man, querendo significar liberdade, franquía, paso aberto, franco.

    Ademais, na mesma parroquia de Artes, temos o Pazo ás Pallas, relacionado históricamente co anterior. Deste pazo era dona Petra Enríquez Bermúdez, quen tiña o dereito de presentación de párrocos que servirían a parroquia de Carballo.

     Así, ata o párroco anterior, Don Venancio Ruano, que veu de exercer tal cargo na veciña parroquia de Verdillo.

     Don Javier Enríquez, ilustre farmacéutico carballés, é da proxenie de as Pallas, e moitos recordos garda da historia familiar e bergantiñá. Asegurounos que ese apelido Bermúdez, que leva dona Petra, en realidade é un Bermúdez de Castro, abreviado. Algo semellante temos en Rosalía de Castro que leva apelido que foi dos Bermúdez de Castro, de Lestrove, na parroquia de Benza, concello de Trazo, por onde pasaron tamén antecesores de este xubilado que escribe.

martes, 7 de junio de 2011

Memoranza sacerdotal

Ordenación 1954

     No día 6 do mes de San Xoán, cumpríronse 57 anos da ordenación sacerdotal dunha xa vella promoción na que está integrado este cronista.

      Cincuenta e sete non é número que se preste a Vodas ou celebracións semellantes. Pero é un día que recordamos cada ano aqueles quince sobreviventes daquela xeración sacerdotal. Fomos ordenados polo inesquecible cardeal Quiroga trinta seminaristas. Empezaramos os estudos sesenta. En números redondos.

     Aquí en Bergantiños, eramos catro os que estabamos máis próximos. E digo estabamos, porque dende hai dous anos falta Don Perfecto Santiago Carracedo, párroco de Cereo.

     Preto de nós, en Canduas, desde hai moitos anos, está Don Antonio Méndez Farto en plena actividade parroquial, con especial dedicación á musica, tanto fundando como dirixindo corais. Recentemente, homenaxeado é galardoado coa medalla Marcial del Adalid.

     Tamén, na súa parroquia natal de Zas, algo enfermo, está Don Xosé Ferreiro Pailos, que foi párroco e despois moitos anos capelán do Sanatorio Marítimo de Oza, na Coruña.

     A pesares das nosas idades, todos tratamos de seguir sendo útiles á Igrexa na medida das nosas posibilidades. Ata que Deus o queira.

martes, 31 de mayo de 2011

Maio para María

    

Chegados ao final do mes de maio, e celebrando a Resurrección do Señor, a devoción popular vólvese a María, a Nai de Xesús.

     María acompáñanos todo o ano. Advento e Nadal son conmemoración da maternidade de Santa María. Na Semana Santa temos a María como Nai de Dolores, Virxe da Soedade, e agora, na Pascua, María como testemuña senlleira da Resurrección de Cristo.

     Seguirá María connosco, nesta fermosura de Maio, como Nai dos Apóstolos, animadora da Igrexa, presente no Pentecostés cristián.

     Empezaron, pois, as festas marianas como Nosa Señora da Estrela en Corme e Sofán, ou a romaría coñecida como de Monte Torán en Bamiro, no concello de Vimianzo.

     En maio rezamos aquela oración de San Bernardo, como é o Acordaos. Temos cantos típicos como é Venid y vamos todos, e ogallá haxa nenos ou nenas que declamen versos a Nosa Señora, como faciamos antano nas igrexas e nas escolas.

martes, 17 de mayo de 2011

Día das Letras Galegas

    

Este día 17 de maio é o Día das Letras Galegas. Festivo en Galicia, anque, como temos oído a importantes amantes da nosa lingua galega, máis ben debería ser un día lectivo, no que profesores e alumnos estudasen as nosas letras e autores galegos.

