miércoles, 10 de febrero de 2010

O DÍA MUNDIAL DO ENFERMO

image     

Como escribiu Lope de Vega naquel formoso soneto que lle mandara facer Violante, nós podemos dicir que, “burla burlando” imos entrando na mitade de Febreiro.

     O día 11 é a celebración de Nosa Señora de Lourdes en Xoane, parroquia de Goiáns. Teñen alí capela pequeniña, si, pero moi ben restaurada polo ánimo que a aquela veciñanza infundiu o moi recordado Don Manuel Rodríguez, experto en reparacións das nosas igrexas, como o demostrou alí por onde pasou. Lembremos as parroquias, de Aldemunde, Oza e Goiáns, que son testemuñas do ben facer, e do ben dirixir de Don Manuel, hoxe párroco de Betanzos.

     Ben. Pois en tal día 11 celebra a Igrexa a Xornada Mundial do Enfermo. Os que foron a Lourdes en calquera das peregrinacións que, cada ano, organiza a parroquia de Carballo, por exemplo, ben sabedes da moitedume de enfermos que alí acuden levados por familiares, monxas, sacerdotes, que piden a protección de Nosa Señora.

     Nunha estampa atopo esta “Oración del Enfermo”:

“Hoy, Señor, cuanto más me pesa la enfermedad, cuando la vida acelera su ritmo y mi caminar se hace lento me dirijo a ti confiado.

     Necesito encontrar tu apoyo, sentir la presencia discreta de tu amor, en tantas personas que se acercan, me ayudan y consuelan, acompañan mis pasos inciertos y me empujan a la esperanza.

     Gracias, Señor, por todos los que se acercan a mi vida. Bendícelos, Señor, con tu amor”.

martes, 2 de febrero de 2010

FALANDO BEN

 

     Estamos no medio e medio do inverno, pero esta festa de hoxe é unha lembranza dos pasados días do Nadal.

     Celebramos a Presentación de Xesús Neno no Templo de Xerusalem. Como había que facer asegún a lei de Moisés.

     A nai entregaba o seu neno a Iahveh, e o sacerdote devolvíallo confiando que a nai faría do seu neno un bo israelita.

     Traducido isto ós nosos días, xa dentro da lei do Evanxeo e na liturxia católica, temos que as nais repiten no templo parroquial o compromiso da hora do bautizo, como foi, xunto cos pais e padriños, o de seren garante da educación cristiá dos nenos bautizados. Por iso a Igrexa, confiando nese compromiso, imparte o sacramento primeiro da vida cristiá.

     Examinémonos todos, porque, anque maiores, os bautizados estamos comprendidos nesa palabra que deron os nosos pais e padriños naquela hora de feliz memoria. Debemos cumprir os santos propósitos dos nosos antergos.

     E tamén estamos ás portas do San Brais. Outro santo habitual nas nosas parroquias. Anque oriental e lonxano no tempo, invocámolo para os males da gorxa, tan frecuentes nas humidades dos nosos invernos.

     Se ademais de coidar a gorxa, sabemos empregar a lingua, falando ben e con respeto aos demais, velaí unha boa homenaxe a San Brais, bispo e mártir.

viernes, 29 de enero de 2010

DÍA DA NON-VIOLENCIA

     Cada 30 de xaneiro celébrase o Día da Non-Violencia e a Paz. É unha celebración civil, con gran resoancia nos colexios.

     Está motivada porque nese día do ano 1948 foi asasinado Mohandas Gandhi, que foi un lider do autogoberno da India, pero loitou sempre pacíficamente, cunha resistencia pasiva. Loitou pola convivencia pacífica entre hindúes e musulmáns. Foi un admirador de Cristo e do Evanxeo. Pero tamén se queixaba dos cristiáns que non cumprían coa Fe que dicían profesar.

     Ademais desta celebración os católicos temos o Día da Paz instituído polo Papa Paulo VI.

     Quixo el que o día primeiro do ano fose para pensar na Paz, como un ben, un dereito e un don que se constrúe polos humanos. No primeiro de ano, aínda resoan as palabras da mensaxe de Nadal: “Gloria a Deus no ceo e Paz na terra para os homes de boa vontade, para os homes de boa fe, para os homes que Deus ama”.

     Caben as tres traducións. Pois ben, aprestémonos a construir a Paz. Que debera ser misión prioritaria dos crentes.

     Paz no mundo, nos pobos, e na conciencia de cada quen, como nos dixo aquel papa tan amado, que foi Xoán XXIII. Paz, consecuencia da xustiza, como ensinou Pío XII.

viernes, 22 de enero de 2010

A FESTA DE SAN VICENTE

San Vicente

     Seguindo a costa deste mes, temos a axuda de San Vicente, con festas na Graña-Cospindo, e tamén en Rial e Niveiro, no Val do Dubra, e Cuns, en Santa Comba. San Vicente forma nese conxunto de diáconos mártires que aparecen como patróns de parroquias da nosa terra. Así, os outros dous son: San Lourenzo (Agualada, Verdillo); e San Estevo (Goiáns, Morás, Malvárez, Anós, Cesullas).

     Nos tres casos as imaxes van con dalmátia e levan na man a palma da victoria sobre o perseguidor, a chamada palma do martirio.

     Vimianzo tamén ten a San Vicente por patrón. Alí, igrexa nova feita en tempos de Don Manuel Arjomil, sacerdote natural daquela vila, qu despois foi párroco de Santa Lucía na Coruña, e finou haberá 18 anos, xubilado.

     Despois, en Vimianzo, foi párroco don Francisco Couto Anido, de familia moi sacerdotal, oriunda de San Martiño de Cores. Completou a obra da nova igrexa, finou haberá dous anos, xubilado, en Santiago de Compostela.

     E así van sucedendo as festas e os párrocos. Todos deixan a súa pegada benfeitora nas freguesías polas que pasan.

     San Vicente, Vicencio tamén chamado, é o vencedor do tormento.

     Na liturxia pídese que os nosos corazóns teñan aquel amor a Deus que axudou ao noso santo a superar os tormentos, no martirio.

martes, 12 de enero de 2010

SAN PAIO DE XANEIRO

     E agora que? Despois de tantas e importantes celebracións parece que quedamos un chisco desorientados. Hai que reemprender a vida de acotío o traballo diario. E costa, si.

