Polo san Xosé, hai moitos que están de "santo". Felicidades a todos. Diolopague polo que nos poida corresponder.
Así como nos semilleiros cúidanse as plantas que nacen pequeniñas, tenras, para despois seren trasplantadas, de igual xeito, nos seminarios da Igrexa recíbense as vocacións ao sacerdocio que van xurdindo aquí e acolá. Tempo, pois, de formación e de proba. De alí, sairán os sacerdotes que van servir ás parroquias.
Aquí, entre nós, tivemos seminaristas diáconos, hoxe párrocos: Don Manuel García Souto que está en Curtis; Don Xosé Sánchez Piso en Lestedo e outras catro parroquias máis; Don Pablo Carou Barros, na Coruña.
Agora temos a Daniel Pérez, que é todo xuventude e ilusión. Ogallá quede en Carballo para sempre, pois precisamos e esperamos moito del.
Todos temos a obriga de cuidar, animar ás vocacións sacerdotais que poidan xurdir. O noso apoio ten que ser coa oración, o alento persoal, a vida cristiá na familia. De ordinario, é aquí onde nacen as vocacións. As desfeitas familiares, a perda do sentido cristián nas nosas vidas, fan que padezamos penuria vocacional, e carencias de servizo sacerdotal que lamentan as nosas parroquias.


