jueves, 26 de febrero de 2009

Estamos no día-cumio do Entroido


Estamos no día-cumio do Entroido.Coidamos que, a pesares da crise, malia a ela, hai nas casas dos nosos ointes lacón con grelos, cacheira e moitos productos do porco. Chámanlle a este animal a oliveira con patas, pois a sua graxa disque é a que ten menos colesterol.Que aproveite, pois.

O noso cocho, deriva do xabarín.Os feudais adicaban o tempo do inverno a cazar o xabarín.Cando remataba ese tempo, facían gran festa con carne do animal.Tanto que a heráldica galega presenta o xabarín como referencia da grandeza dunha familia que tiña castelo, servidores, montes e tempo para o divertimento da caza.Pactos entre feudais eran selados con festa de xabarín.

Se non temos orella de porco, faise na tixola un substituto, que ten formas graciosas e sabores distintos asegún a man da cociñeira.

A filloa da pedra require unha boa pedra que as dea ben,como din. Non pode estar fendida, é unha peza que transmite o calor uniformemente .Hai que deixala arrefriar cando sae do lume, e cando está sobre o lume hai que darlle con brasa continua, evitando a entrada de aire frío. Ten arte e tradición a filloa da pedra, producto típico de Bergantiños.

Esta filloa é un fósil culinario que nos leva a idade de pedra.Igual que as olas dos nosos oleiros. A filloa da pedra ten un sabor que a identifica, pode acompañar un prato do noso cocido.Ten un sabor austero, como podemos gustar , por exemplo cando bebemos cervexa, que un producto que disque , xa o tiñan os celtas.Non me quero meter na lareira, deixemos a cociñeira que vaia, con pacencia, facendo as filloas na pedra.

Por fora, andarán as comparsas de Entroido ou as celebracións do Testamento do Entroido. Todo isto , porque imos empezar a Coresma.

viernes, 20 de febrero de 2009

DEUS BENDIGA ÓS NOSOS POLÍTICOS



O entroido deste ano é moi especial. Están as eleccións galegas á porta. Non imos facer propaganda a favor de ninguén, pero, si, temos a obriga de pedir aos nosos políticos que se respecten entre eles, que respecten aos electores propoñendo cousas xustas e que poidan cumprir.

Xa Tierno Galván, tan humanista el, desconfiaba das promesas que se facían nas campañas electorais. Pois non debería ser así. O político ten que asumir ante o pobo ao que lle pide o seu voto, as propostas que fixo.

Sexa así, pola limpeza das eleccións e pola dignidade da vida política.

Quizáis os candidatos veñan agora polas aldeas, visiten os mercados, dean bicos ós nenos, anden polas rúas, repartan agasallos pedindo o voto. Ben. Pero en toda a lexislatura esta actitude de estar en contacto co pobo, debería ser algo permanente, para así poder atender as necesidades que aparecen.

Son vocacións políticas, é dicir, xente con dotes para servir ao pobo, que busque o ben común, antes có ben persoal ou do partido para eliminar despilfarro, corrupción, clientismo.

Tamén merecen os políticos o noso respecto pola entrega a causa tan noble.

Que Deus bendiga ós nosos poíticos e ó pobo galego

miércoles, 11 de febrero de 2009

PAZ, TRABALLO E PAN PARA TODOS


Mediado o inverno, cando as árbores caducifolias están co seu esqueleto ó ar, é cando as mimosas enchen de cromatismo os nosos campos.

Por terras ourensáns hai a Festa da Mimosa. Nunha delas foi pregoeira María Victoria Fernández España.

Á comezos do outono florecen os "ramos de Santa Tareixa" uns penachos que ornamentan na Arxentina as estradas.

Para conter terreos rilleiros, costentos trouxeron esas plantas retantes que deron en chamar "unlla de gato"

Pero estas tres especies, exóticas, seica inzan de tal forma que son endémicas, malas de extinguir, disque empobrecen os campos. Asimesmo, hai peixes e animais foráneos que rompen enquilibrios ecolóxicos.

De fóra, tamén veu o castiñeiro, a camelia, o eucalipto, o millo graúdo ou maínzo, a pataca e algunhas especies máis que favoreceron á nosa terra galega. Nós, levamos trigo, cultura, ...trouxemos prata...

Por sangue, somos unha mestura de celtas, romanos, suevos, árabes, e, á última hora, tamén franceses.

Nos nosos días, coa inmigración, temos uns galegos que aportan raza e cultura doutros continentes.

Temos que saber acoller, como queremos que sexan acollidos os nosos galegos, hoxe en Europa, e antes en América.

Este cosmopolitismo danos ocasión para valorar outras culturas; tamén a nosa. E sobre todo, danos ocasión para vivir o Mandamento Novo, e séremos testemuñas da nosa condición de cristiáns que sabemos compartir alegrías e penas. O mundo é unha aldea grande.

Que haxa paz, traballo e pan para todos.

miércoles, 4 de febrero de 2009

UNHA SEMANA PARA A SOLIDARIEDADE

O día de San Brais, a todos nos vén ao pensamento aquilo de por San Brais,unha hora mais.Boa falta nos fai a ver se imos saindo do inverno.
Por iso o santo é avogado das enfermidades da gorxa.


Había que invocalo tamén para curar a gripe, que moito nos afecta os vellos.
Pan bendito, tamén por San Brais.é unha forma de levar a bendición do santo ás nosas gorxas.

Mércores: Dia mundial contra o cancro.Un mal que chega ós pulmóns, próstata, mamas... por dicir os mais habituais. Hai perspectivas favorables, sobre todo, cando se detecta a tempo.


Vernes:Día do xexún voluntario.Así empeza a Campaña contra a Fame no Mundo.Bendita iniciativa das mulleres de Mans Unidas.


A Colecta, cada ano mais asistida de doantes, será o domingo día 8.
Se pensamos que cada ano hai mais xente que pasa fame ,é para sentir unha mágoa aló no fondo da nosa conciencia.Ainda estando, como estamos, en tempos de crise, temos que acudir có noso donativo xeneroso, en favor desta campaña, que vén , cada ano nun tempo en que parece que o Entroido quere chamarnos a un consumismo que é unha afrenta a tantos pobos famentos.