     Xaneiro é o mes que na antiga Roma adicaban ao ídolo Xano. Tiña dúas caras, unha para diante, outra cara atrás. Así nos pasa con este mes, ten a ledicia do Aninovo, a festa dos Reises Magos, a alegría dos nenos e dos pais… Pero hai que volver a un tempo pouco solemne, anónimo, pero que é moi fructífero: estudo, traballo, catequese… temos que mobilizarnos todos.

     Festas en Xaneiro? Si, tamén as hai. Velaí o San Paio da Devesa, preto da Férveda, coa súa capela gótica na bóveda, barroca no retablo.

     Hai o San Paio en Goiáns, onde o santo medita austeramente sobre dunha pedra, co crucifixo na man.

    Hai o San Paio de Coristanco, parroquia onde veneran este San Paio primeiro ermitán, e máis o San Paio, o neno martirizado, que ten festa no mes de San Xoán, e vén sendo o patrón da parroquia.

     Haio o San Paio de Niveiro, que tiña capela no monte, e unha valiosa imaxe que trouxeron para a parroquial. Imaxe que roubaron haberá case corenta anos, pero agora trouxeron outra semellante a aquela.

     San Paio de Xaneiro! Invoquémolo como remedio dos nosos males; toses, reuma, gripallada.

     Santiño simpático que aleda a dureza deste mes de Xaneiro.

sábado, 9 de enero de 2010

CHEGOU O ANO SANTO

 

     Como dixo un político: Agora xa estamos no futuro. Estamos no Ano Santo.

     Foron moitos os galegos que asistiron a ceremonia da apertura da Porta Santa. E foron moitísimos máis os que viron a ceremonia por tv.

     Todo estivo moi ben organizado. Fieis, sacerdotes e bispos deron solemnidade a un acontecemento que poucas veces é doado presenciar.

     O cabido e o concello de Santiago puxeron nas mans dos asistentes un album explicativo, de moito gusto e bo deseño, que valeu tanto para seguir os actos con devoción, como para ter un recordo do comezo do Ano Santo.

     O Sr. Arcebispo que ten senlleiras facultades para desenvolver a súa misión, como políglota que é, falou en cinco idiomas á moitedume congregada. E vai ter que votar man deste don para comunicarse cos peregrinos que van vir a Santiago neste ano da Gran Perdoanza. Parece que volven aqueles tempos nos que, como di o Códice Calixtino, resoaban na Catedral todas as falas que había nos diversos países da Europa que empezaba a sentirse continente cristián.

     Algo esperabamos que aínda non chegou. Coidabamos que antes do empezo do Ano Santo iámos a ver o nome do bispo auxiliar de Santiago. Porque, certamente, o Sr. Arcebispo, o Dr. Barrio Barrio, precisa axuda.

     Quizáis non sexa fácil atopar quen poida acompañar a don Xulián nos deberes que o Ano Santo impón ao Prelado da arquidiocese de Compostela.

     Esperemos a ver se os Reis Magos resolven este asunto.

     Esperemos.

lunes, 4 de enero de 2010

ENTRANDO NO ANO SANTO…

    

Chegados ao remate do ano, cómpre que as nosas parroquias feliciten e pidan un ano bo e próspero para todos. E como é Ano Santo, encomendemos á intención do noso Apóstolo Santiago todo canto de boas novas nos veñan co ano 2010, e tamén as novas non tan boas, para que poidamos levar todo en paz e graza de Deus.

     Pois si, a presenza do Apóstolo vai enmarcar estes días.

     Primeiramente, o día 30, a igrexa compostelá celebra a Traslación do Corpo de Santiago a Compostela. O día 31 ten particular solemnidade, pois é cando se abre a Porta Santa, polo tanto a inauguración do Ano Santo.

     Esta ceremonia da Porta Santa ten un rito moi distinto do que se segue en Roma na apertura da Porta Santa da basílica de san Pedro.

     Ven o vistes cando empezou aquel Ano Santo Romano do 2000. O papa Xoán Paulo II foi empuxando coa súa man a porta que estaba pechada, e así foi abrindo.

     En Santiago temos un valo ou parede de pedra pizarra co que se cerra provisionalmente a Porta Santa. Cando o arcebispo dá a terceira martelada, aquela parede derrúbase cara ó interior da Catedral. Entra despois do arcebispo, os novos peregrinos, que son os da comitiva catedralicia e máis persoeiros. Todos queren coller aquelas pedras lanchas, ben formadas, para teren un recordo da ceremonia.

     Despois, mesmo parecen nos comercios de recordos pedras que din ser das da Porta Santa.

     Non é necesario para gañar o xubileio, pasar pola Porta Santa.

     Haberá moitos peregrinos en Compostela. Xa os ven habendo en calquer ano. Pero O Ano da gran perdoanza (como dicían antano) é este que imos comenzar. Acollámolo con gozo.

viernes, 18 de diciembre de 2009

NO MES DE NADAL, DÍA DAS MIGRACIÓNS

     O día 18 deste mes de Nadal é o Día das Migracións, proclamado pola ONU.

     Dicindo “migracións” entendemos, tanto os que emigraron, como os que inmigraron.

     Nos dous casos, Galicia está moi afectada. Os nosos emigrantes a Europa volvían agora, nestas datas do Nadal, a pasaren uns días  nas súas casas onde tiñan ós seus maiores e tamén ós seus fillos.

     Agora temos menos emigrantes en Europa, pero aquela masiva emigracaión deu, como froito, o nacimento de moitos galegos que teñen a súa patria en centroeuropa e prefiren quedar por alí. Haberá, pois, apelidos galegos no medio das linguas centroeuropeas.

     Por outra banda, esta Galicia nosa, avellentada, e con notoria decadencia no número de habitantes, está recibindo, e acó asentan xa, inmigrantes que veñen de África, ou do Leste de Europa, ou mesmo de Asia.

     Haberá, pois, unha mestura de razas e orixes.

     Mirando ao pasado, os suevos deixaron pegadas da súa presencia entre nós, na toponimia, e tamén os mozárabes, era onomástica, despois tamén algo, cataláns e franceses.

     Todo asentado na lingua latina, hoxe, o noso galego, por evolución.

     As ciencias biolóxicas fálannos da igualdade de todas as razas humanas. Somos unha familia.

     Os filósofos pregoan os dereitos humanos, se fai falta, ponte ós cahamados dereitos civís que recoñezan as leis dos estados.

     A Boa Nova do Evanxeo proclama o Mandamento do Amor Fraterno.

