martes, 4 de septiembre de 2012

Seguimos con Santa María

 

Non sei se estaremos repostos da solemne clausura do Ano Xubilar. Pero cómpre manter acceso ese amor a Nosa Señora que experimentou crecemento e profundidade na nosa vida cristiá. Encontraremos festividades marianas no calendario da igrexa que nos axudarán a revivir o amor a María e por ela, a Cristo, a Deus.

María é mediación, camiño, intercesión, modelo de fidelidade.

Velaí temos, o vindeiro sábado Nosa Señora dos Milagros de Caión. Agora con estradas amplias, seguras que, ancheadas e todo, xa resultan insuficientes para tantos devotos como alí se congregan.

Aquel santuario é moi bergantiñán, moi propio da xente moza que vai a pé, non somentes no día da romaría, senon nos da novena e mentres estea a imaxe no seu santuario.

Axuda botarse o camiño, a fermosura da natureza: verde nas terras labradías, verde escuro no monte, azul no mar, brancura nas cenefas que a auga produce ao bater na costa.

María Santísima é o cúmulo de todas as virtudes e fermosuras

miércoles, 29 de agosto de 2012

Ano Xubilar en Carballo

 

capilla_milagrosa

Estamos xa na derradeira semana. Está preparada a solemne clausura.

A pouco que teñamos observado, coido que nos decataremos de que a trascendencia que tivo esta celebración mariana, estivo moi por riba do que esperabamos.

Afluencia de devotos en particular, de familias, parroquias, comunidades relixiosas, centros de atención a discapacitados, arciprestazgos da diocese e de fóra, sacerdotes de diversas promocións, seminaristas…

Todo pasou ante os nosos ollos. A transmisión por TV da apertura do xubileo carballés, a Misa dominical por TVG, a radio local de RadioVoz, a prensa galega, revistas católicas… todo foi axuda para este ano mariano que clausuraremos o vindeiro día 2.

Houbo unha figura esencial en todo isto. Foi o labor do señor cura párroco de Carballo, o amigo D. Xosé García Gondar, a quen felicitamos cordialmente. A súa creatividade, capacidade de traballo, tiveron un reto nesta anual celebración. Pero co seu esforzo García Gondar cumpriu, e superou, canto del cabería esperar.

Pois que Deus, por María Santísima, renove a vida cristiá das nosas familias, que era a intención primordial de este xubileo

martes, 24 de julio de 2012

Festas do Apóstolo

 

Estamos ás portas da festa do Apóstolo Santiago, do Día de Galicia. Festas por acó, en Sísamo, Vilaño, Arteixo, Traba de Laxe, Carreira… e outras.

O pobo galego coñece esta véspera de Santiago como o día dos Fogos do Apóstolo.

Para moitos amantes da arte e da fachada do Obradoiro, é un día de certo temor. Polos estragos que a dinamita produciu en tan delicada fachada. Agora desde o ano pasado, non houbo a fachada clásica con dinamita e estalidos.

O profesor Filgueira Valverde coñecía a fachada do Obradoiro como unha obra de carpintería en pedra.

Nos últimos anos, aquela fachada mudéxar foi substituída por unha máis pequena, gótica. E a potencia da pólvora foi tamén reducida.

Aquela fachada era unha revisión da historia xacobea. Había argumento naqueles estalidos e asubios. Eran a loita dos cristiáns fronte ós musulmáns. Vencía o Apóstolo como en tantas batallas que hai polo sur e polo nacente de España.

A según os datos de expertos, a Torre das Campás da Catedral ofrece un desvío ou inclinación de 60 cm. É unha torre fráxil xa na mesma cimentación. A Torre do Reloxo, a máis fermosa de Europa, segundo Otero Pedrayo, ten unha desviación de 10 cm. Nesa torre centrou Fontán os seus cálculos para a célebre Carta Arqueolóxica de Galicia.

Valoremos o que temos e saibamos coidalo para novas xeracións. Como outras fixeron para que herdáramos estes tesouros.

martes, 17 de julio de 2012

Festas do Carme

 

Polo xeral, mediado este mes, empezan as celebracións das festas de Nosa Señora do Carme.

Velaí unha devoción tan coñecida en Galicia, que inzou acó porque esta nosa terra é de mariñeiros e labregos.