Cada patera ou caiuco que chega a nós, é unha denuncia da inxustiza que hai no mundo: fame para uns, despilfarro noutros, guerras para destruir o que tanto traballo custou levantar.E así, morte, feridos, campos de refuxiados, nenos sen escolas, hospitais ateigados...


Pero terá unha maldición a humanidade?


Que lonxe estamos do Mandamento do Amor,das Obras de Misericordia...


Matinemos, pois, na responsabilidader persoal e social que temos.


FAI 50 ANOS...

Plantilla Iberia Sporting de Santiago. Temporada 1948-1949



Hoxe imos facer memoria dun feito que recordarán os mais veteranos deportistas de Bergantiños.


Isto ocurríu hai agora 50 anos.Foi o 29 de xaneiro do 1950.O Club IBERIA de Santiago,viña xogar a Carballo.Viaxaban nun autobús que, chegando ao que hoxe é Rúa Galeras perdeu o control e bateu contra un daqueles plátanos indios que había en ringleiras a cada man da estrada.Primeiro bateu contra o lado esquerdo e despois, de rebote veu contra o lado dereito.Empezou a arder o autobús.To isto mesmo diante do edificio que alí ten Fenosa.Acudiu a xente, liberaron ós que ían no autobús, pero non poideron evitar que finaran tres dos que viaxaban.


Foi unha traxedia en Santiago.Os que por alí andabamos daquela, achegámonos a ver o sucedido e estaban as albres chamuscadas, negra a codia que os cubría.
O día 30, foi o funeral en San Agustín, de Santiago. Os tres cadaleitos foron levados polos compañeiros dos xóvenes falecidos.Recibiron estes sepultura en Bonaval, o Camposanto de Santiago.


Frente a esta tristura, sinalemos tamén a caridade que espertou aquel feito. Porque algunhas mulleres, que chaman traballadoras do sexo, que había no Pombal, foron as primeiras en achegarse para auxiliar ós accidentados, mesmo con risco da vida delas.


O Sevilla, club de futbol,foi o primeiro que, desde o seu rango de Primeira División, se ofreceu para un partido en favor das víctimas.Tamén, despois, chegaron ofrezas para o mesmo, de clubes como o Xuvenil de A Coruña, o Arousa de Vilagarcía, e o Ferrol.Pero o primeiro en ofrecerse, e o de mais categoría, foi o Sevilla.Non lembramos se tales partidos se xogaron.


Sabemos, si, que entre os feridos, había un veciño de Carballo.Todos foron recuperándose.


Isto, para a pequena historia de Bergantiños.


miércoles, 21 de enero de 2009

O DIÁCONO VENCEDOR


Igrexa de San Vicencio de Niveiro (Val do Dubra),
onde celebrou a Primeira Misa (1954) D. Xosé e casaron seus pais Antonio e María (1927)



Querendo atopar algo para esta semana, que a sinale como particular neste ano novo, damos coa festa de San Vicente, diácono, mártir, tamén coñecido como Vicencio, que significa "vencedor".

Na Graña, en Cospindo; en Vimianzo; en Rial e Niveiro ( terras de Dubra) ten festa San Vicente, como patrón que é desas igrexas.

Niveiro ten a mellor igrexa de Dubra, pero un raio derrubou a súa torre. Así, estivo uns 50 anos sen torre, ata que, por 1940, foi feita a que hoxe campea, en maxestática prestancia, mirando cara o val. O mestre de obras que fixo a torre foi Casiano Pazo, pontevedrés de Cuntis afincado acó, coma outros. Este mestre de obras, acreditárase antes facendo a actual igrexa de Verdillo. Nos anos de 1950 en diante, fixo a ampliación das igrexas de Ardaña e Rial. Gañaron espacio con naves laterais apoiadas en columnas. Noutras igrexas, como a de Buño e a de Canduas, a ampliación fíxose con solucións máis atrevidas, como son os arcos que van do presbiterio deica a fachada. Permiten maior visibilidade.

Aquel mestre Casiano, moi apreciado polos párrocos daquel tempo, fixo a capela das Salgueiras, en Seavia; e tamén algunha obra na igrexa de Ser, así ccomo nas parroquias de Couso e Cabanas.

O Sr. Cura emérito de Coristanco, Don Xosé Gerpe Barreiro, chegou a contratarlle algunha obra en Freixeiro, cando el rexía aquela parroquia.

Son datos para a pequena historia de Bergantiños.

jueves, 15 de enero de 2009

SAN PAIO DE XANEIRO


Férveda de San Paio
(Entrecruces)

Estamos metidos no inverno. Deixamos atrás as festas do Nadal e Aninovo poida que nos produzan resaca, poucas gañas de volver ao traballo de acotío.

Somentes o San Paio de Xaneiro vén aledar a monotonía deste tempo.

Se imos a San Paio da Devesa ou ó de Coristanco, ou ó de Goiáns, veremos un santo ancián que convida a meditar e pregar.

Parece que aqueles monxes bieitos que coidaron a capela da Devesa, irían deica a Férveda, no río Outón, para rezar salmos ao compás que marcaban as augas baixando maxestuosas por aquel penedío.

Un regueiro branco corre pola fendedura do monte. E cada pedra, ao bater, soa unha nota para unha complexa sinfonía que remata nun calderón cando as augas estalan nas laxes que a natureza alí asentou.

No século XV os bieitos de San Martiño Pinario levantaban as bóvedas góticas que son admiración para os amantes da arte.

Nese mesmo tempo, Jorge Manrique, tras a morte do seu pai, escribía aquela elexía que, pensamos, meditarían os monxes:


"Recuerde el alma dormida,

avive el seso y despierte

contemplando

cómo se pasa la vida

cómo se viene la muerte,

tan callando..."