     Isto é o alicerce con que nos temos que interpretar o feito migratorio. Como dicían (me parece que eran os filósofos cristiáns): “Os homes sen leña, teñen dereito á leña sen homes”.

     Certamente, todo é complexo. Pero un bo reparto dos bens e do traballo, sería o mellor para a humanidade

jueves, 10 de diciembre de 2009

FESTIVO MES DE NADAL

     

O mes de Nadal está cheo de celebracións festivas. Así:

- O día 3, san Francisco Xavier, aquel pamplonés, patrón e modelo dos nosos misioneiros, que chegou deica o lonxano oriente, a Xapón, navegando polo cabo de Boa Esperanza.

O gran literato José María Pemán adicoulle o seu drama en verso “EL DIVINO IMPACIENTE”, que relemos de vez en cando.

- O día 4, santa Bárbara, celebrada como patroa dos mineiros e da arma de artillería. Cantaban estes no triduo que lle ofrecían aquel himno AL MORIR EL VALIENTE ARTILLERO; óu aquel máis pausado de ENTRE TULES DE LUZ REFULGENTE.

- O día 8, a Inmaculada, patroa da infantería. Levaban guantes brancos os infantes, había referencias aos Tercios españoles en Flandes, resoaban os briosos compases de LOS VOLUNTARIOS. Todo isto xa pasou.

- Quédanos o día 13, santa Lucía, celebración na que todos nos sentimos convocados. Primeiramente, os que carecen de visión. Os cegos aparecen no evanxeo invocando a Xesús. Mentres o avance da medicina non chegue a dominar ese mal, admiramos a conformidade, pacencia, que vemos nos invidentes. Sendo, ademais, en casos ben coñecidos entre nós, exemplos de fe e vida cristiá.

Para eles, a meirande protección da Santa.

     Quedamos os demais, os que levamos lentes, lentillas… botamos gotas nos ollos, imos ó oculista para ver si as cataratas medran, ou as miopías, a presbicia, a tensión ocular… etc.

     Coidemos a vista, que o noso mundo coas luces destellantes, con tanto trafego, ordenadores, … é unha escrava da nosa vida diaria.

 

miércoles, 2 de diciembre de 2009

O CARDEAL QUIROGA

Cando batemos con estas datas do comezo do mes de Nadal, vén volve, a figura do Cardeal Quiroga á nosa mente e corazón. Lembrámolo os máis vellos. Eran os primeiros días do mes de san Xoán do ano 1949 e as campás do Obradoiro aunciaban unha noticia moi esperada: don Fernando Quiroga, bispo de Mondoñedo, preconizado arcebispo de Santiago.

Quiroga estivera nesta cidade tanto no enterro do arcebispo anterior, don Tomás Muniz como na peregrinación da Acción Católica no agosto daquel Ano Santo de 1948. Era un bispo mozo, espigado, rostro moreno, cheo de saúde.

No once de Nadal do 1949 Quiroga fai a súa entrada na capital na arquidiocese compostelá. Veu nun turismo, entra pola rúa de San Pedro, esperámolo fronte ao convento das MM. Mercedarias. Era un día gris, húmido, pero non chovía. O novo arcebispo sube as escaleiras que levan ao adro do convento, e a Schola Cantorum do seminario, dirixida polo seu fundador, o inesquecible Pérez Rajoán, entona o Ecce Sacerdo Magnus, que por ser en espazo aberto, non resoou gran cousa.

Revestido de pontifical, indo pola Praza do Toural, e rúa do Vilar, o novo arcebispo entra na Catedral polo Obradoiro. No púlpito do lado do evanxeo, co báculo na man, saúda e ofrécese ao pobo.

(Hai uns fogonazos de rigor para poder fotografiar en local pechado. Eran así os tempos)

Poucos días despois, os seminaristas, nunha mañá de frío, subimos saudar ao novo prelado. Dirannos aquilo de: Hoy, no necesitamos sacerdotes buenos, sino sacerdotes santos.

En xaneiro do 1950, o seminario rinde homenaxe a Quiroga. O rector Capón Fernández saúdao e engade estas tres peticións: restauración do vello edificio de San Martiño Pinario, un seminario menor e a recuperación da condición de Universidade Pontificia.

Quiroga responde recoñecéndose antigo alumno daquela Universidade e remata prometendo, si nos portamos bien, as tres cousas devanditas.

Cando fina o Cardeal, o día 7 de Nadal de 1971, o seminario de San Martiño fora restaurado; estaba construído o seminario menor, e creado o Instituto Teolóxico Compostelán.

Velaí unha vida chea de froitos para ben da Igrexa Compostelá.

martes, 24 de noviembre de 2009

A MEDALLA MILAGROSA

Medalla

     A celebración da Virxe da Medalla Milagrosa ten en Carballo unha triple localización: A Capela do Campo da Feira, a Igrexa Parroquial e o Colexio das Fillas da Caridade.

     Hai xa máis de medio século que este Colexio Fai moito ben en Carballo e en toda a bisbarra bergantiñá. Foi, e segue sendo, coma un  seminario no que se formaron xóvenes, nenos, que hoxe gardan un bo recordo do seu paso por este Centro. Así o amosaron cando hai poucos anos foi celebrado o cincuentenario da chegada das Fillas da Caridade a Carballo.

     Temos, pois, que felicitarnos pola presencia e misión que as relixiosas vicencianas están exercendo.

     Son doce relixiosas. A superiora é sor Celia que hai ano e medio está ao fronte da casa.

Pero hai tres venerables irmás que están no pensamento, no corazón e na oración de cantos tiveron, ou teñen, algunha relación con aquel colexio. Tres irmás anciáns, que, despois dunha vida toda entregada ao servizo da obra vicenciana, en diversos lugares, agora, por razóns de saúde, xa non poden traballar e servir como elas quixeran.

Reciben, si, o trato e agarimo, todo amor e caridade que elas merecen, das súas irmás relixiosas. Velaí un exemplo de como temos que atender aos que non poden valerse, aos que a idade limitanas súas posibilidades físicas ou mentais.

Estas venerables Fillas da Caridade son:

- Sor María, que exerceu como cociñeira no Colexio.

- Sor Ana, que foi superiora na casa que a institución ten en Vigo.

- Sor Matilde, que foi catequista en Carballo moitos anos e que levaba a Comunión a moitos enfermos. Subindo e baixando escaleiras nas casas de Carballo.