     Rosalía de Castro puxo no seu libro Cantares Gallegos a data do 17 Maio 1863. Puxo esa data porque o seu esposo, Manuel Martínez Murguía, nacera un 17 de maio. Como moi ben sabedes, naceu acó, preto de nós, na aldea do Froxel, na parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo. Súa nai, a señora Murguía, fora ao santuario da Pastoriza e cumpridos os seus propósitos de ofrecer o froito da súas entrañas a Nosa Señora, aquela boa muller deu a luz nunha casa na que fora acollida ante a urxencia do caso.

     Ao fundador da Real Academia Galega, escritor, xurista, historiador, que foi Manuel Martínez Murguía, débese a publicaciónde Cantares Gallegos, a obra que iniciou a restauración da lingua galega no noso tempo. Por iso, Rosalía, agradecida ao seu esposo, tivo a delicadeza de poñer a data do seu nacimento en tan decisivo libro.

     Temos o perigo que o Día das Letras Galegas sexa un día de evasión, de fuxida, pero non de inmersión na nosa lingua. Por iso vemos moi ben o labor dos nosos concellos, como o de Carballo, que teñen actividades para que as novas xeracións non esquezan, senon falen o bo galego de Bergantiños.

martes, 10 de mayo de 2011

Vodas sacerdotais

     Hai dous días ó ano, nos que o Sr. Arcebispo invita os sacerdotes a unha Misa solemne na Catedral e despois convida a xantar.

     Un día é o Martes Santo en que celebramos a renovación das promesas feitas na ordenación sacerdotal.

     Outro día é o da celebracióndas vodas de diamante, ouro e prata de xeracións sacerdotais que cumpren 60, 50 ou 25 anos da súa ordenación. En números redondos, este ano había, respectivamente: 10, 40 e 2 sacerdotes que foron ordenados nos anos 1951, 1961 e 1986. Reciben do Sr. Arcebispo un merecido agasallo.

     Todos felicitamos a estes compañeiros. Na Misa que preside o Sr. Arcebispo faise memoria daqueles que non chegaron a estas vodas porque foron chamados polo Señor e descansan en paz.

     Entre os ordenados no 1961, e polo tanto, celebra vodas de ouro, está don Xosé Cambón Martínez, que é párroco de Couso, Ferreira, Agolada e Cuns, no concello de Coristanco. O señor Cambón Martínez naceu en Ardaña no 1937, foi ordenado en Agosto do 1961. Actualmente, tamén é arcipreste de Bergantiños.

     Queremos felicitar a este distinguido compañeiro, pedimos para el moitos anos de vida e que siga exercendo o seu sacerdocio entre nós, animándonos co seu exemplo e virtudes.

     O señor Cambón, nos anos que leva servindo as súas parroquias, ten feito gran labor restaurando aquelas igrexas e promovendo as comunidades a unha vida cristiá máis participativa.

     Tamén celebra este ano vodas de ouro do sacerdocio, don Francisco Domínguez Lobelos, párroco de Cesullas no concello de Cabana.

     Aburiño, pois. Coa bendición de Deus.

martes, 3 de mayo de 2011

VIII Centenario da Catedral

Pórtico de la Gloria

A Catedral, a nosa Catedral de Santiago, cumpre 800 anos da súa consagración. Enténdase ben: son oito séculos de existencia da actual Catedral, que é a terceira das construídas sobre o sartego de Santiago Apóstolo.

     Antes, houbera a igrexiña que fixera Alfonso II, e despois a de Alfonso III, a partires do século IX.

     As datas da Catedral de hoxe son as seguintes: empeza a construcción no ano 1075, a según consta na Capela de San Salvador, que está mesmo arrentes da Porta Santa.

   

     No ano 1111 faise a fachada das Praterías. No ano 1178 póñense as portas do Pórtico da Gloria. No ano 1211 a consagración solemne polo arzobispo Pedro Muñíz dando así por rematada unha obra que empezara o bispo don Diego Peláez e que tivera como propulsor a don Diego Xelmírez.

     Aquela Catedral románica era a igrexa meirande no orbe cristián, no tempo da súa inauguración.