E ramatarían a súa profunda meditación, leigos e monxes, volvendo os ollos cara a sonoridade e perpetuidade da Féreveda para contemplar con Manrique:

"Nuestras vidas son los ríos [que van dar en la mar] que es el morir"

Moi ben por Jorge Manrique

viernes, 9 de enero de 2009

DISFRUTANDO DA XENEROSIDADE DOS REIS MAGOS


Empezamos outro ano, unha xeira máis, onde tan gratamente nos acolle esta páxina carballesa.

Están os nenos disfrutando da xenerosidade dos Reis Magos. Quizáis algún neno ou nena non merecese tanto, pero os Reis, pensando e confiando en que eses así van portarse mellor, por iso deixaron o seu agasallo.

Polo tanto, quedan todos convocados para reemprender de novo os estudos nos Colexios, a asistencia á catequese nas igrexas. Un compromiso de todos como nos piden os Reis Magos.

Os máis vellos lembramos que, na nosa nenez, viñan polas portas a cantar matines. Así chaman en Bergantiños ás panxoliñas. As dúas palabras (matines, e panxoliñas) son moi importantes para vislumbrar a orixe deste noso folklore.

Cantaban así. (Entran catro mozos, en dous coros)

"A la puerta estamos
cuatro pasajeros
se nos dan licencia


escomenzaremos.
Es descortesía
es desobediencia
ponerse a cantar
sin pedir licencia"

(Seguen máis versos)

Intercalando sempre, ao final de cada estrofa, " Buenos Reises, Buenos Reises!"
O castelán empregado tamén axuda para pescudar na orixe destas cántigas de Nadal.

Pois remato coma nos matines: "Buenos Reises!"
Deamos tamén ós nosos nenos e nenas o agasallo de coñeceren e amar ao Neno Xesús.

RECORDANDO O ANO QUE REMATOU...







Demos cabo a este ano e coma sempre facer un resumo ou balance do mesmo. Coma sempre hai luces e sombras.
Aqueles ós que lle tocou a lotaría, moi ben han de falar deste ano. Anque parece que desta vez non houbo a sorte do ano pasado.

Punto negro, moi negro, é a violencia doméstica que segue e segue, e chegou a moi preto de nós. E dá que pensar, porque poida que haxa mulleres que, á tal hora, estean aguantando moito nas súas casas por ver de manter unida a familia.


Debemos sentir dor e vergonza por algo tan triste e arrepiante. Vindo a cousas máis gratas, falemos do triunfo da selección española de fútbol, e dos nosos tenistas en Arxentina. Así, Campionato de Europa e Copa Davis viñeron para España.


Sinalemos a visita que a parroquia de Carballo fixo ao Vaticano, onde o Papa Benedicto XVI nomeou esta freguesía de San Xoán. Asimesmo, os bergantiñáns en Roma visitaron e foron gratamente recibidos polo noso embaixador. Don Paco Vázquez, como dicimos acó
.

Este ano deixa afirmada a presenza do noso laicado en parroquias nas que, polo domingo, non pode haber Misa. Celebran eles a Palabra (homilía, comunión, catequese, canto, oracións) e así animan esas comunidades. Exemplo este para outras bisbarras da nosa diocese.

Boas novas son: o sacerdocio de D. Pablo Carou Barros, quere exerceu como diácono entre nós durante un ano. E agora temos outro xoven diácono, D. Daniel Pérez Espasandín, que será sacerdote, D.M., en xullo deste ano no que entramos.


Rematemos evocando a dous compañeiros que se xubilan, pois teñen xa máis de oitenta anos. Son, D. Perfecto Santiago Carracedo, párroco de Cereo, Valenza e Verdes; e D. Xosé Xerpe Barreiro, párroco de Castro, Coristanco e San Xusto.

Chegaron á plenitude do seu esforzo e merecen un descanso, ben gañado

miércoles, 24 de diciembre de 2008

BO NADAL EN PAZ E GRAZA DE DEUS




Mañá e Noiteboa. Imaginamos as vosas casas co Nacimento posto, con sinais de que estamos a vivir uns días de fraternidade recibindo a Xesús Neno nos nosos fogares.


Sabedes e cantades todos vilancicos como o célebre “Noite de Paz” ou o “Tamborilero” ou o “Los peces en el río”. Queremos sembrar agora outros máis próximos, nacidos na nosa cultura galega.



Estes dous que vou ler son do célebre grupo que hai corenta anos cantaba en Galicia e polo mundo adiante. Neste grupo, Os Tamara, estaba o gran Pucho Boedo, como solista e había dous irmáns, os Ramo González, de Noia. Eran Prudencio (xa finado, e.p.d.) e Alberte. Os dous pasaron polo Seminario Diocesan de Santiago e foron alumnos de Don Xosé Pérez Rajoán, como estudantes de música. Alberte, ademais, foi Neno de Coro na Catedral. Os dous sobresaían polas súas aptitudes musicais. Este servidor de Vdes. chegou a coñecer aos dous irmáns.



Cantaban os Tamara:



“Os anxeliños do ceo cantan cantiguiñas meigas i os pastoriños do campo cantan cantiguiñas meigas. Cantade ben baixo, petade pouquiño para que non desperte o Noso meniño”. Tiña máis letra esta panxoliña. Pero imos coa outra:



“Mirai, mirai qué feitiña a cuna do Neno Dios, quén fora unha palliña para quentarlle o corpo ó Señor. Mirai, miraille a cariña, parece un raíño arrancado do sol. Como a noite está fresquita danlle caloriña a mula i o boi. A nai lle canta moi quedo pa ver se se dorme o Fillo de Dios, i o pai lle tapa as manciñas pois vai moito frío naquel portalón. Pastores, cantaille ao Neno pois os ánxeles fuxiron. Quén pondera coma eles adorarte, meu Meniño”




Bo Nadal en Paz e Graza de Deus.




sábado, 20 de diciembre de 2008

GRAZAS E NORABOA!

Perfecto e Xosé




Benqueridos Perfecto e Xosé
qué vai ser de nos
(estamos pensando)

cando faltedes vós?
Deixades acó amigos
ante vos quedan rendidos.

Perfecto: es a voz tonante
acorde e ben falante;
es nobre, leal, sen defecto
es compañeiro dilecto.