     Queira a Virxe Milagrosa conservar a vida destas tres insignes relixiosas moitos anos; e confortalas na súa enfermidade.

     E tamén recoñecemos e agradecemos o exemplo de amor constante, oculto, que nos dá a comunidade de Carballo, coa atención a estas figuras exemplares das Fillas da Caridade.

martes, 17 de noviembre de 2009

A FESTA DA MÚSICA

Coral de Bergantiños na igrexa de San Xoán Bautista    

Anque este ano o día de santa Cecía, ou Icía, cae en domingo, non por iso as corais deixarán de celebrar e honrar o patrocinio da santa protectora dos amantes da música.

     Outra vez nos vén á memoria o xa próximo Ano Santo. No Pórtico da Gloria, o sacro concerto vai dar comezo, que dixo Rosalía. Os instrumentos dos anciáns que o Mestre Mateo puxo no arco central do Pórtico, son reproduccións exacta dos que había na cultura musical do século XII. Así, por suxerencia do Cardeal Quiroga ao experto musical señor López Calo, profesor emérito da Universidade de Santiago, foron feitos instrumentos coma aqueles, e houbo un concerto sacro. Todo patrocinado pola benemérita Fundación Barrié.

     Ao profeta David, imaxinámolo de cote coa arpa ou un violín que está tanxendo. Así aparece tamén na Catedral.

     Os salmos da Biblia son cantos. Expresamente nos chaman a cantar ao Señor, cantádelle un cántico novo…

     Do canto na liturxia, como oración, solemnidade e devoción, todos temos experiencia.

     Na Escola de Axentes de Pastoral, hai un tempo adicado ao canto de cada domingo. Competentes profesores exerceron este mester que beneficia ás parroquias concurrentes. Fai falta que aproveitemos as ensinanzas e cantemos realmente.

     Hai que lembrar a cantos colaboraron, ou colaboran, na formación musical. Lembremos a sor Mercedes Remuiñán, Filla da Caridade, axente pastoral desde hai tempo en Cances e Razo.

     Miguel Gordillo, gran guitarrista, que ten un coro na parroquia de Bértoa.

     Gloria Pardines, directora da Coral de Bergantiños, que domina a dirección coral, sendo ela mesma virtuosa guitarrista e excelente cantora.

     A todos nos bendiga santa Cecía e nos conserve a voz e o ánimo para cantar as marabillas do Señor, que di a Biblia.

jueves, 12 de noviembre de 2009

VIEIRO EN BERGANTIÑOS

 

Vieiro

     Hai xa 18 anos que toda a bisbarra bergantiñá (7 concellos) conta cunha publicaicón periódica para informar, prever e loitar contra un problema de saúde como é a drogodependencia.

     Vén de ser presentado o número 68 da revista Vieiro.

     Vieiro é un camiño para tantos que puideron perderse por sendas que non quixeran andar. Vieiro quere ser liberación, prevención e denuncia. Pero ademais Vieiro fai, actúa, promove o deporte na mocidade, e velaí xa o 15º Concurso Escolar de Dibuxo Por unha vida sa.

     En Vieiro vemos a pruma do seu presidente Xosé Manuel Vázquez. A do seu director Xosé María Arán. A da súa vicepresidenta Fina Rey.

     Tamén a de médicos, psicólogos e outros profesionais que teñen moito que dicir sobre algo tan urxente.

     Salientemos a entrevista a Pedro García Aguado, campeón olímpico en Waterpolo, no 1996. Confesa el que caeu na drogadicción pero puido superar a súa situación. La adicción te quita la alegría de vivir, te impide ser tú mismo, madurar; te quita la libertad de ser la persona que quieres ser.

     Frases de este campeón que agora conseguiu a medalla da súa liberdade.

     Neste número de Vieiro aparece asimesmo a concesión do título de Carballesa do Ano, a Fina Rey. Galardón ben merecido polas múltiples actividades nas que Fina presta un servizo a Carballo. Non só no ámbito escolar e na Asociación Vieiro, senón na Catequese Parroquial, no programa Carballo de Arriba, etc.

     Fina Rey honra esa nómina de grandes persoeiros que teñen o título de Carballés do Ano.

     Coa felilcitación a Fina e a Vieiro, vai a nosa admiración pola obra que fan en favor de Bergantiños.

jueves, 5 de noviembre de 2009

ORANDO POLOS NOSOS DIFUNTOS

Como estamos no mes de Difuntos, e nas parroquias celebran moi devotamente o Acto Xeral de Ánimas, ocorréuseme falar dos Petos de Ánimas.

Son unha manifestación tradicional da fe cristiá na trascendencia da nosa vida; da misericordia de Deus para con nós, pecadores; e tamén do valor das nosas oracións pola mediación de Cristo, o noso Señor.

Por outra banda, os Petos son unha creación de arte popular que todos debemos axudar a conservar.

Polo xeral, están á beira dos camiños, froito da devoción dalgún devoto. A representación das almas no Purgatorio, ofrece uns rostros cheos de esperanza, en actitude de oración a Deus Pai.

Se imos desde Bergantiños a Santiago, veremos que subindo a costa que empeza en Portomouro, enchegando ao santuario de Nosa Señora de Belén, hai un Peto de Ánimas, moi ben configurado que, a pesares de que a estrada foi ancheada, sempre se recompuxo aquel Peto, como é preceptivo civilmente.

O malo daquel Peto é que moitas veces aparece descerrallado. Por uns céntimos que pode haber alí, fan un dano moi superior.

Aquí en Carballo, na Brea, ao pé do camiño real que ía de Verdillo a Ponte Lubián, tamén hai un Peto de Ánimas. Os camiñantes ao pasaren, facían unha invocación ás Ánimas, implorando a súa axuda; lembraban ós propios difuntos e deixaban unha esmola, se podían.

En Cances da Vila, hai un cruceiro no que, ao pé da vara, aparecen Ánimas suplicantes.

En Oza, hai unha pequena capeliña. Aredor dela pasan as procesións. Hoxe, no interior vexe unha imaxe de san Antonio, pero quizáis, nalgún tempo, fose un peto de Ánimas. De ser así, tería esta parroquia bergantiñá o Peto de Ánimas de mellor arquitectura na redonda.

Retablos con escenas de Ánimas témolos nas capelas laterais que hai á man dereita, nas igrexas de Sofán e Sísamo.