     Perfectamente simétrica, condición hoxe non observable no exterior porque os séculos XVII e XVIII viron como foron alzando o cimborrio e as torres barrocas. Asimesmo, a fachada do Obradoiro e das Praterías, sendo esta última a máis recente e menos afortunada artísticamente.

     Hai que contar tamén coa obra de Fonseca III, quen fora párroco de Santa Comba en Xallas, Santa María de Pontevedra, e despois de ser un dos grandes arcebispos de Compostela, foi destinado a Toledo, onde sería nomeado Cardeal. No tempo deste arcebispo (século XVI) fíxose o claustro actual.

     Lembremos aquí ó gran historiador da Catedral, da Arquidiocese e de Galicia, que foi López Ferreiro. Está sepultado no claustro, baixo unha campa redactada en selecto latín, a única que ten e liñas horizontais o seu texto. No pasado 2010 cumpriuse un século do seu pasamento, e alí foi homenaxeado por arcebispo, cabido e fieis.

     Moi merecidamente.

martes, 26 de abril de 2011

A PASCUA CRISTIÁ

Despois da camiñata da Coresma, a nosa Pascua. A Pascua Cristiá entronca histórica e teolóxicamente coa Pascua hebrea. Para estes, era a lembranza da saída de Exipto e, tras o deserto, a chegada á Palestina.

     Xesucristo celebrou esta Pascua, pero él empezou a Pascua definitiva, que é victoria sobre o mal, o pecado, a morte, para él e para todos nós.

     Toda a súa vida é o Misterio Pascual que renovamos na Eucaristía, pero tamén con signos que o pobo crente gusta poñer de relevo. Así:

  • As palmas ou ramos de oliveira do Domingo de Ramos, presaxian a victoria da Resurrección
  • As velas de Xoves Santo son testemuñas do acompañamento a Xesús sacramentado na hora da institución da Eucaristía e da traición de Xudas.
  • O cirio pascual vai presidir toda acción litúrxica durante o ano, significando a victoria sobre a morte, iniciada en Cristo Cabeza nosa.
  • A auga bendita que se leva para as casas é un recordo e presencia do bautismo, inicio da nosa vida na comunidade de crentes. Tamén queremos que a vida familiar, nas nosas casas sinta a renovación e alegría da resurrección.
  • Dentro dos xestos e costumes familiares, temos o dos padriños do bautismo. Sabedores da renovación das promesas do bautismo na Vixilia Pascual, eles síntense comprometidos gozosamente no deber de animar ós afillados no camiño da vida cristiá.
  • Un ovo é unha célula soa. Dela sairá a vida. Un ovo é un sol que irradiará calor na familia.

 

Como Cristo resucitado: vida e calor para a humanidade.

¡Aleluya!

martes, 19 de abril de 2011

Estamos na Semana Santa

     En Semana Santa, as rúas de toda España son escenario de grandes e devotas procesións. Figurarán os pasos tradicionais que o pobo, crente ou non, terá que admirar. O misterio da dor humana está presente para todos. O Crucifixo expresa esa realidade. Trátase de Cristo que asume a morte conscientemente e ofrece a súa vida a Deus por todos nós.

     Polo tanto, as procesións son unha expresiva catequese para que uns revivan a súa Fe, e para outros que poidan interrogarse sobre o sentido da vida.

     Andalucía, Zamora, Murcia,… ofrecerán os máis valiosos pasos da Semana Santa.

     Que pode ofrecer Bergantiños nas súas igrexas para esta Semana?

     Coido que o seguinte:

  •      En cruceiros, temos o de Sofán, do século XVII, o máis antigo.
  •      En cruces parroquiais, a de Verdes, Verdillo, Bértoa e Rus. Unha gran ourivería que honra a Bergantiños.
  •      En Cristos Crucificados, de talla maior: o Cristo gótico de Bértoa, o da Capela da Milagrosa e o da igrexa en Carballo. O de Oza amosa singular patetismo.
  •      Os Cristos de Ferreiro, o gran artista noiés, que gardan as igrexas de Sofán e Razo.
  •      A talla da Dolorosa de Carballo. A Dolorosa de vestir, de Carballo que leva manto bordado en ouro con artístico recamado, pola devoción da Cofradía.
  •      A ceremonia do Desencravo, en Sofán, e o Via Crucis que aparece no valado do adro desta parroquia.