Ao abeiro do mar de Laxe
naceu a túa fidalguía;
aquela fermosa paisaxe
fixo boa maridaxe
coa beleza e harmonía
da maxestuosa ría,
que ti decote loubabas.

Ría senlleira, ti dicías,
de augas sonoras
mar sereno
ondas canoras.

Nas terras de Altamira,
conde rico e señor
tiveches o teu albor.

A igrexa de Valenza
por ti estaba esperando
agora é túa pertenza
por nós véxote rezando.

Nado, Xosé, en Castrís
cura foches de San Fix
o de Freixeiro
de Dubra e Xallas,
o teu curato primeiro,
e, onde queira que vaias
no teu corazón irán
San Paio e Santa Baia.

Levarás contigo
a túa sabia retranca
que foi boa palanca
para nos animar.

Tes alma forte
corpo valente
tiveches boa sorte
naceches con boa estrela.

Agora, si, Compostela,
quén poidera ir canda ti
para disfrutar nela.

Iremos aló a te ver
cando teñamos lecer.

A nosa xubilación
trae algunha bágoa
e sentida emoción
anque é bendición.

Contade Perfecto e Xosé,
que non seredes esquecidos,
pois andando os camiños
deste noso Bergantiños,
sementastes, ás veces con dor,
para todos, paz e amor,
e á Fe moitos foron nacidos
para unha Igrexa mellor.

Sit ergo pax vobis
et non deficiat nobis;
videlicet ea pax
quae in hoc Natale
a Ioanne praeconitur
ab angelis canitur
pastoribus nuntiatur;


ex Puero nascitur
a Deipara datur;
Iesus in cruce meretur
dum ipse ibi moritur.

Quiescite, iubilate, gaudete,
insuper, Dei adiuvamine
in Christo laetamini.

Coma xubilado
vello e acabado,
mellor estaría eu
sentadiño e calado.

SIN XESÚS NON HAI NADAL


Estamos ás portas do Nadal do Señor. Vén el para que lle abramos as portas da nosa persoa, da nosa familia.



Xa está posto o alumeado nas rúas. Xa estamos Baixo os requerimentos comerciais. Recibimos felicitacións con aquilo de: “Felices festas”. Palabras asépticas, neutras… tópicas, que nada falan do Nadal do Señor.



E postais con neve, árbores sen follas, ceo azul, estrelas brillantes, camelos, grandes paquetes… pero falta o Neno. Falta a motivación real da nosa alegría: Xesús quere ser noso, entrar, transformar, dar sentido á nosa vida. No medio das penas e traballos que todos pasamos todo isto que el sentiu, porque era humano e divino.



Mais, se pos o Nacemento na túa casa; se cantas un vilancico ou panxoliña; se rezas coa familia; se fas unha cea moderada, que alegre ós teus, lembrando ós que faltan, porque teñen outro Nadal mellor e definitivo; se sabes repartir alegría e compartir necesidades... daquela terás o Nadal como quere o Señor, que vén como Neno, porque así empezamos todos a vivir. Porque un neno é indixencia total, unha vida que ha de ir medrando, aprendendo, madurando. Xesús, pois, un coma nós, agás o pecado. Pero que nos fai partícipes da súa realidade divina.



Alegría, pois. Bo Nadal para todos! Preparemos os camiños do Señor para que nos atope ben dispostos. Sexamos acolledores para el e para tanto próximo necesitado.

viernes, 12 de diciembre de 2008

NOVOS OLLOS PARA TODA A VIDA


Santa Lucía

Antes de que cheguen as preparacións e présas do Nadal, temos ante nós dúas festas propias destes días.

Santa Lucía, o día 13. Todos somos devotos dela porque a vista, o sentido máis nobre dos que temos, padece moito polo trafego do noso mundo e mesmo pola idade. Así temos cataratas, vista cansada, ademais da miopía e o estrabismo.

Santa Lucía pertence ó século IV, martirizada a comezos do século, en Siracusa. Polo tanto, devoción moi popular en Italia, as súas reliquias amósanse en Venecia.

Coa liturxia romana, extendeuse a súa festa a milleiros de parroquias. Así, entre nós: Carballo, Oza, Erbecedo, Rus, Artes, Vilela e moitas máis.

Hai algúns anos había este slogan: "Novos ollos para toda a vida!" querendo chamarnos á ben coidar a vista. Hoxe, os nosos ollos teñen moitos máis perigos que antano. Pantallas grandes e pequenas; lunas deslumbrantes ou insuficientes; lunas ferintes nos lugares de diversión.

Tamén o noso mundo aporta remedios: Trasplantes de córnea; os avances da mediciña para que as ondas lumínicas poidan chegar ao cerebro dos invidentes.
Redimos tributo de admiración á ONCE, que ese día está de festa. Tamén felicitamos ás moitas Lucías que viven entre nós.

E o día 14, San Xoán da Cruz, un carmelita español do século XVI. Hai poucos días tivemos a ledicia de saber que unha moza bergantiá, Ana Isbel López de Rus, fixo pfrofesión simple no Carmelo de A Coruña.

Outro carmelita, de familia moi cristiá, de Cores, o Fr. López Varela, pasou por aquí dando testimonio da vida que se vive nos conventos carmelitas, que, ademais da oración, seguen pendentes e colaboran na evanxelización.

Mencionemos tamén aquía Santa Maravillas, carmelita, nacida no que hoe é o Congreso dos Deputados. Canonizada por Xoán Paulo II. Fundou un convento no mesmo Cerro dos Ánxeles.

Rematemos cuns versos místicos de San Xan da Cruz. Fala el da intimidade con Cristo, e di:

"Quedeme y olvideme
el rostro recliné sobre el Amado,
cesó todo y dejeme
dejando mi cuidado
entre las azucenas olvidado"

jueves, 4 de diciembre de 2008

SEDE SANTOS PORQUE EU SON SANTO


Quiroga Palacios, Cardeal-Arcebispo de Santiago.
Cuadro que se encontra no Instituto Teolóxico Compostelán


Nestes primeiros días do mes de Nadal, cúmprense 37 anos do pasamento do inesquencible cardeal Quiroga Palacios.