A do Carme é a Virxe Mariñeira. Así naceu no Monte Carmelo, á beira do Mediterráneo. Ademais a nosa ancestral cultura ten culto e devoción polos nosos difuntos, que fan ver a María como intercesora por todos eles.

A imaxe máis común das nosas parroquias é a do Carme. A súa festa non falta en ningunha. Cando hai xuntanza de imaxes de Santa María en Carballo con motivo da Semana da Familia, a imaxe máis repetida é a do Carme.

Este nome mariano foi o que levaron, e ainda levan, moitas mulleres bautizadas co nome de Carme.

Se percorremos a orla do mar galego veríamos procesións polas rías.

Se nos adentramos nos adros parroquiais, veremos a imaxe da Nosa Señora co Neno nos brazos e, os dous, Nai e Fillo, ofrecéndonos o Santo Escapulario.

É dicir, invitándonos a unha vida cristiá, exemplarizante, no falar e no vivir.

jueves, 12 de julio de 2012

Festas de San Cristovo

 

As que temos máis preto son as de Lema. Aquí, os fregueses fixeron restauración do adro parroquial e do retablo maior da igrexa, animados por don Daniel, o xoven sacerdote que habitualmente serve esta parroquia.

Ten Lema unha paisaxe que a converten nun paraíso; un clima que permite producir leituga, hortalizas, kiwis…

Pero, ademais, na súa igrexa temos ben conservado o mellor románico de Bergantiños, tanto no presbiterio como na sancristía.

Hai alí imaxe de San Cristovo que ten unha mirada que é de admiración ao Neno Xesús, mirada interrogante, profunda, que embelesa a quen se queira fixar.

Ademais, dous retablos barrocos, nos laterais, con imaxe de Cristo crucificado, e de San Xosé, que merecen unha restauración moi coidada que somentes se lle pode dar con dirección e axudas de organismos oficiais.

Diante da fachada, baixo campa de cantería, descansa o párroco don Xaquín Gómez Quintela, natural de Caión, que foi quen promoveu para Lema a construcción do retablo maior, agora restaurado. Tanto daquela, como agora, conservouse o frontal de madeira, valiosa filigrana, procedente do antigo retablo.

Don Xaquín finou no ano 1909. DEP

martes, 3 de julio de 2012

VERÁN

 

Xa estamos no esperado verán. Hai moitas formas de aproveitar este tempo tan esperado, sobre todo, por estudiantes.

- Hai quen dedica este tempo á praia. Os nosos areais van estar cheos de bañistas. Lembrade: hai bandeiras vermellas que nos avisan dos perigos das ondas nesa ocasión.

Hai cancros de pel que aumentan no verán por non poñer a protección adecuada.

Non queremos ser profetas de cousas malas, somentes avisamos.

- Hai quen prefire a montaña para facer excursións, descubrir paixases, facer fotografías para o recordo.

- Hai quen prefire a lectura dun libro que reservou para este tempo de lecer. Ou tamén pescudar, escribir un traballo sobre un tema interesante.

- Hai quen asiste a cursos, chamados de verán, que complementan os estudos reglados dos centros de ensinanza.

- Viaxar ó estranxeiro ou perocrrer Galicia, escribir poemas…

- Peregrinar a Fátima como fan moitos devotos bergantiñáns, outro mester vacacional para este mes de Xullo e ir tamén a Lourdes.

Bon verán a todos. Pasa axiña. Aproveitádeo pois.

martes, 26 de junio de 2012

CONTRA A DROGA

 

Boa semana esta para reflexionar, ainda que esteamos en festas.

Ou mesmo por iso estamos ante o Día Internacional do Tráfico de Drogas.

Publícase en Carballo, con varios patrocinios (Deputación, Concello, anunciantes) a revista Vieiro.

De distribución gratuita. Aparecen nela os estragos que as diferentes clases de droga fan entre nós. Pero ademais, danos vieiro cumprida información de médicos, terapeutas, psicólogos, expertos na cuestión, para que poidamos remontar a situación e acadar a liberación da escravitude que supón tanto estupefaciente que se reparte con facilidade por Bergantiños.

Unha ruína para a propia personalidade; ruina tamén para as familias.

Males que sobreveñen tanto na saúde como na economía e convivencia.

O primeiro domingo de Xullo está dedicado á Xornada de Responsabilidade nas Estradas. Outro mal no noso tempo son os accidentes, algúns mortais, que aporta a desmedida velocidade, a confianza, as distraccións na conducción.