     Rematemos con dúas imaxes singulares, como son, o Resucitado do santuario de San Cristovo, e o do retablo de Goiáns.

     Sen duda, moito máis se podería dicir do patrimonio artístico relixioso que Bergantiños conserva, referido ós misterios da paixón, morte e resurrección do Señor. Pero baste o devandito para estimularnos a vivir a Semana Santa, revestíndonos dos sentimentos propios de Cristo Xesús, como nos di o apóstol Paulo.

martes, 12 de abril de 2011

Chega a Semana Santa

     Chegando estamos á Semana Santa. É unha celebración na que se conxuntan datos históricos, xeográficos, celebracións populares e litúrxicas.

     Pero, con iso todo como marco necesario, o principal para ós crentes é que celebramos un misterio da nosa Fe: a paixón, morte e resurrección do Señor Xesús, que leva consigo a nosa resurrección xa conseguida por Él.

     Hoxe, nestes tempos, hai moitas visitas a Terra Santa, son moitos os que estiveron no escenario daqueles misterios. Adoitan traer recordos de Terra Santa. Así, auga do Xordán, aceite disque feito coas aceitunas das oliveiras do Horto de Xetsemaní, terra alí recollida. Moi apreciables estes recordos, como tamén os rosarios que alí fan con madeiras de albres bíblicas.

     En España temos un anaquiño da Cruz que levou Xesús na súa paixón. En Liébana, Cantabria, seica está o anaco meirande dos que se conservan daquela Cruz.

     En Oviedo teñen o Santo Sudario, unha peza que cubría a cabeza de Xesús no seu enterramento.

     En Valencia, é ben coñecido o Santo Grial, o cáliz da Santa Cea.

     Dito todo isto cos respectos que merecen estas reliquias, dentro dos problemas históricos que poida haber.

     E postos a facer recontos, sinalemos tamén as reliquias do Santo Apóstolo que conservamos en Santiago, xunto coas dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.

     Que o devandito sirva para entrar no ambiente propio da Semana Santa.

martes, 5 de abril de 2011

No Día da Saúde

    

O sete de abril é o Día Mundial da Saúde. A todos nos afecta. Aquí en Carballo hai a Rúa da Saúde, agora moi ben urbanizada, silenciosa, de antigo trazado. Quizáis a súa proximidade aos baños termais, ou debido a radicación alí dalgunha casa de saúde, poidera iso ser a razón daquela peculiar denominación. Pero os expertos no urbanismo ou no rueiro de Carballo, son os que saberán dicir.

     A saúde dos maiores, a dos que son enfermos non válidos por si mesmos, é a que máis preocupa.

     A Lei de Dependencias, levantou moitas esperanzas. Pero é necesario que se cumpra tanto cos enfermos, coma cos propios cuidadores que son merecentes de formación e atención sicolóxica especial.

     Cada vez vemos máis xente en cadeira de rodas polas rúas. Mesmo xente nova. Pero aínda hai moitas barreiras arquitectónicas, hai lugares de difícil acceso para estes enfermos. Temos pendente a normalización na sociedade destes non válidos.

     Os Xogos Paralímpicos son toda unha lección para animar a estes minusválidos. Para nós é admirable ver como loitan por superar as súas dificultades.

     Pola súa parte, Caritas, cos seus Centros de Día, e outras actividades faise presente na sociedade realizando a Mensaxe do Evanxeo onde os efermos, os pobres, son os predilectos.

martes, 29 de marzo de 2011

Á Milagrosa de Carballo

[Estampa de la Virgen Milagrosa]

Paseniñamente imos indo neste ano prexubilar do centenario da Capela da Milagrosa. Están coas obras de restauración daquel complexo. Non esquezamos a preparación espiritual.