Para os que somos testemuñas do seu servizo á diocese, a súa memoria segue viva en nós.
Quiroga veu para Santiago con 49 anos de idade, en plena vitalidade. Era o arcebispo máis xoven de España- Foi tal a sú entrega sacerdotal, que todos viamos como aquela fortaleza física ía esmorecendo. Cando fixo a apertura da Porta Santa do ano 1971, apoiábase no báculo para non caer.

Quiroga Palacios sentía unha inmensa e intesna paixón polas cousas da Igrexa. Por iso, algunha vez, tiña uns instantes explosivos, que el recollía deseguida, porque había nel unha virtude feita de dominio de sí mesmo, baixo a gracia de Deus.

Quiroga era coma unha forza sacramental. Enchía el só a Catedral, paraba bendicindo e erguía os ánimos dos que estabamos derrumbados en calquera curruncho da Basílica.

Tiña paciencia, sufría, perdoaba, comprendía. Pensamos que pasaría noites enteiras sen durmir. Era galego listo, que entendía os recursos da nosa retranca. En Quiroga tiñamos a eficacia de Xelmírez, a prestancia de Payá, a magnificencia de Monroi, a grandeza do arcebispo Raxoi, a galeguidade de Lago González.

Os seus restos mortais están preto do Pórtico da Gloria, aproveitando o estradós do arco que fixo o Mestre Mateo para soster a súa admirada obra.

Quiroga debería de ser canonizado. Mentres esa hora non chega, pensamos que xa está no mesmo conxunto do Pórtico. Na gloria, cos Apóstolos e cos Profetas.

Aquela fe con que Quiroga vivía ás ordenacións sacerdotais, parece que traspasa a landa sepulcral que protexe os seus restos. Mágoa nos dá ver que inconscientes turistas trepen aquel santo lugar. Nestes días, alí haberá ramos de flores. Desde aquí, poñemos a nosa rosa encendida de amor ao gran cardeal Quiroga Palacios.

jueves, 27 de noviembre de 2008

A especial veneración da Milagrosa


O 27 vindeiro é a festividade da Virxe Milagrosa. De especial veneración en tres igrexas de Carballo e cunha celebración, no mes de setembro, que nos deixa admirados a todos.


Nesta hora queremos referirnos ao Colexio da Milagrosa, que leva 52 anos en Carballo, facendo moito ben en toda a bisbarra bergantiñá, e lonxe dela tamén.


No centro da Vila, preto de onde había un castro, alí está o Colexio, por onde pasaron moitas relixiosas, desde a Fundadora, sor María Carracedo Viña, que son recordadas polas familias bergantiñás agradecidas aos coidados e formación recibidas pola xuventude e nenos que alí viviron.


Hoxe, naquel Colexio, hai doce Fillas da Caridade, que seguindo o exemplo e normas de San Vicente de Paúl, exercen a caridade con cantos poidan precisar da súa xenerosa axuda.


Unha nova Directora, sor Celia, leva a xestións do Centro. Hai poucas semanas, a Directora anterior, sor Alicia, recibiu un novo destino, e agora está en Lugo atendendo a discapacitados. Misión que sor Alicia acolleu con total dispoñibilidade.


Non podemos deixar sen nomear a venerables Fillas da Caridade que todo Carballo coñece. Son: sor Matilde, que foi catequista mentres puido, e tamén xa cando non podía moito. Un exemplo de caridade ben manifesto. Sor María, que agora está en cadeira de rodas, e prestou grandes servizos á vida da Casa. Asiste devotamente á Misa.


Se as Fillas da Caridade ten que ser amor tanxible, efectivo, para todos, salientemos o agarimo, tenrura, con que son coidadas polas compañeiras estes dous exemplos de Caridade, como son sor Matilde e sor María. Que por moitos anos a Virxe Milagrosa siga protexendo a esta comunidade de Carballo.

jueves, 20 de noviembre de 2008

O RETORNO DO CANTO GREGORIANO...

Coral de Bergantiños


Estamos ás portas da festa de Santa Cecilia, ou Cecía, como se di no galego oral en moitas partes de Galicia.

Temos moitas corais polas terras de Bergantiños que, se todo o ano ensaian, agora están preparando os concertos cos que van homenaxear á Santa, e regalarnos a todos nós con obras polifónicas do acervo cultural galego (Pascual Veiga, Montes, ...) e tamén competicións relixiosas. Estas nosas corais escoitámolas moitas veces solemnizando o culto relixioso. Agradecémosllo e felicitámolas polo seu labor.

Merecen especial mencións os directores e directoras destas corais. Todos son moi competentes, pero que saben conxuntar voces que teñen que educar para entregalas no grupo. A formación musical foi unificante en tempos pasados. Outras consideracións son:

- A nosa mocidade escoita música en salas, coches, na rúa... pero canta pouco.
Unha expresión musical tan característica como eran as rega pode perderse se as novas xeracións non acollen esta arte.
- A xente maior debe sumarse ao canto litúrxico, como oración comunitaria, loubanza, manifestación da Fe.
- Os vellos nostálxicos pedímoslle a Santa Cecía que haxa un retorno do canto gregoriano tan sequera en particulares intres nos que todos, galegos, españois, estranxeiros, poidamos unirnos. Hai uns mínimos aos que todos podemos chegar: María, Credo, Te Deum, Salve Regina, Veni Creator, Pange Lingua... que temos na memoria non deberían esquecer xamais, como Cantemos al Amor, Salve Madre, por exemplo, tratándose de melodías en castelán. Que Santa Cecía nos axude.

jueves, 13 de noviembre de 2008

POR SAN MARTIÑO...


Hoxe é o día grande do mes de San Martiño.
Nalgúns sitios hoxe avillan os pipotes para probar o viño novo. “Por San Martiño, proba o teu viño”. Castañas dos nosos castiñeiros para os magostos que tan tradicionais son.


O castiñeiro dá unha sombra “moi regalada de verán” canta aquela cantiga.
O castiñeiro é a nosa caoba, dá nome a moitos lugares, a moitos soutos, que, coas carballeiras, forman as típicas arboredas de Galicia.