E así temos tantas bágoas, cadeiras de rodas, mortes que xurden sempre todo o ano, pero quizáis máis no verán, en que Galicia é toda unha festa permanente, chea de pistas estreitas, con casas a beira das mesmas… que piden teñamos sentidiño, responsabilidade, á hora de conducir.

domingo, 24 de junio de 2012

FESTAS DE SAN XOÁN

 

Nesta semana, festa de San Xoán en Carballo e noutros sitios. O programa desta vila, no relixioso, está compost por tres celebracións tradicionais na nosa Galicia.

Diante, o primeiro día, o Patrón, San Xoán Bautista. Veredes que na procesión vai unha imaxe fermosísima, candorosa, ela soa chama pola devoción a este santo, austero, modelo para os nosos tempos de crise, pero anuncia a Cristo Liberador.

Segue a procesión do Santísimo, longa, solemne. Con tres estacións con particulares significados. Na primeira temos un tapiz floral co escudo de Carballo, coma se todo o concello quixera pedir a bendición do Señor.

Na rúa Cervantes, no ángulo en que temos referencias a galegos de pro, como son Valle Inclán e Colón, un elevado altar coroado pola imaxe do Corazón de Xesús, sedente, espera e dá acougo á custodia do Señor Sacramentado.

Unha variada foguetería rexida por ordenador, dá a despedida.

Chegará a procesión a outro altar erixido pola devoción dos veciños da Braña. Aquí é onde se desata o meirande estronicio para saudar ó Santísimo Sacramento.

No terceiro día, Carballo, mariñeiro e pescador, industrioso no eido da conserva, invoca e honra á Virxe do Carme.

Unha factoría nacida nesta vila e creacion dun carballés que buscou progreso e traballo para moitos, leva o nome de Carballo polo mundo adiante. Sobranceira é como poucas a industria da familia Calvo, no eido da conserva en todo o mundo.

Se lle vai ben, como pedimos de corazón, moitos carballeses e bergantiñáns terán pan e traballo. Como foi así ata agora.

martes, 29 de mayo de 2012

A Santísima Trinidade

 

Outra vez a celebración do próximo domigo da o tema para este breve artigo.

Domingo da Santísima Trinidade.  Deus é amor, dixonos San Xoán. Ese Amor de Deus fai que El mesmo sexa Pai, Irmán, e Acompañante noso. Un mesmo ser que ten estas realidades coñecidas pola Revelación de Xesucristo.

Esta sublime e misteriosa realidade fai que sexa o domingo vindeiro un día adicado ás almas boas que elexiron pecharse nun mosteiro, ou nun convento para adicar a súa vida á oración, a contemplación.

Oran por todos nós. Son exemplo de trascendencia da vida e do seu destino final.

Temos monxas carmelitas, clarisas, mercedarias, dominicas; así como monxes que están na Cartuja, que, ademais da súa adicación á oración, tamén traballan para poderen subsistir sen ser carga para ninguén.

Traballos de confeción, encaixes, bordados para ornamentos ou mantos das imaxes que temos nas igrexas… tamén bancos ou confesonarios que fan os monxes carpinteiros; cultivo de hortas ou granxas, como foron os cistercenses de Sobrado.

Traballos de restauración do propio mosteiro, como fixeron os monxes de Oseira. Traballo que foi galardoado por entidades europeas. Lembramos ós monxes de Silos, que editaron discos con canto gregoriano. Moi solicitado.

Velaí unha presencia sinxela, anónima, pero que rinde proveito á vida cristiá, á Igrexa e mesmo á toda a sociedade.

martes, 22 de mayo de 2012

San Cidre, patrón dos labradores

 

Temos que recordar aos nosos labregos. Somos moitos os que pertencemos a esta clase social, tan pouco valorada, e tan necesaria para que a sociedade poida sobrevivir.

Os prezos dos produtos que venden márcanos os propios intermediarios.

O labrego non pode facer folga porque ten que muxir as vacas cada día.

O labrego está na escala máis baixa da sociedade, en canto a posición económica.

O labrego para saír adiante, renovou totalmente a súa facenda. Deixou as vellas cortes e fixo grandes naves para ter moitas cabezas de gando e así acadar rendimento económico.