 

     Para conmemorar o acontecemento hai comisións que veñen traballando.

     Un xubilado, poetastro el, tamén puxo a súa minerva ao servizo da Milagrosa, e compuxo uns versos que co permiso do autor e de todos vostedes, imos copiar.

     Din así:

Velaquí, onda ti vimos

os fillos de Bergantiños.

Bendícenos, Milagrosa,

ós camiñantes peregrinos.

Gloria es da nosa vida

refuxio de pecadores,

en Galicia, benquerida,

raíña dos nosos amores.

Axuda es nos pesares

santa do Campo da Feira

naiciña dos nosos lares

amada na terra enteira.

Salve, Virxe Milagrosa,

Carballo, que te adora,

ponche esta triple coroa:

Raíña, Nai e Señora!

martes, 22 de marzo de 2011

No Día da Aguga

Cascada del Ézaro

Este día, 22 de marzo, é o Día Internacional da Auga. Tamén foi preciso ter un día para pensar na auga como un ben imprescindible e tantas veces mal tratado.

     Aos nenos, nos colexios, falaranlle do ciclo da auga: as nubes , a choiva, a evaporación, augas subterráneas.

     A auga do mar e a dos ríos.

     As augas minerais que bebemos acotío; as augas medicinais e as augas termais como as de Cuntis, Caldas, Arteixo e Carballo.

    

     Cada vez a sociedade vaise decatando da importancia da auga para a saúde. Así está anunciada unha volta ós balnearios que tan recomendados eran en tempos de antano.

     Galicia ten o 20% dos balenarios de España. Somos unha terra que xa os romanos cobizaban pola abundancia de augas termais. Por iso a eles se lles debe a descuberta, naqueles tempos, das fontes do balneario de Carballo.

     Reumas, catarros, afecións do ril e do fígado… Teñen a súa cura ou o seu paliativo, nos balnearios.

     Este Día da Auga, é unha chamada para respectar ríos e fontes; as praias, todo canto poidamos evitar contra das nosas augas. Un ben cada día máis escaso, máis valorado.

     Aquí tamén rixe o amor á natureza como obra de Deus para a mansión humana. Rixe o amor ao próximo, que precisa de auga limpa e clara, o amor aos peixes e animáis que necesitan auga como algo vital.

     Queda por dicir que a auga tamén é paixase, dinamismo, nos nosos lagos e fervenzas. Para esta beleza e sonoridade, temos que respectar a auga e as súas canles naturais.

     A Coresma é auga nova, limpeza para os nosos pecados e rexurdimento con Cristo resucitado, a unha vida máis achegada a Deus.

martes, 15 de marzo de 2011

Coresma

Estamos empezando a Coresma. Velaquí dúas formas de facer penitencia que coido serán moi saudables.

     Fumadores. – Deixar, sen máis, todo rastro de tabaco. Boa cousa para a saúde propia e a dos demais, boa cousa para a economía persoal e familiar. Boa cousa tamén para non ter que enfrontarse cos non fumadores, ou coa lei.

     Bebedores. – Ollo ao excesivo consumo de alcol. Outra enfermidade que temos que evitar. Conducción segura, para o coche propio e para os demais que circulan pola estrada. Tamén de absterse de alcol excesivo favorece a saúde, a convivencia, a economía.

     Para estas dúas penitencias cuaresmais requírese vontade, liberdade, decisión, dominio de sí… pois iso favorece a personalidade humana e cristiá.

     Coresma é ascese, entrenamento, para chegáremos a unha Pascua que é liberación dos nosos vicios e pecados e así con Cristo resucitar.

martes, 8 de marzo de 2011

O martes de entroido

      É o cumio desta temporada festiva.

     Hai o Entroido culinario: orellas, filloas, carne… e hai o entroido das celebracións na rúa. Aquí veremos comparsas, testamentos do Entroido, carruaxes moi adornados. Todo froito da imaxinación popular.