No Hospital Real de Santiago, aló polos anos de 1940 (hoxe aquilo é un gran hostal) había un retablo de Ánimas como non vin outro. No medio e medio daquela representación do Purgatorio había un papa, e tamén bispos, reis, homes, mulleres… pero todos en oración, esperando a misericordia de Deus. Son almas santas, salvadas, polas que rezamos, pero tamén nos encomendamos a elas. Somos todos o Corpo Místico de Cristo.

Non sei que sería daquel retablo. Agora alí hai concertos e xuntanzas. Era a gran capela do Hospital dos Reis Católicos en Santiago.

Polo demais, todos coñecerán a capela-santuario das Ánimas que hai en Santiago, famosa polos seus retablos, agora entrance de restauración.

martes, 27 de octubre de 2009

SANTOS E DIFUNTOS

     Os que vivimos no hemisferio norte temos moitas ventaxas para celebráremos a Liturxia Romana.

     Estamos no outono. Os nosos carballos, albres emblemáticas da nosa terra, van ter unha cor dourada, froito da metamorfose de cores que empezou na primavera. Aquel verde tímido que agromaba nas pólas aló polo abril, foi afianzándose nun verde escuro polo verán e remata a súa sinfonía de cores nun dourado que semella o dos nosos retablos barrocos.

     As carballeiras quedarán estradas de follas que alfombran o noso camiñar. Os poetas darán vida a esta follaxe que, tendida no chan, canta, romántica, o que é o ciclo da nosa vida.

     Estamos ás portas de Santos e Difuntos. Serena placidez do outono, que nos leva a matinar sobre a nosa existencia, sobre un final que nos pide sentidiño, reflexión, ao abeiro da Fe en Cristo, tamén morto, pero definitivamente resucitado.

     Así temos que vivir estes días do comezo de novembro. Con recordo para ós nosos que nos precederon; para todos os que con Deus están.

     Agradecemento, oración, paz, consolo, esperanza. Son as categorías coas que temos que vivir o misterio da morte, dulcificado coa Resurrección que esperamos acadar gloriosa, pero que xa ilumina o noso camiñar por este VAL DE BÁGOAS.

jueves, 22 de octubre de 2009

A NAI DO APÓSTOLO SANTIAGO

 

Igrexa parroquial de Santa María Salomé

(Santiago de Compostela)

 

Como imos correndo cara ó Ano Santo, cómpre que digamos algo sobre Santa María Salomé, que é a nai do Apóstolo Santiago. A festa desta santa muller é o día 22 deste mes de outubro.

A imaxe de Sata María Salomé témola, sedente, ao pé do arco triunfal que hai na Catedral, na columna da dereita do observador. Preside un esmoleiro. Todo elaborado en pedra. O día da Santa porán unhas velas cabo da efixie. Pasamos decote diante da mesma case sen decatarnos. O outro santo que está en simetría con María Salomé é Santiago o Menor.

Xelmírez, que tivo tantas iniciativas en favor de Compostela, mandou abrir unha nova rúa, paralela á Rúa do Vilar, que daquela, no século XII chamaban “O Val dos Miñatos” (Vallis Milvorum, en latín)

O gran sabio Amor Ruibal dinos que naquel pequeno vilar, preto da Catedral, andaban as galiñas soltas polos currais e viñan os miñatos para atrapar os seus pitiños.

Volvamos á Rúa Nova. Nela, Xelmírez mandou facer unha igrexa adicada a Santa María Salomé. Hoxe é unha parroquia que conserva o seu pórtico con arquivoltas románicas e o arco exterior xa oxival. Transición que tamén aparece no Pórtico da Gloria, na Catedral.

Outras imaxes de Santa María Salomé hainas na capela das Ánimas en Santiago, e na igrexa de Bastavales. E como os recordos personais empezan agromar, direilles que tanto un servidor, coma o actual párroco de Carballo, sr. García Gondar, tivemos a fortuna de vivir algúns anos na Rúa Nova, parroquia de Salomé.

Hai tempo xa que compuxen un breve poema adicado á casa na que morei.

Di así:

       “Mirando a la Berenguela

acunada por su campana

yérguese compostelana

la casa de la Rúa Nueva.

       Forjados balcones en lo alto

vestida de granito toda ella

simétrica fachada, un encanto,

la casa, la calle, es bella.

       Abierta por decreto gelmiriano

recuerdo años en que allí moré,

el sol baña la casa por solano

pasó el tiempo en que viví y soñé.

       Enlosado de rigor compostelano,

medievo en el pórtico de Salomé,

ay, los días no pasan en vano,

en esa rúa, mi juventud fue.

       Esta vieja vía medieval

hízola, jacobea, Compostela

cuando regía un gallego genial.

       El esplendor alzó torres con estrella

y cuajó así esta urbe universal”.

miércoles, 14 de octubre de 2009

MUERO PORQUE NO MUERO



No medio e medio do mes de outubro, temos a festa de Santa Tareixa de Ávila, a gra santa reformadora, actualizadora da orde carmenlitana, fundadora de tantos conventos, que ela chamaba "carmelos".

"Andariega", que chamaron algúns, ao veren a súa constante mobilidade. En pleno século XVI da é gran escritora da lingua castelá, en prosa e verso. Así canta nas antoloxías da fala de Castela.

Ten ademais o título de Doutora da Igrexa, proclamada así por Paulo VI.

O sorprendente é ver como esta muller valora o noso mundo. Nela resoan as palabras de San Paulo: "Desexo morrer para estar con Cristo." Así, pois, escribe a santa avilense:


"Vivo sin vivir en mí

y de tal manera espero

que muero porque no muero.

¡Ay, qué larga es esta vida!

¡Ay, qué larga es esta vida!

¡Qué duros estos destierros,

esta cárcel, estos hierros

en que el alma está metida!

Sólo esperar la salida

me causa dolor tan fiero,

que muero porque no muero."


E metidos na musa desta gran santa altiva, pensadora, mistura, podemos copiar aqueles versos xa máis coñecidos:


"Nada e turbe

nada e espante

todo se pasa.

Dios no se muda.

La paciencia

todo lo alcanza.

Quien a Dios tiene

nada le falta,

sólo Dios basta."

sábado, 10 de octubre de 2009

LA BENEMÉRITA VIRGEN DEL PILAR

 Manto de la Virgen del Pilar (Zaragoza)

O mes de outubro é coñecido nas nosas parroquias como o mes do Santo Rosario. No primeiro domingo, hai esta festa en Anxerís, Cereo, Rial, e A Escravitude, e no segundo domingo, nas Salgueiras, na parroquia de Seavia, lindando con Castrís. E en moitas parroquias máis.