Tivo que deixar o tradicional sistema de cultivo, os apeiros como eran o carro, a grade, o canizo, o legón… e mercar poderosos tractores e cisternas. Inversión non fácil de ser rentable.

Hai pouco, unha gran seca non permitiu medrar a herba ou alfalfa necesarias para o inverno. Os pensos suben de prezo. Unha xeración de labregos mozos, intelixentes, con ordenador e arquivo, quere unha agricultura competitiva. Mesmo tamén ecolóxica.

A clase labradora merece maior amparo da sociedade.

martes, 15 de mayo de 2012

Pentecostés

 

O domingo de Pentecostés celebramos o remate do tempo pascual, así como o Día do Apostolado Seglar. Os Apóstoles preséntanse en Xerusalem decididos a dar testimonio de Cristo resucitado e animando ao pobo a crer nel. Iso mesmo han de facer hoxe os laicos cristiáns, sobre todo en campo específicamente propio como é o da política e o da economía. Vencendo, pois, respetos humanos como tiveron que facer os Apóstoles enviados por Xesús ao mundo.

En Xerusalem, no intre de Pentecostés, estaba María. Tamén sobre ela ven o Espírito Santo. Por iso, o luns seguinte, hai dúas romarías que acollen esa circunstancia. A festa do Espírito Santo no Santuario de Rial – Dubra, e a festa da Saleta en Silván - Erbecedo. Dúas celebracións que se complementan e os bos romeiros acuden ós dous santuarios. Este ano, o da Virxe da Saleta en Erbecedo, ofrece unha boa restauración feita polos veciños. Restauraron tellado, teito, paredes, retablo. Puxeron bancos novos. Erbecedo é unha freguesía ben unida que sabe facer moito ben cos fondos que os devotos poden ofrecer a nosa Señora.

sábado, 12 de mayo de 2012

Vodas sacerdotais

 

 

Temos que falar das Vodas de Prata, Ouro e Diamante que, como cada ano, terán lugar o vindeiro venres día 11 de maio na Catedral en solemne acto que presidirá o Sr. Arcebispo. Falamos dos sacerdotes que cumpren 25, 50 ou 60 anos de sacerdocio na nosa diocese.

Lembremos aquí a tres compañeiros que por pouco, a morte non lles deixou ter nesta vida a celebración das Vodas de Diamante. Foron os sacerdotes D. Xosé García Verdía e D. Anxel Collazo Amado que recibiron sepultura en Soandres e Reboedo respectivamente. Desta promoción era tamén D. Xoán Gándara Pérez, natural de Vimianzo, párroco de Santiago de Traba, hai poucos días falecido.

Estes sacerdotes foron ordenados polo Cardeal Quiroga (daquela aínda somentes arcebispo) no Congreso Eucarístico Internacional que houbo en Barcelona nos últimos días de maio do ano 1952. Foron ordenados daquela un grupo de 20 presbíteros. Deles queda, entre outros, un ilustre sacerdote bergantiñán, D. Manuel Gesto García, que foi organista no Seminario e na Catedral. Hoxe é un coengo xubilado que gusta de vir, con frecuencia, pola súa pequena patria que é a parroquia de Noicela.

Parabéns a todos, e que sigan favorecendo co seu servicio á nosa igrexa diocesá.

martes, 17 de abril de 2012

Día do clero nativo

 

     Varias veces no ano conmemoramos a obra misional da Igrexa.

     Temos o DOMUND o DOMINF, o Día do Misioneiro Diocesán, o Día das Misións en África ou Hispanoamérica. O domingo que vén, terceiro do tempo pascual, celebramos o Día do Clero Nativo. A Igrexa sentirase implantada nun determinado territorio cando teña establecida alí a súa xerarquía e conte con clero nativo abondo.

 

     Clero natural do país, como garante dunha boa inculturalización e aceptación do Evanxeo. Clero e relixiosos que moitas veces non son de pel branca pero teñen sentimentos profundamentes cristiáns.

 

     África estase preparando para vir evanxelizar Europa, dixo Paulo VI.

     E parece que se está cumprindo. En Madrid hai 100 sacerdotes estranxeiros. En terras de Bergantiños temos sacerdotes benqueridos: Desirée, chegado de África, e Leonel, aquí en Coristanco de procedencia colombiana.