    

     As máscaras, as caretas, teñen, ou tiveron, particular protagonismo. Hoxe, máis ben, os disfraces.

     No teatro da antiga Grecia e en Roma, os persoaxes levaban caretas. Era a forma de representar o que a comedia ou traxedia quería expresar. Aparecían os deuses, as musas, o emperador, os escravos, os militares, os cónsules, os sabios, os ignorantes… Todos tiñan que levar a correspondente identificación na máscara.

     Tiña ésta, ademais, a función de servir de altavoz, porque non había outra megafonía. Velaí a orixe da palabra persoa, pois a máis chamativa careta levábana os grandes da sociedade. Tiñan a careta máis importante, a que soaba con máis voz. Resoaba máis.

     O noso Castelao tamén para representar a súa obra Os vellos non deben de namorarse quería que empregasen caretas, como no teatro clásico. Él mesmo pintou algunha careta para aquela representación.

     Volvamos ao Entroido. Todos queren representar algo distinto do que somos polo ano adiante. Aparecen na rúa os grandes xogadores de fútbol, os coñecidos políticos, persoeiros, locais etc. Tamén os heroes da TV.

     Ben. Despois do Entroido, a Coresma, que é o tempo de quitar a careta e volvernos cara a nosa realidade. Ante Deus non podemos levar careta. Sabe Él as nosas mellores intencións e as grandes fraxilidades, por máis que as queiramos ocultar.

martes, 1 de marzo de 2011

Día Internacional da Muller Traballadora

Mujer trabajadora

     O día oito de marzo é o Día Internacional da Muller Traballadora. Esta celebración, coma o do primeiro de maio, empezou con tristes sucesos que non queremos recordar.

     Pero hoxe temos que salientar e felicitar a moitas mulleres que poñen o seu traballo ao servizo da sociedade e da familia. Así:

  • As mulleres de Mans Unidas que hai máis de medio século veñen loitando na Campaña contra a Fame no Mundo. Este ano foron galardoadas co premio Príncipe de Asturias a la Concordia. O premio leva consigo a concesión de 50.000 euros que van ser destinados íntegramente a Haití.

  • As Fillas da Caridade, tamén premiadas con igual galardón hai seis anos. Traballan en hospitais, centros de atención a discapacitados, pobres, marxinados…

  • Exemplo particular son as monxas de Teresa de Calcuta, que acollen a canto pobre ou enfermo atopan nas rúas de Calcuta.

  • As relixiosas do Cottolengo, que atenden a toda clase de enfermos sen pedir axuda a ninguén. Confían só na providencia de Deus.

  • Tantas amas de casa, traballadoras do ensino, profesionais dos medios de comunicación etc.

  • Desgraciadamente, cada semana, a noticia ferinte, dorosa dunha muller vítima da chamada violencia doméstica.

  • Gloria, pois, honor a tanta muller que desde a comezo da humanidade, contribúe ao progreso e benestar de todos.

martes, 22 de febrero de 2011

O nacemento de Rosalía

    

Pasado mañá, xoves cúmprense 174 anos do nacemento de Rosalía Castro de Murguía. A nosa gran poetisa, símbolo da terra e cultura galegas, naceu o 24 de febreiro do 1837.

    

     Tempos aqueles da esclaustración e desamortización. Rosalía, que compuxera poemas ao Pórtico da Gloria, a Santa Escolástica, sentía vibración especial por Santiago. Na Inclusa do Hospital Real foi bautizada, anque non ingresou na devandita institución.

 

     O máis importante de Rosalía, para nós, agora, é que foi unha muller crente, que educou cristianamente a súa familia numerosa, que levou con paciencia a súa enfermidade, que pasou penurias pero, como dixo a súa filla gala, endexamais pasaba un pobre pola porta sen que recibira limosna.