Tamén vemos rosarios nos coches. Os peregrinos que foron a Terra Santa trouxeron rosarios cos que agasallaron a familiares e amistades.

Pero se, con todo, non rezamos a Nosa Señora esa oración tan popular, moi pouco valen festas e recordos marianos.

En Carballo rézase diariamente o Santo Rosario en tres igrexas. Pero o nmes de outubro é unha chamada á oración en familia. No ámbito da intimidade familiar ten que haber un tempo para a oración. Antano, nas casas e nos velorios, moitas eran as familias e devotos que se sentían chamados a dirixir esa oración comunitaria.

E o calendario tráenos a festividade de Nosa Señora do Pilar.

A presenza da Benemérita Garda Civil, fixo que en Carballo esta advocación mariana medrase. O barrio do Chorís trouxo, hai poucos anos, unha imaxe do Pilar.

Pero, todos os anos, especialmente éste, temos que recordar á Garda Civil como a defensora da orde pública, dos nosos dereitos. Mesmo á costa de tantos gardas que deron a vida, ou sufriron feridas neesa entrega valente de loitar pola paz en toda España.

Hai poucos meses, dous gardas, Diego Salva Lezaún natural de Palmplona; e Carlos Saez de Tejada García, natural de Burgos; de 27 e 28 anos, que ingresaran no Corpo había un ano, perderon a vida en atentado sufrido en Mallorca. En cincuenta anos de terrorismo, a Garda Civil perdeu 206 gardas. Pensemos na dor e bágoas de fillos, pais e irmáns.

Gloria e hono á Benemérita, e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Pedimos tamén maiores medidas de protección, protocolos máis esixentes, tanto para as casas cuarteles, como para cada membro do Instituto armado.

Nós, como crentes agradecidos, pedimos a protección de Nosa Señora do Pilar para a Benemérita, á que tamén felicitamos polos seus éxitos e entrega á súa vocación de servidora da Patria.

miércoles, 30 de septiembre de 2009

FESTA DE SAN MIGUEL



Remata septembro. Un mes que despide o verán e métenos no outono. Mes decadente nos días, nas vacacións, e que aporta temores de exames a superar.
Pero na liturxia católica temos hoxe unha festa que acolle a tripleta de arcanxos:son espíritus, pero os humanos queremos representalos. Así S. Gabriel, que o vemos na famosa pintura de Frei Anxélico, quere imaxinar o misterio da Anunciación a María.
S. Rafael. Vai canda Tobías junior, levando este o peixe para curar a cegueira do seu pai. Non abunda esta imaxe nas nosas igrexas.
San Miguel. Este é o máis coñecido. Patrón das parroquias bergantiñás de Couso e Vilela.
Como se ve, os nomes dos tres arcanxos rematan en " 'el", pois queren dicir aquilo de: "Deus é forte", "Medicina de Deus" e "Quen coma Deus".
Gabriel é patrón dos que traballan nos medios de comunicación como é a radio. Miguel adoita levar no seu escudo as iniciais Q. C. e D, que corresponden a etimoloxía do seu nome, antes dita.
En Vilela tiveron a Festa. O santo vai vestido coma un soldado romano: cáligas, botas, coraza, casco. E na man dereita alza a súa espada para rematar o Mal, representado nunha figura grotesca.
Por arcanxo, leva alas e un rostro xuvenil, imberbe, que, moi sereno, vence o Mal que está aos seus pés. Igrexa aquela de Vilela, a que mira decote para a beleza do mar, desde Baldaio deica as Sisargas.
Igrexa restaurada con moito gusto e norma, polo que agora reloce con todo esplendor. Como espléndida foi a colaboración económica dos fregueses, amosando así o seu amor á parroquia.
Que San Miguel a siga protexendo.

martes, 22 de septiembre de 2009

FESTA MARIANA: NOSA SEÑORA DA MERCED

Antes que remate septembro, ainda imos ter unha festividade mariana: a de Nosa Señora da Mercede, o día 24.

Nace esta orde relixiosa por inspiración do catalán F. Pedro Nolasco. Dela foron membros F. Ramón Nonnato, Tirso de Molina, e outros persoeiros.

Era daquela precso redimir cautivos, como eran os cristiáns capturados polo Islam. Os frades mercedarios ofrecíanse eles a quedar en cautividade para que liberaran aos que estaban na cadea.

Ben sabido é o caso de Cervantes, liberado polos mercedarios e moi agradecido a eles.

En Santiago, os mercedarios tiveron un grandioso convento. Era o de Conxo. Despois veu dar en parroquia, hoxe servida por un mercedario. Cando a Desamortización, o convento foi mercado polo cardeal Payá, e fixo alí un centro de acollida para deficientes mentais. Hoxe, no que era a horta do convento,éstá o chamado “Hospital de Conxo”.

A nosa Rosalía era devota da Virxe da Mercede, pois preto da casa na que ela viviu, de nena, en Ortoño, había a capela de Lapido, adicada a esta advocación mariana.

O nome de “María de las Mercedes” era o da primeira esposa de Alfonso XII morreu ela moi pronto e esa perda causou gran consternacións no pobo.

Outra “María de las Mercedes” foi a nai do rei Xoán Carlos. Por iso hai familias de tendencia monárquica ás que gustou ter este nome na súa descendencia. Hoxe, os mercedarios fan un gran labor de liberacións atendento os internos que están nos nosos cárceres

Felicite os ás Mercedes, que adoitan ser mulleres amables e xenerosas.

martes, 15 de septiembre de 2009

SEGUNDA CELEBRACIÓN DA DOLOROSA

No ecuador de septembro, aparecen conmemoracións e festas populares que parece queren aproveitar os últimos raios de sol do verán.

Así temos unha segunda celebración de Nosa Señora das Dolores. Digo “segunda” porque a “primeira” é aquela que vai no venres da semana anterior á Semana Santa. Que me parece o lugar máis propio. Pero ben. Aquí de Carballo, a cofradía das Dolores vai ter unha nova conmemoración.

Festa de Nosa Señora das Dolores haina en Castrís. Por certo, moi famosaén toda a bisbarra de Xallas.