Por iso mesmo, hai tantos apelidos “Castiñeiras”, “Castaño , Carballo...”
San Martiño, ademais, ten feira aló en Calo - Teo, onde se venden mulas galegas que levaban tratantes casteláns para laborar as súas terras.


San Martiño é o comezo da matanza en Galicia. Comezo tamén tradicional para o ano agrícola. Pensemos agora no santo. Militar, cabaleiro, catecúmeno, cristián, bispo... exemplo de servizo pastoral e de caridade cristiá.


Velaí as imaxes de Cances e Razo. En Cances, o santo comparte a súa capa co pobre que vai espido. En Razo, é un bispo que bendice a todos os fregueses que entran naquela igrexa.


Xa sei que estas imaxes non son exclusivas, pero cómpre salientalas, ao mesmo tempo que felicitamos a estas parroquias.

jueves, 6 de noviembre de 2008

INTERÉSANOS MOITO O QUE PASA NOS ESTADOS UNIDOS

Obama

No primeiro martes,seguinte ao primeiro luns, son, cada catro anos, as eleccións para a presidencia dos EE. UU. De América do Norte. oma noutros paises con democracia recoñecida e asentada. Son dous os grandes partidos que loitan pola presidencia. Loita que se concreta en dous candidatos, despois de moitas probas e seleccións.


Intererésanos moito a todos o que pase nos Estados Unidos. Se nese país loitaran de verdade contra o cambio climático; se repartiran cos países pobres algo do seu presuposto para armamento; se non se meteran na guerra de Irak... etc... etc... teríamos un mundo mellor. Se a gran riqueza que se produce neste país, estivera mellor repartida alí mesmo; se o afán capitalista polas ganancias estivera humanizado; se houbera control de armas en mans de particulares... sería un país máis xusto, sen deixar de ser un país grande, admirable. Porque é un país multicultural, que vai deixando atrás a segregación de razas de color; porque alí houbo un Lutero King que foi un home pacificador, como, noutro ambiente foi Gandhi na India.


Non somos alleos ao que pase nos Estados Unidos. A crise que padecemos poida que leve á nosa Europa a un protagonismo mundial que aporte fraternidade entre os pobos. É o que se debuxa no horizonte. Pois, como cantamos “que veña a paz á nosa terra”.

jueves, 30 de octubre de 2008

DÉIXAME ENTERRAR OS MEUS MORTOS

No decorrer do ano, temos ante nós dous días que a ninguén van deixar indiferente.
Santos e defuntos. Dous días para vivir lembrando a aqueles que van todo o ano no noso corazón. Oración, agradecemento, sentimento e convencemento da brevidade da vida; reflexión. Percibimos algo daquilo que anunciaba Tertuliano: “a nosa alma é naturalmente cristiá”.
Qué sentido tería a vida se os amores, as esperanzas aquí creadas non tiveran o seu cumprimento. A pesares do misterio do mal, Deus ten un espazo o máis profundo do noso ser. E nos días de Santos e Defuntos, esa intimidade de Deus, manifestámola de moitas maneiras. Faise tanxible, visible, confortadora, en tantas visitas aos camposantos; en tantas flores e oracións; quizais en tantos diálogos con eles, os nosos alí sepultados; mesmo en silandeiras meditacións, ou bágoas no corazón ou nas meixelas.

Todo isto, anuncia a Resurrección, que en Cristo xa se produciu, e tamén en esperanza, para todos nós. Tanto os que aínda imos de camiño, como aqueles que xa cumpriron a súa peregrinaxe.Descansan na Paz de Deus,. E un día, para algúns xa moi preto, todos nos reencontraremos no seo de Deus Pai.

viernes, 24 de octubre de 2008

ENCOMENDAMONOS A SALOMÉ, NAI DO APÓSTOLO SANTIAGO

Igrexa de Santa María Salomé (Santiago de Compostela)




Neste curso, de tantas lembranzas paulinas, non esquezamos ao noso Apóstolo Santiago, que en Galicia temos por ser o noso primeiro evanxelizador. Sendo asíl resulta que España tivo a dita de ter dous apóstolos como primeiros misioneiros da mensaxe de Xesucristo. Son: Paulo polo oriente e Santiago polo occidente da Península Ibérica.


Pois ben. O día 22 de outubro, na nosa diocese, tivemos a festividade de Santa María Salomé, nai de Santiago, o Maior, venerado en Compostela.


Foi Xelmírez, arcebispo de tantas iniciativas en favor de Galicia, que dispuxo a creación dunha igrexa adicada a Santa María Salomé. Igrexa que preside a Rúa Nova, via das máis prestixionsas de Santiago.


Conserva aquela igrexa, hoxe parroquia, o seu pórtico en fucións de tal pórtico, porque o Pórtico da Gloria, hoxe é un nártex, pois está introducido na catedral, ao estar anteposta a fachada do Obradoiro.


Ademais desa igrexa compostelá, ten Santa María Salomé unha imaxe sedente, na base dunha das columnas do arco triunfal da Catedral.


E na parroquia de Bastavales, nun retablo lateral adicado a Nosa Señora das Dores, hai unha imaxe de Santa María Salomé, de tamaño menor, que leva na man un cofre con ungüento para embalsamar o cadáver do Señor.


Van moitos recordos persoales en todo o devandito. Pois Salomé, Rúa Nova, Catedral; Compostela, nunha palabra, son fitos inesquecibles na vida dos que por alí andivemos nos anos novos do noso peregrinar polo mundo
.

viernes, 17 de octubre de 2008

COMO PABLO MISIONEIROS DE BERGANTIÑOS



O viendeiro domingo, día 19, é o Domingo Mundial da Propagcón da fe, coñecido popularmente como o DOMUND. Un día de reflexión sobre a nosa condición de profetas, apóstolos, desde o Bautismo.


Pero hai cristiáns que senten a chamada misioneira con tal viveza, que os leva a predicar o Evanxeo lonxe da súa patria.