     Foi profeta para denunciar a marxinación de Galicia, para recuperar a dignidade da nosa fala, e, recibidos os santos sacramentos, entregou a alma a Deus.

     Felicitémonos, pois, na celebración do nacemento de Rosalía de Castro, honor e gloria da Nosa Terra.

 

martes, 15 de febrero de 2011

A data da Pascua neste ano

     Preguntamos moitas veces sobre a variación nas datas para a celebración da Pascua. Interesa saber isto porque inflúe na celebración do Entroido e da Coresma.

     Houbo moitas discusións na antigüidade sobre isto. Agora a Pascua vén fixada por tres coordenadas:

  • Ten que ser na primavera. Polo tanto, despois do 21 de marzo.

  • Ten que ser no esplendor da lúa chea. Estas dúas condicións xa as había no pobo hebreo, pero de acordo co seu calendario luar.

  • Unha terceira condición, xa típicamente cristiá, é que ten que ser en domingo, o día do Señor.

     Agora se ven un almanaque deste ano que andamos, atoparán o seguinte:

  • Temos lúa chea o 19 de marzo
  • Non hai outra lúa chea ata o 18 de abril
  • Pero ese 18 de abril é luns. Polo tanto temos que ir ata o domingo 24. Este é o día da Pascua neste 2011.

 

     Poucas veces pasa isto. Quizáis algún día, por consenso de todos, teremos a Pascua en domingo a comezos de abril, como piden sectores ligados ó turismo ou á ensinanza

martes, 8 de febrero de 2011

Día Mundial do Enfermo

     Esta semana vén moi variada. Temos a festa de Santa Apolonia, que é a patroa dos dentistas. Unha profesión agora moi estendida porque xa todos coidamos máis a nosa boca.

     E os nenos aprenden a limpar a dentadura despois das comidas.

     Vén, no xoves a festa de Santa Escolástica. Quizáis a mellor escultura que fixo o gran artista Xosé Ferreiro, é aquela imaxe da Santa que está en San Martiño Pinario de Santiago. Seica o gran escultor inspirouse na Transfixión de Santa Tareixa, de Bernini. Contan que o rostro da imaxe de Ferreiro representa o da súa esposa. Cando entredes na igrexa de San Martiño, non vos esqueza admirar o conxunta da santa e do anxo que está á man dereita, entrando.

     O venres, día 11, festas de Nosa Señora de Lourdes, concelebración propia en Xoane. É o Día Mundial do Enfermo. Milleiros e milleiros acuden, ou son levados a Lourdes buscando o amparo de Nosa Señora.

   

     Tamén ese día, este ano cadra o Día de Xaxún Voluntario que é anuncio e preparación para a Campaña contra a Fame. Colaboremos todos porque iso é loitar contra a inxusticia que o mundo noso ten fronte ós máis pobres.

martes, 1 de febrero de 2011

A Costa de Xaneiro

     Rematamos a costa de Xaneiro. Pouco a pouco, paseniñamente, día tras día, chegamos a Febreiro. Este andar amodiño, fai lembrar aquel soneto do admirado Lope de Vega, que vai poñendo, verso a verso, a composición que lle pedían.

     É un exemplo moi coñecido pero imos recordalo. E di así:

           Un soneto me manda hacer Violante

    en mi vida me he visto en tal aprieto,

catorce versos dicen que es soneto,

   burla burlando van los tres delante.

              Yo pensé que no hallara consonante,

y estoy a la mitad de otro cuarteto,

mas, si me veo en el primer terceto

                    no hay cosa en los cuartetos que me espante.

             Por el primer terceto voy entrando

            y aun parece que entré con pie derecho,

      pues fin con este verso le voy dando.

                  Ya estoy en segundo y aun sospecho

que estoy los trece versos acabando,

contad si son catorce y está hecho.

     Admirable este Lope de Vega, o Fénix dos Inxenios. O rei dos sonetos.

     Nós, onte, rematamos os trinta e ún días da Costa de Xaneiro. Que Febreiro nos sea leve.