Como María “está ao pé da Cruz do Calvario” asegún nos di San Xoán, temos celebracións da Santa Cruz. Así, en terras da Ulla e de Martaos, en Órdenes.

pola relación coa Cruz do Calvario hai celebracións de Santa Helena, ou Irena, no Castrillón, en Lema. Nunha paraxe que representa cunha das panorámicas máis fermosas que poden contemplarse en Bergantiños.

Outra clase de festas son as de Santa Eufemia. Que teñen en Rus, Leira, Bértoa, Vilouchada, Valencia, etc…

Esta santa, xunto con Santa Mariña e Santa Margarida, forma unha tríada de santas moi populares, nas que a lenda trata de encher o valeiro de datos históricos.

Sendo Ourense un dos focos do cristianismo en Galicia (desde San Martiño Dumiense e o rei Miro) alí hai dúas parroquias adicadas a Santa Eufemia. Na mesma cidade das augas quentes. Na parroquia e Santa Eufemia do Centro, foi párroco o venerado cardeal Quiroga Palacios.

martes, 8 de septiembre de 2009

NOSA SEÑORA DE CAIÓN

Está asfaltado o camiño que vai de Carballo a Caión, pero se non estivese, nese camiño non medraría a herba, porque os devotos de Nosa Señora non paran de ir a pé a aquel santuario.

Cando se chega a altura de Leira (a última aldea do concello de Carballo) contemplamos un mar azul, largacío , que chega a bater na terra para bicala con escumas brancas . Os pulmóns énchense do aire que ven do atlántico.

A vila de Caión é coma o pedestal do santuario, dese donde María Santísima tendeu a cantos alí chegan. Sempre, sí, pero especialmente neste mes septembreiro.

Desde a pasada Semana da Familia, na que a imaxe de Nosa Señora dos Milagres veu a Carballo, quedou establecido un vencello permanente dos crentes carballeses coa Virxe de Caión.

Unha razón máis, para ir venerar a María e para cumprir con aquel mandato de Nosa Señora: “facede o que Él vos diga”.

Así, poética é a peregriunaxe a Caión. Mesmo costosa e sacrificada, pero a comenencia mellor é o vivir como quere María que vivamos os seus fillos.

U poeta compuxo estes versos.

“Alá por riba do frondoso souto

ergúendose branquexa,

cal pomba de ás níveas, no picouto

a nosa vella igrexa.

A campá falou: do novo día

a un feliz pregoa,

e sandando nos ceos a María

no fondo do val resoa.

María, sol do amor, fai que en min creza

xardín de vivas flores,

axardín de flores que decote ofreza

a Deus cáliz de amores.”

Sinto non sasber o nome deste poeta

martes, 1 de septiembre de 2009

VIVA A NOSA SEÑORA MILAGROSA!!!!



Xa estamos en septembro. Mes que leva un R e polo tanto, como dicían os nosos devanceiros, xa o Sol pode facer dano, podemos sentir o "trancazo", tamén dicían así nos vellos tempos cando falaban da gripe.

Non. Septembro anuncia o final do verán, o outono vai chamar ás nosas portas. Empezará un tempo novo, no clima e no traballo. Rematan as vacacións, empeza o curso, quedarán desertas as praias.

Esta situación externa e lévanos a pensar en Nosa Señora, Santa María. Veredes cantas festas marianas hai neste mes.

Agora mesmo, falemos xa da Nosa Señora Milagrosa, celebración mariana de fieis na capela do Campo da Feira, e cunha alfombra floral comoa non se ve en toda a redonda.


Esa alfombra, composta de varios tramos, ten unha motivación catequética, artística, testimonial, do amor que á Nosa Señora profesan os devotos da zona sur da parroquia e doutras partes de Bergantiños.


Hai todo un organismo de colaboradores. Nada pode fallar.

Hai uns creadores que son o cerebro, que pensan os motivos e diseño das figuras que van a compoñerse nas alfombras. O conxunto é vario, pero responde a unha unidade, a unha mensaxe que os observadores e admiradores van sentir.


Hai uns colectores de pétalos, que teñen que acudir a invernadoiros, montes, devesas... para procurarse a variedade de cores que se precisan para lograr cubrir o deseño proxectado.


Hai uns dibuxantes que pintan na rúa a base das figuras, orlas, que van encherse e ser cubertas coas flores.


Hai quen coidada da combinación de cores e a coordinación das mesmas en toda a obra artísitca.


Hai unhas mans traballadoras que pasan a noite entregadas ó labor de rexir a culminación do traballo.


Hai uns amables monitores que virán observando, correxindo, se é necesario, o traballo que se vai facendo, e que será perpetrado nas moitas fotografías que os bergantiñáns farán sobre o chan alfombrado.

Ben se cumpre aquí o que San Lucas pon en beizos de María Santísima: "Hanme chamar benaventurada todas as xeracións"

martes, 25 de agosto de 2009

NOSA SEÑORA DOS MILAGROS EN CEREIXA



Neste devalante de Agosto, temos as festas de Entrecruces. Tamén a de Nosa Señora dos Milagros, en Cereixa-Erbecedo.

Se miran un mapa vello, daqueles que se editaban en escala de 1:50.000, verán que naquela paraxe poñen "ruínas". Efectivamente, alí quedaban as ruínas da igrexa parroquial de Erbecedo. Concretamente, na Erbedeira, terra de erbedos, ou alvedros, que, en castelán chaman madroño. Mais no 1943, o párroco Rodríguez Carballo recuperou aquel lugar e levantou unha ermida adicada a Nosa Señora dos Milagros. Celebración que vai cada ano a máis e agora ten espazo abondo para tan concorrida celebración.

Da Erbedeira, pois, veu a igrexa parroquial para a aldea de Silván, onde atopou acougo grazas a que a Fundación do Santo Anxo lle deu terreo para fundar alí igrexa e camposanto. Moitas cousas máis fixo a fundación de don Paulo Anxo Aldao e Breixo en favor de Erbecedo, desde a súa creación a comezos do século XVIII, ata os nosos días.

Agora, o nome deste meritísimo sacerdote, figura en lápidas que ornamentan o Complexo Parroquial do Santo Anxo de Erbecedo-Silván. Pero no texto desas onrosas lápidas non figura todo o que de don Paulo Anxo poderamos dicir. Así, por exemplo, que era de familia nobre, foi Colexial de Fonseca, en Santiago; coengo maxistral na colexiata da Coruña; catedrático de teoloxía e vicerector da Universidade de Santiago.