E así temos misioneiros e comunidades cristiás noutras culturas. Hai igrexas, capelas, hospitais, ... e outras realidades ben visibles, pola entrega ao servizo do Evanxeo de tantas vocacións, polas que sentimos admiración.


Este ano temos como modelo de misioneiro ao propio San Paulo, un converso que, de perseguidor, como el di, fíxose apóstolo pola graza de Deus.


San Paulo moveuse naquel mundo de Imperio Romano fundando moitas igrexas, e tamén escribindo cartas que son hoxe, para nós, doutrina auténtica, a Mensaxe do Señor. Por iso temos tantas veces a San Paulo nas nosas misas.


Somos todos discípulos seus. Xerusalén, Chipre, a costa sur e oeste de Asia Menor (hoxe Turquía); a cosa este de Grecia; Malta, Roma… son referencia do traballo apostólico de San Paulo.


Tamén hai argumentos para defender que veu predicar a España. Tiña el propósito de vir acó como di no capítulo XV, versículo 24 da carta aos fieis de Roma. Hai en Tarragona unha capela na que se di que alí estivo San Paulo predicando a Cristo. O mar Mediterráneo, o mar Exeo viron pasar moitas veces a San Paulo nas naves do Imperio Romano nas que viaxaba para anunciar a Cristo.


Tamén padeciu naufraxios, persecucións, azoutas traicións de falsos irmáns (como el di) pero él sempre segiu adiante, ata ser encarcerado en Roma e alí decapitado. Veneramos o seu sarttego na Basílica de San Paulo. Sobrea súa Campa Lemos: “Para min a vida é Cristo” (frase do propio Apóstolo)

sábado, 11 de octubre de 2008

¿A PROTECCIÓN DA VIRXE, OU DA GARDA CIVIL?

Ofrenda de flores a la Virgen del Pilar. Zaragoza


Nos comezos do curso, en outubro, temos a festa de Nosa Señora do Pilar. Escoitaremos a xota aragonesa, cantada con torgo valentía, polos zaragozanos, que orgullosos amosan a súa identidade. Veremos moitedumes de mozos e mozas que levan ramos de flores para ir poñendo no altar da Virxe do Pilar, ergueito preto da basílica. Traxes típicos de Aragón, bailes con ritmo propio. Ogallá estea bo día.


A Virxe do Pilar é patroa de Hispanoamérica. A súa festa cae no mesmo día no que Colón chegou ao Novo Continente.


Dentro do Pilar de Zaragoza, volverán a oírse as estrofas do Himno ao Pilar, de difícil execución pero os fieis devotos cantarán con emoción aquilo de “Cantad, cantad a la Virgen del Pilar”


Tamén é a festa da Benemérita Garda Civil. Porque son firmes, cantantes, vixiantes, para ben dos cidadáns; como firme é o Pilar de Zaragoza, trono da imaxe de María.


Bo día para que recoñezamos os servizos que nos presta todo o ano a Garda Civil. Somos moi recorrentes, e moi esixentes para reclamar a súa axuda. Tempos heroicos estes para a Benemérita. O terrorismo, a delicuencia común, o mundo das drogas e outras dependencias, fan que a Garda Civil estea vixiante todas as horas do día.


Por terra, mar e aire; a pé, en coche ou furgón; en motocicleta ou da cabalo... aí temos sempre a Garda Civil.


Agradecemos o seu traballo. Pedimos a protección de Nosa Señora sobre estes homes e mulleres que nos defenden. Tantas veces, á costa das súas vidas. Honor, pois, para viúvas e fillos orfos. Recoñecemento para un Corpo que tanto axuda preta ao benestar da sociedade.

jueves, 2 de octubre de 2008

S. Xerome

DeLaTour "San Jeronimo Leyendo" 1593-1652

Aló vai septembro, cas vacacións de verán. Rematamos o mes coa festa de San Xerónimo, o patrón dos estudos bíblicos, tamén coñecido como S. Xerome.
Este santo nacera na Croacia actual, viviu entre os séculos IV e V. Como era tan sabido en lingus clásicas, o papa San Dámaso, español, encargoulle a traducción de Biblia, do grego, ao latín.



Xerónimo foi a Terra Santa, para mellor coñecer o ambiente no que vivira Xesús noso Señor. E fixo unha traducción que foi tida na Igrexa como traducción oficial. Foi chamada a Biblia Vulgata, porque moito se divulgou entre os cristiáns. E alá o Concilio Vaticano II foi a versión bíblica que manexamos nos Seminarios e Centros relixiosos.



Agora dispoñemos de traduccións renovadas, feitas sobre o mesmo texto hebreo e o grego. Son as que lemos la liturxia da Palabra.



Como imos empezar un Curso de Axentes de Pastoral que vai ter como principal obxetivo o estudo de San Paulo, vale a pena que nos encomendemos a San Xerónimo, e, seguindo o seu exemplo, teñamos ese entusiasmo pola Biblia, que el tivo.



E sendo San Paulo o Apóstolo que tanto escribui para dar a coñecer a Cristo ós pobos de fóra da Palestina; cómpre que os sintamos discúpulos de tan bo mestre como é o Apóstolo das Xentes, Paulo de Tarso, que, de perseguidor do cristianismo, veu ser, pola súa conversión, o gran predicador da fe.


jueves, 25 de septiembre de 2008

ESTIVEN NO CÁRCERE E VIÑESTES VERME

Centro Penitenciario de Teixeiro

Este mes tan mariano, setembro, tráenos a festa de Nosa Señora da Mercede. Advocación creada por San Pedro Nolasco, catalán, co obxetivo, de redimir cautivos.

Os mercedarios emiten, ademais de votos de pobreza, castidade e obediencia, o de estaren dispostos a quedar en cautividade para así liberar a cristiáns que volverían ás súas casas, substituídos por frades mercedarios.

Un cautivo redimido por mercedario foi Don Miguel de Cervantes Saavedra. Polo tanto, o noso gran escritor é un mérito da obra mercedaria. Hoxe, estes frades, están presentes nos cárceres, colaborando na restauración dos internos para que poidan volver á sociedade como cidadáns pacíficos.