     Parece a resposta a tantos sacerdotes do noso clero diocesán, mesmo de Santiago, que foron ou están en Bolivia, Chile, Perú ou África…

     En resumen. A Igrexa, o Evanxeo, é para todos os humanos. Como a Redención. Obra e misión é encomendada por Cristo, noso Señor.

jueves, 12 de abril de 2012

Resucitou, vive, está connosco

 

  

  Aleluia! Palabra hebrea que significa “loubade a Deus”.

     Con esta palabra como bandeira, a Igrexa anuncia a Reusrrección do Señor, que, felizmente, inclúe tamén a nosa, na hora presente e na hora definitiva cando Deus o dispoña.

     Nas nosas casas, a Semana Santa deixounos sinais e símbolos da Resurrección:

  • Ramos de oliveira. Eran os empregados na cultura latina para celebrar a vitoria dos seus xenerais e das súas lexións.
  • A vela de Xoves Santo, que tivemos na igrexa ante o Santísimo, representando a nosa adoración, no intre da institución da Eucaristía.
  • A auga bendita, da Vixilia Pascual. Lembra o noso bautismo que é inmersión en Cristo morto e resucitado. Na casa será gardada con devoción esta auga que moitas familias empregan para lustrar a casa significando e pedindo a Deus un renacemento na vida cristiá de cantos alí moren.

FELICES PASCUAS A TODOS!!!

martes, 27 de marzo de 2012

Semana Maior

 

Empeza a Semana Santa. En Carballo e noutras freguesías, quen anuncia esta semana é o Septenario da Virxe das Dolores.

Domingo de Ramos, trae alegría ás nosas rúas. Son os nenos os que acollen a Xesús, hoxe, como tamén en Xerusalén hai 20 séculos.

Ben sabemos que Semana Santa tamén é tempo de vacacións escolares. Moradores de cidades hai que aproveitan estes días para saír ao campo, esquencer os ruídos e présas da cidade.

Nese silencio interior tamén aí se pode escoitar a Mensaxe da Semana Santa.

Como é o amor de Cristo Redentor. O amor entre humanos e a nosa resposta, tanto para unha vida máis cristiá agora, como para unha esperanza na definitiva redención.

Haberá quen aproveitará para disfrutar da marabilla da arte relixiosa que gardan as nosas catedráis e parroquias.

Pois todo axuda para recoñecer o misterio do sufrimento humano e a aproximación, encarnación de Deus mesmo, na nosa indixencia, para liberarnos dela.

Que todos aproveitemos o don da Semana Santa onde queira que esteamos.

martes, 20 de marzo de 2012

Día da erradicación da discriminación social

 

O día 21, ademais de ser o Día Mundial da Poesía, tamén é o Día da Erradicación da Discriminación Racial.

Isto xa é ben pouco poético, pero, lamentablemente, actual.

Temos visto campos de fútbol xestos e asubios contra xogadores chamados de color.

Aquela discriminación que había en Estados Unidos de América, vai diminuindo despois da figura e prestixio de Luther King.

O mundo vaise globalizando. Temos entre nós moitos extranxeiros chegados de África en pateras caiúcos.

Hai que contar algo exemplar, edificante, que ocorreu na pasada Noiteboa. A parroquia de Carballo convida a cear a cantos estean solos na noite do 24 de Nadal. Hai que anotarse, sen máis. Os que se anotaron eran extranxeiros, non cristiáns, pero foron benvidos naquela cea. Porque o pediron, houbo que excluír da cea a carne de certo animal, moi querida polos galegos. Pois accedeuse ao gusto dos comensais extranxeiros.

Exemplo de convivencia, que ben quixeramos tamén se ofrecese a cristiáns que viven en países de maioría musulmana

martes, 13 de marzo de 2012

Día do Seminario

 

O día de San Xosé é tamén Día do Seminario. Foi o Concilio de Trento quen dispuxo que houbese estes centros na Igrexa para a formación de sacerdotes. Antes, por norma xeral, a formación eran os estudos de teoloxía que había nas universidades civís, case todas fundadas pola Igresxa. Por exemplo, a de Santiago, polo arcebispo Fonseca III.

Polo Seminario (palabra que deriva de semente) pasamos os sacerdotes que servimos na nosa arquidiocese. Que cada vez somos menos, e máis vellos, ben a vista está. Pero o Papa dinos que a procura e oración polas vocacións sacerdotais é labor prioritario na Igrexa.