Finou no 1721, deixou todos os seus bens, que daquela eran moitos, en favor de Erbecedo. Está soterrado na capela da Terceira Orde en Santiago de Compostela. D.E.P.

martes, 18 de agosto de 2009

FESTAS EN SEAVIA - BERGANTIÑOS




O día 17, enpezaron as festas de Seavia. Primeiramente, o patrón, San Mamede (San Amedio, noutros lugares). Mártir que ten adicadas moitas parroquias en Galicia. É tamén o campo de fútbol do Atletic de Bilbao, que chaman "A Catedral", san Mamés. O día 18, en Seavia, celebran a festa do Carme. Tivo moitos romeiros antano. Hai unha fonte que ten un retablo pétreo, gótico-historicista coroado por unha imaxe de Nosa Señora do Carme¡, que é copia da talla que conserva o interior do templo. Tamaño medio ésta, pero coa particularidade de que no manto da Virxe vense flores vermellas que lle dan un particular cromatismo.

Excusamos dicir que Fonte do Carmen, Rectoral e o corpo da Igrexa son obra dos primeiros anos do século XX. Todo por iniciativa e coas aportacións do gran párroco que foi Don Santiago Abuelo.

O día 19, é o Santísimo Sacramento. Poderá verse na procesión a custodia do século XVII que foi doazón de San Paio (mosteiro compostelán) a Seavia, parroquia da que era patrono.

Trátase dun exemplar, tipo relicario, que polo seu valor artístico e histórico estivo na Exposición que houbo en Santiago con motivo do ano Santo de 1999. Onde tamén estiveron expostas outras alfaias de Seavia.

Cómpre preguntar ¿por que esta orde de celebración nas festas desta parroquia? Porque a norma é: festa do Patrón, segue a do Santísimo, e remate coa do Carme.

Pois a explicación é a seguinte: en Seavia, como noutras parroquias de Bergantiños, o día do Patrón tamén era o día do Sacramento. Aquel tiña unha Misa pola mañá, e a do Sacramento, moi solemne era ó mediodía.

A Don Ramiro Rodríguez Carballo, párroco, pareceulle, con bo criterio, que había que separar ambas celebracións e darlle a cada unha o seu día.

Así o fixo. Pero non podía trasladar a festa do Santísimo para o día 18, porque en tal día estaba a festa do Carme, de moita sona na bisbarra. Polo tanto o que fixo aquel párroco, señor Rodríguez Carballo, foi pasar o día do Sacramento para o día 19.

Que descansen en paz estes párrocos e teñan boas festas os seavienses.

ANTE A SOLEMNIDADE DA ASUNCIÓN DE NOSA SEÑORA



Ante a solemnidade da Asunción de Nosa Señora (Santa María en “todo o mundo”) non podemos enumerar as parroquias, ermidas, santuarios, catedrais, mosteiros, que celebran a festa patronal.
Nin podemos sinalar as múltiples formas nas que o haxionímico Santa María está presente nos nomes bautismais de mulleres e homes. Felicidades a todos.


Pero daremos un breve repaso ás parroquias bergantiñás que van estar de festa por Santa María, son: Ardaña, Bértoa, Cereo, Rus e Traba. Carballo aparece felizmente enclaustrada entre parroquias marianas, como son Bértoa e Ardaña. Norte e Sur da vila carballesa.


Copiamos dun soneto de Gerardo Diego, que el dedicou a Asunción de Nosa Señora, copiamos, digo, os seus tercetos.


“¿Adónde va, cuando se va escondiendo
y el aire, el cielo queda ardiendo, oliendo
a olor, ardor, amor de rosa hurtada?
¿Y adónde va el que queda, el que aquí abajo,
ciego del resplandor se asoma al tajo
de la sombra transida, enamorada?”
Velaí a visión dun gran poeta crente.


Un pouco máis ao sur , en terras de Dubra, Xallas, Santa Comba, temos o santuario- parroquia de Vilamaior. Pasarán os devotos cara alí, que darán exemplo de amor mariano polas estradas por onde corren. Mesmo haberá xantares “de merenda” como dician antano , nas proximidades da fonte.
Antes do día de Nosa Señora están correndo as festas de San Lorenzo en Agolada, Verdillo e na ermida de Nariño, en Dubra.
Todas son festas de brillantez, resplandor, calor…como corresponde á liturxia romana, neste mes de agosto.

martes, 4 de agosto de 2009

A TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR



Agosto empeza cunhas festividades que nos veñen da liturxia romana. Na cidade onde está a Santa Sede é agora o chamado ferragosto, moi quente, e os que poden, buscan as ribeiras do mar. O Papa vai para Castelgandolfo.
Unha fermosa lenda fala dunha nevarada que houbo en Roma no mes de agosto. Por iso levantaron a igrexa -basílica de Santa María e celebramos a Nosa Señora das Neves. Saudamos ás que levan este branco nome.
Outra festividade con referencias á luz, ao sol, ao brancor das vestimentas de Noso Señor, é a Transfiguración. Chamámoslle tamén o día de San Salvador.

Todo isto serve para ter festas en Artes, Sofán, Erbecedo e Rebordelos. Veremos polos adros parroquiais as valiosas imaxes de Xesucristo que leva na man o globo terráqueo e o seu rostro libera feixes de luz.

En Sofán, ademais, no retablo maior, está representada a mesma escena da transfiguración. Retablo que foi estudado por Desiree Domínguez Pallas e resturado en tempo de Don Diego Ríos Noya.

En Sofán publicaron un programa das festas no que está un artigo de Don Diego falándonos do importante pasado histórico de Sofán. O que el nos diga ten o meirande valor, porque fundaméntase nas fontes que el consultou naquel arquivo parroquial e nos testimomnios de xente e fregueses de Sofán, durante vintecatro anos que el viviu nesta freguesía.






Outro artigo que vemos no programa é de Don Isolino Esmorís Cambón, natural de Sofán, párroco de Montemaior. Relembra os seus tempos de seminarista cando rexía aquela parroquia o tan querido e admirado Don Antonio Carracedo Viña, con quen colaborou a súa sobriña Venerable, finada en Santiago, pero seupultada en Sofán. Esta señora era irmá do recordado párroco de Fisterra, Don Luciano Moreira Carracedo, natural de Oca.



Boas Festas a estas freguesías.