Os sistemas penitenciarios están orientados a que, o propio detido, vaia progresando na recuperación da súa personalidade. Para iso veñen os tempos que se descontan da pena imposta, se hai un bo comportamento; os permisos carcelarios, as saídas en fin de semana… para que, pouco a pouco, o que foi delincuente se volva un cidadán de proveito para sí mesmo e para a sociedade.

Certo que hai fracasos neste intento de axudar ós propios presos; hai quen non corresponde á confianza que coidaban que merecía. Pero, en conxunto, preténdese algo que está en consonancia coa dignidade humana.

Así, pois, o día da Nosa Señora da Mercede, mañá, haberá unha celebración festiva, con Misa, na que participan exemplarmente os internos que o desexen. Departirán amablemente internos e funcionarios. Recibirán todos parabéns e visitas de familiares. De Bergantiños hai internos en Teixeiro, por algunha debilidade humana. Son visitados por almas boas que, de aquí, chegan deica aló. E animan e consolan a presos e familiares.

“Estiven no cárcere e viñestes verme”. Frase de Noso Señor, que dá razón do premio que merecemos se temos esta caridade cós que foron vítimas da fraxilidade humana. Porque todos podemos caer.

sábado, 20 de septiembre de 2008

SANTA EUFEMIA



O dia 16 de septembro trae a festa de Santa Eufemia a moitas das nosas parroquias.O culto nace en Ourense, onde hai, na mesma cidade dúas parroquias que teñen a esta santa como patroa.

Ourense é a capital onde se convertiron os suevos, que eran arrianos, ao cristianismo católico.

Tamén Ourense é chamada a Minerva galega, polos sabios galeguistas que alí moraron.Lembremos a Otero Pedrayo,Cuevillas, e Risco entre máis.
En Vilouchada, ábeira do Tambre, había un mosteiro que tiña culto e reliquia de santa Eufemia. E de alí derivou o culto a moitas das nosa freguesías, como son Rus, Bértoa, Leira.

Como sempre pasa cando estamo ante un santo, ou santa , moi antigos, pero moi populares, axiña xurden lendas, estereotipos, para encher un valeiro que o pobo non quere aceptar.

Vexamos a s imaxes da santa, coa palma na man, e duas coroas nela: a da virxinidade e a do martirio.

Santa Eufemia, como Santa Mariña, ou Santa Margarida, son modelos de virtude que debemos imitar,ademais de pediremos a súa intercesión.

sábado, 13 de septiembre de 2008

RECEMOS A SALVE NO DIA DE SAN PEDRO DE MEZONZO

Parroquia San Pedro de Mezonzo na Coruña

O 10 de septembro, temos en Galicia a festa de San Pedro de Mezonzo. Abade dos Mosteiros de Mezonzo e Sobrado,tamén foi bispo de Compostela, mesmo nos anos derradeiros do século X.
Almanzor chegou a Compostela e desfixo a cidade.S.Pedro de Mezonzo consegiu que se respectase o sepulcro do Apóstolo.O noso santo ergueu de novo a cidade e compuxo aquela oración Salve Raiña,Nai de misercordia, que aprendemos a rezar de nenos, e seguimos rezando a cotío.
Disque S.Pedro de Mezonzo era natural da parroquia de Santa Baia de Curtis. Alí está de párroco, desde hai dous anos, o amigo D.Manuel García Souto, nacido acó en Bergantiños, na parroquia de Corcoesto, e que exerceu un ano, como diácono en Carballo.
Visitando a parroquia de Curtis, tamén coñecida como Teixeiro, vimos que no adro teñen unha imaxe de S.Pedro de Mezonzo.Vimos tamén que toda a quela bisbarra é un val, moi chan,verde, con moitas árbores do país.Pensei que esta puido ser a terra do noso santo, que levou nbo seu corazón toda a vida. E cando dixo que este mundo é un val de bágoas, tivo que acordarse deste val de Curtis.
Frase coñecida a de S. Pedro de Mezonzo.Esta vida é un val de bágoas, pero contamos coa axuda de Nosa Señora, Santa María, Raiña, Nai de Misericordia, que nos leva a Xesús, o froito bendito de seu seo.

viernes, 5 de septiembre de 2008

EN SEPTEMBRO: INVOQUEMOS A MARÍA NAI MILAGROSA


Xa está quí septembro.O mes da reentrada.Vainos costar a todos axustarnos a horarios concretos, apremiantes.Exames, clases.Os areais irán quedando desertos.O Sol déixanos cada día mais pronto..Manda os seus raios inclinados, temos mais sombras.Poida que tamén resfriados.
Mais septembro ten un particular carácter mariano.Bergantiños móveses, no verán, entre dous santuarios marianos de ran sona e concurrencia. O día da Asunción os devotos bergantiñáns (coma dubreses e xalleiros) corren cara Vilamaior, parroquia de montaña.


Hai moitos devotos que ofrecen misas a Nosa Señora de Vilamaior.
Agora, o día 8, que é a Natividade de Nosa Señora, Bergantiños acude a Caión, xa pola véspera.Vai, sobre todo, a mocidade e peregrinan a pé.Quendas de xente nova, cos seus caxatos ou varas na man, alegran o camiño que leva a Caión.


Este é un santuario na vila mariñeira, co mar por diante. Unha panorámica fastuosa.


Os noso xóvenes ofrecen a Santa María o noco curso, cos seus anceios de empezar e rematar ben.Pois que Nosa Señora os protexa a todos.
E no centro de Bergantiños, aquí en carballo,a Festa de Nosa Señora, a Virxe Milagrosa, no seu santuario do Campo da Feira. A moitedume congregada, está moi atenta á Misa que se celebra no exterior. A xente achégase a sombra dos edificios próximos, e segue, en pé, a celebración da Eucaristía.


Procesión, despois, sobre un alfomrado vexetal, artístico, que cada ano admiramos, pero é un secreto, que ,á tal hora, estan deseñando as mentes máis esclarecidas daquel barrio.


¡Parabéns pola obra doutros anos, e pola que veremos este ano, de igual ou máis fermosura ca dos outros anos!