Mentres non chegue do corazón das dioceses (como son os seminarios) ese fluxo de sacerdotes que son necesarios, bo é que teñamos escolas de seglares para que sexan os laicos os que, en ausencia de sacerdote, celebren Liturxias da Palabra, do evanxeo, nas nosas freguesías.

Desas escolas temos exemplos en varios centros da nosa diocese. Por exemplo, en Carballo. Daí saen laicos que van as parroquias cando se lles pide que presten, desinteresadamente, este servizo á Fe do noso pobo.

martes, 6 de marzo de 2012

Día da muller traballadora

 

Cada ano gaña máis popularidade a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.

O día 8 de marzo do 1908, unha fábrica de Nova Iork, 140 mulleres, traballadoras, case todas inmigrantes, morren nun incendio provocado. Protestaban polos baixos salarios e condicións infrahumanas nas que traballaban.

Ben xustificado está, pois, este Día da Muller Traballadora. Pero poderiamos engadir máis razóns para esta celebración. Así:

  • O paro feminino, hoxe, é meirande co masculino.
  • Os salarios da muller e igualdade de traballo, son máis baixos cos dos homes.
  • A violencia nos fogares onde son asasinadas mulleres que, antes, case sempre tiveron que aguantar moito.
  • Nais separadas que loitan por sobrevivir con escasas ou nulas axudas para atender ós fillos.
  • Nais que traballan na emigración e viven alonxadas do fogar.
  • Nais solteiras, abandoadas.
  • Mulleres inmigrantes que caen nas redes da prostitución.

Velaí un triste panorama para que reflexionemos sobre o cumplimento deste principio que fala da igualdade entre homes e mulleres.

martes, 28 de febrero de 2012

San Rosendo

 

O primeiro de Marzo é día de San Rosendo. Este santo do s. X é unha polifacética personalidade. Vexamos:

- De familia políticamente poderosa. Así, o rei Ordoño III nomeouno gobernador de toda Galicia.

- Foi abade do mosteiro de Portomarín, e fundou o de Celanova, onde está soterrado.

- Foi bispo de Mondoñedo e de Compostela. Algúns din que de Compostela tan só foi Administrador, pero o sabio mestre que é D. Segundo Pérez López di que a figura de Administrador non existía daquela.

- O mosteiro bergantiñán de Almerezo (A Graña, Cospindo) pasou a depender de Sobrado. E na documentación medieval deste mosteiro temos noticia das posesións que a familia de San Rosendo tiña en terras bergantiñáns.

Outra particular relación que ten Bergantiños con San Rosendo é que, na Coruña, hai unha parroquia creada polo Cardeal Quiroga que ten como patrón a San Rosendo. Este Cardeal, como bispo que fora de Mondoñedo e natural de terras ourensáns, tiña particular devoción polo santo bispo galego.

Pois ben. Párroco de San Rosendo da Coruña é un ilustre bergantiñán, D. Ramón Antelo Pena, natural de Arixón, na parroquia de Seavia. Non hai moito o señor Antelo Pena declarou a un periódico que Seavia era a terra máis fermosa que el coñecese e que Arixón e todo un paraíso que el visita frecuentemente.

Cando todo isto di D. Ramón ten que ser verdade. Moito me aleda sabelo, porque eu penso o mesmo ca el.

martes, 21 de febrero de 2012

Estamos no Entroido

 

En Martes do Entroido non hai escola, é festivo moi popular, pero teñamos unha sensata e breve reflexión.

Do Introitus, en latín sae o noso Entroido, que fonéticamente, por facilidade na dicción, chega a converterse en Antroido.

Preguntaremos. Entrada en qué e para qué? Pois para a Coresma, os corenta días de preparación para a Pascua. Toda preparación supón reflexión. Empezamos co Mércores de Cinza. Disque a ave Fénix rexurdía da súas propias cinzas, por iso ós gregos e romanos tíñana como representativa da eternidade da vida.

Deixando esta lenda que seica empezou no Exipto, a liturxia católica invítanos a unha meditación serena.

Das nosas cinzas, da borralla dos nosos pecados e maldades, podemos rexurdir a unha vida nova e mellor con Cristo Resucitado.

Velaí a nosa Coresma, o tempo de salvación que a Igrexa nos ofrece. Sintámonos convocados, cada quen, e como comunidade crente.

Hoxe, pois, entroido. A partires de mañá, a Santa Coresma